O proxecto de mediación con adolescentes 1972, desenvolvido por ButacaZero, rescata un episodio da historia obreira do que non se conservan documentos gráficos

1972, coproducido por Teatro del Barrio e o Comisionado para la Celebración de los 50 años de España en libertad, presentará a súa mostra final os días 12 e 13 de novembro na Sala Ártika

Máis de medio século despois das mobilizacións que paralizaron a industria olívica, a compañía ButacaZero reúne a un grupo de adolescentes para investigar dende a escena un dos episodios máis relevantes da loita obreira da época franquista: a folga xeral de 15 días de setembro de 1972 en Vigo, meses despois de que Amador Rey e Daniel Niebla perdesen a vida a mans da Policía Armada durante as protestas dos traballadores de Bazán, en Ferrol.

Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, acompañados dun equipo de gradísimos profesionais das artes escénicas da zona, lideran o proxecto de creación e mediación cultural 1972. “A idea é organizarse colectivamente para ‘bailar a loita’, e que revivan cos seus corpos e voces a enerxía e o espíritu dun episodio do noso pasado do que non quedou unha soa imaxe para a posteridade”, apunta Carrodeguas. 

Laura R. Iturralde, Clara Ferrao, Juanma LoDo, Borja Carvajal e Pia Nicoletti acompañan dende o mes de setembro a Carrodeguas e Castiñeira nun proceso formativo multidisciplinar que combina danza contemporánea, sonorización, deseño audiovisual, iluminación, dramaturxia documental e dirección de procesos de creación colectiva no que colaboran tamén entidades como a Unión Comarcal CCOO de Vigo ou a Fundación 10 de marzo.

Os encontros formativos teñen lugar semana a semana no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO), que abriu as súas portas xenerosamente ao proxecto. Era o lugar ideal para desenvolvelo xa que “que daquelas era unha cárcere”, tal e como lembra Carrodeguas. “Parécenos fundamental que, alén de adquirir coñecementos sobre iluminación, dirección ou sonoplastia nos obradoiros, as e os adolescentes aprendan do seu pasado, estreitamente vinculado coa loita sindicalista da súa cidade, e recuperen ese fito histórico desde as súas voces, miradas e inquedanzas”, sinala a directora e dramaturga. O proxecto culminará coa presentación dunha mostra do traballo desenvolvido. Será os días 12 e 13 de novembro na Sala Ártika, quen colabora tamén co proxecto, e que está situada na zona portuaria de Vigo, escenario dos paros de 1972. A entrada será de balde, previa retirada de convites a través da web da sala. 

Entradas ‘1972’ na Sala Ártika

Actividades complementarias

Dentro da programación do proxecto desenvolveranse dúas actividades complementarias e previas de mediación coa cidadanía. O xoves 8 de outubro, ás 19:00 horas, celebrarase o Conversatorio Interxeracional, unha conversación aberta ao público no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO), na que o grupo de adolescentes dialogará con algunhas persoas implicadas e vinculadas coas protestas de 1972 para avanzar coa súa investigación escénica.

Tres días máis tarde, na mañá do domingo 11 de outubro, terá lugar un roteiro pola memoria obreira de Vigo, no que se porá o foco no percorrido histórico que vai desde PSA-Citroën, un dos epicentros da loita sindicalista, ata A Madroa, onde tiñan lugar as reunións nocturnas dos diferentes comités implicados para debater a continuidade da folga. O roteiro, que se fará en bus, é de acceso gratuíto previa inscrición a través do correo electrónico info@butacazero.org

Barrios en lucha

1972 é un dos nove proxectos de creación escénica que forman parte de Barrios en lucha, un proxecto desenvolvido e coordinado por Teatro del Barrio para o Comisionado para la Celebración de los 50 años de España en libertad. No caso vigués, tal e como puntualiza Esther F. Carrodeguas, “non se tratou dun único barrio, senón da loita dunha cidade enteira”.

1972

Proxecto de mediación-creación con adolescentes.

Investigación escénica arredor da folga xeral de Vigo en setembro de 1972.

Ficha artística e técnica

  • Produción: Teatro del Barrio, Comisionado para la Celebración de los 50 años de España en libertad e ButacaZero. 
  • Autoría: Esther F. Carrodeguas 
  • Dirección: Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira 
  • Elenco: Gerogito, Paovan, Iago TR., Maverick, Azalia Mera, Bella, Noa Pena, María Lago, Nai T.G, Paula Arias 
  • Coreografía: Clara Ferrao
  • Deseño de son: Juanma LoDo
  • Deseño de iluminación: Laura R. Iturralde 
  • Videoescena: Borja Carvajal 
  • Coordinación pedagóxica: Pia Nicoletti

ButacaZero

ButacaZero é a plataforma creativa de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira coa que propoñen un teatro que dialoga coa actualidade desde unha mirada crítica e irónica, e no que a tradición teatral se mestura con linguaxes contemporáneas. A compañía, creadora e produtora de propostas como A velada de Londres, IRIBARNE (con 9 Premios María Casares, entre eles o de mellor espectáculo), O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, Papagena, 32m2, Despois das ondas ou Voaxa e Carmín, sitúase como un referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego.