Acto de entrega do II Premio AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade a Rosa Aneiros

Este sábado, 2 de febreiro, a partir das 20:30 horas celebrarase no Auditorio Municipal de Vilalba o acto de entrega do II PREMIO AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ DE NARRATIVA INFANTIL E XUVENIL POLA IGUALDADE á escritora Rosa Aneiros pola obra titulada UNHA MANTA RILLADA presentada baixo o lema ou seudónimo de KHOEDI. Este premio está organizado polo Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia.

Adxúntase cartaz, nota e invitación para o acto de entrega do citado galardón literario.

*Información facilitada polo IESCHA.

Exposición de Pintura CROMATOPÍA, de Adolfina Mesa, no Museo Das Aves, Cospeito

O vindeiro sábado, 2 de febreiro a partir das 19:00 horas, quedará inaugurada no Museo das Aves de Cospeito a Exposición de Pintura CROMATOPÍA, da artista Adolfina Mesa. Dita Exposición está organizada polo Concello de Cospeito en colaboración con Culturalia GZ.
Permanecerá á vista do público durante todo o mes de febreiro en horario habitual de dito Museo, ou mediante chamada telefónica previa ao Concello de Cospeito para concertar unha visita fóra dese horario de apertura.

A Exposición CROMATOPÍA desenvólvese coma un relato emocional no que o escenario de cor-espazo provoca que poidan coexistir distintos cronotopos que se artellan e relacionan na trama textual e cromática, creando unha atmósfera especial e un determinado efecto nas emocións dentro dun diálogo entre a obra e o espectador. Destaca a busca da artista orientándose cara a novas dimensións emotivas e concenptuais, afastándoa da realidade sen deixar de concebila.

CROMATOPÍA leva á artista Adolfina Mesa a sentir a necesidade de non ser pintora simplemente, senón integrarse na estrutura diálogo e cromatismo, no que cor, forma, espazo e tempo transcendan dende o inédito cara ao permanente, aínda que sexa a costa de renunciar ás máis clásicas estéticas e diálogos, para acadar a sensibilidade de xeito harmónico. Unha construción onde ‘arte’, represente máis que pintura e se expanda ao lirismo da poesía.

Exposición Colectiva de Pintura MUJERES LIBRES en La Ferretería Eventos & Co. de Lugo

A Exposición Colectiva “MUJERES LIBRES” é un evento organizado e comisariado por Luisa Paz Montenegro, no que participan un total de 13 artistas; un grupo conformado por artistas plásticos e fotógrafos, que amosará as súa interpretación e visión persoal sobre a liberdade da muller usando como eixo protagonista a imaxe das nais, nos estilos que cada artista desenvolve e o identifica. O elenco de artistas participantes confórmano os seguintes nomes: Adolfina Mesa, María Luisa Novais, Ana Rodríguez, José Blázquez, Rosa Guisán, Eduardo Sampayo, Xosé Manuel Otero, Uxía Otero, Carmen Torreiro, Ali Minguillón, Luisa Varela, Concetta Montenegro e a propia Luisa Paz.

Dita exposición será realizada na Galería de arte La Ferretería Eventos & Co., situada na rúa San Froilán 11, 27001 Lugo, o día 30 de xaneiro de 2019 ás 20:00 hrs., onde se producirá o encontro de artistas e público asistente.