O FIOT repite un ano máis entre os mellores proxectos culturais de Galicia no Observatorio da Cultura de 2024

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo sitúase na cuarta posición –xunto a Escenas do Cambio e The MOP Foundation– na listaxe de mellores iniciativas culturais galegas que anualmente elabora a prestixiosa Fundación Contemporánea

O ‘Observatorio de la Cultura’ elabora, desde fai máis dunha década, unha serie de clasificacións e indicadores relativos á actividade cultural das diferentes comunidades autónomas, seleccionando e poñendo en valor as institucións e os acontecementos culturais máis destacados do ano

En 2022, o FIOT foi recoñecido neste mesmo Observatorio da Cultura como o mellor da cultura galega e, polo tanto, Insignia Cultural de Galicia, mentres que en 2023 acadou a 5º posición

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) foi distinguido una ano máis polo prestixioso ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como o cuarto mellor proxecto cultural galego de 2024,posto que comparte con outro festival, o de Escenas do Cambio de Santiago de Compostela, e con The MOP Foundation, coa súa exposición dedicada ao fotógrafo Irving Penn. Deste xeito, posiciónase, xunto a Escenas do Cambio, como o festival de artes escénicas máis valorado da comunidade galega en 2024.

O ‘Observatorio de la Cultura’ elabora, desde fai máis dunha década, unha serie de clasificacións e indicadores relativos á actividade cultural das diferentes comunidades autónomas, seleccionando e poñendo en valor as institucións e os acontecementos culturais máis destacados do ano. En 2022, o FIOT foi recoñecido neste mesmo Observatorio da Cultura como o mellor da cultura galega e, polo tanto, Insignia Cultural de Galicia, mentres que en 2023 acadou a quinta posición.

‘OBSERVATORIO DE LA CULTURA’

O mellor da cultura 2024

Fundación Contemporánea presentou este 29 de xaneiro os resultados da súa consulta anual correspondente ao ano 2024. O ‘Observatorio de la Cultura’ elabora desde 2009 unha serie de clasificacións e indicadores relativos á actividade cultural das diferentes comunidades autónomas, ás institucións e acontecementos culturais máis destacados do ano. O obxectivo principal de ‘Observatorio de la Cultura’ é visualizar a unha oferta cultural moi ampla, diversa e de gran calidade ao longo de toda a xeografía española e en constante renovación, achegando o aval das e dos profesionais máis destacados do sector. Para facer esta consulta, enviouse un cuestionario a un panel conformado por 1.021 profesionais e figuras de primeiro nivel: escritoras, artistas, directoras e creadoras de todos os campos; responsables de fundacións, directoras de institucións culturais; produtoras e responsables de industriais culturais, comisarias de exposicións, directoras de festivais, xestoras culturais e profesionais do sector; así coma responsables de áreas e institucións culturais da administración pública central, autonómica e municipal.

O informe completo ‘Lo mejor de la cultura 2025’ pódese descargar aquí:

https://www.lafabrica.com/wp-content/uploads/2025/01/observatorio-de-la-cultura-2024.pdf

O FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO (FIOT)

Máis de tres décadas creando teatro

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos máis prestixiosos do teatro actual. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e conta coa colaboración do Concello de Carballo. Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e pola súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes de Galicia e referente cultural durante o outono: un mes completo de programación, con máis de 35 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo na capital das artes escénicas da comunidade galega. 

Desde hai 33 anos, o FIOT dá a coñecer en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadoras emerxentes. Mais, especialmente, busca atraer novos públicos ao teatro. O festival nace en 1992 como espazo para ofrecer unha progrmación de teatro de calidade na comarca de Bergantiños e impulsar unha estrutura creativa arredor das artes escénicas na zona. Desde entón, FIOT é o lugar de encontro entre artistas, compañías e programadoras, e aposta por estimular a creación e o traballo en rede tanto a través da oferta de espazos para residencias artísticas como da implicación, do propio festival, na produción e novos espectáculos, fundamentalmente de compañías galegas. 

Nas súas 33 edicións, FIOT contou coa participación das compañías máis relevantes de Galicia e España, ademais do ámbito internacional, outorgando así espazo a numerosas disciplinas, novas linguaxes, xéneros e formatos; ademais de ofrecer estreas absolutas ou no territorio galego. Desde xeito, máis de 350 formacións e artistas presentaron os seus traballos no FIOT, con nomes tan salientables no marco do panorama escénico galego, nacional e internacional coma Blanca Portillo, Pablo Messiez, Rafael Álvarez ‘El Brujo’, Yllana, Ron Lalá, Pont Flotant, Titzina, Kamikaze Producciones, Compañía do Chapitô, Leo Bassi, Grupo Chévere, Timbre 4, Mofa e Befa, Xosé A. Touriñán, Quico Cadaval…

Ao longo da súa traxectoria, diversos recoñecementos acreditaron o intenso traballo do FIOT para achegar as artes escénicas do século XXI á cidadanía e recoñeceron o festival como unha das iniciativas teatrais do noroeste peninsular máis relevantes na actualidade. Entre outras distincións cítanse, ademais da ‘Insignia Cultural’ do ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como mellor proxecto cultural de Galicia en 2022, o Premio da Cultura Galega 2018 no ámbito das artes escénicas outorgado pola Xunta de Galicia ou o Premio Galego do Ano 2018, entre outros. 

20250131-NP-GAL-FIOT-Observatorio-Cultura-2024

Aida e Raül Refree presentan ‘GALA i OVIDIO’, o seu novo proxecto musical

AIDA TARRÍO, INTEGRANTE DE TANXUGUEIRAS, E O RECOÑECIDO ARTISTA E PRODUTOR RAÜL REFREE PUBLICAN DE MAIO A ABRIL, PRIMEIRO SINXELO DO SEU PROXECTO GALA i OVIDIO

Gala i Ovidio, o novo proxecto musical que une a Raül Refree, prestixioso músico e produtor e a Aida Tarrío, compoñente do recoñecido grupo Tanxugueiras, ve a luz co lanzamento de De maio a abril, primeira canción que dan a coñecer.

O proxecto rende homenaxe no seu nome aos fillos da escritora galega Rosalía de Castro. En 1871 a escritora galega Rosalía de Castro deu a luz en Lestrove aos xemelgos Gala i Ovidio. Aida e Raül atopáronse en 2021 no Pazo de Mariñán e pronto souberon que debían hermanarse nun proxecto musical. 

Catro anos tardaron en darlle forma, entre procuras e gravacións, a Gala i Ovidio, un proxecto que se levou en segredo ata o día de hoxe. Os dous recoñecidos artistas coñecéronse para interpretar cancións tradicionais de Galicia e inspirados por elas foron atopando novos territorios onde a tradición intúese e os xéneros dilúense. A Raül gústalle dicir que Aida ten ás mulleres galegas dos últimos decenios na súa voz e que este arraigamento permítelles experimentar sen perder a identidade.

O primeiro adianto deste traballo conxunto recibe o nome de De maio a abril, unha canción composta e escrita polos dous compoñentes do proxecto e que é unha reafirmación da propia personalidade e maneira de ser fronte ás pequenas crises de identidade que nos axexan neste mundo dominado pola imaxe e o que  dirán. A letra narra distintos episodios de intimidade cotiá nos que un se ve obrigado a reforzar a propia visión fronte ás forzas que nos empuxan a un pensamento único. A melodía, moi emocionante na voz de Aida, está arroupada por unha instrumentación onde o acústico vólvese electrónico e os ritmos que xorden da pel curada adquiren nova profundidade con malabarismos de produción. Aínda que pareza imposible, este dúo consegue que se den a man Oneothrix Point Never ou Kanye West con Dorothé Schubarth e a crueza dos seus arquivo para darnos unha nova visión que non necesita reivindicar a tradición para estar arraigada e emocionar como o facían as nosas avoas e como o farán os nosos netos. 

Esta primeira canción, punto de partida de Gala i Ovidio, forma parte dun cancioneiro que compuxeron e escribiron a catro mans, xuntos, e que dará lugar diversos ep’s que sairán ao longo dos próximos meses.

Aida Tarrío 

Aida, integrante do grupo Tanxugueiras, é unha artista multidisciplinar que combina o seu talento vocal xunto á súa destreza no baile. Compaxina a súa presenza no grupo máis importante da música galega actual con proxectos persoais que exploran diferentes expresións artísticas. Aida transita con naturalidade entre a música e a danza, sendo intérprete en destacadas creacións escénicas da prestixiosa Compañía Fran Sieira ou xunto ao recoñecido coreógrafo Dani Rodríguez. A súa formación e traxectoria están vinculadas á música tradicional galega, da que é docente e expoñente, levando a súa cultura e tradición ata novos límites.

Raül Refree 

Raül Refree é un dos produtores europeos máis aclamados da última década. A súa amplitude estilística e versatilidade leváronlle a ter un perfil que vai desde músico experimental a produtor de estrelas do pop ou compositor de bandas sonoras premiadas, como “La Mesías” ou “Un año, una noche”

Interesado desde os seus inicios na renovación da música tradicional, Raül Refree converteuse nos últimos anos no nome de referencia do novo flamenco en España traballando xunto a nomes como Rosalía, Rocío Márquez ou Niño de Elche. O seu álbum con Rosalía, Los Ángeles, foi Disco de Ouro en varias ocasións. Estrelas como Ricky Martin reivindican o seu talento mentres el segue apostando por novos talentos por descubrir, como Rodrigo Cuevas, Guitarricadelafuente ou Maestro Espada.

Amoebo publica este venres o seu novo sinxelo ‘Unha foto’, o derradeiro avance do seu dobre álbum ESCÁNDALO NO ESCURO, que verá a luz no mes de marzo

Unha foto é un retrato sonoro cheo de paixón e controversia, que poderá escoitarse desde esta mesma noite, ás 00.00h, nas principais plataformas dixitais –https://ffm.to/unhafoto­– e do que xa é posible facer a pre-garda en https://ffm.to/q8zmj0d 

Neste novo lanzamento, unha das bandas máis desinhibidas da escena musical galega do momento mestura ritmos urbanos e electrónicos para transmitir a tensión entre a distancia física e o desexo emocional

Este venres, 31 de xaneiro, ás 00.00h, Amoebo publica o seu novo sinxelo, Unha foto. O tema, un retrato sonoro cheo de paixón e controversia, é o derradeiro avance do seu novo LP Escándalo no escuro, un dobre álbum que verá a luz o vindeiro 7 de marzo e do que xa se coñece o tema Lobishomes

Neste novo lanzamento, unha das bandas máis desinhibidas da escena musical galega do momento mestura ritmos urbanos e electrónicos para transmitir a tensión entre a distancia física e o desexo emocional. Unha foto –single do que xa é posible facer a pre-garda en https://ffm.to/q8zmj0d­– poderá escoitarse desde esta mesma noite, ás 00.00h, nas principais plataformas dixitais: https://ffm.to/unhafoto

A nova canción de Amoebo representa a necesidade física e afectiva do amor máis pasional. Unha foto presenta una gran carga explícita, na que non falta a ironía tan característica do seu frontman Aaron Valle. “Unha foto máis e arranco, unha foto máis e aí que vou”, “ata que veñas eu non paro, que ben me educaron”. Na letra, unha situación tan común como é a de recibir unha foto desencadea as necesidades máis básicas do corpo e amosa como a distancia física non é un impedimento para o amor desenfreado.

Neste novo traballo producido por David Fernández (Daiv), Amoebo mestura o pop máis enérxico cunha estética sonora escura e cargada de adrenalina. Cunha gran influencia de artistas como Britney Spears ou Bad Gyal, o esqueleto pop-urban da canción está decorado con sintetizadores agresivos e baixos 808, que representan a velocidade, a urxencia e a necesidade. Unha foto é un tema frenético, bailable e coreable, que ten o foco posto na proposta rítmica e nun post-coro instrumental efusivo e pegadizo.

ESCÁNDALO NO ESCURO, UN DOBRE ÁLBUM QUE DARÁ QUE FALAR NESTE 2025

Amoebo xa o adiantou: “En 2025 faremos un dobre álbum no que convivirá a dualidade de dous estilos que a primeira vista poden parecer contrarios”. Este dobre LP verá a luz o venres 7 de marzo e promete non deixar indiferente a ninguén. O título, Escándalo no escuro, é un preludio da temática que veremos: polémica, provocación, escuridade, sexo, paixón, ansia, medo ou dor. Pero este título non só lle dá voz ás letras do disco, senón que a escuridade verase reflectida nuns sons máis agresivos, mantendo, tamén, a mestura de estilos que sempre caracterizou ao proxecto.

O novo LP estará conformado por dúas caras (A e B), con seis temas e dous skits cada unha. Na cara A predominarán os ritmos máis urbanos, mesturados co pop dos 2000, tomando como referentes a divas como Madonna, Britney Spears, Dua Lipa ou Bad Gyal. A cara B estará tinguida de sons máis rockeiros, nos que se percibe o pasado metaleiro dos artistas: as guitarras e os baixos érguense como protagonistas absolutos, cun fondo urbano e actual,  para conformar unha mestura enérxica, agresiva e festiva.          

AMOEBO, UNHA BANDA EMERXENTE SEN TAPUXOS

Amoebo estableceuse como unha das propostas máis destacadas da escena musical emerxente galega. Co seu primeiro LP Cada vez mellor, producido por David Fernández, o artista consolidou un son que combina pop-funk e electrónica con influencias urbanas. A súa música, cargada de ironía e desinhibición, aborda temas de amor non romántico, liberdade de expresión e celebración da vida. 

O verán de 2024 veu cargado de traballo para Amoebo, quen presentou o seu show en  escenarios galegos de referencia como O Son do Camiño, o Atlantic Pride, o Festival de la Luz, o Atardecer no Gaiás ou o Surfing the Lérez. Tamén apareceu en recoñecidos estudios de televisión, como o mítico Luar, da TVG; o primeiro programa drag en galego, Raíña-me, da plataforma dixital A Galega; ou no Especial Fin de  Ano da TVG, onde compartiu cun público entregado o seu sinxelo SQ.

Amoebo foi unha das bandas seleccionadas para formar parte da aceleradora musical Son Emerxente de Fundación Paideia. Nela traballou con profesionais da industria galega como Patricia Hermida, Juan de Dios, Xaime Miranda, NONONON Lab ou The Office Comunicación. Esta aprendizaxe sobre o sector axudou a levar o proxecto ao seguinte nivel, para preparar o lanzamento do seu ambicioso e agardado novo álbum, Escándalo no escuro, neste 2025. 

LIGAZÓN DE PRE-GARDA NO NOVO SINGLE ‘UNHA FOTO’

https://ffm.to/q8zmj0d

LIGAZÓN DE ESCOITA DE ‘UNHA FOTO’ DESDE ESTE VENRES 31 ÁS 00.00H

https://ffm.to/unhafoto

20250130-NP-Amoebo_Unha-foto

Palestra sobre O PENSAMENTO DE CASTELAO, de Manuel Rei Romeu, na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, día 1 de febreiro, ás 19 hrs, a Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, organiza unha palestra sobre O PENSAMENTO DE CASTELAO, coincidindo co 75 aniversario do seu falecemento

O escritor e profesor de lingua e literatura galega, Manuel Rei Romeu será o encarregado de tratar o pensamento e a obra de Castelao e a súa significación e importancia naquela altura na sociedade galega, a súa influencia na política galega e a vixencia das súas ideas.

Manuel Rei é un salientábel estudoso no campo da crítica literaria nomeadamente na figura de Castelao, aprofundando na súa obra literaria e na súa actuación política, con ensaios como Arte e verdade. A obra literaria de Daniel CastelaoCastelao e Sempre en GalizaAfonso Daniel CastelaoCastelao: desta Terra, deste tempoVolver a Castelao… Alén do intenso labor de divulgación de Castelao, Manuel Rei ten contribuído á clarificación de figuras relevantes como Curros Enríquez, Cabanillas, Celso Emilio Ferreiro…e participado, entre outras, en obras colectivas como Literatura galega: da Idade Media ao século XIX ou a Historia da literatura galega da AS-PG.

A actividade é de acceso libre até encher o aforo, mais é necesario facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.

XA’LUM presenta BEIRIÑA, unha audaz fusión de tradición e innovación

O último sinxelo de XA’LUM, Beiriña, invita ás persoas oíntes a unha viaxe fondamente persoal que mestura a alma do patrimonio galego coa enerxía vangardista do hyperpop. Inspirada na querida canción popular Amoriños Collín, esta peza fusiona maxistralmente o antigo co moderno, creando unha narrativa sonora que se sente tanto intemporal como innovadora.

UNHA VIAXE ÍNTIMA A TRAVES DO SON

Composta e producida integramente por XA’LUM, Beiriña é unha demostración de deseño sonoro innovador e unha homenaxe cultural. A base do tema constrúese sobre os ritmos da vieira, un instrumento tradicional galego feito con cunchas mariñas. Golpeando e frotando as cunchas, XA’LUM crea unha textura percusiva orgánica que serve como ponte cara ao mundo electrónico. Sintetizadores inspirados no hyperpop e capas sonoras intrincadas mestúranse perfectamente na pista, creando unha fascinante interacción entre tradición e modernidade.

A paisaxe sonora de Beiriña cativa coa súa dinámica mestura de texturas. Voces etéreas flotan sobre sintetizadores exuberantes e percusións orgánicas, resultando nunha atmosfera simultaneamente emocional e experimental. A atención ao detalle tanto nos arranxos instrumentais como vocais eleva a peza, amosando a habilidade de XA’LUM para crear unha experiencia auditiva verdadeiramente única.

NARRATIVA VISUAL EN ‘BEIRIÑA’

Os visuais que acompañan a Beiriña son tan impactantes como a canción mesma, funcionando como unha carta de amor á esplendorosa natureza de Galicia. Gravado en localizacións icónicas como a Mariña Lucense, Viveiro e A Cova da Doncela, o vídeo captura a beleza rústica da costa atlántica. A combinación de terra, mar e ceo reflicte os temas de unidade e transformación da canción. No centro da narrativa visual atópase un vestido feito a medida e inspirado no espírito indómito do Atlántico. A prenda, adornada con texturas e tons que lembran as ondas do océano e as paisaxes costeiras, convértese nunha peza de arte en movemento que encarna a esencia da canción. Mentres XA’LUM actúa entre covas mariñas e costas batidas polo vento, o vestido reforza a conexión entre a artista e o seu entorno.

A danza desempeña un papel fundamental na narrativa, con movementos que evocan o fluxo e reflujo do océano. A coreografía, combinada co escenario evocador, transforma o vídeo nun cadro vivo de fondura cultural e emocional.

UNHA EXPLORACIÓN PERSOAL E CULTURAL

Na súa esencia, Beiriña é unha exploración da identidade a través do son e a historia. Ao inspirarse en Amoriños Collín, XA’LUM revisita temas de amor, anhelo e memoria, incorporándoos nun contexto contemporáneo. Esta mestura do antigo e o novo resalta a misión da artista de preservar o patrimonio cultural mentres o fai resoar cunha audiencia moderna. Cada nota de Beiriña está impregnada de sinceridade, ofrecendo un vistazo á alma artística de XA’LUM. A instrumentación en capas reflicte as complexidades da experiencia persoal, mentres que as súa voces transmiten unha resonancia emocional universal. Ao combinar o íntimo co épico, XA’LUM crea unha peza fondamente arraigada na súa identidade pero universalmente relatable.
Con Beiriña, XA’LUM invita ás persoas oíntes a experimentar a riqueza da cultura galega mentres reflexionan sobre as súas propias conexións co lugar e a tradición. É unha canción que transcende o idioma e a xeografía, creando un profundo vínculo coa súa audiencia.

SOBRE XA’LUM

XA’LUM é unha artista visionaria cuxo traballo pecha a fenda entre tradición e innovación. Nacida e criada en Galicia, XA’LUM sempre atopou inspiración na rica herdanza cultural da rexán, tecendo as súa melodías, instrumentos e ritmos nun contexto moderno e experimental. O seu camiño creativo comezou cun profundo amor pola música e unha misión de levar os sons galegos a unha audiencia global.

XA’LUM acadou recoñecemento pola súa capacidade única de mesturar elementos tradicionais con paisaxes sonoras hipermodernas. Este enfoque distintivo valeulle eloxios en importantes festivais de música e espectáculos, incluíndo Atardecer no Gaiás na Cidade da Cultura de Galicia. O seu traballo foi destacado en publicacións e plataformas prominentes, consolidando a súa reputación como pioneira na escena musical contemporánea.

Logros destacados:

  • Actuacións no programa Lúar emitido pola TVG.
  • Inclusión no periódico La Voz de Galicia e na playlist Wanderlust Vision.
  • Colaboracións con El Speaker.
  • Eloxios polo seu innovador uso de instrumentos galegos como a vieira en composicións modernas.

Co compromiso de expandir os límites creativos, XA’LUM establecéuse como unha voz audaz e auténtica no panorama musical actual, inspirando ao público coa súa habilidade para conectar o pasado e o futuro a través do son.

XA_LUM_Beirina_Press_Kit_GAL