Caldo presentará ‘Lugar A Ponte’ ao vivo o 9 de xuño en Santiago de Compostela

O primeiro directo para dar a coñecer o novo álbum do trío terá lugar no marco da celebración do festival ‘O que non se escribe’ sobre arquivos sonoros e creación contemporánea


As entradas para a cita, que terá lugar o venres 9 a partir das 20:30 horas no Teatro Principal, están dispoñibles desde hoxe no espazo web 
www.compostelacultura.gal

Alberto Cernadas (crnds), Antía Ameixeiras, Begoña Riobó, Claudia Abril, Marta Collazo, Flor Díez, Diego Alonso e Germán Díaz participarán na presentación

Caldo presentará ao vivo Lugar A Ponte, o seu novo traballo discográfico, o vindeiro venres 9 de xuño. A actuación, que terá lugar a partir das 20:30 horas no Teatro Principal de Santiago, enmárcase na celebración da terceira edición do festival O que non se escribe, o encontro arredor do patrimonio sonoro e a creación contemporánea. As entradas para o directo, que contará coa participación de diferentes convidadas, están dispoñibles desde este martes 16 a través da páxina web www.compostelacultura.gal

Lugar A Ponte, o segundo álbum do trío conformado por Anaïs Barbier, María Jorge e Pedro Fariñas publicouse o pasado 12 de maio nas principais plataformas dixitais. Producido man a man con Alberto Cernadas (crnds), é un disco con dez cortes no que Caldo incorpora novas texturas e atmósferas á súa sonoridade, mais sen renunciar á súa identidade, que agroma e bebe da tradición. Neste sentido, o grupo adapta e toma como punto de inspiración melodías ou temas tradicionais recollidos en lugares de Gargamala, As Neves, Avión, Pontecaldelas e Pazos de Borbén. 

O concerto do vindeiro venres 9 contará, ao igual que sucede no propio álbum, con numerosas colaboracións e artistas convidadas. Así, ademais da participación do produtor e instrumentista crnds, sobre as táboas do Teatro Principal Caldo acompañarase de German Díaz (zanfona), Diego Alonso (saxo), Claudia Abril, Flor Díez e Marta Collazo (voz e pandeireta) e as violinistas Antía Ameixeiras (Caamaño & Ameixeiras) e Begoña Riobó (SonDeSeu). 


Caldo

María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandeireta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita) son Caldo, o trío que achega a música tradicional a contextos sonoros contemporáneos a través da experimentación cos propios instrumentos. Premiadas co galardón ao Mellor proxecto de música folk nos Premios Martín Códax da Música (2020) e gañadoras do concurso Fran Pérez ‘Narf’ da Deputación da Coruña (2020), as creadoras de Caldo integran melodías tradicionais galegas e composicións propias con influencias das músicas europeas e atlánticas, unha fusión natural que vai directa ao sentir do público.

O pasado 12 de maioCaldo publicou Lugar A Ponte, o seu segundo álbum, unha proposta íntima, moderna e potente, ateigada de honestidade e de responsabilidade tanto coa tradición coma con elas mesmas. Con este traballo, producido e gravado man a man con Alberto Cernadas (crnds), Caldo abre paso e reinvidica o seu espazo no panorama actual coma unha das agrupacións imprescindibles á hora de entender a renovación e posta en valor da música tradicional a través da experimentación sonora.

Escoita Lugar A Ponte

20230516-Presentacion-ao-vivo-de-Lugar-A-Ponte

Angélica Salvi, Ece Canli, Ivankovà, Superorganismus e Ana Lua Caiano actúan esta fin de semana no Sinsal Primavera de Vigo

A programación conformada por cinco proxectos de vangarda liderados por mulleres conta co apoio do Concello de Vigo 

As entradas están dispoñibles no web www.enterticket.es; e os billetes para as sesións do MARCO permitirán acceder, gratuitamente, aos concertos da Sala Radar nas noites do venres 19 (SIPHO.) e do 20 de maio (Ana Lua Caiano)

Vigo acollerá esta fin de semana unha nova edición do Sinsal Primavera. Angélica Salvi, Ece Canli, Superorganismus -proxecto musical de Tramontana e Luz González- e Ivankovà conforman o cartel das sesións que terán lugar os días 19 e 20 de maio no MARCO de Vigo. Como novidade, a programación extenderase a un dos principais recintos de música ao vivo da localidade, a Sala Radar, que acollerá o concerto da portuguesa Ana Lua Caiano na noite do sábado 20. 

Impulsado pola promotora cultural viguesa Sinsalaudio, Sinsal Primavera propón visualizar propostas musicais singulares e únicas, vinculadas á experimentación e á creación contemporánea. O evento, que conta coa colaboración principal do Concello de Vigo, e co apoio do MARCO, do Instituto Camões e da Sala Radar, ofrecerá esta fin de semana unha programación conformada por cinco proxectos de vangarda liderados por seis bandas ou solistas chegadas de distintos puntos de España, Portugal, Suíza e Turquía.

As entradas do Sinsal Primavera están á venda na plataforma web www.enterticket.es. O prezo da entrada anticipada para cada xornada no MARCO é de 15 euros (agás no caso dos billetes para as e os menores de 10 anos, cuxo acceso será gratuíto). Todas as persoas que posúan entrada para algún dos concertos do MARCO, poderán asistir de forma gratuíta aos concertos da Sala Radar nas noites do venres 19 (SIPHO., 22:45h) e do sábado 20 (Ana Lua Caiano, 23:00h). As entradas para estes directos tamén están dispoñibles en Enterticket por 8 euros anticipada e 10 euros na billeteira. 

ÚLTIMAS ENTRADAS PARA SINSAL SAN SIMÓN

Por outra banda, Sinsalaudio lembra que aínda é posible adquirir algunha das últimas entradas dispoñibles para poder asistir á nova edición do Festival Sinsal SON Estrella Galicia 2023, que se celebrará do 21 ao 23 de xullo na illa de San Simón (Redondela). Tanto os abonos como as entradas do sábado 22 e domingo 23 esgotáronse ás poucas horas da súa saída á venda -tanto desde o embarcadoiro de Vigo coma desde Meirande-.

Nos vindeiros días anunciarase a programación de actividades paralelas que terá lugar, de xeito gratuíto, durante a celebración do evento musical, e que inclúe tanto diferentes paseos para descubrir patrimonio natural e histórico da illa, coma outras iniciativas para afondar no coñecemento da cultura musical e de vangarda.

PROGRAMACIÓN SINSAL PRIMAVERA 2023

Venres 19 | MARCO de Vigo20:30 horas – Angélica Salvi
21:30 horas – Ece Canli

Sábado 20 | MARCO de Vigo
20:30 horas – Superorganismus
21:30 horas – Ivankovà

Sábado 20 | Sala Radar
23:00 horas – Ana Lua Caiano

* As persoas con entrada para os concertos de Sinsal Primavera no MARCO poderán acceder, de balde, aos directos da Sala Radar nas noites do venres 19 (SIPHO., 22:45h) e sábado 20 (Ana Lua Caiano, 23:00h).

20230516-NP-Sinsal-Primavera-en-Vigo

O rap de TIAM Gz, este sábado, na Casa-Museo Manuel María

A banda de Chantada interpretará ás 20 hrs o seu último traballo, [De]construción, na Casa-Museo Manuel María

[De]construción foi o último traballo do grupo (publicado en xullo de 2021), un álbum de cancións que mistura todo tipo de xéneros, desde hip-hop até sons acústicos, pasando por trap, pop ou unha reversión da tradicional Muiñeira de Chantada. O álbum conta con catro colaboracións: Julia Vázquez (Sandungueirada), Nerea (Males Endémicos), Amorodo (A Danza da Revolución) e Ezetaerre (Ferreiras dun Mundo Mellor).

Cómpre reservar (billete 5 euros) para asistir ao concerto en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621