REFLEXIÓNS SOBRE O DÍA DO LIBRO

REFLEXIÓNS SOBRE O DÍA DO LIBRO

Este pasado domingo, 23 de abril, celebramos na Casa da Cultura de Vilalba, ao igual que sucedería noutros moitos lugares, o DÍA DO LIBRO. Celebrar o Día do Libro é enxalzar a palabra, é respirar a fragrancia dos sentimentos, é sentir murmurio lento da vida.

En colaboración coas Concellarías de Cultura e Educación, na edición deste 2017 organizáronse dúas actividades que eran novas, e que, talvez, por esa circunstancia provocaron unha certa reticencia na participación da cidadanía, sen esquecermos a paréntese do período de Semana Santa. Con todo, a xente que nos acompañou na xornada dominical amosou satisfacción pola temática atraente das citadas actividades propostas. E dita actitude positiva incitou en nós como entidades convocantes o desexo de que en edicións vindeiras emendemos os erros cometidos desta volta co gallo de que a participación da xente vaia medrando en número.

Xa centrándonos na información referente ás actividades, dicir que no I CONCURSO LIBRO, CÁMARA E ACCIÓN, desafortunadamente só foron dous os vídeos presentados. Daquela, catro dos seis posíbeis premios ficaron desertos. Aínda así, os membros do xurado, composto por Yolanda Purriños, María Xosé Lamas, Chema Felpeto e Patricia Teijeiro, en calidade de secretaria do xurado con voz e sen voto, decidiron outorgar os seguintes galardóns:

Primeiro Premio, consistente nun Ipad de última xeración, para o vídeo Razones para seguir viviendo realizado por Paula Rodríguez e interpretado por Óscar Rodríguez. Este vídeo está baseado no libro homónimo de Matt Haig,

Finalista, consistente nun lote de libros de Carlos Casares, para o vídeo titulado Producións O Carballo presenta: A vaca que puxo un ovo, creado por Andrea Paz Balseiro, Manuel Crende Balseiro e Alba Balseiro Traveso.

En canto á actividade UN LIBRO POR UNHA CITA, foron varias as persoas que tentaron descubrir o título e o autor dos libros presentados e perfectamente envoltos cunha cita dos mesmos na parte exterior do envoltorio. Debendo engadir que esta actividade xerou un especial entusiasmo.

Finalmente, como administrador de Culturalia GZ, quixera parabenizar a todos/-as os/as premiados/-as e dar as grazas aos participantes en cada unha das actividades e animalas a continuar colaborando nestas e outras actividades, co desexo de que se sumen máis en futuras edicións do Día do Libro. Nas grazas anteriores tamén quero incluír aos anteriormente citados membros do xurado pola súa tarefa deliberativa. E non vou rematar sen estender o meu agradecemento ao Concello de Vilalba, en concreto ás Concellarías de Cultura e Educación, representadas nas persoas de José Antonio Pita e Patricia Teijeiro, respectivamente, por contar con esta weblog e comigo para que se acheguen iniciativas que favorezan a progresión da cultura vilalbesa.

Un libro, un sentimento, unha vida.

 

TRAS DO POXIGO

TRAS DO POXIGO
Tras do Poxigo
miradoiro pretérito
da Vila Outa
corredoira frolida de mapoulas
vieiro dos berros silenciados
corpos e almas maltratados
nas noites estreladas
medo e coitelos agochados
baixo as almofadas de inocencia
Tras do Poxigo
porta traseira da Vila Outa
acomplexada da súa identidade
cerne e defensa da Vila feudal
miradoiro esquecido polo pobo
ribado de ortigas e silveiras
e roupa ao clareo no cómaro
pequena patria…
atallo da inxenuidade…
Tras do Poxigo
rebulir de gorrións
niñada de xílgaros
camiño de carro e serventía
as Pedreiras ao Rolo
á Ferrería…
Tras do Poxigo
atallo silandeiro ao Madalena
pousadoiro das zocas
porta da servidume
vertedoiro da Vila renegada
lugar esquivo de indiscretas olladas
noción de existir
voando en soños trala fiestra
onde remataba a Vila…
Onde todo foi comenzo…

PILAR MASEDA “Tras do Poxigo”: Camiño da Praza de Santa María as Pedreiras en Vilalba

FALLO I CERTAME VILARIÑAS

FALLO I CERTAME VILARIÑAS

Andrea Araújo Alonso, da Guarda e residente en Tomiño é a gañadora do Primeiro Certame de Micropoesía da Chaira
coa <VILARIÑA> “Teño un pintor”. Andrea estuda artes escénicas na Escola Superior de Vigo.


O segundo premio foi para o xornalista Pedro Rielo Lamela, de Pontevedra, coa <VILARIÑA> “Gran carballo”.


En terceiro lugar, o profesor e escritor Toño Núñez Álvarez, de Navia de Suarna e residente en Lugo, coa <VILARIÑA> “Abrín os ollos”.
As 150 <VILARIÑAS>, de grande nivel, recibidas de distintos lugares da xeografía galega, serán publicadas nos vindeiros días en www.culturaliagz.com.

Para a entrega de premios organizaremos un acto poético público.

Tanto pola participación como pola calidade dos poemas, consideramos un éxito esta primeira edición das <VILARIÑAS> cuxo nome, en homenaxe ao poeta dos Vilares, e en concreto do lugar do Vilariño, conta xa con outra proposta poética orixinal e aberta á participación de quen o desexe pola súa sinxeleza.

A dificultade da escolla dos premiados é a demostración da alta calidade das <VILARIÑAS> apresentadas a este certame creado pola NPG Nova Poesía Guitirica e a Asociación Sociocultural Lareira de Soños dos Vilares.

*Información facilitada polas entidades convocantes.