
É PREFERIBLE O BRILLO, de Marta Valverde, inaugurou-se o sábado 12 de marzo ás 19h en Leira, na apertura final do seu proceso de residencia artística, dentro do ciclo de residencias comisariado por Visión Periférica
A artista Marta Valverde botou semanas investigando en Lugo os cruces entre a ritualidade e o confesional, traballando nalgunhas lendas, obxectos protectores e rituais presente na cidade e a súa conexión co noso presente.
Marta Valverde é unha artista de Nigrán cunha ampla traxectoria no audiovisual e o seus cruces co documental, a ficción e o cinema experimental
Visión Periférica é unha proposta recoñecida e financiada polas Axudas INJUVE á Creación, consistente nun ciclo de residencias artísticas que se levarán a cabo durante 2025 e traerán a Lugo artistas de diferentes procedencias e disciplinas centradas no audiovisual.
A exposición permanecerá aberta ata finais de maio, xoves e venres de 18 a 20.30 h. ou por cita previa
Desde hai unhas semanas a artista Marta Valverde (94, Nigrán) atópase investigando ao redor dos cruces entre a ritualidade e o confesional, intuíndo nalgunhas lendas os suspiros de certas estruturas simbólicas que hoxe outorgan sentido aos nosos corpos parasitados pola promesa neoliberal da autonomía e o benestar. Nas últimas semanas a artista percorreu Lugo en procura de obxectos protectores e rituais e a súa relación coa función dos obxectos simbólicos do presente. Autocuidado, eneagramas, altares, astroloxía, terapiaou “un master que ao fin me dará o traballo soñado”.
.O espazo de creación, investigación e producción artística Leira acolleu desde o sábado 12 de marzo ás 19h a inauguración que amosa o resultado da residencia artística que Marta Valverde leva realizando dende o mes de marzo, como punto final dunha serie de accións e obradoiros que foron tendo lugar durante as últimas semanas na cidade de Lugo. A exposición estará aberta ata finais de maio.
Extracto do texto de sala:
(…) A poucos metros de aquí, no interior dun templo máis aló da praza, hai un obxecto pétreo carcomido polas mulleres en procura de esperanza. Este obxecto é o Crismón de Quiroga, un enorme disco de mármore mermado -entre cirios temblorosos- polo ritual da litofaxia. O obxecto reza “ O ouro é vil para ti, que a prata se retire. É preferible o brillo da túa felicidade”. A idea dun brillo matérico repítese durante longos séculos, vinculado á divindade pero tamén ás capacidades emocionais e sensitivas. (…)

Sobre a artista:
Marta Valverde (Nigrán, 1994) traballa no cruzamento do documental, a ficción e o experimental, sendo os seus temas recorrentes a precariedade, a intimidade, a memoria e a autobiografía, desenvolvendo os seus proxectos en diferentes formatos como son o monocanal, o videoescenismo, os visuais, o live cinema ou a conferencia performativa.
Sobre Visión Periférica e o ciclo:
Visión Periférica é o programa de residencias artísticas do espazo de investigación, creación artística e produción cultural contemporánea Leira Haus para 2025.
No ciclo Corzas, penas e transparentes, Leira busca rescatar esas mitoloxías que permaneceron no limiar, reclamando novas formas de ser miradas, narradas e encarnadas.
Visión periférica: rede local de exploración contravisual, á súa vez é o xerme dun dispositivo autónomo, unha rede de investigación e creación artística que propón un marco crítico para repensar a construción de imaxinarios territoriais desprazando as visualidades hexemónicas sobre o territorio e as súas existencias, a través das tecnoloxías, o videoarte e as prácticas artísticas colaborativas situadas. Unha mirada desviada aos centros mediales e dixitais, e ao seu confinamento exclusivo aos grandes polos da cultura.