por martinho | May 8, 2019 | Autores/as, Creación, Novas, Xeral
Segue a medrar o número de actividades que se desenvolven na Casa-Museo Manuel María dentro da súa programación cultural.
A seguinte será o sábado 18 de maio, ás 20.30 hrs., e contará coa vocalista Faia Díaz (Coro Encaixe, Devacas…) e a contadora Vero Rilo (Daboapipa, Rilo&Penadique…), APATACÓN, que presentarán o espectáculo “Por unha peseta”, un traballo onde voz narrada e cantada achégase por menos de nada para encontrar canto vale unha peseta.
Historias de vida recollidas na nosa contorna e no universal que nos achegan a partes iguais ao humor, á sensibilidade e á tenrura propias da nosa xentes. “Por unha peseta” lévanos aos tempos dos nosos devanceiros, mais desde un punto de vista actual que respecta os seus saberes, tradicións, historias e retranca.
O prezo do billete é de 5 euros e pode reservarse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal
*Información: Casa-Museo Manuel María
por martinho | May 8, 2019 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Xeral
O vindeiro xoves, 16 de maio, data anterior ao DÍA DAS LETRAS GALEGAS, a partir das 19:30 horas na Librería Nube de Papel de Vilalba celebrarase a presentación do novo libro do escritor Toño Núñez, A GOTIÑA VIAXEIRA. Acto organizado conxuntamente por Culturalia GZ e Nube de Papel.
Nese acto acompañarán ao citado autor, o escritor Martiño Maseda, en representación de Culturalia GZ, e Lorena Lagüela, por Nube de Papel.
Amenizará o desenvolvemento do evento a actuación do cuarteto poético-musical Corredores de Sombras (Pilar Maseda, Carme Mato, Baruk Domínguez de Naveiras e Rosana Domínguez).
A GOTIÑA VIAXEIRA é un “conto infantil que narra as aventuras dunha gotiña de auga que, durmida un día na praia evapórase e perde ás súas compañeiras. Inclúe cd audiovisual con imaxes, narración e canción”.
*A autoría do cartel anunciador é da artista Adolfina Mesa.
por martinho | May 7, 2019 | Autores/as, Literaria, Novas, Xeral
Hoxe, 7 de maio de 2019, fanse públicos os premios do Certame de Microrrelatos organizado polo Concello de Vilalba, en colaboración con Culturalia GZ, con motivo da celebración do Día do Libro 2019.
O xurado, que estivo formado, por:
– Armando Requeixo, escritor e crítico literario.
– Mercedes Queixas Zas, profesora, escritora e secretaria xeral da AELG.
– Ánxela Gracián, escritora e tradutora.
– Martiño Maseda, poeta e administrador de Culturalia GZ (con voz e sen voto).
– Patricia Teijeiro, concelleira de Educación e Participación Cidadá (con voz e sen voto).
determinou os seguintes premios:
CATEGORÍA INFANTIL:
1º PREMIO para Nerea Villar Ferreiro polo microrrelato A historia da Pravia, “pola capacidade imaxinativa e forza simbólica”.
2º PREMIO para África Montenegro Leal polo microrrelato O paraugas máxico, “polo sorprendente tecido marabilloso e as referencias literarias”.
3º PREMIO para María Otero Díaz polo micorrelato Un ancián feliz, “pola emotiva mensaxe e a calidade poética da prosa”.
CATEGORÍA XUVENIL:
1º PREMIO para Mariña Maceiras Segovia polo microrrelato Perspectiva, “pola mostra sensible á problemática migratoria e intelixente xogo de contrastes”.
2º PREMIO para Nee Barros Fernández polo microrrelato Relax-acción, “polo argumento de indubidable tensión climática con final brutal e abraiante”.
3º PREMIO para Sandra Rodríguez Macía polo micorrelato A pantasma, “pola inesperada resolución e hábil inserción de elementos fantásticos”.
CATEGORÍA ADULTOS:
1º PREMIO para Patricia Torrado Queiruga polo microrrelato Da estirpe ágrafa, “pola poderosa evocación da estirpe familiar dende o herdo das mulleres e aposta pola cultura alén da letra impresa”.
2º PREMIO para Raquel Fernández Fernández polo microrrelato Silencio, “por ser unha historia de final insospeitado que fai converxer, luminosamente, o mundo do pictórico e o literario”.
3º PREMIO para Beatriz López Dorado polo micorrelato Polo recheo ao forno, “pola posta en valor do calado e esencial labor das mulleres no eido do lar cunha escrita de forte pegada lírica”.
O xurado salientou a alta participación en canto ao número de orixinais presentados, así como a boa calidade narrativa dos mesmos, en liñas xerais.
Moitos parabéns a todos/as!
A entrega de premios será o venres día 10 de maio de 2019 ás 20: 00 horas na Casa da Cultura de Vilalba.
por martinho | May 6, 2019 | Autores/as, Novas, Xeral
Como todos os anos desde Castiñeiro Milenario queremos darlle a benvida á Primavera, do xeito que merece e como nos presta: organizando unha nova edición da Foliada de Primavera.
Comezaremos pola tarde, a partir
das seis facendo un pequeno paseo para apañar flores e fentos e xestas e facer un maio ben
bonito e grande. Dirixidos polas sabias indicacións da mestra da Primavera, Branca Villares
faremos un maio, probaremos a facer algún “maio vivo” e cantaremos unhas pezas
ao redor del, nenos, nenas e maiores todas xuntas para dar a benvida á
primavera. Un chocolate quentiño daranos forzas para seguir ata que a Foliada
chegue.
Despois haberá uns petiscos para
empezar unha nova edición da Foliada
de Primavera. A partir das oito e media, comezará a festa con
dous grupos, desde Outeiro de Rei con sangue e forzas propias da mocidade virá Filseira, con moitas
gañas de cantar e bailar, e para rematar, desde Lugo, a Asociación Arrincadeira. Despois,
foliada aberta ata que os corpos aguanten.
AC
Castiñeiro Milenario
Pacios, 85 27373 Begonte
http://castinheiromilenario.wordpress.com
https://gl-es.facebook.com/castineiro.milenario
https://twitter.com/CastinheiroMile
https://www.flickr.com/photos/castinheiromilenario/
http://festival27373.wordpress.com/
por martinho | May 6, 2019 | Autores/as, Literaria, Novas, Xeral
Este xoves día 9 de maio, ás 20:00h no salón de actos “Terra Chá” do Parador de Turismo de Vilalba celebrarase a presentación do libro “Cartafol de Miraxes”, de Aleixandre Lago Barcala, gañador do XLIV Certame Literario de Poesía do Concello de Vilalba.
Participarán no acto, ademais do propio autor do libro, Xulio Xiz, secretario do xurado do Certame Literario, Henrique Alvarellos, director de Alvarellos Editora, e Agustín Baamonde, alcalde de Vilalba.
E haberá o acompañamento musical do grupo Corredores de Sombra.
*Información facilitada desde a área de Cultura do Concello de Vilalba.
por martinho | Abr 29, 2019 | Autores/as, Novas, Xeral
O pasado 25 de abril tivo lugar na Junta de Freguesia de Silvalde (Portugal) a inauguración da Exposición de Pintura Luso-Galaica ARTE EM LIBERDADE, das artistas Adolfina Mesa e Ester de Sousa e Sá. A data, na que se produciu a inauguración, serviu, asemade, para conmemorar, de xeito artístico e fraternal, o 45º aniversario da revolução dos cravos en Portugal, que trouxera a caída da ditadura de Salazar.
Durante a presentación do evento expositivo sucedéronse, ademais das intervencións das personalidades e as artistas participantes, intervencións poéticas, coma as de Martiño Maseda, Carlos Abeledo, Vítor Gulías, Jose Sá, etc., e musicais, con intérpretes salientables coma Andrés Fernández Rodríguez.
Dita Exposición permanecerá aberta ata o vindeiro 9 de maio.