Como todos os anos desde Castiñeiro Milenario queremos darlle a benvida á Primavera, do xeito que merece e como nos presta: organizando unha nova edición da Foliada de Primavera.

Comezaremos pola tarde, a partir das seis facendo un pequeno paseo para apañar flores e fentos e xestas e facer un maio ben bonito e grande. Dirixidos polas sabias indicacións da mestra da Primavera, Branca Villares faremos un maio, probaremos a facer algún “maio vivo” e cantaremos unhas pezas ao redor del, nenos, nenas e maiores todas xuntas para dar a benvida á primavera. Un chocolate quentiño daranos forzas para seguir ata que a Foliada chegue.

Despois haberá uns petiscos para empezar unha nova edición da Foliada de Primavera. A partir das oito e media, comezará a festa con dous grupos, desde Outeiro de Rei con sangue e forzas propias da mocidade virá Filseira, con moitas gañas de cantar e bailar, e para rematar, desde Lugo, a Asociación Arrincadeira. Despois, foliada aberta ata que os corpos aguanten.

AC Castiñeiro Milenario
Pacios, 85 27373 Begonte
http://castinheiromilenario.wordpress.com
https://gl-es.facebook.com/castineiro.milenario
https://twitter.com/CastinheiroMile
https://www.flickr.com/photos/castinheiromilenario/
http://festival27373.wordpress.com/