Camiñada por Vicinte organizada pola Casa-Museo Manuel María

Camiñada Vicinte / Bravos / San Clodio / Vicinte

Domingo, 8 de xuño

Saída da Casa-Museo Manuel María, ás 9,30 hrs, para nos achegar todos xuntos, en automóbeis particulares, ao inicio do itinerario (campo da festa de Vicinte)

Distancia: 8 km

Duración aproximada aproximada: 3 horas

Dificultade: baixa

Guía: Orlando Viveiro (divulgador cultural)

Inscricións (actividade gratuíta) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621

Fillas de Cassandra presentará HIBERNARSE en Vigo e A Coruña os días 27 e 28 de xuño

Fillas de Cassandra dará a coñecer ao vivo Hibernarse en dúas presentacións que terán lugar o 27 e 28 de xuño en Vigo e A Coruña

  • As citas terán lugar no MARCO e na Fundación Luis Seoane da man da Fnac; e o acceso aos directos será a través dun convite que se poderá retirar proximamente nas tendas da cadena nas dúas cidades
  • As compradoras que adquiriron o disco-fanzine na páxina web de Altafonte durante o período de prevenda recibirán un correo con información para poder acceder a estes eventos
  • Hibernarse é un proxecto multiformato que reflexiona sobre a construción social do tempo: o seu núcleo é un EP con catro temas que se acompaña dun videofilme, dun fanzine, dunha colección de xoias da man de Toda Frágil e doutras propostas que o dúo desvelará nos ‘showcases’
     

Fillas de Cassandra dará a coñecer o seu novo EP, Hibernarse, en dúas presentacións exclusivas que terán lugar en Galicia contra final deste mes de xuño, concretamente o venres 27 e o sábado 28. Estes ‘showcases’, organizandos dentro da iniciativa Noite no museo con Fnac, celebraranse en dous recintos museísticos dedicados á arte contemporánea, como son o MARCO de Vigo e a Fundación Luis Seoane da Coruña.

Para poder acceder a estas presentacións, nas que as artistas actuarán e darán a coñecer polo miúdo, e desde a proximidade, o proceso de creación do seu último traballo, o público poderá conseguir os seus convites nas tendas que a Fnac ten en Vigo e na Coruña. Nas vindeiras semanas, tanto a través da cadena como dos perfís das artistas nas redes sociais, daranse a coñecer os detalles do proceso. 

Ademais, todas aquelas persoas que adquirisen o pack conformado polo vinilo e o fanzine de Hibernarse na prevenda a través da páxina web de Altafonte, tamén terán opción de acceder a estas dúas presentacións exclusivas. A discográfica porase proximamente en contacto coas compradoras a través do correo electrónico. 

A primeira das dúas presentacións terá lugar, como non podería ser doutro xeito, na cidade natal de Fillas de Cassandra. O MARCO Museo de Arte Contemporánea de Vigo celebrará o 27 de xuño, a partir das 21.00 horas, unha Noite no Museo, na que María SOA e Sara Faro interpretarán os catro temas do novo EP –feito a man, arderse, quebrantarse e hibernarse-, ademais de conversar co público sobre o proceso creativo do disco, as temáticas e todo o universo do que se compón Hibernarse: alén do EP e do fanzine, do seu videofilme, da colección de xoias elaborada por Toda Frágil, e unha nova sorpresa que se dará a coñecer esa mesma noite.

Ao día seguinte, Fillas de Cassandra viaxará á cidade da Coruña para presentar o seu último álbum na Fundación Luis Seoane. Así, o sábado 28 de xuño, desde as 20.00 horas, nesta Noite na Fundación as e os asistentes poderanse achegar e coñecer, de perto, a nova obra de Sara Faro e María SOA.

Hibernarse

Hibernarse é un proxecto multiformato e singular que versa sobre a construción social do tempo a través de distintas disciplinas artísticas. Un EP, un videofilme, un fanzine, unha colección de xoias (creada da man de Toda Frágil) e outras sorpresas -que se darán a coñecer nos ‘showcases’- conforman un universo no que María SOA e Sara Faro fan un chamado sobre a pausa necesaria que esixen os procesos creativos e artesanais.

O novo traballo discográfico de Fillas de Cassandra, producido por Greta Ch’aska, Mumbai Moon e por elas mesmas, é o resultado dun proceso de maduración musical e discursiva fiado devagar polas artistas, que irromperon con forza no panorama musical galego coa publicación do seu aclamado álbum debut, Acrópole (2023, Tremendo Audiovisual). Após dous anos de crecemento como grupo e con máis dun cento de concertos ás costas, o dúo pecha esta etapa, antes de facer un descanso, coa presentación de Hibernarse. 

​​
Noite no Museo con Fnac

Noite no museo con Fnac é unha iniciativa que Fnac vén facendo nos últimos dez anos en cidades de toda España. Estes eventos especiais procuran achegar a experiencia das e dos artistas máis importantes do momento aos seus fans nun ambiente íntimo e en espazos culturais senlleiros que son recoñecidos polo seu labor museístico e cultural, como son o MARCO Museo de Arte Contemporánea de Vigo e a Fundación Luis Seoane da Coruña.

EP Hibernarse nas plataformashttps://links.altafonte.com/hibernarse-ep

VideofilmeHibernarse:https://www.youtube.com/watch?v=QwcW4bgS1xw

Presentación do libro A NOITE QUE SE FOI A LUZ, de Manuel Castro Santamariña, na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, Xermolos e a Irmandade Manuel María, coa colaboración do Concello de Vilalba, organizan o xoves 5 de xuño de 2025, na Casa da Cultura de Vilalba, ás 20:00 horas, a presentación do libro A NOITE QUE SE FOI A LUZ, do que é autor MANUEL CASTRO SANTAMARIÑA

Intervirán tamén ALFONSO BLANCO TORRADO, presidente de Xermolos, e MARISA BARREIRO, presidenta do IESCHA.

NOTA-INFORMATIVA-LIBRO-A-NOITE-QUE-SE-FOI-A-LUZ

Andanzas do Suso de Lameliña. VISITA DO INSPECTOR

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

VISITA DO INSPECTOR

Damián nunca oíra aquela palabra, “inspector”, ata que don Servando, o primeiro día despois de regresar das vacacións de semana Santa, lles anunciou:

—Imos ver, nenos. Dentro de poucos días visitaranos o señor Inspector, así que imos preparar ben unhas leccións porque vos vai facer unhas preguntas e tédelas que contestar, non ben, moi ben. Se a resposta non é a correcta, o máis seguro é que vos castigue.

—E a mellor mándanos ao cuarto das ratas, ou que D. Servando? —interviu Gonzalo, cun sorriso pícaro, mentres os demais se botaban a rir.

Pero a algarabía pouco durou; ao intre se extinguiu coa voz trona do mestre.

—Silencio! Que risas son esas! Pobres de vós que cando veña o señor Inspector e, alguén diga algo mal, vos botedes a rir, que xa vexo que vos fai gracia calquera cousa. Se iso sucede, vou ser eu quen vos castigue. E xa sabedes como mas gasto — interviu D. Servando despois de dar uns fortes golpes coa regra sobor da mesa.

Aquela mañá, Damián pasouna toda pensando no inspector. Como sería? Seguro que máis forte e máis alto có mestre. Tería tamén unha vara para pegarlles na palma da man se non sabían a lección? Por como acabara de falar, a ben seguro que ía ser máis serio do normal, máis ca el, e mira que el era serio. Debería, pois, ser moi aplicado, e ter moito coidado o día que os visitase ese home a quen D. Servando chamaba, señor Inspector.

Nada máis chegar á casa, preguntou aos pais que era un inspector.

—É unha especie de mestre que vén de Lugo para ver o que sabedes —respondeulle a nai.

—E logo vai vir á escola?—preguntou o pai, intrigado— Pois tes que estudar moito a ver se che dá unha recompensa.

— Da única recompensa que nos falou o mestre foi do castigo que Iamos ter se non contestabamos ben as súas preguntas —respondeu todo preocupado, Damián.

O asunto quedou así pero durante o tempo de espera pola chegada do inspector mudou de carácter e non houbo día que non preguntase ao seu pai ou á súa nai polo inspector: Que como era, se tería os ollos fríos como D. Servando, de que cor sería o seu traxe…

Mentres tanto na escola dedicaron todas as tardes a preparar unha serie de preguntas sobre xeografía, ciencias, temas patrióticos, aritmética, relixión… Posibles preguntas sobre as que lles preguntaría ao chou o inspector. Así que todos tíñanas que saber moi ben; sería o azar quen decidiría quen ía ter que responder.

Dez días de angustiosa espera, ata que chegou un mércores en que D. Servando, após o rezo de inicio e un canto patriótico, lles deu a nova:

—Ben, rapaces. Mañá vén, D. Miguel, o señor Inspector. A ver como vos portades. Espero que ben.

Aquela noite xa non puido durmir e ao día seguinte a nai tíñalle preparada a roupa dos domingos. Aquel día non ía ser un calquera. Ao chegar á escola xa estaban case todos os compañeiros á porta agardando polo mestre. Todos coa súa mellor roupa, ben lavadiños e ben peiteados, como se fosen á misa de Pascua.

Pasaría media hora, tempo que D. Servando aproveitou para darlles as últimas instrucións sobre como tiñan que portarse co inspector, cando Federico berrou:

—Aí vén! Aí vén!

Efectivamente a través da xanela viron como aparcaba un Simca 1000 e del baixaba un home alto e delgado cunha carteira na man.

D. Servando despois de mandar calar saíu a recibir ao temido visitante. Segundo entraron, erguéronse todos e a ao unísono saudaron:

—Buenos días, Señor Inspector. Como está usted?

—Buenos días niños. Sentaos, sentaos!

Houbo un silencio espeso. O mestre e o inspector puxeronse a falar en voz baixiña na tarima. Pouco despois, mandaron aos nenos a xogar.

—Por min que veña todos os días o inspector este —ía dicindo o fillo do xastre a quen non lle gustaba nada a escola.

—Si, si. Xa verás, xa! Dígocho eu que hai tres anos tamén nos visitou. Claro a maioría aínda estabades en párvulos. Agardade, agardade! —retrucoulle Marcelino, un dos veteranos.

Unha vez fóra e tras esculcar con coidado pola xanela de a carón da mesa do mestre e ver que o único que facían era mirar e pasarse uns papeis, puxéronse a xogar. Case unha hora na que se esqueceron do inspector e mesmo de que estaban na escola. A roupa dos domingos cando volveron entrar, máis ben parecía a de andar coas vacas.

E comezaron as preguntas. Na terceira, Damián quedou paralizado cando o inspector se dirixía a el e lle preguntaba:

—A ver, este niño de pelo rizo. Sabe decirme algo sobre el río Ebro? O corazón púxoselle nun puño, respirou fondo, ergueuse do pupitre e comezou a falar:

—El río Ebro nace en Fontibre, cerca de Reinosa, provincia de Santander, pasa por…

—Muy bien, muy bien.

Damián soltou o aire, aliviado. Ao sentarse case dá co seu corpo no chan. Quixeron escoitarse unhas leves risas pero a cara de D. Servando acalou a tentativa de insurrección.

—A ver, tú, el que está al final al lado de la ventana. Dinos algo de El Caudillo.

—Francisco Franco, Claudillo de.. —comezou a dicir, Pepe do Fogueteiro.

Unha onda de risas, desta volta non reprimidas, estalou na aula. O mestre golpeou na mesa. O inspector recriminou:

—Claudillo, no, bobo! Caudillo! Caudillo! No me estraña que tus compañeros se rían de ti.

—Perdón, D. Miguel. Francisco Franco, Caudillo de España por la gracia de Dios vino a este mundo para salvarnos de los rojos y de… —proseguiu co relato como se se tratase dunha ladaíña.

—Ahora si. Esto ya me gusta más — díxolle dándolle unha pequena caricia na caluga—. Pero tienes que tener cuidado para otra vez, no vayan a pensar que estás ofendiendo a nuestro Caudillo. Como dijiste que te llamabas?

—Me llamo Pepe, Señor Inspeutor.

Máis gargalladas.

—Vale, vale! Ya está bien! A ver si terminamos la fiesta en paz. Tú, como te llamas? Si, tú, el compañero de Pepe.

—Luís, señor Inspector. A su disposición para lo que precise.

O inspector axustou a postura.

—Luís. Vamos a ver, si tanta gracia te hizo lo que dijo tu compañero, háblame entonces del Misterio de la Santísima Trinidad.

—El Misterio de La Santísima Trinidad nos dice, nos dice. Ah!, si xa sei. Nos dice que en Dios hay tres personas Padre, Hijo…

—Muy bien, si no fuese por eso de “xa sei, xa sei”. Tú eres español, verdad? Pues tienes que hablar en cristiano, o sea, en castellano y no en ese dialecto de bárbaros. D. Servando tiene que tener más cuidado con estas cosas. No podemos permitir que nuestros pupilos utilicen estas palabras tan soeces, ni tan siquiera en el patio. Me comprende, verdad? Silencio absoluto. D. Miguel seguiu facendo outra serie de preguntas ata que chegou o remate da clase e se despediu de D. Servando e dos alumnos, despois de entoar a canción do día: “Por Dios, por la Patria y el Rey”. Estes erguéndose dos asentos, exclamaron a coro:

—Usted lo pase bien, D. Miguel. Que tenga buen día.

Damián cando se viu na rúa xa era outro, sentíase aliviado. O do señor Inspector —Inspeutor, dixo para si, botando un pequeno sorriso ao lembrarse do que dixera o seu colega Pepe— non era para tanto. E pensar que estivera semanas preocupado por aquel home. Tampouco foi como dixera o seu pai, a el que contestara ben á pregunta non lle deron ningunha recompensa. O que temo é á tarde: a ver que nos di D. Servando polas gargalladas que nos tiramos.

Cando chegou a casa, cantaruxando: “ Por Dios, por la patria y el Rey, lucharon nuestros padres. Por Dios, por la patria y el Rey, lucharemos nosotros también…”, preguntoulle a súa nai, nada máis velo entrar:

—Moi contento vés, Damián. Que tal che foi co inspector?

—Ben, moi ben. Boh! O inspector, o inspector, total é un mestre como D. Servando, máis alto, máis delgado e… máis feo. Iso si, no canto dunha vara de abeleira leva unha carteira tan grande coma el.

A súa nai, non tivo máis remedio que botarse a rir.

—Anda, vai lavar as mans e séntate a xantar, que hoxe prepareiche un caldo de verzas, dese que tanto che gusta.

O espectáculo MÁIS SAAABOR!, de Fran Rei e Félix Rodríguez, na Casa-Museo Manuel María

ESTE SÁBADO MÁIS SAAABOR NA HORTA DA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA

A proposta cómica vai dirixida para público infantil e familiar

Tras o éxito de Saaabor!, que pasou pola Casa-Museo Manuel María en 2020, Félix Rodríguez e Fran Rei convértense de novo en dous recoñecidos chefs que nos ofrecen un gorentoso, equilibrado e, sobre todo, ben afinado menú: unha comida moi musical para toda a familia. Unha visita cómica ao mundo dos fogóns para promover o achegamento á cociña, a alimentación saudábel e o consumo de produtos de proximidade entre o público galego. O food truck de Máis Saaabor! chega á Casa-Museo, un carro de xantar de grandes dimensións do cal xorden infinidade de xogos cómicos, xogos máxicos e unha chea de elementos e trebellos cos que cociñar música. Un menú degustación con propostas dos cinco continentes que deixará a todo o público cun moi bo sabor de boca e ganas de repetir.

Fran Rei e Félix Rodríguez presentan o espectáculo Máis Saaabor! este sábado, 31 de maio, ás 18 horas na horta da Casa-Museo Manuel MaríaUnha proposta cómica, para público infantil e familiar, de creación propia e dirixida por Avelino González en torno ao mundo da gastronomía e a alimentación saudábel.

Máis Saaabor! mestura música en directo, maxia, humor, moito ritmo e participación do público. Máis Saaabor! é máis música, máis gastronomía, máis maxia e máis ritmo!

A proposta está producida por Culturactiva e por Félix Rodríguez.

Para asistir á actividade (billete 2 euros) é necesario facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621