SOÑO DE OUTONO

SOÑO DE OUTONO

…Polas canles senlleiras

do destino,

onde se tece imparable… a nosa historia,

como escapa a auga

entre as pedras

e non resoan… os nosos pasos entre a folla.

Pódese oir o vento incansable,

como canta co seu laío adoecido,

métese por entre as enrugas da memoria

onde dorme o teu recordo… paseniño.

E mentras tanto por entre as pólas

o aire vai debuxando… fantasías,

corazón espído de tenruras

de melodías ledas e agarimos…

Na raia divisoria dos teus beizos

onde nace a semente

dos meus versos,

nace tamén con sentir impenitente

o latexo que dispe a miña derme…

Outono que pintas os carballos

e debuxas no meu soño… fantasías,

de cores enches os meus prados

trocando as miñas penas en ledicias…

Carta ao Apalpador, por Antón de Guizán

Carta ao Apalpador, por Antón de Guizán

Benquerido Apalpador, desde os Vilares témosche un especial aprecio por varios motivos, xa que a recuperación da túa figura para o Nadal galego débese en grande medida a un nativo da nósa parroquia, José André Gonzâlez Lôpez, André da Ponte, neto do xastre da Ponte, irmao de Pedro Patricio, Pedro Trapeiro, que tantas veces ten andado polas túas terras do Courel aos farrapos… André é o autor do traballo de investigación sobre ti que deu lugar a que sexas o elemento simbolico tradicional propio do noso Nadal.

Escribimosche esta carta sabedores de que cada ano tes máis choio, pero non pedimos nada que non sexa necesario e xusto para a nósa parroquia, e que ademais son asuntos pendentes desde hai moitos anos.

Como ben sabes, nos Vilares está a casa natal do poeta Díaz Castro, e que esa entidade tan necesaria chamada Xermolos traballa para recuperar para Casa da Xente, polo que non estaria mal que botaras unha man para que as administracións apoien o que até agora lle negaron.

Temos tamén na parroquia unhas pinturas ao fresco na igrexa con máis de cinco séculos de antigüidade que si non se restauran, desaparecerán definitivamente e sería bó tamén que o Concello e a Deputación de Lugo abandonaran o seu sectarismo político e apoiaran coa igrexa e a Xunta de Galicia a definitiva salvación dos frescos.

Asimesmo, no mandato municipal que comenza o próximo ano, pedimosche que sensibilices ás forzas políticas de Guitiriz para que acometan, de acordo coa Comunidade de Montes dos Vilares, a mellora da Escola Habaneira da Conchada, que cumpre 💯 anos en 2023, e está será a mellor homenaxe aos nosos emigrantes que investiron cartos e traballo en dar cultura aos seus paisanos. E teriamos moitas máis cousas que pedir, sobre todo na recuperación do noso patrimonio, a súa recuperación e posta en valor, como a mamoa das Carriceiras descuberta por nós e aínda sen sinalizar nin protexer, o cruceiro do Calvario que vai para un ano rompido e sen reparar, os cobertizos da Feira do Sete e a Casa do Sindicato en total abandono, o muíños, fontes e lavadoiros cimestos polos toxos e as silveiras… pero somos realistas e sabemos que vai ser difícil recuperar todo isto en 2019.

Polo tanto, só con ver os albaneis trabalhando na casa de Díaz Castro no Vilariño, os andamios cos restauradores recuperando os frescos da igrexa e os programas dos grupos políticos de Guitiriz incluindo a reforma e adecentamento da Escola Habaneira da Conchada, teremos andado un importante camiño para revitalizar o rural na parroquia do poeta.

Xa temos demandado estas actuacións ao Papá Noel e aos Reis Magos, pero xa sabes, son xente de fóra que non se identifica coa nosa realidade e basean todo no “márketing” e en agasallos superficiais. Recurrimos a tí que ademais de ser do país, tes coñecemento directo do lugar polo que che terá contado o André da Ponte nas moitas visitas que ten feito ao Courel e as moitas conversas que teredes botado a carón do lume.

Sabedores de que che facemos unha encomenda complicada, que é sensibilizar ás administracións sobre o que realmente importa, conta con nós para seguir loitando por salvar ao rural deste esquecemento e con él poñer en valor as nosas raíces e o orgullo do que somos.

Agradecendo a túa atención e compromiso cos máis humildes e con todo o noso, recibe un forte abrazo de:

Os Vilares, lareira de soños

 

 

*Na imaxe André da Ponte con unha figura do Apalpador.

VÉRTICE DE VERSOS, Longametraxe Documental, na Casa-Museo Manuel María, o vindeiro sábado, 8 de decembro

VÉRTICE DE VERSOS, Longametraxe Documental, na Casa-Museo Manuel María, o vindeiro sábado, 8 de decembro

A Casa-Museo Manuel María programa para este sábado, día 8 de decembro, ás 19 hrs, unha longametraxe documental titulada “Vértice de Versos”, en que se repasa o acontecido desde os anos 90 no universo poético da Galiza (http://carloslorenzo.gal/verticedeversos/) .

Dirixido e producido por Carlos Lorenzo, este proxecto audiovisual presta atención ao valor didáctico que permite coñecer a principal fonte literaria galega. É a primeira vez que un documentario se adentra na poesía galega, descubrindo a súa historia, contando a revolución literaria dos 90 e coñecendo como están sendo as novas formas de expresión poética.

Ao final da proxección haberá un coloquio co seu director. A entrada é libre até completar o aforo (Pode reservarse anticipadamente en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no tel. 698177621)

Por último, comentar por se queredes achegarvos a visitar a Casa-Museo, que este xoves, día 6 de decembro, estará aberta en horario de 11 a 14 e de 16.30 a 19.30.

Velaí o arquivo informativo do citado evento

 

 

* Información achegada desde a Casa-Museo Manuel María.