Andanzas do Suso de Lameliña A MAURACA
A MAURACA
Suspendida no val do río Poqueira, coma un branco eirado que se ergue a 1500 m de altitude, destaca Capileira, un deleite para a vista e un bálsamo para o espírito. Ao fondo a sombra protectora dos dous grandes xigantes de Serra Nevada —Mulhacén e Veleta— engade grandeza e solemnidade a unha paisaxe que namora.
Nesta comarca granadina das Alpujarras latexa a memoria galega que se remonta a máis de catro séculos, cando chegaron familias enteiras procedentes de Galicia, como consecuencia da repoboación levada a cabo no reinado de Felipe II, tras a expulsión dos mouriscos.
Deste feito dan boa conta os numerosos apelidos que aínda hoxe resoan entre os vales e os pobos brancos da serra: Castro, Souto, Varela, Freire, Barreiro, Figueroa…
Pero a chegada dos galegos ás Alpujarras non só foi un movemento demográfico, foi tamén un acto de mestizaxe cultural nesta terra, xa por aquela, lugar de encontro de culturas. Un exemplo é o magosto que se celebra en Capileira.
Como na maioría do rural de España, tamén aquí a xente nova viuse na obriga de abandonar a súa terra e emprender o camiño da emigración na procura dunha vida máis digna. Mais hai un día no ano, o primeiro de novembro onde regresan todos para participar comunitariamente na “Mauraca”, vocablo que provén do término local “maurar” que significa asar castañas.
Familias e visitantes xúntanse para asar castañas nas fogueiras e beber anís, como herdanza dos poboadores que chegados do noroeste da Península trouxeron o costume do magosto. Máis ca unha festa, é un rito colectivo que mantén viva a memoria daqueles galegos que hai séculos sementaron nestas terras vidas novas —os castiñeiros—, que arraigaron na serra, ao igual que os seus amos e, que aínda hoxe, seguen a dar o seu froito: un símbolo de unión entre Galicia e as Alpujarras.
