Día de Rosalía 2024 na Biblioteca Rural San Martiño de Pino [Galería de imaxes]

Este pasado venres 23 de febreiro celebrouse na Biblioteca Rural San Martiño de Pino o DÍA DE ROSALÍA 2024, ao tempo que se realizou a entrega de premios do III Certame de Caligramas CONSTANZA DE CASTRO, que vén convocando a Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Caldaloba.es e Culturalia GZ.

O acto comezou co saúdo de Inés Lozano Carral, presidenta da Asociación Cultural de Pino.

A continuación, Martiño Maseda realizou a lectura do Manifesto da AELG polo Día de Rosalía, cuxa autoría nesta edición correspondeu ao escritor Carlos Callón.

Deseguido tivo lugar a entrega de premios ás autoras galardoadas no III Certame de Caligramas CONSTANZA DE CASTRO:

Laura Sánchez Castro, gañadora do segundo premio pola obra Engrañaxes, non puido asistir ao acto, mais si achegou un vídeo onde, ademais de ofrecer a súa gratitude polo premio, contou brevemente o seu caligrama.

A que si estivo presente en Pino para recoller o galardón foi Patricia Torrado Queiruga, gañadora do primeiro premio pola obra súa Última noite en Caldaloba, quen tamén ofreceu unha breve explicación do seu caligrama, ao tempo que salientaba a súa gratitude porque Pino, e a Terra Chá, xa formaba para da súa memoria do corpo (emulando palabras do escritor de nacenza chairega, Xesús Rábade Paredes).

Rematada a cerimonia de entrega de premios, varias mulleres presentes participaron na actividade Enmarcando a Rosalía, na que realizaron a lectura de textos rosalianos e deixándoos adheridos nun cadro coa imaxe de Rosalía de Castro.

En varios momentos do evento contouse coa interpretación de pezas musicais a cargo de Avelino Roca acompañado polo grupo de música de nenas e nenos de Pino.

GALERÍA VIDEOGRÁFICA

*Autoría das imaxes: José Manuel Pena Regueiro e Martiño Maseda

Entrega de premios do V Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2023 (Galería gráfica)

Este sábado 9 de setembro celebrouse no salón de actos da Casa da Cultura de Vilalba o acto de entrega de premios do V Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2023, que organiza o Concello de Vilalba coa colaboración de Culturalia GZ. No acto presidido por Tamara Rodríguez, concelleira de Cultura do Concello de Vilalba, participaron Elba Veleiro, en calidade de alcaldesa de Vilalba, Martiño Maseda, administrador de Culturalia GZ, Cecilia Fernández Santomé, como integrante do xurado e Henrique Alvarellos, director de Alvarellos Editora, entidade, que publica de xeito bienal as obras que acadan premio nas distintas categorías do mencionado certame literario.

Ao longo do acto houbo o acompañamento musical do dúo formado por Esteban Cabana e Baruk Domínguez.

Lembremos que o xurado conformado por Ánxela Gracián, Armando Requeixo e Cecilia Fernández Santomé escolleron como obras gañadoras na presente edición do certame as seguintes:

Categoría Infantil:

3ºArwen Fernández García, co microrrelato “O Libro”

2º Paula Pérez Cendán,  co microrrelato “Unha noite no cemiterio”

1º  Duarte Mariño Torrado, co microrrelato “Historias da semente”

Categoría Xuvenil:

3º  Óscar Linares González, co microrrelato “O neno e a cidade”

Noa Domínguez Moreda,  co microrrelato “Memorábel”

 Berta Comesaña Alonso,  co microrrelato “CIFRAS”

Categoría Adulto:

Enrique Manuel Neira Pereira, co microrrelato “Naufraxio dobre”

2º Mª Isabel Vázquez Rodríguez,co microrrelato “Paralelas Diverxentes”

  Raquel Fernández Fernándezco microrrelato “A Vaca”

Velaquí unha pequena galería fotográfica que recolle distintos momentos da cerimonia de entrega dos premios.

*Imaxes faiclitadas por Sonia García Paredes, técnica de Cultura do Concello de Vilalba

Acto de doazón de exemplares da obra e da biblioteca de Darío Xohán Cabana na Biblioteca Rural de San Martiño de Pino [Galería fotográfica]

Na imaxe, familiares de Darío Xohán Cabana con representantes da Asociación Cultural de Pino

Na xornada vespertina do sábado 20 de maio, o local da Biblioteca Rural de San Martiño de Pino acolleu o acto de doazón de exemplares da obra e da biblioteca de Dario Xohán Cabana. Dito espazo cultural resultou escaso para a afectuosa acollida manifestada pola veciñanza de Pino e doutros lugares que se achegou para recibir unha parte do legado literario do escritor (da parroquia natalicia de Roás, en Cospeito) a esta biblioteca rural chairega. A súa viúva Amelia, a súa filla Alexandra e a súa neta Leonor foron receptoras da gratitude e o agarimo que lles ofreceron as persoas que alí se congregaron.

O acto, organizado pola Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, coa colaboración de Culturalia GZ, fíxose amigable e emotivo xa na intervención inicial da presidenta da citada asociación, Inés Lozano Carral, quen, coas súas palabras, quixo ser voceira do recoñecemento colectivo experimentado ante a dimensión de tal doazón literaria. Despois interveu Ana Castro Pardo que, atendendo ó seu labor docente, realizou un esbozo da figura de Darío Xohán Cabana. A continuación, o escritor Martiño Maseda recitou unha carta-poema creada ex professo para tal celebración. Un momento especialmente emocionante aconteceu cando se proxectou un vídeo con imaxes do propio Darío, no que tamén apareceron outras persoas que quixeron homenaxealo lendo textos das súas obras Galván en Saor e As aventuras de Breogán Folgueira. ou dicindo, a través dunha frase encadeada, unha inesgoble expresión de GRAZAS. Deseguido tomou a palabra Alexandra Cabana Outeiro que, ademais de realizar unha sentida defensa dos libros como un alimento vital necesario, declarou o seu agradecemento polos instantes acontecidos durante o acto de doazón. Agradecemento ao que se sumou a súa nai Amelia Outeiro, quen tamén trasladou a satisfacción de ver como froitos literarios do seu compañeiro de vida, Darío Xohán Cabana, repousaban nos andeis da Biblioteca Rural de Pino para que os desfrutasen as persoas usuarias de devandita biblioteca.

O evento rematou coa interpretación do himno galego por parte de Avelino Roca (secundado polo coro de voces das demais persoas asistentes) co acompañamento musical ao acordeón de Suso Álvarez. Aínda que a súa conclusión definitiva prolongouse coa conversa entre os presentes aderezada coa degustación dun ágape.

Enlace á GALERÍA FOTOGRÁFICA

https://drive.google.com/drive/folders/15JBBNRI9_I3Lx0IAvmxtECUp7x7bUp77?usp=share_link

*Reportaxe fotográfica realizada por José Manuel Pena Regueiro

Presentación do libro “IRMÁS. Oito diálogos contra a desmemoria” na Casa da Cultura de Vilaba [Galería fotográfica]

Onte o salón de actos da Casa da Cultura de Vilalba acolleu, con notable afluencia de público, a presentación do libro IRMÁS. Oito diálogos contra a desmemoria, editada por Alvarellos Editora, coa colaboración do Concello de Vilalba. Esta obra nace a partir do «Proxecto Irmás», impulsado por Culturalia GZ e baixo a coordinación de Beatriz Dourado.

En IRMÁS oito autoras actuais renden homenaxe a outras tantas mulleres silenciadas da época das Irmandades da Fala (1916-1936).

As autoras participantes no libro son: Eilún Del Pazo Moa, Beatriz Dourado, Cecilia Fernández Santomé, Míriam Ferradáns, Rochi Nóvoa Vázquez, Patricia Torrado Queiruga, Lupe Bao Reixa e Tamara Andrés.

As Irmás reinvidicadas son: Amalia Álvarez, Olimpia Valencia, María Luz Morales, María Miramontes, Elvira Bao, Jacinta Landa, Amparo López Jean e Teruca Bouza.

No acto deste sábado, presidido pola alcaldesa de Vilaba, Elba Veleiro, tomaron a palabra, ademais da propia alcaldesa, Beatriz Dourado, en calidade de coautora e coordinadora da obra; Martiño Maseda, representando a Culturalia GZ, entidade promotora desta iniciativa; Henrique Alvarellos, como editor da obra; e seis das oito coautoras participantes: Cecilia Fernández Santomé, Rochi Nóvoa Vázquez, Beatriz Dourado, Eilún del Pazo Moa, Lupe Bao e Patricia Torrado Queiruga. Nas súas respectivas intervencións, todas amosaron a súa congratulación por formar parte desta obra que tece irmandade reivindicativa e literaria, ademais de manifestaren o desexo plausible de que teña continuidade no tempo.

Lembrar que a capa do libro é autoría de Adolfina Mesa.

Velaquí unha galería fotográfica que recolle distintos momentos durante a presentación de onte:

*A imaxes foron facilitadas polo propio Concello de Vilalba.

Conversa con… Xesús Rábade Paredes e Helena Villar Janeiro na Biblioteca Rural San Martiño de Pino

O vindeiro 7 de xaneiro de 2023, a partir das 17 h., a Biblioteca Rural San Martiño de Pino (no local social, antiga escola de Pino) acollerá unha conversa literaria cos escritores Xesús Rábade Paredes e Helena Villar Janeiro. Este encontro literario, que será moderado por Martiño Maseda, está organizado pola Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino e a Biblioteca Rural San Martiño de Pino, coa colaboración de Culturalia GZ, a Editorial Galaxia e a Librería Díaz.