Conferencia TRES MULLERES GALEGAS DE ARMAS TOMAR: MARÍA BALTEIRA, MARÍA CASTAÑA E MARÍA SOLIÑA, de Guillermina Domínguez, na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos organiza, o venres 15  de marzo de 2024, ás  20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, unha conferencia impartida por GUILLERMINA DOMÍNGUEZ sobre “TRES MULLERES GALEGAS DE ARMAS TOMAR; MARÍA BALTEIRA, MARÍA CASTAÑA E MARÍA SOLIÑA”, e será presentada por MARISA BARREIRO, presidenta do IESCHA.

A confrencia de Guillermina Domínguez ten como precedente o libro “Tres mulleres galegas de armas tomar’. María Balteira, María Castaña e María Soliña” escrito pola propia Guillermina Domínguez Touriño e por Felicia Estévez Salazar e publicado no ano 2009 por Baía Edicións

NOTA-INFORMATIVA-TRES-MULLERES-GALEGAS-DE-ARMAS-TOMAR

Andanzas do Suso de Lameliña. MAÑÁ SOLLEIRA

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

MAÑÁ SOLLEIRA

Despois de varios días sen moitas ganas de facer nada, esa mañá espertou con máis ánimo. O tempo axudaba, cálido e solleiro, escoitábase o canto dos paxaros e unha suave brisa traía o aroma das rosas do xardín. O primeiro que fixo foi tomar unha ducha refrescante. Á miña idade, case oitenta anos, non hai mellor pracer, o paso do tempo non perdoa, pensou.

Xa ben arranxado e vestido co seu traxe impoluto, coidadosamente lavado e pasado a ferro na lavandería de Marcos, dispúxose a tomar o seu almorzo habitual: zume de laranxa e café con leite acompañado dun par de galletas e dúas torradas con marmelada e manteiga. Máis de corenta anos almorzando o mesmo. Era un home de costumes fixos, reacio a cambiar.

Cando se deu conta, xa eran case as once da mañá, así que saíu a pasear pola cidade. Quince días pechado na casa, agás para comer no bar de Víctor, a uns cen metros da súa casa, facían que se atopara estraño. Por un momento estivo a piques de dar a volta, pero a mañá estaba tan boa que decidiu continuar o camiño. Aínda que máis espelido que días atrás, a morriña comezou a apoderarse del, o pasado aparecíalle en cada casa, tenda e recuncho da rúa. Non puido resistilo e dirixiuse ao que durante tantos anos fora o seu despacho de avogado. Pasóuselle pola cabeza subir e relembrar vellos tempos, pero ao final desistiu; só coñecía a Emilia, e poida que nin esa estea, xa que se non se xubilou ten que estar a punto. Deixou a rúa que tantas veces pisara e dirixiuse cara á Praza Maior. O banco no que adoitaba sentarse estaba baleiro, sacou un pano do bolso da chaqueta e sentouse enriba del. Ao pouco tempo, empezaron aparecer algúns coñecidos: Luís da Fonte, Amalia de Conturiz, Pepe, o barbeiro… Saudárono con alegría e curiosidade: Qué bo verte!, Qué foi da túa vida?, Pensabamos que morreras… Despois, falaron do tempo, das cousas que cambiaron desde que eran nenos, da primavera que xa estaba aquí… Ata que Luís sacou o tema das eleccións a piques de celebrarse. E comezou a discusión. El, que sempre fora de esquerdas, na ditadura do Partido Comunista e agora do Socialista, non aguantou máis. Todos, agás Amalia, eran de dereitas, polo que para non amargarse o día, despediuse e marchou cara ao parque de Rosalía.

A mañá estaba realmente agradable e o parque era un dos seus lugares preferidos, polo que non había mellor lugar ao que ir  e aproveitar para ler algo á sombra dun castiñeiro de indias ou dunha sequoia; a estas horas da mañá, non adoitaba haber moitos visitantes. Palpou a chaqueta, e si, alí estaba o libro no bolso, non o esquecera. Mentres se foi achegando, comezou a lembrar os bos momentos que pasara cando estudaba no Instituto Masculino o vello bacharelato de sete anos e máis tarde o PREU; logo marcharía para Santiago facer dereito, pero sempre que regresaba á cidade non podía faltar a visita obrigada para de paso asomarse ás costas e botar unha ollada ao Miño, ao seu paso polo barrio de San Lázaro. Foi así, precisamente, unha tarde de verán, extasiado, ollando o pai dos ríos como coñeceu a Sofía, que cunha cámara de fotos inmortalizaba aquela fermosa paisaxe. Como pasa o tempo! Desde ese día, xa non se separaría dela ata que un cancro de mama lla arrebatou.

O primeiro que fixo ao chegar ao parque foi visitar os parrulos. Coñecíano ben e segundo o viron correron cara a el. Sacou do peto unhas migallas de pan, que sempre leva consigo, e deullas. Os pobriños, como  brincaban de contentos e agradecidos!

Alí, a carón do estanque, á sombra da sequoia, volveu meter a man no peto e sacou o libro: “Aires da miña terra” de Curros Enríquez. Abriuno ao chou e comezou a recitar: Aí vén o maio/ de frores cuberto… Realmente case non precisaba de libro, a maioría dos poemas sabíaos de cor e gustáballe recitalos silandeiramente. Tras recitar media ducia, lembrouse daquel soneto que escribira para o bardo de Celanova hai xa uns cantos anos. Houbo un tempo en que todos os días escribía algún poema, pero que nos últimos anos deixara de facelo. Secasí eses versos ficaran para sempre gravados no seu maxín:

CURROS ENRÍQUEZ

Na rúa San Roque, en Celanova,

Século dezanove, xa mediado,

Quen de Galicia sería cruzado,

A primeira luz verá, feliz nova!

Manuel Curros Enríquez, nomeado,

Cantor de poesía corrosiva,

Do laicismo e da terra abandeirado

Contra a ignara doutrina represiva.

Aínda se escoita o vello e o sapo,

So branco luar, con forza berramos:

Nin foros, nin cregos, de amos libertos!

Fuxide, fuxide, vermes noxentos,

Liscade xa, triunfantes carrapatas.

Que ao fin sexa ceibe esta terra nosa!

Mirou o reloxo.Que rápido pasara o tempo, case as dúas da tarde! Gardou o libro e, apurando o paso, emprendeu o regreso á casa. Lentellas e pescada a romana agardaban no bar de Víctor.

Proxección do documental AS SILENCIADAS, de Pablo Ces, na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, continuando cos actos programados para o primeiro trimestre do ano, organiza o xoves 7 de marzo de 2024, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, a proxección do documental “AS SILENCIADAS”realizado por PABLO CES, con guión do propio Pablo Ces e de AURORA MARCO, que levou a cabo un importante traballo de investigación sobre o tema, e que estará presente no acto para facer a introdución ao documental así como participar na charla-coloquio posterior á súa proxección. A presentación correrá a cargo de Marisa Barreiro, presidenta do Iescha.

NOTA-INFORMATIVA-22AS-SILENCIADAS22

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: TOXO

Algunhas marionetas, pobre delas, crense con vida propia, inconscientes da súa insignificancia.

Existen individuos que comparten esa característica, son como bonecos desleigados amosando toda a súa estupidez mentres ondean oufanos un trapo alleo e imposto, válido unicamente para esparexer odio e necidade -en perigosa mestura-.

Son os idiotas desenraizados, alimentando a deturpación da palabra, que se cren moderados pero só saben bourear, que cren razoar pero só esbardallan. Expertos en ditar sentencia, ceiban a súa mediocridade nun espectáculo lamentable de incultura continuamente exhibida. Ancorados nun ruín desprezo polos que si entendemos outra forma de construír país, de sentirnos pobo.

Ante os domados e submisos, ante a súa repugnante negación, sostense o noso puño ergueito, leal, honesto. Ante a súa traizón, a nosa teima na boca que non cala, na saliva íntima dunha verdade fonda, de noso, que aínda soña con florear, como hoxe florea o toxo entre o desapego á terra dos imbéciles e escuros.

Día de Rosalía 2024 na Biblioteca Rural San Martiño de Pino [Galería de imaxes]

Este pasado venres 23 de febreiro celebrouse na Biblioteca Rural San Martiño de Pino o DÍA DE ROSALÍA 2024, ao tempo que se realizou a entrega de premios do III Certame de Caligramas CONSTANZA DE CASTRO, que vén convocando a Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Caldaloba.es e Culturalia GZ.

O acto comezou co saúdo de Inés Lozano Carral, presidenta da Asociación Cultural de Pino.

A continuación, Martiño Maseda realizou a lectura do Manifesto da AELG polo Día de Rosalía, cuxa autoría nesta edición correspondeu ao escritor Carlos Callón.

Deseguido tivo lugar a entrega de premios ás autoras galardoadas no III Certame de Caligramas CONSTANZA DE CASTRO:

Laura Sánchez Castro, gañadora do segundo premio pola obra Engrañaxes, non puido asistir ao acto, mais si achegou un vídeo onde, ademais de ofrecer a súa gratitude polo premio, contou brevemente o seu caligrama.

A que si estivo presente en Pino para recoller o galardón foi Patricia Torrado Queiruga, gañadora do primeiro premio pola obra súa Última noite en Caldaloba, quen tamén ofreceu unha breve explicación do seu caligrama, ao tempo que salientaba a súa gratitude porque Pino, e a Terra Chá, xa formaba para da súa memoria do corpo (emulando palabras do escritor de nacenza chairega, Xesús Rábade Paredes).

Rematada a cerimonia de entrega de premios, varias mulleres presentes participaron na actividade Enmarcando a Rosalía, na que realizaron a lectura de textos rosalianos e deixándoos adheridos nun cadro coa imaxe de Rosalía de Castro.

En varios momentos do evento contouse coa interpretación de pezas musicais a cargo de Avelino Roca acompañado polo grupo de música de nenas e nenos de Pino.

GALERÍA VIDEOGRÁFICA

*Autoría das imaxes: José Manuel Pena Regueiro e Martiño Maseda

IESCHA.- Actos polos Día de Rosalía

O Instituto de Estudos Chairegos, continuando cos actos que durante os meses de febreiro e marzo ten programados en homenaxe a Rosalía de Castro baixo o título de QUERO VER O MAR-HOMENAXE A ROSALÍA, organiza o venres 23 de febreiro de 2024, ás 20:00 horas, no Vestíbulo do Auditorio Municipal de Vilalba, a PROXECCIÓN DO DOCUMENTAL “A ROSA INCANDESCENTE”, realizado por DAVID VÁZQUEZ. No acto estará presente a guionista ANXOS GARCÍA, para conversar co público asistente. Contaremos tamén coa actuación dos grupos vilalbeses: CORREDORES DE SOMBRA e LAMBE LAMBE. Previamente, ás 19:30 h., levaríase a cabo a ofrenda floral no Parque Rosalía de Castro.

NOTA-INFORMATIVA-22A-ROSA-INCANDESCENTE22