Presentación das obras gañadoras no V Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA

O vindeiro sábado 16 de decembro, a partir das 17 h., no Museo das Aves de Cospeito celebrarase a presentación das obras gañadoras no V Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA, que organizan o Concello de Cospeito e a Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Culturalia GZ.

As obras que se presentarán son Cartografía dos tránsitos, de Maurizio Polsinelli, que acadara o primeiro premio, e Caeiro, de Mercedes Rodríguez Bolaño, gañadora do segundo premio. Ámbalas dúas editadas baixo o selo de TrisTram.

No acto, ademais das persoas autoras das obras, participarán tamén Armando Castosa, alcalde de Cospeito, María José Paredes, concelleira de Cultura de Cospeito, Inés Lozano, presidenta da Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino, e Martiño Maseda, administrador de Culturalia GZ.

Durante a celebración do evento tamén haberá música ao vivo co dúo 2naFronteira, integrado por Mauizio Polsinelli, ao piano, e a voz de Carmen Penim.

Fallo VI Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA

Integrantes do xurado e da organización do Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA

O VI Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA, que convocan o Concello de Cospeito e a Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Culturalia GZ, xa ten obras gañadoras.

O pasado mércores, 22 de novembro, o xurado formado por Armando Requeixo, Xosé Otero Canto e Maurizio Polsinelli acordou por maioría de votos o seguinte fallo:

1º PREMIO para Xurxo Alonso García, pola obra “Non deixedes na mesa nin leite nin pan”, da cal o xurado destacou que é un poemario onde a palabra xorde como unha fervenza que escorrega polo regueiro da ausencia.

2º PREMIO para Paulino Peña Álvarez, pola obra “Vaira e Cristal”, da que dixo o xurado que se trataba dun poemario en verso breve que destaca pola capacidade de entregar ao lector unha memoria aínda intacta de vivencias pasadas, grazas tamén á eficacia dunha linguaxe culta e refinada.

A entrega de premios terá lugar o vindeiro 2 de decembro, a partir das 12 h., no local social de Pino.

Fallo do III Certame de Caligramas CONSTANZA DE CASTRO

O xurado do III Certame de Caligramas CONSTANZA DE CASTRO, que convoca a Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Caldaloba.es e Culturalia GZ, e co apoio da área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Cospeito, acordou o seguinte fallo:

1º Premio para a obra ÚLTIMA NOITE EN CALDALOBA, da cal resultou ser autora Patricia Torrado Queiruga, de Porto do Son.

2º Premio para a obra ENGRANAXES, cuxa autoría correspondeu a Laura Sánchez Castro, de Santiago de Compostela.

A entrega dos galardóns levarase a cabo no local da Biblioteca Rural San Martiño de Pino, nunha data que será anunciada proximamente.

Convocatoria do VI Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA

O Concello de Cospeito e a Asociación Recreativa Cultural San Martiño de Pino, convocan,  en colaboración coa Xunta de Galicia e  Culturalia GZ o VI CERTAME DE POESÍA TORRE DE CALDALOBA, co fin de poñer en valor este monumento histórico, promover a súa conservación e, asemade, fomentar a creatividade e estimular a creación poética.

BASES

Descargar PDF BASES