REBOIRAS, ACCIÓN E CORAZÓN, proxéctase este sábado na Casa-Museo MANUEL MARÍA

A Casa-Museo Manuel María acolle este sábado, ás 19 h, a proxección de Reboiras, acción e corazón, unha longametraxe documental escrita e dirixida por Alberte Mera e producida pola Fundación Terra e Tempo que leva á pantalla un retrato fiel de Moncho Reboiras desde a vertente humana e política. Moncho Reboiras foi asasinado na madrugada do 12 de agosto de 1975 cando contaba con 25 anos, resultando ser, ao fin, a última vítima mortal en Galiza da ditadura franquista.

O filme combina o documental coa ficción para recrear a súa vida e pensamento valéndose, por unha parte, das testemuñas que con el partillaron diversas etapas da vida, asi como dos familiares e, pola outra, revive a través de secuencias de ficción as últimas horas de Xosé Ramón Reboiras Noia, incluíndo filmacións históricas.

Após a proxección haberá un coloquio con algúns dos compañeiros de Reboiras. A entrada para esta actividade é libre mais é imprescindíbel facer reserva previa a través do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.

Nova convocatoria do III Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA

Cartaz do III Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA

Representantes da Asociación Cultural de Pino, do Concello de Cospeito e de Culturalia GZ

Despois de formalizar a anulación da convocatoria que estaba en curso a causa dun erro administrativo irresoluble consecuencia dun fallo informático previo durante o proceso de recepción de orixinais, o Concello de Cospeito e a Asociación Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Culturalia GZ, convocan novamente a terceira edición do Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA. Esta especie de re-convocatoria, ademais de fornecer a intención de transparencia e rigor do certame, suporá unha modificación dos prazos establecidos e no proceso de envío de orixinais que figuraban na convocatoria anulada. Deste xeito, o remate de achega de orixinais queda fixado para o 15 de novembro, sendo o fallo o 12 de decembro e a entrega de premios o 19 de decembro deste 2020.

Calquera persoa que desexe participar poderá consultar as bases do premio no enlace certamepoesia.concellodecospeito.es, na web do Concello de Cospeito, en Culturalia GZ ou nas redes sociais de calquera das entidades organizadoras.

Precisamente desde a organización do Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA animan á participación neste premio poético que vai enraizando dentro da árbore literaria galega.

Descargar BASES

IEU.- Flora da Ulloa: Excursión botánica ao Monte de Trascastro o sábado 17 de outubro

Para este sábado 17 de outubro, o IEU programa, dentro do seu proxecto Flora da Ulloa, a última excursión botánica do ano, adiada desde pasados fins de semana pola meteoroloxía adversa. O sábado 17 seica estará bastante cuberto -tras dun venres con bastante sol-, mais a día de hoxe con baixas posibilidades de choiva.
Aparte de rexistrar a flora que detecten, principalmente nas penedías de xisto, explorarase a localización do castro próximo e o estado dunha superficie bastante grande que mantén arborado autóctono.

Por mor das novas limitacións polo COVID-19, limitarase a un máximo de 10 persoas.

COMUNICADO ANULACIÓN PROVISORIA DO III PREMIO DE POESÍA “TORRE DE CALDALOBA”

COMUNICADO ANULACIÓN PROVISORIA DO III PREMIO POESÍA “TORRE DE CALDALOBA”

Enlace ao comunicado.

En xuntanza celebrada o 13 de outubro de 2020, o Concello de Cospeito, a Asociación Cultural de Pino e Culturalia GZ, despois dunha demorada deliberación acordan manifestar o seguinte:

Un fallo informático na recepción dos traballos presentados á 3ª edición do Premio de Poesía “Torre de Caldaloba” desencadeou un erro administrativo irresoluble que non dá as garantías necesarias para que na convocatoria en curso do certame se poida acadar un ditame legalmente atribuíble a un concurso literario destas características. Tendo en conta todo o anterior, resolven atallar calquera irregularidade sucesiva mediante a anulación da presente convocatoria nas condicións desfavorables nas que se podería desenvolver, provocadas polo mencionado erro administrativo derivado do fallo informático, tamén referido.

Unha vez realizada esta anulación provisoria do certame, abrirase inmediatamente un novo proceso de convocatoria que, aínda conservando a denominación ordinal de 3ª edición, forzará o establecemento duns novos prazos (entrega de traballos, resolución de gañadorxs e entrega de premios) e cunhas BASES axeitadas que proporcionen as garantías indispensables para a execución totalmente carente de calquera prexuízo aos fundamentos dun certame literario (imparcialidade, fiabilidade, transparencia, legalidade).

Ademais para dar maior solvencia a todo o fundamentado procederase á destrución dos traballos e plicas que chegaron ata a data de finalización de recepción dos mesmos.

Iso tamén leva a pedir desculpas a todas as persoas que se presentaran, por todas as molestias causadas, solicitándolles, a elas mesmas e a todas as que non se tivesen presentado, que continúen poñendo a súa confianza neste certame, porque esta decisión, que nos resultou difícil de tomar aínda que imprescindible, é unha boa mostra por parte da organización deste certame poético de primar a súa total integridade e transparencia.

Reiteramos as nosas desculpas e agardamos con maior entusiasmo e prestancia a chegada das obras para esta ‘nova’ do Premio de Poesía Torre de Caldaloba, co ánimo de que siga a medrar no panorama literario galego.

A organización do Premio de Poesía TORRE DE CALDALOBA

A Asociación Cultural Caldaloba e Culturalia GZ convocan o MANIFESTO 25 N. 25 Voces pola Eliminación da Violencia contra a Muller

Con motivo da conmemoración anual do 25 de Novembro coma Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller, a Asociación Cultural CALDALOBA e o portal web Culturalia GZ deciden convocar o MANIFESTO POLO 25 N. 25 Voces pola Eliminación da Violencia contra a Muller, unha antoloxía que amosará desde a vertente poética  (textual, imaxinativa, gráfica) a visión particular de 25 artistas da palabra e/ou da imaxe arredor do 25 N.

Cada persoa só poderá achegar UNHA única obra ao seguinte enderezo electrónico info@culturaliagz.com.

A data límite para a recepción de obras será o 8 de novembro. A continuación realizarase unha selección de 25 obras de todas as achegadas, e que, segundo o criterio da organización, mellor reflictan o sentido da convocatoria.