PANDEMIA, por Martiño Maseda

PANDEMIA

Martiño Maseda


Comezabamos a espirnos
cando o primeiro contaxio anulou as palabras
que recendían a camiño ignoto
e falazmente transitable.
Decretouse o silencio na cartografía da casa.
No seguinte impulso puxéronlles bozos
a aqueles que arelaban trabar a apetecible carne da lascivia.
E deixamos de ser inocentes, de mirarnos con fiúza,
confinados na noite da nosa malicia.
A primavera aletargou os afectos.
E fuximos de nós mesmos con icario devezo
cara ao lume dun solpor obsceno que nos persuadía.
Talvez xa non sexamos quen de suturar a fenda
do sacrilexio cometido contra a semántica dos soños.
Agora a quentura da pel abomina a sintaxe pétrea dun tempo
que regañou polas súas costuras íntimas.
E a mirada albisca un horizonte de aves ventureiras.
O ser carnívoro sempre chama dúas veces.

O IESCHA solicita á RAG que a celebración do Día das Letras Galegas 2021 recaia en Ricardo Carvalho Calero

Dado o estado de alarma sanitaria que vivimos, e como non é posible a celebración na súa totalidade do Día das Letras Galegas de 2020 na persoa de Ricardo Carvalho Calero, o IESCHA solicita á RAG que garanta que esa celebración se prorrogue e se realice no Día das Letras Galegas 2021.

No seguinte enlace pódese acceder a tal solicitude.

Ampliación prazo de recepción de traballos ao Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO

Debido á situación excepcional na que nos atopamos, e despois da grande acollida deste Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2020, decidimos ampliar o prazo de entrega de traballos ata o 8 DE MAIO DE 2020. Obviamente, mentres dure este estado extraordinario, os prazos de fallo do xurado e entrega de premios tamén sufrirán modificación nas súas datas, que serán publicitadas no momento pertinente.

As BASES poden consultarse aquí.

Anexo – Autorización participante menor de idade

Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2020

O Concello de Vilalba, en colaboración con Culturalia GZ, convocan a segunda edición do Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2020.

O traballos enviaranse por vía electrónica ao enderezo comunicacion@vilalba.es. E o prazo de presentación dos mesmos rematará ás 23:59 horas do 17 de abril de 2020.

Enlaces:

BASES Certame de Microrrrelatos DÍA DO LIBRO 2020.

Anexo – Autorización participante menor de idade.

Antoloxía 21 Voces Poéticas. 8 DE MARZO. Versos na Loita Común

En Culturalia GZ quixemos xuntar a celebración do Día Mundial da Poesía e o Día Internacional da Muller mediante a edición virtual da Antoloxía de 21 Voces Poéticas. 8 DE MARZO. Versos na Loita Común, onde se reune a sensibilidade estética de poetas coma Adolfina Mesa, Andrea Fernández Maneiro, Antonio García Teijeiro, Arancha Nogueira, Beatriz Dourado, Beatriz Maceda Abeleira, Carlos Da Aira, Eva Veiga, Iria Collazo López, Lourdes Maceiras, María José Fernández López, Mariña Maceiras, Miguel Díaz, Natalia González Gómez, Navia Rivas de Castro, Patricia Torrado Queiruga, Pepa Álvarez Gómez, Primitivo Oliva Fernández, Rochi Nóvoa Vázquez, Ximena Mariño e Xosé Otero Canto.

Unha humilde publicación na que se mestura e/ou conflúen o ritmo reivindicativo dos versos coa expresividade cromática das imaxes que os acompañan.

Medre a Poesía!