As estreas en Galicia dos novos espectáculos de Leo Bassi, Titzina Teatro e David Espinosa, e o arranque da nova edición do Certame Metro Cadrado, pratos fortes no ecuador do FIOT31
O auditorio do Pazo da Cultura acolle esta fin de semana, no marco do Programa de Sala, as primeiras funcións en teatros galegos de ‘Búho’ (sábado 15) e ’70 años: Leo Bassi’ (domingo 16); ambas compañías participarán na ‘Escola do espectador nas ondas’, que guiará Daniel Galindo.
Comeza a sexta edición do Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado con catro funcións, en horario de mañá e tarde, das creacións ‘Menú-do día’, do Colectivo #ChamizoBelloVila, e ‘Cinecleta, cinema doméstico a pedais’ de Sr. Lili.
O Teatro de Rúa despídese este venres 14 coas ‘Malabarabilidades’ con, Fran Boza; mentres que o ciclo OTNI acolle a estrea en Galicia de ‘Conferencia espectacular,’ de David Espinosa.
Unha ‘regueifa’ entre creadores dixitais que se unen por vez primeira nun escenario será a cita nocturna desta fin de semana da Rúa dos Contos: o coñecido Pablo Meixe e o bergantiñán Adrián do Regenco actuarán no Mercado municipal o sábado 15 a partir das 23.00 horas.
O FIOT en ruta pecha o seu programa o mércores 12 con ‘Esas cousas marabillosas’, a adaptación da obra de Duncan Macmillan que presentará Empatía Teatro no Centro Social de Ardaña.
O Festival Internacional Outono de Teatro prepara a súa terceira fin de semana de programación ateigada de humor, creación emerxente e ‘VocesFIOT’ de marcado carácter. As estreas en Galicia de ‘Búho’, de Titzina Teatro, e ’70 años: Leo Bassi’, do mítico clown italiano, centran a programación do Programa de Sala e da Escola do espectador nas ondas; mais non serán os únicos pratos fortes da fin de semana: este sábado 15 comeza a sexta edición do Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado. Ademais, os humoristas Pablo Meixe e Adrián do Regenco serán protagonistas dunha noite da Rúa dos Contos no Mercado municipal. O programa completarase coa última función do Teatro de Rúa na praza do Concello da man do malabarista Fran Boza e unha segunda cita co ciclo OTNI, que acollerá a estrea galega de ‘Conferencia espectacular’, de David Espinosa.
As VocesFIOT falarán alto e claro esta fin de semana en Carballo. No ecuador do certame chega aestrea en Galicia de ‘Búho’, da compañía catalá Titzina, unha das máis destacadas do teatro contemporáneo en España grazas as súas propostas afinadas, fondas e poéticas. Titzina Teatro crea as súas obras a partir dun longo traballo de investigación antropolóxica, de entrevistas e convivencias, explorando con gran sensibilidade as relacións e os conflitos cotiáns, que elevan a unha dimensión cómica e tráxica. Desta quenda presenta en primicia en Galicia un espectáculo visualmente suxerente, onírico e cunha linguaxe trepidante que combina diversas artes escénicas. A través da música, da interpretación e da escenografía, ‘Búho’ constrúe un relato dirixido a todo tipo de públicos que se mergulla na busca interior da memoria do protagonista á fin de recuperar os seus recordos e a súa identidade logo de sufrir un ictus que lle provoca amnesia severa.
Outra das VocesFIOT será a de Leo Bassi, quen regresa a Carballo 25 anos despois da súa primeira actuación en Galicia e que, precisamente, tivo lugar no FIOT. Pallaso, bufón e axitador de emocións, Bassi reinvindica a risa como a raíz existencial do seu desexo de provocar. O seu instinto creativo e o seu carácter transgresor foron os que, precisamente, marcaron un fito na traxectoria do FIOT hai 25 anos. Cando aínda era un gran descoñecido para a meirande parte do público, o festival convidou ao cómico a participar na súa programación: naquela función, na que as e os asistentes saíron á rúa guiados polo artista, agromou o compromiso do FIOT coa sorpresa e a innovación. Agora volve para estrear ’70 años: Leo Bassi’, peza na que fai balance sobre os seus máis de 60 anos sobre as táboas, á vez que esixe que se respecte tanto a súa vellez como os anos de experiencias acumuladas. A través da súa memoria e do humor, descubrirá ao público do Pazo da Cultura a relevancia de volver ao humanismo e aos instintos.
Precisamente tanto Titzina coma Leo Bassi participarán na nova edición da Escola do Espectador nas ondas, que esta fin de semana celebrarase os días 15 e 16 de outubro da man do xornalista de RNE especializado en artes escénicas Daniel Galindo (presentador e director de La Sala en RNE). A conversa, que se gravará ao vivo, estará dispoñible á semana seguinte no espazo Onda FIOT da web oficial www.fiot.gal.
Comeza o Metro Cadrado
Outro dos fitos máis significativos desta fin de semana do FIOT chegará o sábado 15, pois dará comezo a sexta edición do Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, a liña de programación que promove a creación de pezas escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares de Carballo. O sábado poderanse ver ata catro funcións de dous espectáculos de breve duración: ‘Menú-do día’, do Colectivo #ChamizoBelloVila, e ‘Cinecleta, cinema doméstico a pedais’, de Sr. Lili.
O primeiro deles, que se poderá ver no Mercado municipal, pon o foco nas violencias continuadas que vive o colectivo LGTBQI+. O colectivo creado por Alberte Bello e Diego Chamizo tece unha historia que confronta odio e disidencia, escuridade e luz, tristura e aceptación. #ChamizoBelloVila busca amosar unha realidade posible capaz de romper a norma e xerar unha sociedade máis avanzada e inclusiva. Pola súa banda, Fernando Pujalte levará até o Estudio de fotografía Criss Becerra a súa singular ‘Cinecleta’, un proxecto de recuperación e exhibición de películas de cinema doméstico en formato 8mm, Super8 e 16mm. Con humor, Sr. Lili presentará nun formato didáctico e entretido algúns destes documentos cinematográficos recuperados.
Tal e como é habitual no Certame Metro Cadrado, o acceso será libre e gratuíto ata completar o número de prazas de cada función, mais recoméndase facer reserva previa a través de fiot.microteatroentrada@gmail.com, indicando o nome do espectáculo, horario no que se queira asistir, nome e apelidos das ou dos asistentes e teléfono de contacto.
Despedida do FIOT en ruta e Teatro de Rúa
A programación do FIOT desta semana comezará o mércores 12 no Centro Social de Ardaña, coa segunda e última cita do FIOT en ruta, a liña de programación que expande as artes escénicas pola comarca bergantiñá. A compañía Empatía Teatro presentará ‘Esas cousas marabillosas’, unha divertida e conmovedora comedia sobre a depresión, o suicidio e todo o que unha persoa está a disposta a facer polas persoas que quere. A cita con esta obra, unha adaptación de Avelino González a partir do fenómeno teatral mundial escrito por Duncan Macmillan, será ás 19.00 horas.
Na tarde do venres 14 chegará a quenda do rei galego dos malabares: Fran Boza. A mocidade do artista, que xirou internacionalmente con distintos circos, sorprenderá ao público carballés: humor, malabares con bolas ou mazas serán algúns dos ingredientes do espectáculo ‘Malabarabilidades’, dirixido por Fran Rei, e que pechará o ciclo Teatro de Rúa do FIOT a partir das 19.30 horas na Praza do Concello. Xa en horario nocturno, contra ás 21.00 horas, terá lugar a estrea en Galicia de ‘Conferencia espectacular’, de David Espinosa, na que o artista -con longo percorrido a nivel internacional coas súas montaxes, nas que achega a escena experimental ao público- combina a palabra con obxectos, maquetas e sombras nun parladoiro sobre o xurdimento doas novas escenas ou dos formatos teatrais máis innovadores. O XII Ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) acolle así unha divertida clase maxistral sobre a vangarda teatral, na que non faltarán referencia a creacións de Peter Brook, Fura dels Baus, Mal Pelo, Needcompany ou Els Joglars, entre outras voces singulares.
Pola noite a creación emerxente seguirá tendo especial protagonismo, coa participación na Rúa dos Contos de dúas das voces novas máis virais do momento en Galicia: os humoristas Pablo Meixe e Adrián do Regenco. Ambos presentarán os seus espectáculos ‘Quen aguanta isto?’ e ‘Así son’ no Mercado municipal, contra as 23.00 horas, nunha noite na que ambos cómicos darán boa conta do porque do seu éxito no eido virtual.
O xurado do II Certame de Caligramas “Constanza de Castro” e do II Certame de Debuxo Infantil “A túa Caldaloba” vén de escoller a obras gañadoras en ditos certames:
II Certame de Caligramas “Constanza de Castro”:
1º Premio: “Galego é o baile, o baile Galego”, de Leire Álvarez Goris (Vilagarcía de Arousa. Pontevedra)
2º Premio: “Nós“, de Suso Díaz (Mérida, Badajoz)
II Certame de Debuxo Infantil “A túa Caldaloba”:
1º Premio: “Ao carón do lume”, de Aiala Díaz Castro (Pino, Cospeito) 2º Premio: “O mundo cando era Caldaloba”, de Duarte Mariño Torrado (Porto do Son, A Coruña)
A 31ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo – FIOT entregou esta noite o seu galardón Xograr de Outono a Evaristo Calvo. O acto tivo lugar trala estrea absoluta do novo espectáculo da súa compañía Mofa e Befa, ‘Pirolíticos’.
Adxuntamos imaxes, pero atoparedes máis en alta resolución na sala de prensa do FIOT: www.fiot.gal/prensa.
Ademais desta estrea absoluta de ‘Pirolíticos’, o FIOT celebra os 30 anos de Mofa e Befa coa exposición ‘Trinta anos de Mofa e Befa’, que percorre as tres décadas de traxectoria sobre os escenarios do dúo cómico conformado por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira. A mostra poderase visitar até o 14 de novembro no Pazo da Cultura de Carballo, na Sala de Exposicións do andar -1 do recinto (fronte o auditorio), no seu horario habitual de apertura o público.
Por outra banda, nos vindeiros días estará finalizado o mural conmemorativo deste 30º aniversario de Mofa e Befa que está a realizar o artista urbano Yoseba MP, froito da colaboración entre o FIOT e o proxecto Derrubando Muros con Pintura que impulsa a Concellería de Turismo de Carballo.
Mañá sábado, a programación do #31 FIOT segué a súa marcha coa visita da compañía navarra La Caja Flotante, que presenta por primeira vez en Galicia ‘Beautiful Stranger’, unha singular proposta sobre as lembranzas que inaugura o ciclo OTNI.
Esta fin de semana continúan, tamén, as propostas da Rúa dos Contos e do FIOT en ruta. E, mañá sábado, 8 de outubro, de 13.00 a 14.00h, celebraráse a primeira sesión da ‘Escola do espectador nas ondas’ no Salón Social do Pazo da Cultura e será de acceso libre para o público. Baixo a condución do xornalista e crítico teatral Camilo Franco, abordarase a creación galega da man dos protagonistas que abren e pechan esta edición do Programa de Sala: Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira (‘Pirolíticos) e Tito Asorey e Xosé A. Touriñán (‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’). A conversa, que se gravará ao vivo, estará posteriormente dispoñible no espazo Onda FIOT da web oficial www.fiot.gal.
Camiño Escena Norte 2022 presenta ‘El secreto de Julio Verne’
Camiño Escena Norte bota o pano da súa cuarta edición coa presentación, este domingo 9, do espectáculo para público infantil e familiar ‘El secreto de Julio Verne’ da compañía asturiana Fantastique Company. A función comezará ás 18.30 no andar -1 do Museo Gaiás, da Cidade da Cultura de Galicia, e a entrada será libre e de balde ata completar a capacidade do espazo.
Posteriormente, a partir das 19.45 horas, celebrarase un encontro entre Fantastique Company e o alumnado da ESAD de Galicia, no marco da actividade paralela ‘ESADs no Camiño’, novidade na programación expandida desta cuarta edición de Camiño Escena Norte e que pretende pór en contacto ás futuras profesionais das artes escénicas con compañías en activo.
Data: 9 de outubro de 2022 Hora: 18.30 horas Lugar: Andar -1 do Museo do Gaiás na Cidade da Cultura Acto: Función de ‘El secreto de Julio Verne’. Ao finalizar celebrarase un encontro co público asistente que tamén contará coa participación de Tone Martínez e Alba Bermúdez, da compañía galega Galeatro.
Data: 9 de outubro de 2022 Hora: 19.45 horas Lugar: Museo do Gaiás na Cidade da Cultura. Acto: Encontro do alumnado da ESAD de Galicia con Fantastique Company
SINOPSE ‘EL SECRETO DE JULIO VERNE’ ‘El secreto de Julio Verne’, de Irene Santos, comeza na véspera de aninovo, no momento no que Valérie descobre que a casa que sempre foi o seu fogar se converterá nun museo, o que lles obriga, tanto ela como a súa familia, a ter que marchar. Triste e enfadada pola noticia, decide agocharse no seu lugar favorito da casa: o gabinete do seu avó, Julio Verne. Esa noite coñecerá alí a un curioso ourizo latriqueiro que lle desvelará o secreto do seu avó: este non foi só un escritor, senón un grande aventureiro que viviu todas as historias que conta nos seus libros.
O humor e a memoria fían a programación da segunda fin de semana do FIOT31
O Programa de Sala, a programación no Auditorio do Pazo da Cultura da que sairá o Premio do Público 2022, inicia este venres 7 a súa andaina coa estrea absoluta de ‘Pirolíticos’
A compañía navarra La Caja Flotante representará por primeira vez en Galicia o seu espectáculo ‘Beautiful Stranger’ no marco co ciclo OTNI, mentres que a compañía vasca Good Sex Maritxu estreará no país as súas ‘Sexperiencias en clave de humor’ na Rúa dos Contos
O venres 7 terá lugar o segundo dos espectáculos de rúa coa excéntrica ‘Carman’ de Javier Ariza; mentres que o domingo 9 celebrarase a primeira función do FIOT en ruta, a liña de programación que expande as artes escénicas pola comarca e que levará a Berrobambán ao Centro Social de Verdillo
O sábado 8 gravarase a primeira sesión da ‘Escola do espectador nas ondas’, nunha cita aberta ao público e que comezará ás 13.00 horas no Pazo da Cultura
As VocesFIOT toman de novo Carballo esta fin de semana para ofrecer coidadas propostas escénicas para os públicos e gustos máis diversos, onde non faltarán a diversión e a reflexión, dous elementos centrais da programación deste FIOT31. Así, este venres o Festival Internacional Outono de Teatro inaugura o seu esperado Programa de Sala e irrompe con humor cun marcado selo galego: Mofa e Befa presentan a estrea absoluta da súa nova creación, ‘Pirolíticos’. As risas tamén estarán presentes na Rúa dos Contos, coa estrea en Galicia de ‘SEXperiencias en clave de humor’, ou mesmo no espazo público grazas ao Teatro de Rúa, co ‘Carman’ de Javier Ariza. Ademais, o ciclo OTNI inicia a súa andaina coa visita da compañía navarra La Caja Flotante, que presenta por primeira vez en Galicia ‘Beautiful Stranger’, unha singular proposta sobre as lembranzas. E sobre a memoria tamén xirará outra das propostas máis especiais desta 31ª edición do festival: Paula Carballeira e Berrobambán protagonizan o primeiro espectáculo do FIOT en ruta coa súa proposta ‘Facer memoria’, coa que está a percorrer estes días a comarca para conversar coa veciñanza.
Mañá bota a andar o Programa de Sala, un dos eixos principais da programación de funcións do FIOT e que propón espectáculos das compañías máis destacadas do panorama escénico. Precisamente destas representacións, que decorrerán desde o venres 7 e até o luns 31 de outubro, sairá o espectáculo merecedor do Premio do Público 2022, que outorgarán cos seus votos as e os asistentes do festival. Na anterior edición do festival a obra gañadora foi ‘Cigarreiras’.
O Programa de Sala abrirase co humor de Mofa e Befa por partida dobre: o venres 7, ás 21.00 horas terá lugar a estrea absoluta de ‘Pirolíticos’ -coa entrega do premio Xograr de Outono a Evaristo Calvo ao remate- e, ao día seguinte, celebrarase unha segunda función ás 20.30 horas. A obra, unha coprodución de FIOT e Producións Teatrais Excéntricas dirixida por Clara Gayo e asinada pola propia Gayo, María Lado e Lucía Aldao, propón unha revisión feminista do impacto que o patriarcado ten sobre os propios homes.
A fin de semana no espazo público abrirase co humor de Javier Ariza e o seu ‘Carman’ no marco do ciclo Teatro de Rúa. Un excéntrico showman e un Seat 600 son os protagonistas desta comedia urbana de rúa na que o mítico vehículo cobrará vida. Música, circo, humor, obxectos e superpoderes encherán de sorrisos e ilusión a Praza do Concello a partir das 19.30 horas do venres 7.
O sábado 8 terá lugar a apertura do XII Ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado), a liña de programación na que o público atopará as voces máis singulares do FIOT. Experimentación e innovación sen límites definen a proposta máis alternativa do festival, que comezará coa estrea en Galicia de ‘Beautiful Stranger’, da compañía navarra La Caja Flotante. Trátase dunha comedia de autoficción existencial e linguaxe cinematográfica que aborda as múltiples identidades que habitan nunha soa persoa, e como a memoria é invadida, constantemente, pola imaxinación. A creación chega ao FIOT31 da man do proxecto de intercambio cultural Camiño Escena Norte, que apoia a visualización e o estabelecemento de sinerxías entre as compañías de artes escénicas de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra. Como parte do programa de actividades, após a función -que comezará ás 20.45 horas no Salón de Actos do Pazo da Cultura- celebrarase un encontro co público asistente, no que tamén participará Sonsoles Cordón, da compañía galega Olivas Negras.
Xa en horario nocturno, no marco da Rúa dos Contos, chegará a quenda doutra das estreas en Galicia que ofrecerá o FIOT31: ‘SEXperiencias en clave de humor’, da compañía vasca Good Sex Maritxu.Tres mulleres (interpretadas por Susana Soleto, Itxaso Kintana e Gurutze Beitia) recrearán as súas experiencias e contarán ‘a primeira vez’ dunha delas nunha comedia de enredos e reaccións inesperadas. O humor e as risas están garantidas nesta adaptación que fai José Cruz Gurrutxaga a partir da obra de Yolanda García Serrano (‘Todos los hombres sois iguales’).
FIOT en ruta
Por segundo ano consecutivo o FIOT levará as artes escénicas ás parroquias da comarca co seu FIOT en ruta. O domingo 9 chegará ao Centro Social de Verdillo ‘Facer Memoria’, de Berrobambán, na que a narradora e Xograresa de Outono Paula Carballeira recupera lembranzas de Carballo. Trátase dunha experiencia participativa que se compón de tres espectáculos-encontros que Carballeira está a ter esta semana con persoas de distintas parroquias do municipio, e no que se esvaecen os límites entre o escenario e o patio de butacas, dándolles voz ás lembranzas do público. Na función final do domingo 9(19.00 horas), Berrobambán compartirá as conversas mantidas ao longo destes días e a súa particular reconstrución da historia local e lembranzas dos lugares que visitaron.
Xa pasada a fin de semana, e aproveitando a festividade do 12 de outubro, FIOT programa no Centro Social de Ardaña (19.00 horas) unha función de ‘Esas cousas marabillosas’, de Empatía teatro,unha divertida e conmovedora comedia sobre a depresión, o suicidio e todo o que unha persoa está a disposta a facer polas persoas que quere.
Arquivos sonoros no FIOT
As iniciativas sonoras terán especial protagonismo nesta segunda fin de semana do FIOT31. Por unha banda, o venres 7 o festival acollerá a emisión ao vivo do programa Diario Cultural da Radio Galega. A cita será ás 17.00 horas no Pazo da Cultura e contará coa presenza de intérpretes, dramaturgas e directoras que participarán no FIOT esta fin de semana. Ao día seguinte, ás 13.00 horas, terá lugar a primeira sesión da ‘Escola do espectador nas ondas’, iniciativa sonora en formato podcast que recupera o pioneiro proxecto de formación de públicos ‘Escola do espectador. Cada fin de semana será conducida por unha xornalista especializada en artes escénicas, á fin de facilitar ao público as claves dos distintos espectáculos que forman parte da programación a través da conversa coas compañías.
Esta primeira sesión da ‘Escola do espectador nas ondas’ celebrarase o día 8, entre as 13.00 e as 14.00 horas, no Salón Social do Pazo da Cultura e será de acceso libre para o público. Baixo a condución do xornalista e crítico teatral Camilo Franco, abordarase a creación galega da man dos protagonistas que abren e pechan esta edición do Programa de Sala: Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira(‘Pirolíticos) e Tito Asorey e Xosé A. Touriñán (‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’). A conversa, que se gravará ao vivo, estará dispoñible no espazo Onda FIOT da web oficial www.fiot.gal.