Camiño Escena Norte pecha unha edición “de resistencia”

Camiño Escena Norte pecha unha edición de resistencia nun ano marcado pola fonda caída das subvencións estatais 


O proxecto de intercambio de artes escénicas finaliza a súa programación de 2024 sen poder atender aos públicos de quince localidades de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra; ademais de ter que suspender o programa Cruzamentos

Camiño Escena Norte (CEN), o programa de intercambio cultural no que participan 15 compañías de danza e artes do movemento, teatro e novo circo de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, pecha a súa sexta edición. Esta, que comezou como a máis expansiva, finalizou como unha edición de resistencia debido á exclusión do proxecto das Ayudas para la acción y la promoción cultural do Ministerio de Cultura, e á diminución en máis dun 50% da axuda da convocatoria de teatro e circo do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música (INAEM). As resolucións, coñecidas cando xa arrincara a programación, obrigaron a cancelar quince funcións do Ciclo Constelacións e suspender o proxecto Cruzamentos, ademais de poñer en perigo a continuidade da Oficina CEN de Cooperación Escénica.

Camiño Escena Norte presentaba en 2024 a súa edición máis expansiva, cun incremento de sedes, estreando proxectos e extensións en máis de 60 localidades en Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra. Na edición de 2023, o proxecto foi o segundo máis valorado dos 500 presentados ás Ayudas para la acción y la promoción cultural do Ministerio de Cultura. Cando a sexta edición comezara, chegaron as resolucións provisionais tanto das mencionadas axudas como da convocatoria de teatro e circo do INAEM: o aplaudido proxecto de Camiño Escena Norte quedaba fóra da axuda ministerial e vía reducida en máis dun 50% a achega do INAEM, cun recorte global, no financiamento estatal respecto ao 2023, de 73.530,20 euros. 

Este pau económico fixo que a organización de CEN tomase varias decisións drásticas para poder continuar coa sexta edición -coa programación xa presentada e iniciada-: a cancelación de 15 funcións do Ciclo Constelacións (unha por compañía e tres por comunidade), a suspensión do proxecto Cruzamentos (no que estaban implicadas catro compañías) e a anulación da colaboración coa Asociación Te Veo de Artes Escénicas para la Infancia y la  Juventud. A situación obrigou tamén a suspender a actividade da Oficina CEN de Cooperación Escénica e pon en perigo a súa continuidade. Así, o traballo de CEN centrouse en ofrecer tanto ás compañías como aos públicos unha edición de resistencia, para non cancelar o programa como sucedeu con outros proxectos de artes escénicasdebido á forte caída nas subvencións estatais.

Os públicos de quince localidades quedaron sen poder gozar da programación CEN: en Galicia afectou as funcións programadas en Sobrado dos Monxes, Ames e Ribadeo; en Asturias canceláronse espectáculos en Soto del Barco, Vegadeo e Corvera; en Cantabria anulouse a programación de Castro Urdiales, Solares e Los Corrales de Buelna; en Euskadi, CEN non chegou ás salas de Muskiz, Zumaia e Eibar e, en Navarra, o recorte afectou ao programa en Tafalla, Villava e Azagra. Esta situación foi especialmente dolorosa para a organización, porque un dos éxitos do proxecto foi a relación  directa cos públicos: desde a primeira edición, CEN apostou porque o artístico non quedase limitado ao espazo escénico, e que compañías e espectadores dialogasen e intercambiasen experiencias posfunción. 

Ademais, a decisión ministerial danou o programa Cruzamentos, un dos piares do CEN. Nesta rede de estancias -de intercambio escénico, artístico e profesional- ían participar este ano os vascos Hika Teatroa xunto á compañía navarra Led Silhouette (no Centro Cultural Egia de Donostia), e a compañía galega Furia Sotelo en colaboración cos cántabros Babirusa Danza (na Casa Vella, Amiadoso, Ourense). Estes proxectos quedaron suspendidos, mais a organización de Camiño Escena Norte está a buscar vías de financiamento para os mesmos de cara ao ano 2025.

O recorte tamén pon en perigo a continuidade da Oficina CEN de Cooperación Escénica, un programa de consultoría e acompañamento profesional creada en 2024 cuxo obxectivo é reforzar a actividade profesional de Camiño Escena Norte, apoiando a actividade das compañías no ámbito da distribución.

Camiño Escena Norte considera que o actual sistema de subvencións no ámbito estatal, a súa falta de continuidade cos proxectos e os seus prazos de resolución e execución, fan inviable non só o crecemento, senón a propia estabilidade de iniciativas como a súa. Ao tempo, quere agradecer o compromiso co proxecto das asociacións profesionais, patrocinadores e resto de entidades financiadoras nas cinco comunidades de Camiño Escena Norte. Este 2024, o proxecto contou co apoio económico da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Gobierno del Principado de Asturias; Gobierno de Cantabria; Eusko Jaurlaritza; Arabako Foru Aldundia, Bizkaiko Foru Aldundia; Gipuzkoako Foru Aldundia; e  Nafarroako Gobernua. No ámbito institucional, colaboraron tamén a Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Lugo. Vegalsa-Eroski  mantívose como patrocinador oficial e a Fundación Camino Lebaniego (Cantabria) incorporouse ao patrocinio do proxecto. A todas estas entidades, así como ás decenas de localidades que acollen a programación, Camiño Escena Norte agradece o seu apoio real e consistente, que foi fundamental para o mantemento da programación, e non sufrir a mesma sorte que outros proxectos que se viron obrigados a cancelar a súa actividade.

As asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas promotoras de Camiño Escena Norte entran agora nun período de reflexión sobre o proxecto, aínda que o obxectivo de Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria), Eskena (Euskadi) e ESNA (Navarra) é continuar co programa. Con todo, non poden ocultar a súa frustración e tristeza pola falta de compromiso estatal cun proxecto que, desde 2019, levou o teatro, a danza e as artes do movemento e o novo circo a escenarios afastados dos circuítos habituais, ofrecendo a oportunidade de acceder á cultura a públicos de municipios sen acceso a este tipo de espectáculos. 

‘Casting Lear’, de Andrea Jiménez, gaña o Premio do Público do FIOT33

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo botou con éxito o pano da súa 33º edición o pasado 31 de outubro nun ano no que contou con preto de 12.000 asistentes ao longo das súas 56 funcións e nas máis de 20 actividades organizadas arredor das artes escénicas, cunha porcentaxe de ocupación da sala dun 93,3%

O Programa de Sala acadou unha puntuación de 4,33 sobre 5, mentres que a nota media da programación global do FIOT foi dun 4,27, cun total de 2.162 votantes rexistrados

Casting Lear, de Andrea Jiménez, Barco Pirata e Teatro de la Abadía, foi o espectáculo máis valorado polo público neste #FIOT33, cunha puntuación de 4,85 sobre 5, a moi curta distancia de IRIBARNE, de Butacazero, que obtivo a segunda posición

Respira, da Compañía Sempre Arriba, recibe o recoñecemento como mellor espectáculo no Certame Micro-escenas M2, cunha puntuación de 4,79 sobre 5, mentres que Laura Villaverde, de Artesa Cía., é galardoada co premio á mellor interpretación do certame polo espectáculo Panos de vinaghre, cunha puntuación de 4,58 sobre 5



O espectáculo Casting Lear, de Andrea Jiménez, alzouse co Premio do Público do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, na súa 33ª edición. A obra, producida por Andrea Jiménez, Barco Pirata e Teatro de La Abadía, foi a peza mellor valorada polos espectadores neste #FIOT33, cunha puntuación de 4,85 sobre 5 (unha das notas máis altas do Premio do Público na historia do FIOT). A moi curta distancia quedou IRIBARNE, de Butacazero, que obtivo o segundo lugar, cunha puntuación de 4,81 sobre 5. A porcentaxe de ocupación de sala foi dun 93,3%.

Este #FIOT33 botou o pano da súa 33º edición o pasado 31 de outubro nun ano no que contou con preto de 12.000 asistentes ao longo de cinco semanas de programación, con 37 espectáculos, 56 funcións e máis de 20 actividades de mediación e promoción das artes escénicas, das que se celebraron un total de 200 sesións. O Programa de Sala acadou unha puntuación global de 4,33 sobre 5, mentres que a nota media das diferentes liñas de programación do FIOT foi dun 4,27, cun total de 2.162 votantes rexistrados. Cabe destacar a grande acollida non só do Programa de Sala, senón tamén de outras liñas de programación como o OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado), que encheu todas as representacións.

Pola súa banda, Respira, da Compañía Sempre Arriba, recibiu o recoñecemento como mellor espectáculo no Certame Micro-escenas M2, cunha puntuación de 4,79 sobre 5 outorgada, tamén, polo público asistente, mentres que Laura Villaverde, de Artesa Cía., foi a galardoada co premio á mellor interpretación do Certame Micro-escenas M2 polo espectáculo Panos de vinaghre, cunha puntuación de 4,58 sobre 5.

Neste FIOT33, cabe destacar a alta participación e a conexión do público en todas as propostas do festival, xa fosen espectáculos, encontros e todo tipo de actividades. Pode constatarse o interese da audiencia do FIOT polas propostas máis contemporáneas e arriscadas. Este 2024, o FIOT consolidouse como unha das propostas de artes escénicas máis destacadas de Galicia e un dos eventos máis relevantes de Carballo.

Un ano máis, a Asociación Telón e Aparte, organizadora do FIOT, quere transmitir a todos os públicos un sentido agradecemento polo apoio incondicional, o cariño e a ilusión recibidos: “aos artistas e compañías que participan no festival, porque nos transmiten a súa satisfacción por formar parte dun programa de prestixio, que perciben como diferenciador pola calidade e o mimo con que en Carballo se tratan todas as súas facetas; ás institucións, polo seu respeto a un proxecto ambicioso, riguroso e honesto co ecosistema cultural; aos voluntarios e numerosos colaboradores, base na que nos sustenatamos e dos que sentimos unha entrega única, e que son os mellores embaixadores do FIOT; e aos espectadores, que nos apoian día a día, función a función e actividade a actividade, porque participan, opinan, animan, critican e, sobre todo, viven con nós a ilusión polo FIOT”.

SOBRE ‘CASTING LEAR’, ESPECTÁCULO GAÑADOR DO PREMIO DO PÚBLICO DO FIOT33

Esta versión-simulacro é unha autoficción a partir dun clásico (ou un clásico autoficcionado) que investiga os cruces entre ficción e realidade para reflexionar sobre a paternidade, o amor e o perdón, nun brillante exercicio teatral tan valente como lúdico. Unha porta aberta para pensar sobre como nos relacionamos cos nosos pais, tanto os biolóxicos como os metafóricos, mesmo o propio Shakespeare, abordando a influencia do pasado e como os que nos preceden nos constrúen.

Na adaptación contemporánea de Andrea Jiménez do Rei Lear de Shakespeare, teatro e performance mestúranse con humor e tenrura nunha proposta irreverente e innovadora, emocionante e intensa que abre un espazo de encontro con toda unha xeración de actores e homes, permitindo unha profunda reflexión sobre as relacións humanas e os roles paternos.

En Casting Lear o actor protagonista na pel do Rei Lear é unha incógnita, xa que cambia en cada unha das representacións do espectáculo, polo que o nome do intérprete -que non coñece o texto ata unhas horas antes do inicio da función- foi unha sorpresa para o público que a que acudiu ao FIOT a ver a obra, feito que supón toda unha experiencia escénica e que converteu á peza nunha das revelacións da temporada en España. 

En Carballo, Lear foi interpretado polo queridísimo Quico Cadaval, fito que provocou unha máxica conexión co público e converteu a este espectáculo contemporáneo e experimental de gran calado no éxito indiscutible do Programa de Sala, cun entusiasta patio de butacas que rompeo en aplausos e alzouse en pé en bloque nada máis rematar a función. A súa creadora, Andrea Jiménez, é un valor en alza da creación escénica actual, directora de obras para importantes institucións teatrais e galardoada con premios como o Ojo Crítico de Teatro no 2019 pola compañía Teatro en Vilo, da que é fundadora.

UNHA PANORÁMICA GLOBAL SOBRE O #FIOT33

Este outono, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, reuniu de novo en Galicia a algunhas das figuras máis imprescindibles da escena teatral contemporánea para celebrar a súa 33ª edición. Do 26 de setembro ao 31 de outubro, dramaturg@s e director@s tan celebrad@s como Daniel Veronese, Pablo Remón, José Troncoso, Esther Carrodeguas, os Premios Nacionais de Literatura Dramática Paula Carballeira e Alberto Conejero e Andrea Jiménez, ademais de intérpretes de renome como Javier Cámara, Malena Alterio, Israel Elejalde, Marta Nieto, Paula Quintas, Cándido Pazó ou Evaristo Calvo, e compañías sempre interesantes como Las Niñas de Cádiz, Berrobambán ou Teatro Kamikaze, entre moitas outras, participaron no FIOT. 

Baixo o lema ‘Agora é sempre’, a 33ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo achegou ao público textos de grandes clásicos como Shakespeare, Homero, Eurípides ou Chéjov, vistos desde o prisma contemporáneo, revisitando conflitos atemporais para propoñer unha singular viaxe que vai do presente á eternidade, do contemporáneo á tradición, do particular ao universal… do agora ao sempre. 

Deste xeito, o FIOT regresou durante cinco semanas ás táboas, rúas e espazos non convencionais de Carballo cun programa aberto a todos os públicos, formatos e sensibilidades, que concentrou 36 espectáculos, procedentes de 3 países (España, Arxentina e Cuba) e 7 comunidades autónomas españolas (Galicia, Valencia, Cataluña, Madrid, Castela e León, Andalucía e Navarra), con 8 estreas absolutas, 1 estrea en España, 6 estreas en Galicia e máis dunha trintena de actividades de mediación.

Da man do #FIOT33, este outono desfilaron por Carballo propostas como En mitad de tanto fuego, de Alberto Conejero; a versión 1 de Vania x Vania, de Teatro Kamikaze, dirixida por Pablo Remón e protagonizada por Javier Cámara, Israel Elejalde e Marta Nieto, entre outros; Los amigos de ellos dos, con Malena Alterio e David Lorente, baixo a batuta de Daniel Veronese; IRIBARNE, de ButacaZero, escrita e interpretada por Esther Carrodeguas; Las bingueras de Eurípides, das sempre interesantes Niñas de Cádiz, con dirección de José Troncoso; Casting Lear, de Andrea Jiménez; ou o desembarco en España dun dos grandes éxitos da carteleira arxentina das últimas tempadas: El brote, da Compañía Criolla.

Non faltaron á cita a prestixiosa compañía galega Berrobambán, coa Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023 Paula Carballeira, que presentaron a estrea absoluta da peza coproducida polo FIOT Mulleres que viven soas #MQVS. Entre os creadores galegos, destacaron nomes como os de Paula Quintás, tamén cunha estrea absoluta, a de Multiperspectivas#3, ou Cándido Pazó e Evaristo Calvo, entre moitas outras figuras.

UN ENCONTRO QUE NON SÓ É TEATRO

O FIOT é a cita coas artes escénicas máis prestixiosa de Galicia e un dos referentes culturais do noroeste peninsular. Cada outono reúne a máis de 10.000 persoas, durante un mes, ao redor dun programa que concentra preto de 40 espectáculos e unha trintena de actividades paralelas, da man de artistas e compañías de renome da escena española, galega e internacional. 

Figuras como Carmen Maura, Blanca Portillo, Carmen Machi, Martiño Rivas ou Xosé A. Touriñán; ademais de formacións de referencia como Els Joglar, Yllana, Kamikaze Producións, Chévere ou Voadora, entre outras moitas, desfilaron polas táboas do FIOT nas súas máis de tres décadas de historia.

O compromiso social, a aposta polas voces singulares e únicas, a calidade, a autenticidade e a apertura a xéneros e linguaxes diversas (teatro de texto, performance, teatro xestual e de obxectos, autoficción, circo, teatro documento…) conforman ano tras ano a identidade do FIOT. 

Coa vontade de achegar a Carballo as mellores propostas do circuíto escénico actual a nivel galego, nacional e internacional, o programa do festival conta con diferentes liñas de programación e, así, ademais do Programa de Sala, no FIOT alternaranse outras interesantes seccións, que apostan polos xéneros, os formatos e os públicos máis diversos. No FIOT hai narración oral na Rúa dos Contos; teatro experimental e novos creadores no OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado); circo, teatro de rúa ou teatro físico en Teatro de Rúa; obras curtas de pequeno formato en espazos non convencionais no Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, temáticas orientadas ás inquietudes adolescentes no FIOTeen, etc. 

Fiel á súa vontade de ser “o corazón do teatro en Galicia”, en paralelo á programación escénica, o FIOT desenvolve unha intensa actividade con entrevistas en formato podcast, residencias artísticas, encontros profesionais, colaboracións con outros proxectos escénicos, exposicións ou o premio Xograr de Outono, este ano outorgado a Avelino González. Na web do festival, www.fiot.gal, é posible consultar toda a información.


MÁIS INFORMACIÓN https://fiot.gal

Hugo Guezeta e Dakidarría publican por sorpresa a súa colaboración ‘Arder’


ESTE TEMA É O ÚLTIMO ADIANTO DO NOVO DISCO DE LONGA DURACIÓN DE HUGO GUEZETA, O NOSO TEMPO, QUE VERÁ A LUZ MOI PRONTO

Hugo Guezeta e Dakidarría unen forzas e publican case sen previo aviso Arder, o último sinxelo antes da publicación do álbum de Hugo, O Noso Tempo. Este sinxelo será a antesala ao anuncio do álbum, e postula a ser un dos grandes temas do mesmo.

Despois de moitas colaboración presenciais en concertos, Hugo e Dakidarría entraron de novo ao estudo para dar vida a Arder, un tema que combina á perfección o reggae tan característico tanto en Hugo como na banda de Nigrán, co rock, tan presente na carreira de Dakidarría. Por suposto, o eixe da colaboración xira arredor das reivindicacións sociais tan intrínsecas en ambos artistas, deixando así un xunte moi orgánico e cómodo para ambos. Baixo o concepto de ver o mundo arder para renacer desas cinzas, esta canción é xa o sétimo adianto do que será o primeiro disco de longa duración de Hugo Guezeta.

Arder está producido por Peter Petrwoski con arranxos de P. Leyenda, e conta coa letra e as voces de Hugo Guezeta, Gabri Reigosa e do propio P. Leyenda. Destaca tamén a participación na guitarra de Iñaki Fernández e no trombón de Paula López. Ademais, o tema ven acompañado dun videoclip gravado tanto na Praia de Patos como en Carpintería Recording Studio, o estudo de gravación de Dakidarría, ambos situados en Nigrán. A dirección vén da man de Adrián Diaño, co que Hugo xa traballou nos seus videoclips de O Noso Tempo e Cantare, adiantos tamén deste novo disco do rapeiro galego.

O álbum, que verá a luz moi pronto, conta ademais con tres datas de presentación xa anunciadas, que terán lugar o 14 de decembro na Sala Rebullón (Mos), o 19 de decembro na Sala Mardi Gras (A Coruña) e o 21 de decembro na Sala Sónar (Santiago de Compostela). A data na Sala Rebullón, ademais de ser o primeiro concerto en solitario desta etapa, será un concerto especial no que haberá moitas sorpresas e colaboracións, e servirá para dar a saída a unha xira que se espallará por todo 2025.

DATAS DE PRESENTACIÓN DE O NOSO TEMPO

14/12 · SALA REBULLÓN · MOS · ENTRADAS

19/12 · SALA MARDI GRAS · A CORUÑA · ENTRADAS

21/12 · SALA SÓNAR · SANTIAGO DE COMPOSTELA · ENTRADAS

MÁIS SOBRE HUGO GUEZETA

 Hugo Guezeta é un dos rapeiros e letristas máis importantes e talentosos do panorama musical galego. Tras o éxito do seu grupo SonDaRúa, co que chegou a dar máis de 200 concertos por todo o estado, actuando en grandes festivais e enchendo salas históricas como a Sala Capitol de Santiago de Compostela, o rapeiro emprende agora a súa andaina en solitario.

Hugo consolidouse como un dos grandes rapeiros de Galicia non só pola súa pegada en SonDaRúa, xa que intercalou a súa labor no grupo con lanzamentos individuais que acumularon decenas de milleiros de escoitas en plataformas.

O artista galego destaca polas súas letras cargadas de reivindicación e crítica social, así como pola calidade do seu rapeo. Nesta andaina en solitario, Hugo leva as súas letras a un aspecto máis persoal e íntimo, pero mantendo en todo momento esa forte crítica e reivindicación que xa son característicos del. Tamén a súa música evoluciona cara sons máis versátiles e bailables, que posicionan ao proxecto como un dos máis interesantes deste ano dentro do panorama urbano.

O seu primeiro disco de longa duración titulado O Noso Tempo, gravado e producido na súa totalidade polo produtor Peter Petrowski, sairá moi pronto,  e O Noso TempoFeridasDe VoltaCantareA ToleiraEspertar e Arder son os primeiros adiantos do mesmo, que se caracterizará por un son versátil e divertido, con letras de carácter persoal sen perder o foco na crítica social reivindicativa, selo de identidade de Hugo Guezeta.

I XORNADAS DE PATRIMONIO INMATERIAL na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos e o Consello da Cultura Galega, en colaboración co Concello de Vilalba, organizan as I XORNADAS DE PATRIMONIO INMATERIAL que se levarán a cabo na Casa da Cultura de Vilalba, os días 15 e 16 de novembro de 2024 co  programa que se adjunta.

Inclúe a mostra fotográfica “A PEDRA SECA”, de Xosé Manuel Irimia. 

TRIPTICO-XORNADAS-CON-QR

O colectivo “resaca emocional” publica SAE O SOL, o terceiro avance do seu álbum debut

O sinxelo, que toma das Illas Cíes a súa inspiración, poderase escoitar a partir das 00.00 horas nas principais plataformas dixitais e contará cun videoclip

O colectivo creativo multidisciplinar resaca emocional publica este venres 8 sae o sol, o terceiro avance do que será o seu álbum debut. A nova canción, que se poderá escoitar a partir das 00.00 horas desta noite nas principais plataformas dixitais, afonda no xa característico son pop electrónico de RSK e ten nas illas Cíes unha fonte principal de inspiración, tanto musical coma na creación do videoclip do que se acompaña e que se poderá ver (tamén ás 00.00h) na canle oficial de Youtube de resaca emocional.

En sae o sol, tema no que o colectivo deixa entrever as influencias sonoras de Daft Punk e Rusowsky, explicítase novamente que as emocións son o eixo do imaxinario de RSK, pois o seu álbum debut -que Tremendo Audiovisual publicará nos primeiros meses de 2025- explora sentimentos coma o amor, a amizade ou a paixón en todas as súas formas. Así, tras Bolboretas, unha viaxe pop que equilibra a tensión entre o desexo contido e a catarse, e Mario Crush, tema que explora a expresión do namoramento desde o punto de vista máis lúdico, agora chega sae o sol, que aborda o nacemento dunha relación afectiva.

Neste terceiro avance, resaca emocional fai referencia explícita ás Cíes, ao situar estas illas como o lugar no que nace o amor. Unha analoxía sobre o amencer e os primeiros pasos que poden dar entre dúas persoas con vínculos afectivos é o punto de partida deste novo traballo, que se poderá escoitar desde as 00.00 horas desta noite. A peza audiovisual, rodada no arquipélago e na que participan catro membros de RSK -Ash Diz, Berto Mira, Gala Rodríguez e Rocío Campoy-  alude tamén ao verán e ao compañeirismo.



Que é resaca emocional?

resaca emocional (RSK no seu nome curto) non é un grupo ao uso: é un colectivo conformado por artistas do eido da música e das artes visuais no que a comunidade é a clave dun proxecto atravesado polas diversidades. Todes suman e forman parte dun espazo seguro que aposta pola creatividade e o traballo común sen importar a idade, identidade de xénero, orientación sexual ou condicionamentos mentais, sociais ou de saúde. 

Pregarda sae o sol nas principais plataformas dixitais | Aquí poderás ver o videoclip
Escoita Mario Crush nas principais plataformas dixitais | Videoclip de Mario Crush
Escoita Bolboretas nas principais plataformas dixitais | Videoclip de Bolboretas

O XXIII Concurso Escolar de Teatro Lido Manuel Eirís do FIOT xa ten finalistas

A Gala Final do certame terá lugar este domingo, 10 de novembro, ás 18.00h, no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo, onde os grupos finalistas volverán interpretar as súas pezas teatrais e na que se realizará a entrega de premios, valorados en 850 euros

O acto, con entrada libre ata completar a capacidade da sala, estará presentado por Bea Campos, que amenizará tamén o evento cun espectáculo para público familiar, mentres que, a continuación, terá lugar unha chocolatada para todas/os as/os escolares participantes


O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, ven de anunciar os seis grupos finalistas do XXIII Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís. O xurado, tras escoitar as gravacións realizadas en Radio Nordés Cadena Ser polos 12 grupos participantes seleccionados para a segunda fase e logo das oportunas deliberacións, acordaron seleccionar para a súa lectura na gala final os seguintes grupos:

Na 1ª categoría:

  • TEATRADAS DO CRA, do CRA Nosa Señora do Faro, coa obra A abelliña que perdeu as ás.
  • OS CRISTINATREIROS, do CEIP A Cristina, coa obra A mentireira historia da Carapucha Vermella.
  • FIRUCOS, do CEIP Alfredo Brañas, coa obra Ai, mamasiña que medo!

Na 2ª categoría:

Este domingo 10 de novembro, ás 18.00h, no Pazo da Cultura de Carballo, terá lugar a gala final onde os grupos finalistas volverán interpretar as súas pezas teatrais e na que se realizará a entrega de premios, valorados en 850 euros en libros e material didáctico grazas á colaboración da Librería Brañas.

O acto estará presentado por Bea Campos que, ademais de ser a mestra de cerimonias, amenizará o evento cun espectáculo destinado a público familiar. A continuación terá lugar unha chocolatada para todas os escolares participantes. A entrada é libre ata completar aforo.

EMISIÓN DAS PEZAS EN RADIO NORDÉS

Un total de 26 grupos de 10 centros educativos de Carballo, Coristanco, A Laracha, Cabana de Bergantiños, Ponteceso e Malpica participaron neste 2024 no XXIII Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís. O xurado preseleccionou 12 grupos para gozar da experiencia radiofónica nos estudios profesionais de Radio Nordés Cadena Ser e, desta gravación, saíron os seis finalistas nas dúas categorías.

As pezas emitiranse ao longo deste mes de novembro no programa Vivindo a Costa da Morte de Radio Nordés entre as 13.00 e as 14.00 h dos seguintes días:

  • Luns 4 de novembro: TEATRADAS DO CRA, do CRA NOSA SEÑORA DO FARO, coa obra A abelliña que perdeu as ás.
  • Mércores 6 de novembro: A PARELLA DE NON NAMORADOS, do IES MONTE NEME, coa obra Taxi – Finlandia.
  • Venres 8 de novembro: OS CRISTINATREIROS, do CEIP A CRISTINA, coa obra A mentireira historia da Carapucha Vermella.
  • Luns 11 de novembro: OS VIQUINGOS E AS VIQUINGAS DO PENDÓN, do CEIP AS REVOLTAS, coa obra Don Quixote da Mata.
  • Mércores 13 de novembro: FIRUCOS, do CEIP ALFREDO BRAÑAS, coa obra Ai, mamasiña que medo!
  • Venres 15 de novembro: RADIOFÓNICAS, do IES ISIDRO PARGA PONDAL, coa obra Memorias dun neno labrego.
  • Luns 18 de novembro: AS SEIS RAPACIÑAS, do CEIP A CANOSA-RUS, coa obra As velliñas de Seavia.
  • Mércores 21 de novembro: CAMBIO BLANCO, do IES MONTE NEME, coa obra Presos – Finlandia.
  • Venres 22 de novembro: ARCA TEATRO, do CEIP AS REVOLTAS, coa obra Os grandes.
  • Luns 25 de novembro: XENTIÑA DE CUARTO, do CEIP A CANOSA-RUS, coa obra Non teñas medo.
  • Mércores 27 de novembro: INSTALACIÓNS ELÉCTRICAS, do CEIP AS REVOLTAS, coa obra Última hora.
  • Venres 27 de novembro: FAMILIA CARBALLEIRA, do IES EDUARDO PONDAL, coa obra Nadal en galego.

É posible ver todos os vídeos na canle de Youtube do FIOT:

https://www.youtube.com/@FIOTCarballo


SOBRE O CONSURSO ESCOLAR DE TEATRO LIDO MANUEL EIRÍS

Esta é unha proposta moi especial do FIOT para facer teatro doutro xeito, que conta xa con 23 edicións ás súas costas. Grazas a este certame, as voces da rapazada levan o teatro aos fogares de todos os recunchos de Bergantiños a través das redes sociais e as ondas radiofónicas.

Co apoio dos centros escolares de Primaria e Secundaria de toda a comarca e coa finalidade de promover o teatro entre os/as máis pequenos/as e de favorecer a súa iniciación á interpretación a través da lectura dramatizada, neste 2024 o FIOT continúa con esta proposta que xa vai pola XXIII edición. En consonancia cos novos tempos, a participación foi mediante un arquivo de vídeo coa gravación da lectura, para que todos/as os/as interesados/as poidan ver escoitar e ver as interpretacións dos grupos participantes a través das redes sociais do festival.

O xurado seleccionou aos grupos que gozaron da experiencia radiofónica nos estudos profesionais de Radio Nordés Cadena Ser e, destas gravacións, saíron os finalistas. Agora gozaremos da súa lectura en directo na emocionante gala final que se celebrará este domingo, 10 de novembro, ás 18.00h, no Pazo da Cultura, na que o o xurado fallará os premios para libros e material didáctico cortesía da Libraría Brañas. E non faltará o peche coa tradicional chocolatada!

MÁIS INFORMACIÓN 

2024.11.06.NP-Certame-Teatro-Lido-FIOT33