DEMIURXIA. “Sobre cartos, poder, códigos deontolóxicos e ¿literatura?”, Patricia Torrado Queiruga

DEMIURXIA

Patricia Torrado Queiruga

Sobre cartos, poder, códigos deontolóxicos e ¿literatura?

Soe dicirse que quen non se manifesta do lado do oprimido é que está da banda do opresor. Dende o pasado sábado ríos de tinta, miasmas e xenreira teñen circulado polos xornais e polas redes, a maior parte sen fundamento ningún e pensaba deixar pasar, pero coñézome e teño límites.

Saía o pasado sábado unha entrevista a un autor que falaba de dúas experiencias que tivera cunha editorial, unha boa e outra nefasta. Poñía enriba da mesa todo o que o levaba a denunciar públicamente o periplo de irregularidades polas que pasou e si, sei do que falo, non por boca de Alberto Ramos, o autor ao que aludo, senón pola miña propia experiencia, se ben non con esta editora, si con outra do ámbito galego e tamén a raíz dun premio. Saben os meus canto cheguei a odiar gañar aquel premio, polas dores de cabeza, o enfado prolongado no tempo e, sobre todo, a decepción.

Estes días houbo quen saíu a defender botando merda, dicindo que se publican só as obras que son boísimas. Mentira!, a que suscribe estivo traballando como “editora” (se ben non cobraba como tal, pero iso xa é fariña doutro muíño) e a cuestión non era a literatura, eran os cartos. 

Podemos dar golpes no peito e dicir que só sae a boa literatura á rúa. Mentira! Sae o que pode venderse, o que pode ter un público para o que pague a pena poñer a traballar as impresoras, para que pague a pena maquetalo, corrixilo, para que xere riqueza. Ás veces, esa riqueza vén de Concellos, Secretarías de Política Lingüística, Deputacións e grandes empresas que deciden investir en cultura (e deixemos esta última oración a que cada unha de vós interprete por que ese apoio, se é desinteresado, ou de que tipo, pois a cultura hai moito tempo que os que nos centramos nela deixou de vender).

Como persoa que se dedicou a isto, que fixo contratos a autoras e autores que viñeron coa súa obra e a maior das ilusións, que se presentaron a premios e que aínda así tiveron un contrato nas súas mans no que se lle recoñecía o traballo e o posible rendemento do mesmo; e como persoa que escribe, ben ou mal, pero que escribe para satisfacción propia e ás veces allea tamén, dicir que todo o mundo merece o maior dos respectos e non unha pataleta infantil impropia dunha persoa que ten estudado filosofía, retórica e dialéctica, coma min mesma. Pois en filosofía tiñamos aquilo de argumentos ad hominem (aquel que ataca directamente ao carácter ou atributo do emisor, sen aportar nada á argumentación, é dicir, carente de sentido) e ad nauseam (este último no que se incita a que a discusión sexa superflua para fuxir dos razoamentos que non se poden contrarrestar) algo que carece de valor.

O que subxace a todo isto é que a mala praxe de unha, dúas ou vinte editoras fai que todas perdan credibilidade, peso e sobre todo forza, e recórdolles que non estamos para guerras internas cando se nos vai tanto nestas loitas de poder banais e rancorosas, nas que temos que defender o traballo a prol da lingua, o respecto a quen escribe, e os dereitos sobre a obra de cada quen (sexa boa ou mala, non vou entrar nese tipo de consideración). Porque hai códigos deontolóxicos dentro da profesión, ao mellor, non escritos, pero nos que rixe o sentido común e que non se deben traspasar. 

Quen teña que asumir responsabilidades que as asuma, quen teña que envainar a vaidade que a envaine e traballemos como este idioma reclama, como as autoras reclaman e como Galiza merece.

E quen faga defensas do “a min non” e lave as mans, coido que non entendeu nada. Todo este periplo lembroume a cando a veciñanza é entrevistada logo dun ataque violento e di: saudábanos sempre, é incrible!.

Maioría de idade, crítica, responsabilidade, e asunción da culpa, diría Inmanuel Kant.