· A programación de Santiago comeza coa retransmisión en liña do espectáculo de Fernando Saldaña nas redes sociais dos centros socioculturais de Santiago
· A partir das 20.30 horas será a quenda de José Luis Gutiérrez ‘Guti’ no Centro Xove da Almáciga
· Todas as funcións son gratuítas pero cómpre reservar por adiantado o convite
· O espectáculo de Charo Pita xa esgotou as súas reservas e outros están a piques de completar o aforo
Este xoves, 5 de novembro, os contos do Festival Atlántica volverán a Galicia para completar a súa oitava edición, interrompida de súpeto pola declaración do estado de alarma. Malia as restricións sanitarias vixentes, o veterano encontro de narración oral vai dar programado 24 espectáculos, que se van desenvolver os días 5, 6, 7 e 13 de novembro e mais o 5 e o 6 de decembro cun formato híbrido que compaxinará as sesións presenciais coas actuacións en liña.
Fernando Saldaña
No caso de Santiago, a primeira cita será este xoves, 5 de novembro, co narrador Fernando Saldaña, que brindará unha función en liña do ‘Peixe de ouro’ que se retransmitirá a través das redes dos centros socioculturais de Santiago de Compostela. Trátase dun espectáculo para nenos de entre 3 e 8 anos que está baseado no conto clásico co mesmo título. Nel nárrase a historia de avaricia dunha familia que, tras recibir un desexo por parte dun peixe, quere máis e máis e máis.
O salmantino Fernando Saldaña é, ante todo, e sobre todo, contacontos. Tamén é mago, actor, director de teatro, ilustrador e humorista gráfico. Saldaña ten traballado na radio e en televisións locais, foi deseñador gráfico, locutor, profesor de circo e de programas informáticos… Pero o que máis lle gusta é contar historias. A todos. Para todas as idades: desde os bebés ata os que hai tempo que chegaron aos cen.
Nos seus cofres, baúis e maletas ten contos gardados para todos e cada un. Saldaña asenta a narración nos obxectos cotiáns, nos xogos de maxia, en bonecos e monicreques, no seu corpo e na súa voz, para que o espectador viva cada unha das súas palabras, como el as goza cando sobe a un escenario ou se coloca diante do seu público nunha escola, biblioteca, xardín ou praza.
Tradición oral zamorana
José Luis Guitiérrez ‘Guiti’
Algo máis tarde, ás 20.30 horas, José Luis Gutiérrez ‘Guti’ levará ata o Centro Xove da Almáciga as súas ‘Historias de filandar’ (reserva anticipada en festivalatlantica.gal). Neste espectáculo o romance e o conto tradicional vanse zarrapicando da xeografía, da vida das cociñas, dos traballos do campo, das historias de vida de cada informante, e de cada vella que entra e sae do escenario da man deste zamorano. Funciona como un exercicio de agradecemento a quen lle regalou o testemuño dun mundo oral, e aspira a ser, para quen escoita, unha volta ao tempo feliz no que a palabra do vello era necesaria
José Luis Gutiérrez é gaiteiro, cantador, bailador e, sobre todo, contador de historias. Todos os contos e romances que usa recolleunos directamente de narradores tradicionais, os máis deles de anciáns do mundo rural cos que compartiu moitos bos intres. Procura conservar o carácter dialectal de cada narración e mais a atmosfera que envolvía o narrador tradicional, carente de artificios nun mundo sen tele nin radio. ‘Guti’ traballa principalmente no ámbito rural procurando dalgún xeito restablecer a cadea de comunicación-transmisión da cultura oral rota pola condena dos anciáns ao silencio nunha sociedade dominada polo que se repite desde o televisor. Polo seu espectáculo A pelo recibiu no 2015 o Premio de Interpretación Masculina na XII Edición dos Premios Moretti de Teatro.
Entradas esgotadas
O Festival proseguirá nos vindeiros días con máis actuacións nos concellos de Ferrol, Ourense, Lalín, Pazos de Borbén, Brión, A Coruña, Teo e Vigo, alén de Santiago de Compostela. Algúns dos espectáculos xa teñen o cartel de entradas esgotadas, como no caso da función de Charo Pita, pero aínda quedan prazas para as restantes.
Outro evento que completou o seu aforo foi o de Pablo Díaz na Nave de Vidán (Santiago) pero por mor das novas restricións que entrarán en vigor o venres, a actividade vai ser adiada. As persoas que tiñan entrada terán preferencia para a nova data que será comunicada máis adiante pola organización.
A información sobre os artistas pódese consultar na web do festival (http://festivalatlantica.gal/). Tamén están dispoñibles o programa das actuacións e mais os detalles sobre o proceso de reserva de convites das funcións presenciais.
Agás no caso de Ferrol e Teo, a maioría das funcións son, polo de agora, presenciais, pero dada a cambiante situación sanitaria, esta previsión está suxeita a modificacións. En todo caso, calquera alteración será anunciada a través das canles do Festival Atlántica.
Unha vez máis suspéndese a Feira de Santos de Monterroso. A primeira vez que se suspendeu foi en 1918, debido á pandemia de gripe, e a segunda en 2020, debido á de coronavirus. Milleiros de persoas acudiron a ela ininterrompidamente dende hai máis de 700 anos, coa única excepción coñecida da súa prohibición nestes dous anos.
Da suspensión da feira en 1918 falounos maxistralmente Jesús Otero Pereiras no libro As Feiras de Monterroso, que o IEU publicou en 2019 e no que o filólogo Xesús Alonso Montero ilustrounos falando das variantes da máis popular cántiga, a dos 25 xastres, verdadeiro himno taberneiro da Ulloa.
Mais foi historiadora do IEU, María José Gómez Alvite, coordinadora deste libro, a que, co seu descubrimento dun documento do ano 1286, confirmou as hipóteses sobre a antigüidade da Feira de Santos. A ela debémoslle as mellores páxinas que se escribiron sobre o tema, como foi o libro 500 anos de feira de Monterroso.Elementos do patrimonio histórico editado polo Concello de Monterroso en 2010.
A nosa historiadora abriu tamén camiños noutros eidos e marcou pautas que seguiron outros investigadores, como foron a primeira investigación sobre o Camiño Santo, que estamos actualmente estudando e promocionando, ou o primeiro proxecto sobre o centro de interpretación das feiras de Monterroso, que serviu de base para un novo proxecto do IEU, o do Museo de Monterroso.
A feira de Monterroso non so é un lugar e un tempo de encontro, de exposición, de transacción, de desfrute, de intercambio ou de relación social, tamén o foi de rebelión, xa que nela xurdiu a revolta antifiscal de 1790, episodio magnificamente relatado por Fernando Salgado en Cairón nº 1.
Así mesmo, o IEU contribuíu á divulgación das feiras de Monterroso organizando en 2018 a exposición Por Feiras e mercados, cedida polo Arquivo Histórico Provincial de Lugo, con fotografías realizadas nos anos 50 e 60 por José Luis Vega, o célebre fotógrafo e reporteiro gráfico do xornal El Progreso.
Neste sombrío 1º de novembro de 2020 non celebraremos a Feira de Santos, pero quédannos as vellas fotografías ou os libros citados para lembrala, con textos que inspiraron artigos e entrevistas posteriores, como é o caso da entrañable reportaxe da monterrosina Marina García no programa de Mara Torres El Faro de la Ser, na que interveu o concelleiro Xabier Vázquez García.
Esta reportaxe foi emitida o 30/10/2020 no programa El Faro, da cadea SER, entre o minuto 1:20:15 e o 1:28:25. Indispensable escoitala completa xa que remata cunha versión fermosísima de Guadi Galego da cántiga dos 25 xastres. Enviamos o enlace
Son achegas de pequenos grans de area para conseguir que a Feira de Monterroso sexa declarada Festa de Interese Turístico Nacional (de momento é Feira de Interese Turístico Galego).
Este venres 30 de outubro, ás 18 horas, reuniuse, de maneira telemática dada a situación sanitaria derivada da pandemia, o Xurado do IV Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade, convocado polo Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia, e formado por Dª Antía Yáñez Rodríguez, D. Manuel Bragado Rodríguez e Dª. María Xesús Fernández Fernández. Unha vez rematada a reunión emiten o seguinte DITAME: O Xurado acorda, por unanimidade, outorgar o IV Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade á obra titulada A CIDADE DO ÁTOMO presentada baixo o lema ou seudónimo de A MÁSCARA. Unha vez aberta a plica, resultou ser o/a seu/súa autor/a IRIA MISA PERALBA. O xurado salienta a alta calidade media das obras presentadas e recomenda tamén apublicación dos orixinais baixo os lemas «Monadas cuánticas», «Bartolina Sisa» e «Vega». Respecto a obra gañadora, «A cidade do átomo» destaca a orixinalidade do tratamento do tema, a paisaxe abandonada da cidade ucraína de Prípiat, tras o accidente o 27 de abril de 1986 da central nuclear de Chernóbil. Destaca ademais a nivel estilístico a alta calidade da lingua empregada, así como a amenidade dun relato no que se mesturan textualidades diversas. «A cidade do átomo», dirixido a un público infantil, pode interesar sen dúbida ao lector ou lectora de calquera idade, amolando que é posible conocer outras realidades dende a nosa lingua e ampliando así o horizonte temático da nosa LIX.
Este libro nace co motivo da conmemoración anual do 25 de Novembro coma Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller. Unha antoloxía que amosará desde unha vertente poética e crítica (textual, imaxinativa, gráfica) a visión particular de 25 artistas da palabra e/ou da imaxe arredor do 25 N.
Cada persoa só poderá achegar UNHA única obra ao seguinte enderezo electrónico info@culturaliagz.com.
A data límite para a recepción de obras será o mesmo 25 de novembro. A continuación realizarase unha selección de 25 obras de todas as achegadas, e que, segundo o criterio da organización, mellor reflictan o sentido da convocatoria.
Cada persoa seleccionada recibirá DOUS exemplares do libro editado, quedando os restantes para a realización, dentro do posible, de presentacións da publicación e como xeito de concienciación fronte a esta lacra social.
Na súa intervención, Mercedes Rosón lembrou que Atlántica naceu en Santiago no ano 2013 e que daquela mantén “a súa esencia de encontro de voces e historias que suman tradición oral á cultura atlántica”. Logo da interrupción de marzo, o Festival vai regresar a Galicia “os días 5, 6, 7 e 13 de novembro e o 5 e 6 de decembro con actuacións en formato híbrido, ou sexa, en liña e presenciais, nas que se garantirá, en todo momento, o cumprimento das medidas anticovid e a seguridade das persoas asistentes”.
A concelleira destacou que na sede de Santiago “están programadas actuacións no Teatro Principal, na Igrexa da Universidade, nos centros socioculturais de Fontiñas, de Santa Marte e de Vite; no Centro Xove da Almáciga; na biblioteca Ánxel Casal; na Igrexa da Universidade e na Nave de Vidán”.
Novas medidas, mesma ilusión
Na súa quenda, Soledad Felloza, a directora do Festival, subliñou o feito de que “Atlántica, no mesmo ano e co mesmo orzamento, vai ser quen de sacar adiante dúas veces o Festival grazas á xenerosidade do equipo técnico e dos artistas, que volven para cumprir co seu compromiso co público”. Unha volta que se fai “con todas as medidas de seguridade, con moita ilusión e, sobre todo, con moito respecto: coidándonos e coidando ao público”.
Felloza tamén quixo salientar que “os artistas desta edición, como moita xente da cultura, compartiron o seu traballo nas redes para aliviar o tempo de confinamento” e agora, aínda que sexa nestas condicións, o que desexan é “volver a estar en contacto coa xente”. A directora do Festival animou á participación, pregando polo seguimento das normas e recomendacións sanitaria.
No tocante aos aforos, Felloza lembrou a necesidade de “facer un uso responsable das prazas dispoñibles, que por mor das medidas de seguridade son reducidas”. Nos espectáculos presenciais “cómpre inscribirse por adiantado e avisar se non se pode acudir, porque hai moito interese e hai persoas en lista de espera”. Os horarios das funcións tamén “se deseñaron tendo en conta o toque de queda e que se poida regresar a casa con calma”.
Malia non poder participar na rolda de prensa, Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña, quixo deixar patente o apoio da súa entidade aos festivais polo seu labor como plataformas de difusión da cultura. Un apoio que no caso do Festival Atlántica ten unha dimensión especial “polo seu contido tan vinculado á tradición oral”. Alén diso, Couto agradeceu tamén o traballo da organización para desenvolver un programa cultural nestas circunstancias e aproveitou para lembrar “que a cultura non contaxia e é saudable”.
Actualización continua
A información sobre os artistas deste ano xa está publicada na web do festival (http://festivalatlantica.gal/). Tamén está dispoñible o programa das actuacións e mais os detalles sobre o proceso de reserva de convites das funcións presenciais.
A programación vaise desenvolver os días 5, 6, 7 e 13 de novembro e, alén diso, para o 5 e o 6 de decembro están previstas outras dúas funcións que completarán a edición deste ano do Festival Atlántica. Serán en total 24 espectáculos nos que participarán os narradores Noelia Carioca (Salamanca), José Luis Gutiérrez ‘Guti’, (Zamora), Rubén Martínez Santana (Venezuela), Fernando Saldaña (Salamanca), Sandra Araguas (Huesca) e mais os galegos Ramiro Neira, Charo Pita, Pablo Díaz, Santi Prego e Sole Felloza.
En función das restricións sanitarias de cada concello, as actuacións serán en liña ou presenciais. Polo de agora, xa está previsto que a programación de Ferrol e Teo se desenvolva telemáticamente. No que respecta ao resto dos concellos, as funcións son, polo de agora, presenciais, pero dada a cambiante situación sanitaria, esta previsión está suxeita a modificacións. En todo caso, calquera alteración será anunciada a través das canles do Festival Atlántica.
Sobre as fotos:De esquerda a dereita, Mercedes Rosón, primeira tenente de alcalde e concelleira Responsable de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela; e Soledad Felloza, directora do Festival Atlántica