Faltriqueira na Fábrica de Chocolate
Na historia do grupo FALTRIQUEIRA, o club vigués A Fábrica de Chocolate marca unha etapa na que as mozas de Pontedeume estaban dentro da familia de management que hoxe é Esmerarte.
Con eles coñeceron as entrañas da cidade da man de Xurxo Fernández e afianzaron amizades como as de Xoel López, Kim Martínez, Eladio Santos ou o propio director da sala de concertos Marcos Vázquez.
A roda xira que xira e nós con ela sen final, así que, a visita do grupo de cantareiras removerá lazos de complicidade e brindará a oportunidade de gozar na noite do 2 de xuño dunha reunión de afectos na que se escoitarán, ademais, a voz de Eladio, as percusións de David Outomuro e os enxeños de Marcos Vázquez.
Faltriqueira acode á cita cunha formación que consolida o seu estilo puro e transgresor con catro voces, percusións e o acordeón de Jorge Juncal.
No repertorio ofrece un avance do novo traballo que está xestando, “Nacenza“, temas que se sumarán aos clásicos da súa listaxe artística que superan xa os 20 anos.
Entradas anticipadas 10 euros, 12 en billeteira.
Entradas anticipadas aquí: