DEMIURXIA. “Grolos de eternidade” Patricia Torrado Queiruga

DEMIURXIA

Patricia Torrado Queiruga

Grolos de eternidade

Cando morra, se non me estourou o corazón de tanto amar á miña xente, seguro que cando me abran a tapa do peito e separen as costelas para trasplantar o órgano dos latexos atoparán a pegada indeleble da súa palabra, dos seus xestos, da súa fala.

Teño na memoria da pel, tatuados groliños de ensinanzas.

Nena, para enxertar hai que facelo antes da primavera, cando as árbores teñen aínda a saiva durmida, para que lles dea tempo a recompoñer a ferida. Aquela nena tiña só cinco anos, mais xa con tres ou catro ía da súa man inmensa, porque todos os avós son de mans inmensas, ao monte e logo de apañar o batume sentabamos sobre unha laxe, cos ollos pechados para recoñecer as aves polo seu canto, e cando os abriamos a recoñecelos polo seu voo ou polos saltiños entre o mato.

Para saber se o forno está quente, ten que a pedra virarse branca.

Temos que coidar da natureza se queremos que ela nos protexa a nós.

Nunca deixes que un home te manteña.

Estuda, viaxa, soña e loita polo que creas xusto. Lembra que malia que naciches en democracia a vida vira pronto, tolos sempre os houbo e xente aleitada no odio tamén.

Estas pílulas viñan a ti tiveses a idade que tiveses e no momento menos esperado, pero quedaron coma as espiñas dunha roseira, incrustadas na carne.

Pasamos fame e soubemos de escapados que o único delito que cometeran fora o de loitar polos seus, ser críticos ou creativos.

Dentro daquela humildade levaba con fachenda o oficio, pois sempre se creu da estirpe sagrada dos carpinteiros, que aprendera do pai e do avó. Escoitaches como fala a madeira?

Fuxía da escola porque o obrigaban a falar castelán, porque naquela casoupa pequecha, coas fiestras rotas, os pés descalzos, cheos de piollos e apertados non se estaba nada ao xeito. E porque fóra, sempre había mil aventuras por descubrir, mil cousas por facer, e el era armadanzas nato.

Co seu primeiro soldo na emigración a Huesca mercoulle un abrigo á nai e logo cos aforros fíxolle unha casa, ben a merecía, despois de criar sete fillos e vivir de alugueiro toda unha vida nunha vivenda de chan terreo e separada do gando por unha cortinaxe.

No tempo da vendima hai que apañar as uvas pola fresca, pero en días solleiros. E tinxir os dedos das cores do outono e recadar noces coma un esquío para triscalas no taller ao longo do ano.

Toda muller ten que saber empregar unha navalla.

No tempo da matanza só se pode sacrificar un animal por aldea e día, pois se se escoitan uns aos outros tómaselles o sangue.

Fai o ben e non mires a quen. Esta última, moitas afrontas lle ten granxeado coa avoa: “ pero home, agora que teñen cartos vailles cobrar as portas e as ventás que lles fixeches”. A resposta era sempre a mesma: “saben que me deben e saben onde vivo, mais se non queren pagar, diosllelosempreste para a botica”.

Morto o caudillo, comprometeuse cos ideais dunha Galiza nacionalista e internacionalista e concorreu ás mesmas nunha listaxe municipal. O día daquelas eleccións primeiras, o cura da parroquia sacouno fóra do colexio, amosoulle un revolver e díxolle que “hai cosas de las que es mejor no hablar y otras que no debes criticar”. Logo dunha pequena liorta e uns cantos golpes, polo ben e o descanso da muller, deixou a política.

Vía as corridas de touros só por ver se ese día había sorte e algún animal acometía a un tolo imprudente. E como lle gustaba escoitar cantar á Faraona, e eu con el, embelesados ollando a forza daquela muller sen pelos na lingua.

Naquela casa sementada de labras de madeira a cadela aleitaba uns gatiños orfos, as gatas baixaban pescar á seca e aprendiamos a ir ás mariolas antes incluso de saber nadar. Sempre había un prato quente para calquera que chegara pola porta, fose da etnia que fose, un tractor listo para quen o precisase ou unha vaca para prestar coa xugada.

Incitador desta voracidade bibliográfica que me asedia, os domingos eran días de festa. Cada domingo un libro. El que só cría no deus dos seus pais, detractor de todos os cregos, agás do seu amigo Xoanxo, acubillou contra si unha familia que desque el non está esgazou falta de fondo e forma.

Se algún día queres ser nai e o es, críao como quixeras que te criaran a ti.

E como a súa lembranza sempre me galopará no peito, hoxe, no que sería o seu 97 aniversario, rosca e viño doce, alimento de eternidade.