COMUNICADO ANULACIÓN PROVISORIA DO III PREMIO DE POESÍA “TORRE DE CALDALOBA”

COMUNICADO ANULACIÓN PROVISORIA DO III PREMIO POESÍA “TORRE DE CALDALOBA”

Enlace ao comunicado.

En xuntanza celebrada o 13 de outubro de 2020, o Concello de Cospeito, a Asociación Cultural de Pino e Culturalia GZ, despois dunha demorada deliberación acordan manifestar o seguinte:

Un fallo informático na recepción dos traballos presentados á 3ª edición do Premio de Poesía “Torre de Caldaloba” desencadeou un erro administrativo irresoluble que non dá as garantías necesarias para que na convocatoria en curso do certame se poida acadar un ditame legalmente atribuíble a un concurso literario destas características. Tendo en conta todo o anterior, resolven atallar calquera irregularidade sucesiva mediante a anulación da presente convocatoria nas condicións desfavorables nas que se podería desenvolver, provocadas polo mencionado erro administrativo derivado do fallo informático, tamén referido.

Unha vez realizada esta anulación provisoria do certame, abrirase inmediatamente un novo proceso de convocatoria que, aínda conservando a denominación ordinal de 3ª edición, forzará o establecemento duns novos prazos (entrega de traballos, resolución de gañadorxs e entrega de premios) e cunhas BASES axeitadas que proporcionen as garantías indispensables para a execución totalmente carente de calquera prexuízo aos fundamentos dun certame literario (imparcialidade, fiabilidade, transparencia, legalidade).

Ademais para dar maior solvencia a todo o fundamentado procederase á destrución dos traballos e plicas que chegaron ata a data de finalización de recepción dos mesmos.

Iso tamén leva a pedir desculpas a todas as persoas que se presentaran, por todas as molestias causadas, solicitándolles, a elas mesmas e a todas as que non se tivesen presentado, que continúen poñendo a súa confianza neste certame, porque esta decisión, que nos resultou difícil de tomar aínda que imprescindible, é unha boa mostra por parte da organización deste certame poético de primar a súa total integridade e transparencia.

Reiteramos as nosas desculpas e agardamos con maior entusiasmo e prestancia a chegada das obras para esta ‘nova’ do Premio de Poesía Torre de Caldaloba, co ánimo de que siga a medrar no panorama literario galego.

A organización do Premio de Poesía TORRE DE CALDALOBA