
A banda de multiinstrumentistas actuará na noite do sábado 6 na décima edición da Foliada da Fonsagrada; mentres que o día 20 subirá, ás 19.30 horas, ao escenario do Centro Ágora coruñés
De Ninghures prepárase para festexar as dúas últimas ‘feiras’ do ano. A banda regresará ao lugar no que naceu o proxecto musical, a Foliada da Fonsagrada, para presentar o seu segundo LP, ‘Feira’. A actuación será ás 23.00 horas do sábado 6, noite na que compartirá cartel con Baiuca, Melidaos e A Duendeneta.
Ademais, o formación subirá ao escenario do Centro Ágora da Coruña o sábado 20, no marco do festival ‘Por amor á palabra solidariedade’, promovido pola Asociación Veciñal da Agra do Orzán. O concerto de De Ninghures comezará ás 19.30 horas e a entrada será libre ata completar a capacidade do auditorio.
‘Feira’ (2025, Tremendo Audiovisual) é o segundo LP dunha orixinal banda de multiinstrumentistas procedentes de Arzúa, Costa da Morte, A Fonsagrada e Santiago de Compostela. Sete artistas (Adrián, Aldara, Cataqui, Hadrián, Manu Lucas, Marta e Tomé) que traballan coa tradición popular galega dun xeito artesán, cunha sonoridade e discurso moi característico, coa intención de levala á escena actual. Da man do produtor Juan de Dios, recoñecido recentemente co galardón á Mellor Produción Discográfica por ‘Feira’ nos I Premios da Industria da Música de Galicia, a banda revisita, actualiza e reivindica o patrimonio cultural do país.
Desde a presentación do álbum na Sala Capitol en marzo (no que a formación pendurou o cartel de ‘entradas esgotadas’), De Ninghures percorreu máis de 40 escenarios, tamén do estranxeiro. De cara ao 2026 a banda levará ‘Feira’ por distintas cidades de España no marco do ciclo AIEnRuta, que conta co apoio de AIE e Agadic.
DE NINGHURES – ‘FEIRA’ EN DIRECTO
Sábado 6 de decembro, 23.00 horas. Foliada da Fonsagrada.
Sábado 20 de decembro, 19.30 horas. Centro Ágora (A Coruña).
‘Feira’ en directo no San Froilán: https://youtu.be/PX-bNk3FjWA?t=25