BALBINO, novo espectáculo da Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos

BALBINO, novo espectáculo da Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos

Balbino, o novo espectáculo da Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos, chega ao auditorio de Vilalba o domingo 15 de outubro.

Espectáculo que conxuga baile e música como recursos obvios, así coma outros non tan previsibles pero enormemente relevantes, que acompañan a un reparto de máis de 90 artistas para situar ao público no escenario vital dun neno de aldea, pero dende un punto de vista orixinal. A novela “Memorias dun neno labrego”, do recentemente finado Xosé Neira Vilas, serve como punto de partida para crear unha proposta multidisciplinar que medra ao longo das diferentes escenas que reflicten a sociedade galega de mediados do século XX: as clases sociais, o éxodo, os costumes ou a rebelión reprimida.

Data: Domingo 15 de outubro de 2017

Lugar: Auditorio Carmen Estévez

Hora: 20:30h

Duración aproximada: 1h e 20 minutos.

Entrada única: 10€ (en Ataquilla.com e na Casa da cultura) e o día da actuación na taquilla do auditorio.

Para todos os públicos.

Actividade pertencente ao programa Danza 3 que promove AGADIC .

Colaboran:AGADIC (Consellería de Cultura, Educación e Ordenación) e Xunta de Galicia.

 

*Información facilitada dende a Área de Cultura do Concello de Vilalba

ESTRELA non FUGAZ

ESTRELA non FUGAZ

ESTRELA non FUGAZ

 

Non pretendían agarrar coas mans a lúa,

aínda que a luz de guía fora precisa

nesa noite que tinguía ao sol do día.

Só querían unha estrela, unha e núa,

para deixar prendida na bandeira.

Mais os sátrapas estaban á espreita

agardando a caída da escada,

ávidos da sangue temperada

dos castellers afeitos ás alturas.

Mans que termaban de corpos,

ombreiros que arrimaban palabras,

olladas que abrazaban as forzas máis humanas,

mentres as hordas de Sauron

esnaquizaban a dignidade e a cordura

na xornada en que todo remataba

con bágoas de ledicia e sorrisos de mágoa.

Hoxe a estrela continúa ondeando

sobre un ceo azul de triángulo equilátero;

hoxe apreixan orgullosos ese mastro

portador da esperanza na República.

EXPOSICIÓN DE DEBUXO E PINTURA de ISABEL PARDO

EXPOSICIÓN DE DEBUXO E PINTURA de ISABEL PARDO

O IESCHA organiza a Exposición de Debuxo e Pintura de Isabel Pardo, dende o 6 ao 31 de Outubro de 2017 no Auditorio Municipal de Vilalba

A inauguración da mesma producirase o vindeiro venres, 6 de outubro, a partir das 20:30 horas.

 

O Instituto de Estudios Chairegos, continuando coa súa programación de outuno, ten previsto presentar o venres, día 6 de outubro de 2017, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba, a EXPOSICIÓN DE DEBUXO E PINTURA, con traballos da artista chairega ISABEL PARDO MARTÍNEZ, alumna de 4º de ESO no IES BASANTA SILVA.

A exposición confórmana 26 obras de debuxo -con técnicas de carbonciño ou lapis- e pintura -óleos, principalmente-.

A debuxante e pintora escribe así sobre o seu traballo:

“Debuxo para encher o tempo no que tardo ver chover.

Debuxo para ver música e escoitar pintura.

Debuxo para estar con aqueles cos que non poido estar.

Debuxo para evocar ese arrecendo un pouco doce, un pouco amargo; un pouco a pechado e un pouco a mar aberto.

Debuxo para contar segredos inconfe-sablemente reais, porque iso salva dunha morte a distancia, a distancia entre a mente e a vida.

Debuxo para separar a razón da parte que me incumbe.

Para non correr en círculos humanos.

O problema chegará o día no que descubra que debuxar non me salva do mundo, senón que me salva de min mesma.”

 

*Información facilitada polo IESCHA

ADORMENTADOS

 

ADORMENTADOS

Mentres nos imos adormecendo
dourándonos baixo o sol
iluminados pola divina graza
de ser pobo nomeado
chamado a esmorecer de éxito
entre as ruínas

Logo da enchente
da bendita democracia
atada e ben atada
mantida de mentiras
polos mercenarios, sicarios
das elites establecidas
caciques de toda a vida
Mentres…

Agora que as xeracións
do rompente e as vangardas
nos anos oitenta e noventa
amortizamos as hipotecas
coas canas
mantendo aos fillos no exilio
con futuros incertos
e eufemismos varios

embriagados pola tecnoloxía
e o sensacionalismo político
en coma etílico de razón e demagoxia
subministrada por adoutrinadores
especialistas en non dicir nada
subvencionados
por votantes á carta
de partidos de marca
Xa logo
como individuos
institucionalizados
non temades ao espertar
cansos e limpos
contemplando as ruínas
do novo fascismo
dourándonos baixo o sol
de novo
sabéndonos a salvo
por ser súbditos
censados como ovellas.
Deamos grazas …

<< Non hai maior desgraza
que un pobo castrado>>.

Pilar Maseda.