BEBENC@NTAS con Pablo Díaz este sábado na Casa-Museo Manuel María

BEBENC@NTAS CON PABLO DÍAZ

Este sábado,17 de outubro, ás 18 h, na Casa-Museo Manuel María, BEBENC@NTAS, co músico galego Pablo Díaz, que fará unha viaxe a través dos contos coa música como fío condutor, tratando temas e rutinas adaptadas para as máis pequenas e pequenos, de 0 a 3 anos. Para o conseguir, axudarase de instrumentos como frautas, guitarra, harmónica, e interpretará algún dos seus temas máis populares. Unha sesión relaxada onde a fantasía e a ilusión sexan as protagonistas, e en que grandes e miúdos axuden a cantar e a entoar as melodías e retrousos dos contos e cancións. Moitos dos contos serán cantados de principio a fin.

A actividade é gratuíta mais é imprescindíbel facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.

Para quen non coñeza a Pablo Díaz:

Pablo Díaz debutou co seu primeiro traballo discográfico TIC TAC (ed. Kalandraka), en decembro de 2009, co que acadou un éxito espectacular no país, xa que a primeira edición do traballo esgotouse en 3 meses, e vai xa pola 5ª edición con máis de 7000 exemplares vendidos. Con este traballo resultou un dos 3 finalistas nos premios galegos da música Martín Códax e foi o gañador do premio “Anisia Miranda á creatividade infantil” en 2011.

En novembro de 2013, ve a luz o segundo traballo, TOC TOC, da editorial Galaxia. Con este traballo conseguiu o recoñecemento do mundo musical acadando o premio ao mellor traballo de música infantil nos premios Martín Códax 2014, e tocando por máis de 50 concellos de Galiza.

En decembro de 2014, presenta o seu novo traballo máis íntimo e dedicado ao público de menor idade: “Xente Miúda, moita fartura”, apostando nesta ocasión pola autoprodución e contou coa colaboración de Tito Calviño e Carmen Rey.
A finais de 2016, publícase o traballo, “TIC TAC TOC” (ed. Galaxia) ilustrado por Almudena Aparicio. Con este espectáculo fixo unha xira por 60 concellos galegos.
O último traballo de Pablo Díaz é “COAS MIÑAS MANS” (ed. Galaxia) que saíu ao mercado en xuño de 2018 con moi boa acollida por parte do público familiar.

Como contacontos infantil leva feitas centos de sesións desde 2005, formando parte do equipo de animación á lectura da editorial Kalandraka, e posteriormente de xeito individual. Leva dedicada unha boa parte da súa obra como narrador oral ás crianzas de entre 0 e 3 anos.

O Festival Atlántica de narración oral retoma a súaoitava edición tras a interrupción pola pandemia

O Festival Atlántica retoma a súa oitava edición tras a interrupción pola pandemia

·      Os contos atlánticos volven os días 5, 6 e 7 de novembro e o 5 e 6 de decembro

·      Dez contadores de Venezuela, Huesca, Salamanca, Zamora e Galicia protagonizarán as 24 actuacións deste outono que recalarán nos concellos de Santiago de Compostela, Ferrol, A Coruña, Ourense, Vigo, Lalín, Teo, Pazos de Borbén e Bertamiráns

·      A práctica totalidade da programación será gratuíta

O Festival Internacional de Narración Oral Atlántica completará este outono a programación da súa oitava edición que foi interrompida por mor da declaración do estado de alarma o pasado marzo. Grazas á complicidade das entidades colaboradoras, a organización do Festival vai ser quen de programar unha vintena de espectáculos que se repartirán nos concellos de Santiago de Compostela, Ferrol, A Coruña, Ourense, Vigo, Lalín, Teo, Pazos de Borbén e Bertamiráns.

Boa parte da programación vaise desenvolver entre o 5 e o 7 de novembro e, alén diso, para o 5 e o 6 de decembro están previstas outras dúas funcións que completarán a edición deste ano do Festival Atlántica. Serán en total 24 espectáculos nos que participarán os narradores Noelia Carioca (Salamanca), José Luis Gutiérrez ‘Guti’, (Zamora), Rubén Martínez Santana (Venezuela), Fernando Saldaña (Salamanca), Sandra Araguas (Huesca) e mais os galegos Ramiro Neira, Charo Pita, Pablo Díaz, Santi Prego e Sole Felloza.

Todas as actividades vanse desenvolver cumprindo coas medidas de seguridade anticoronavirus dispostas polas autoridades sanitarias. Para asistir ás funcións cómpre inscribirse por adiantado e confirmar a asistencia o día anterior. Deste xeito, de non poder acudir, poderán ocupar a praza as persoas en lista de espera. A organización do Festival Atlántica desexa facer fincapé neste punto e ao mesmo tempo que convida á participación apela tamén a facer un uso responsable das prazas dispoñibles, que por mor das medidas de seguridade son reducidas.

A información sobre os artistas participantes xa está publicada na web do festival (http://festivalatlantica.gal/), onde tamén está o programa das actuacións.

#culturasegura para tod@s       #culturasegura para tod@s       #culturasegura para todos

Presentación do poemario REMOL, de Manuel María, e espectáculo de narración oral para público adulto de Soledad Felloza na Casa-Museo Manuel María

A CASA-MUSEO MANUEL MARÍA PRESENTA ESTE SÁBADO, ÁS 18 HRS, UNHA NOVA EDICIÓN DO LIBRO DE MANUEL MARÍA “REMOL

No acto estará presente MARGARITA LEDO ANDIÓN, que escribe o prefacio da nova edición dun poemario que veu a lume hai 50 anos en Bos Aires

 Despois da presentación, ás 19 hrs, a narradora oral, SOLEDAD FELLOZA, levará a cabo un espectáculo, dirixido para público adulto, baseado en textos narrativos de Manuel María

Remol é un libro publicado por primeira vez o 25 de xullo de 1970, na cidade de Bos Aires, a través de Edicións Nós. O libro contén 43 poemas (líricos e intimistas, biográficos, de denuncia e compromiso, e de homenaxe e solidariedade coas persoas que se significaron na defensa dos pobos asoballados polo imperialismo).

A entrada para estas actividades é libre, mais con reserva previa que haberá que realizar a través do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no tel. 698177621, xa que para manter as medidas preventivas da COVID-19 o número de prazas é reducido.

Comunicado do IESCHA de apoio ao Museo de Prehsitoria e Arqueoloxía de Vilalba

COMUNICADO DO IESCHA DE APOIO AO MUSEO DE PREHISTORIA E ARQUEOLOXÍA DE VILALBA


A xunta directiva do IESCHA manifesta a súa preocupación pola situación que está a sufrir dende hai anos o Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba, que presenta un estado lamentable das instalacións debido á falta de mantemento, responsabilidade do Concello, propietario do inmoble.
Para a conservación e o estudo do patrimonio bibliográfico e dos restos arqueolóxicos, expostos ou depositados, debe contar cun orzamento suficiente que lle permita desenvolver as actividades propias de tal institución (conservación, investigación, difusión e outras) e ser un referente importante non só para a cidadanía e para os centros educativos, senón tamén como lugar de interese para as persoas que se achegan a Vilalba facendo o Camiño Norte de Santiago ou en visita turística.
O IESCHA, como entidade cultural difusora do patrimonio material e inmaterial de Galiza e nomeadamente da Terra Chá, considera que o Concello de Vilalba debe amosar sensibilidade e apoiar esta entidade para non deixar esmorecer o único museo da nosa vila, que pode ser ademais un punto de atracción permanente para o turismo cultural.
No Concello de Vilalba, tanto dende o punto de vista histórico canto dende o aproveitamento turístico-cultural, hai xacementos moi importantes, como por exemplo a Pena Grande de Santaballa, que esmorece entre as toxeiras malia ser propiedade municipal dende que a institución municipal solicitara a súa cesión ao estado español para o seu estudo, difusión e posta en valor, o que non fixo dende que é propietario.
As institucións que conservan os restos do noso pasado conservan parte da nosa entidade, que é o que fomos e o que somos.
VILALBA, 3 de outubro de 2020
A Xunta Directiva do IESCHA

AELG.- Letras das Festas. San Froilán 2020: Lorchas e punteirolos (Revista de oral do San Froilán)

Chega unha nova edición da Letra das Festas, a revista oral do San Froilán, baixo o título de Lorchas e punteirolos.

Terá lugar o martes 6 de outubro, ás 18:30 horas, no Salón de Actos do Deputación Provincial de Lugo (Rúa San Marcos, 8).

A entrada será de balde até completar capacidade.

Contan:

  • José Luis Corujo 
  • José Luis Villamarín 
  • Tino Mendaña 
  • José Luis Díaz
  • Toño Núñez 
  • Ovidio Pérez

Ambientación musical:

  • Luís Montero

Coordinación e presentación: