A cuarta edición da Semana do Cinema Galego, unha das citas audiovisuais da tempada máis senlleiras, vai clausurar este domingo, 19 de marzo, a súa cuarta edición con Valentina, dirixida por Chelo Loureiro e producida por Abano Producións, Sparkle Animation e El Gatoverde Producciones. A proxección da cinta, gañadora do Premio Goya á mellor longametraxe de animación no 2022, vai ser ás 11:30 h e o acceso será de balde, con entrada libre, por orde de chegada, ata completar o aforo.
Grandes e pequechos están convidados a acompañar a Valentina, unha nena con síndrome de Down, na súa aventura para facer realidade o seu soño: ser trapecista. Ademais, a presentación da película vai contar coas intervencións de Chelo Loureiro, directora, produtora e guionista; Alicia Rábade, voz de Valentina nas cancións; e Lucía Serén, dobradora de Valentina na versión en galego.
O equipo de Valentina posará para os medios mañá sábado, ás 10.30 h, no Palco da Música dos Xardíns de Méndez Núñez, e, a continuación, ás 11.00 h, no interior do Teatro Colón.
Valentina de Chelo Loureiro Valentina soña con ser trapecista, pero coida que nunca o dará logrado por ter síndrome de Down. A súa avoa -que lle ensina a xogar ao xadrez e mais unha morea de cancións- anímaa sempre a perseverar: se os vermes se dan tornado en bolboretas, nada é imposible. Nunca debemos perder a ilusión nin as gañas de aprender; olla para min -di a avoa-, eu aínda estou decidida a ser directora de orquestra algún día! Pero Valentina non está moi convencida; pensa que un verme é demasiado noxento para se converter nunha bolboreta… Como será esa metamorfose da que fala a avoa? Ao se dispor a preguntarllo, Papá e Mamá danlle unha desconcertante noticia: a Avoa marchou de viaxe. De viaxe? Sen se despedir?!
A cuarta edición da Semana do Cinema Galego, unha das citas audiovisuais da tempada máis senlleiras, proxecta este sábado as películas Live is Life e O corpo aberto. O acceso á ambas as dúas películas será de balde, con entrada libre, por orde de chegada, ata completar o aforo.
A sesión do sábado 18 estará composta por un programa dobre de longametraxes de ficción con estilos moi diferentes. De primeiro, ás 19.30 h, a cita é coa comedia Live is Life dirixida por Dani de la Torre e producida por 4 Cats Pictures, Atresmedia Cine e Frida Films. O elenco deste filme coral está integrado por Adrián Baena, Juan del Pozo, Raúl del Pozo, David Rodríguez, Javier Casellas, Toni Garrido e Marc Martínez, entre outros.
Un chisco máis tarde, ás 22.00 h, será o filme gótico O corpo aberto de Ángeles Huerta quen tome a pantalla do Colón, con Tamar Novas e María Vázquez como protagonistas. O público coruñés vai ter a oportunidade de gozar novamente en pantalla grande da gran triunfadora da última edición dos Mestre Mateo, que está producida por OlloVivo Producións, Fasten Films e Cinemate. O filme alzouse con doce galardóns dos dezaseis aos que optaba, entre eles os das categorías de longametraxe, dirección e guión así como as de mellor interpretación masculina protagonista e de reparto para Tamar Novas e Federico Pérez, respectivamente. Na presentación d’O corpo abertoparticiparán a directora Ángeles Huerta, a responsable da montaxe, Sandra Sánchez, e mais o produtor Gaspar Broullón, nun coloquio guiado polo xornalista especializado Javier Trigales
O equipo d’O corpo aberto posará para os medios mañá sábado, ás 18.30 h, no Palco da Música dos Xardíns de Méndez Núñez, e, a continuación, ás 19.00 h, no interior do Teatro Colón. A actividade comezará ás 19.30 h.
Live is Life de Dani de la Torre Verán de 1985. Como cada ano, Rodri deixa Cataluña e volve á aldea galega dos seus pais para se reencontrar cos amigos. Mais este ano é distinto para eles. Os problemas do mundo real comezan aparecer nas súas vidas ameazando con separalos.
Aferrándose á amizade que os une, os cinco amigos planean escapar a noite de San Xoán na busca dunha flor máxica que, segundo conta a lenda, medra no alto dunha montaña e pode facer os desexos realidade.
O corpo aberto de Ángeles Huerta 1909. Miguel, un mestre novo, é destinado a unha pequena vila de montaña na fronteira entre España e Portugal: Lobosandaus, unha aldea inhóspita e de tradicións ancestrais. É un home de razón, pero non pode controlar os seus desexos pasionais e, conforme se achega o inverno, sente como a escuridade se apodera de todo ao seu redor á vez que crece a súa fascinación pola enigmática Dorinda.
Nun lugar dominado pola superstición, a estraña morte dun veciño da aldea libera un espírito en busca dun corpo que lle permita seguir coa súa existencia, o que levará a Miguel a cuestionar os límites entre o mundo dos vivos e o dos mortos.
A banda máis emblemática do hip hop do país actuará no Playa Club a partir das 22:00 horas, nunha cita que contará coa colaboración de Boyanka Kostava e cuxas entradas están dispoñibles en www.enterticket.es
Dios Ke Te Crew, a banda máis emblemática do hip hop galego, actuará hoxe, sábado 18 de marzo, na Coruña. A cita. que comezará ás 22:00 horas, enmárcase na nova xira do grupo, nomeada Tremendos Anos 20, coa que o grupo celebra o seu vixésimo aniversario sobre os escenarios revisando os grandes éxitos da súa traxectoria e presentando as súas últimas creacións. O Playa Club acollerá o segundo directo da xira, nunha actuación na que tamén estará presente Boyanka Kostova, o dúo de referencia do trap galego, formado por Sibran Yiyi e O Chicho do Funko (coñecido tamén polo seu proxecto musical Ortiga). As entradas están á venda na plataforma www.enterticket.es
Dios Ke Te Crew é historia do rap en galego. Desde a súa formación no 2003, a banda conformada por Mou, Sokram, Jamas e Dj Murdock destacou polo seu enxeño, habilidade narrativa e humor próximo á actualidade. Logo da publicación de tres LP e percorrer ducias de festivais e salas de concertos por toda Europa, DKTC publicou o pasado 2022 En que ano estamos?!, un EP con cinco temas nos que os seus membros demostran por que é considerada como a banda máis mítica do hip hop do país. Entre os novos tracks, acompañados por pezas audiovisuais de Xaime Miranda, destaca un dos himnos dos últimos tempos:OG (Orixinal Galego) con Boyanka Kostova.
Este mes de marzo DKTC regresa ás salas ca xira Tremendos Anos 20, na que presenta unha potente posta en escena audiovisual: as imaxes creadas polo artista de renome internacional e precursor do Gif Art, A.L. Crego, arroupan e interactúan co contido das cancións de DKTC, aumentando de maneira exponencial ás xa de por si enérxicas actuacións que caracterizan á banda.
CONVOCATORIA – DIOS KE TE CREW NA CORUÑA
Acto: concerto na Coruña da xira ‘Tremendos Anos 20’ Data: sábado 18 de marzo Hora: 22:00 horas (21:30 horas apertura de portas) Lugar: Playa Club (Andén de Riazor s/n)
As actividades desenvolveranse ao redor do 20 de marzo e nelas participan tamén -nas cidades correspondentes- Sete Falares, Falando a Boca Chea e integrantes de NOGA, a asociación de profesionais da Narración Oral de Galicia
Unha vintena de artistas espallaranse por varias cidades e vilas do país para celebrar a arte máis antiga do mundo
A XI edición do Festival Atlántica vaise celebrar durante o verán, máis o encontro non quere deixar de festexar unha das súas citas máis emblemáticas: o Día Internacional da Narración Oral. Daquela, o 20 de marzo, unha trintena de espectáculos vaise desenvolver en múltiples puntos de Galicia grazas á colaboración cos festivais Sete Falares de Pontevedra e Falando a Boca Chea da Coruña e mais os integrantes do colectivo NOGA.
As historias en estado puro percorrerán os barrios, bibliotecas, teatros e auditorios de Santiago de Compostela, Lugo, Pontevedra, A Coruña, Vigo, Lalín, Sanxenxo, Combarro, Ordes, A Laracha, Baiona, Burela, Narón, Culleredo, Meis, Moaña, Padrón, Salcedo, Negreira, Monforte, Forcarei, Vedra, A Guarda, Carral, Carballo, Teo. Será un día de festa e tamén de reivindicación.
Nesta edición a celebración salienta polo seu carácter moi solidario, xa que @s artistas o día 20 de marzo, percorreran as aulas e salas do Hospital Clínico de Santiago, do Provincial de Pontevedra, do Salnés e Montecelo levando historias aos pacientes de todas as idades dos diferentes centros médicos.
Entre os artistas participantes figuran Vero Rilo, Atenea García, Raquel Queizás, Dani Blanco, Carlos Rebolo, Charo Pita, Ángeles Goás, Cris Collazo, Olga Abad, Celso F. Sanmartín, Ana Meilán, Ramiro Neira, Pablo Díaz, Larraitz Urruzola, Cris de Caldas, Carme Domech, Quico Cadaval, Sole Felloza, Pavís Pavós, Baobab, Migallas e Polo Correo do Vento e a Street Band de jazz.
Ademais, nesta edición o histórico narrador, mestre de narradores, escritor e director de teatro José Campanari é o autor do Manifesto, un texto que dende hoxe chegará aos centros de ensino, bibliotecas e concellos para lembrar nestes tempos de tecnoloxías e pausas inexistentes a importancia e a necesidade das historias a viva voz, o encontro cos outros ao redor dunha mesa, para celebrar a memoria, a identidade e a lingua.
A información sobre as diferentes actividades vaise difundir a través das redes sociais das entidades participantes.
Unha arte de sempre e moi viva
A narración oral é unha arte escénica de pequeno formato que está presente en todas as programacións de xeito diario en Galicia. Programacións nas que a asociación de profesionais da Narración Oral Galega (NOGA) insta a ser valorada e recoñecida coma unha arte rica creativa e sólida con capacidade de adaptación a espazos moi diferentes.
Por iso levan traballando dende os festivais e NOGA para visibilizar e poñer en valor o seu oficio poñendo a Galicia e a súa lingua no mapa universal das historias. No Día Internacional da Narración Oral conmemórase a arte de narrar de viva voz, manifestación artística tamén denominada contacontos. Celébrase cada 20 de marzo, coincidindo co equinoccio de primavera. A festividade tivo a súa orixe en Suecia no ano 1991 e, aos poucos, fóronse engadindo outros países.
A cuarta edición da Semana do Cinema Galego, a gran mostra da sétima arte do país e unha das citas audiovisuais da tempada máis senlleiras, Programa na súa cuarta xornada as películas documentais A Foreign Song e No somos nada. O acceso a ambas as dúas proxeccións será de balde, con entrada libre, por orde de chegada, ata completar o aforo.
O programa do venres 17 de marzo iniciarase coa proxección, ás 20.00 h, de A Foreign Song, peza dirixida por César Souto e producida por Matriuska. O documental, inspirado na obra e biografía do poeta modernista estadounidense Wallace Stevens, obtivo os galardóns á mellor película española e ao mellor director español do FICXixón, certame onde tivo lugar a súa estrea mundial. Tanto o seu director, César Souto, como o produtor Daniel Froiz participarán na presentación no Colón previa á proxección de A Foreign Song.
Algo máis tarde, ás 22.00h, o público poderá gozar de No somos nada, dirixida por Javier Corcuera e con produción de Gael Herrera, Miguel Paredes e Natalia de Ancos. O documental, un repaso aos corenta anos de La Polla Records, unha das bandas máis icónicas do punk nacional, tivo a súa estrea no Festival de San Sebastián e gañou o Premio do Público no In-Edit Barcelona 202. Os asistentes á proxección no Colón terán a oportunidade de departir con Gael Herrera, produtora executiva, Xaime Barreiro, produtor da película, e Manuel Viqueira, director da parte de animación.
Os equipos de A Foreign Song e No somos nada posarán para os medios mañá venres, ás 19.00 h, no Palco da Música dos Xardíns de Méndez Núñez, e, a continuación, ás 19.30 h, no interior do Teatro Colón. A actividade comezará ás 20.00 h e cada proxección estará precedida por un coloquio guiado polo xornalista especializado Javier Trigales no que participará o equipo do documental presente no Colón.
A Foreign Song de César Souto Traballou nunha compañía de seguros durante 40 anos. Todos os días erguíase ás 6 e deitábase ás 9. Nos seus días tranquilos non hai peripecias salientables, nin grandes dramas. Ninguén diría que este home de vida ordinaria e aburrida é o autor dunha das obras poéticas máis singulares do século XX. Cando se lle pediu un texto biográfico para presentar a súa obra, o poeta modernista estadounidense Wallace Stevens negouse a escribila. Cría fondamente que a poesía non era persoal e que a voz que estaba detrás dos seus poemas era en realidade a voz dun Outro.
Alguén, ao lonxe, observa as casas idénticas nos arrabaldes solitarios de Estados Unidos. Na cidade dos cartos, onte e hoxe, unha multitude camiña sen descanso. Voces sen rostro len fragmentos das cartas do poeta. Un paxaro de plumas douradas canta unha canción.
No somos nada de Javier Corcuera Tras anos de silencio, a lendaria banda vasca La Polla Records regresa aos escenarios por sorpresa. Evaristo Páramos, o seu carismático vocalista, anúnciao en rolda de prensa. Os seus milleiros de fans corren a voz e prepáranse para o acontecemento. Evaristo fai memoria desde a súa pel de punk aldeán. O seu relato enrédase con cancións, fotografías, fragmentos de animación e vellos vídeos da banda. Mil e un concertos quedan na lembranza.
A banda de rock lanza nas principais plataformas dixitais o seu 17º traballo discográfico, un álbum con doce cortes que comparan con “doce relampos de luz e cor”
Este venres 17 Ruxe Ruxe tamén estreará na súa canle de YouTube o videoclip de Crebas que, en palabras de Vituco Neira, é “a canción máis molona que fixemos nunca”
As entradas para a presentación ao vivo do LP que terá lugar o sábado 25 de marzo na Sala Capitol e na que o grupo sorprenderá ao público con máis novidades,están á venda a través da plataforma Wouticket
Este venres, 17 de marzo, ve a luz o novo traballo discográfico de Ruxe Ruxe, Unha noite no interior dunha faísca (Lobicán Records, 2023), nas principais plataformas dixitais. A banda de rock galega lanza o disco número 17 nos seus máis de 25 anos de traxectoria, cun xiro de guión e outras sorpresas. Unha noite no interior dunha faísca chega no momento máis doce do grupo, cargado de luminosidade, sen perder un ápice da súa loita como bandeira, e cunha aposta pola evolución nos seus sons e na súa voz.
No álbum Unha noite no interior dunha faísca, a voz de Ruxe Ruxe vira e da súa baixista, Xulia Fuentes, gaña protagonismo en temas como Vaia onde vaia, Onde están? ou Lévame á festa. Letras de amor e amizade fan boa mostra do ilusionante momento que vive a banda. O traballo de produción de Xurxo Pinheiro limpa de prexuízos os sons do grupo, que arrisca e aposta por novos camiños musicais nunca antes explorados. A banda non se acomoda e evita facer o que sería máis esperable: desta quenda Ruxe Ruxe soa máis aberta, aventureira e ecléctica. Vólvese máis coral, mais sen perder a súa esencia.
Para celebrar o lanzamento, este mesmo venres Ruxe Ruxe estreará na súa canle de YouTube o videoclip de Crebasque, en palabras de Vituco Neira, cantante e guitarrista, é “a canción máis molona que fixemos nunca”. Trátase dun tema moi honesto, sinxelo e directo, que fala do amor -non exclusivamente romántico- e da confianza. A canción acompáñase dun vídeo moi especial, que parte dunha idea de Ramón Díaz, co luxo e a singularidade de estar ateigado de ilustracións e animacións coa firma de Diego Pérez ‘Diebujitos’.
Tanto a publicación do disco coma do novo videoclip mañá venres será un aperitivo do que o público poderá catar ao vivo na Sala Capitol a fin de semana que vén. O sábado 25 terá lugar o concerto de presentación deste novo álbum, unha noite na que a banda sorprenderá ao público con colaboracións e novidades que se darán a coñecer na mesma cita. As entradas para están dispoñibles na plataforma Wouticket.
‘UNHA NOITE NO INTERIOR DUNHA FAÍSCA
Tal e como avanza a propia banda, “Unha noite no interior dunha faísca son doce relampos de luz e cor no medio dunha longa noite de cans, chuviosa, escura e bretemosa. Son doce voces do máis alá que che falan e barullan nun día de dor e despedida. Un alxube maldito e marabillosamente agochado naquela festa de pub e fantasía. Unha noite no interior dunha faísca somos ti máis eu, en ascuas, fascinadas e salvaxemente namoradas mentres bailamos o valse eterno da noite máis fermosa”.
Unha noite no interior dunha faísca conta con doce temas escritos por Vituco Neira nos que Ruxe Ruxe regresa ao punk californiano pero tamén explora un ska con aires de swing. A banda fala de nostalxia e de Compostela, da noite e as súas xentes, pero sempre con retrousos pegadizos e letras sarcásticas, incendiarias e reivindicativas. Así, entre os seus doce temas, atopamos cortes cunha sonoridade e estilo máis punk como Zombies e licores, Autoodio ou Viva el Rey -no que Xaco Barona canta o retrouso-, até o son máis grunge e cru deChernóbil.Por outra banda, o grupo aposta por cancións máis doces nas que emprega o ska vello, como Vaia onde vaia, que torna máis escuro e tétrico no Frankestein(que agroma a partir da lectura da tradución que Samuel Solleiro fixo da novela de Mary Shelly),ata afastarse do son habitual de Ruxe Ruxe no seu Lévame á festa.
Da lectura, neste caso dun xornal, naceu tamén Aliens en Samil,inspirada nun artigo do mesmo nome publicado por Xosé Ramón Pena no Faro de Vigo o 19 de febreiro de 2019. Temas como Onde están?, Radiactiva ou Crebas completan un tracklist no que, ademais, os de Aríns recuperan Scórpio, inspirado no texto de Ricardo Carvalho Calero e que se gravou para o disco do XXVIII festival A Mocidade coa Língua, organizado pola Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrol en maio de 2021.
Neste novo traballo da banda, producido e mesturado por Xurxo Pinheiro nos Laboratorios Soyuz, e masterizadas por Juan A. Lameiro, participaron tamén Xabier Facal (hammond), Abel Cañete (trompeta e fliscorno), Cristina Fuentes (coros en Zombies e licores, Chernóbil, Aliens en Samil e Scórpio), Natasha Gz (coros en Chernóbil e recitado en Radioactiva) e Xurxo Pinheiro (guitarra en Radioactiva, sintetizador en Aliens en Samil e coros en Autoodio e Frankestein). A produción executiva de Unha noite no interior dunha faísca é de Luneda Producións e o deseño gráfico é de ArinsPunk, mentres que María B. Domínguez foi responsable da supervisión lingüística de Unha noite no interior dunha faísca.
Ruxe Ruxe é un grupo de música galego nacido en Aríns (Santiago de Compostela) en 1996, da man de catro amigos do instituto, tres dos cales (Xan Pericán, Xaco Barona e Vituco Neira) conforman agora o núcleo veterano da banda, que hoxe en día conta con David Barbas (guitarras, coros e voces), Xulia F. Neira (baixo, coros e voces), Xaco Barona (gaita e voces), Iago J. H. (batería), Xan Pericán (saxo, coros e voces) e o propio Vituco Neira (guitarra e voz).
A súa música é rock combinada con sons tradicionais galegos, empregando ás veces instrumentos como a gaita e o saxofón, e sempre con actitude punk. Nas súas letras, en galego e de temática moi variada, predominan os textos costumistas, os de carácter social e o realismo máxico. En marzo de 2023, o grupo presenta o seu esperado novo disco, Unha noite no interior dunha faísca (Lobicán Records, 2023), cun cambio significativo no son da banda.