Sabela presenta a súa xira por salas galegas baixo o nome de “Hi, My Love Part”

A artista de Ourol percorrerá Galicia a finais deste ano e comezos do 2025 cunha xira que xa conquistou algunha das grandes cidades de España

As entradas para estes concertos e os xa anunciados deste verán no Festival do Pasatempo e Festival SonRías Baixas están xa á venda en sabelamusic.es e enterticket.es

A gran xira de Sabela tocará terras galegas a finais deste ano e comezos do seguinte. Baixo o nome de “Hi, My Love Part”, Sabela fará un percorrido por 10 salas e 2 festivais nos que presentará o seu novo son e a súa nova música, pertencente ao EP que espera publicar a finais deste mesmo ano. A xira por salas galegas terá comezo na sala Ruído (Ferrol, 28 de setembro), e pasará pola sala Masterclub (Vigo, 12 de outubro), a sala Riquela (Santiago de Compostela, 25 de outubro), a sala Clavicémbalo (Lugo, 26 de outubro), o Pub Gatos (Melide, 9 de novembro), a sala Auriense (Ourense, 30 de novembro), a sala A Arca da Noe (Vilar de Santos, 1 de decembro), a sala A Pousada da Galiza Imaxinaria (Boiro, 1 de febreiro de 2025) e a sala Garufa Club (A Coruña, 8 de febreiro de 2025). Estas datas súmanse aos concertos xa anunciados do Festival do Pasatempo (Betanzos, 6 de xullo), do Náutico de San Vicente (O Grove, 20 de xullo) e do festival SonRías Baixas (Bueu, 1 de agosto). As entradas xa están dispoñibles na súa páxina web, sabelamusic.es, e en enterticket.es.

XIRA “HI, MY LOVE PART”

06/07  · Festival do pasatempo · Betanzos

20/07 · Náutico de San Vicente · O Grove

01/08 · SonRías Baixas · Bueu

28/09 · Sala Ruído · Ferrol

12/10 · Masterclub · Vigo

25/10 · Riquela · Santiago de Compostela

26/10 · Clavicémbalo · Lugo

09/11 · Pub Gatos · Melide

30/11 · Auriense · Ourense

01/12 · A Arca da Noe · Vilar de Santos

01/02 · A Pousada Da Galiza Imaxinaria · Boiro

08/02 · Garufa Club · A Coruña

ENTRADAS

A artista galega chega a Galicia despois de levar o seu directo a algunhas das grandes cidades de España. En 2024, a de Ourol tocou en grandes salas de Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Oviedo, León, Valladolid, Jaén, Salamanca, Logroño, Ponferrada, Palencia e Tafalla. Tamén foi a protagonista de Galicia Escena PRO, a maior feira de artes escénicas de Galicia, cun concerto en Santiago de Compostela co que puxo fin á primeira parte da súa xira. Sumando as datas anunciadas hoxe, o tour de Sabela escala a 25 presentacións en vivo.

Nestes concertos, Sabela presentará o seu novo tema, “Hi, My Love”. Unha proposta ambiciosa de levar o seu xa característico pop electrónico a un son máis internacional, pero mantendo ben presentes as súas raíces. Este sinxelo é o primeiro adianto do seu novo EP, que espera ver a luz no medio do tour, a finais deste ano 2024.

MÁIS SOBRE SABELA

Sabela Ramil é unha das caras visibles desta nova onda de pop electrónico que triunfa no panorama musical actual. Coas súas tinguiduras animadas e bailables, Sabela converteuse xa no gran alicerce deste xénero en Galicia. As súas cancións acumulan centos de miles de reproducións, conquistando en directo grandes cidades ao longo de España como Madrid, Barcelona, Valencia ou Sevilla entre outras, así como festivais da talla do Festival Noroeste, o SonRías Baixas ou o propio O Son do Camiño. Sabela está mergullada neste 2024 nunha gran xira por todo o país. Ademais, tamén fará oco para levar o seu directo a festivais como os xa anunciados SonRías Baixas e Festival do Pasatempo durante o verán, ao que se lle sumarán máis datas que irá anunciando proximamente. Con todo isto, a finais de ano Sabela presentará o seu novo EP, no que Hi, My Love, publicado en maio deste mesmo ano, é xa o seu primeiro sinxelo. Desta maneira culmina así un ano totalmente prolífico para a de Ourol.

A artista de Ourol soubo madurar o seu proxecto para levalo a unha nova etapa da súa carreira, e a pesar de contar cun estilo xa propio e identificable,aposta forte por un son máis internacional mantendo elementos tradicionais galegos, fortalecendo así as súas raíces. Hi, My Love precede a temas como Cenizas, Ya No Me Quiero Ir ou Cidade Desexo, que veñen de obter grandes números de escoitas nas súas cancións. Este éxito afianzou unha carreira que conseguiu encandear ao público nos seus directos e de lograr colaboracións con grandes artistas como Andrés Suárez, Baiuca, Xoel López, Tanxugueiras, Luisa Sobral ou Diogo Piçarra, así como de alzarse tamén con premios como o Premio aRi[t]mar 2020 á Mellor Canción en Galiza por Despedida.

O 11º Noia Harp Fest ofrecerá tres jornadas de música clásica, folk, experimental e jazz con bandas e arpistas chegadas de Alemania, Escocia, Francia, Senegal e Ucrania

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia contará este ano con seis escenarios: o Claustro de San Francisco e a Rúa do Curro únense aos situados na Igrexa Museo de Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela e a Praza do Tapal

O evento arrancará, por terceiro ano consecutivo, cun encontro do alumnado das escolas de arpa de Galicia e cunha foliada aberta á cidadanía


O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, coñecido como Noia Harp Fest, vén de presentar esta mañá o cartel e programación da súa 11ª edición, que se celebrará do 8 ao 10 de agosto. Serán tres xornadas que se caracterizarán pola ampla pluralidade estilística, con concertos de folk, jazz ou clásica, e na que a protagonista absoluta será, de novo, a interpretación musical a través da arpa.

O Noia Harp Fest, que conta co apoio do Concello de Noia, da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e da Deputación da Coruña, é o único evento do noroeste peninsular que ten como eixo vertebrador a música producida pola arpa en toda a xeografía planetaria. A diversidade estilística e de públicos é, sen dúbida, unha das principais características do evento que dirixen Alba Barreiro, Beatriz Martínez e Rodrigo Romaní, quen salienta que o festival “non se parece a ningún outro, pois reúne unha especial combinación de elementos que lle confire unha personalidade única, con concertos de proximidade e para prazas a ceo aberto, e que non entende de fronteiras”.

Neste 2024, arpistas e bandas de Alemania, Escocia, Francia, Senegal e Ucrania formarán parte do cartel do festival, no que se integrarán, como é habitual, artistas e colectivos galegos. Así, a música da arpa soará ao longo de tres xornadas por toda a localidade, que este ano acollerá máis escenarios ca nunca: un total de seis espazos serán sede do NHF. É o caso da Igrexa Museo de Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela, o Liceo de Noia e a Praza do Tapal, ás que se unen, nesta ocasión, o Claustro de San Francisco e a Rúa do Curro. 

O NHF comezará, por terceiro ano consecutivo, co Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia, unha proposta que procura estimular a relación e crear unidade entre as e os instrumentistas máis novos do país. Deste xeito, máis de 25 nenas e nenos de distintas localidades galegas darán conta dos seus coñecementos e xuntos interpretarán, como peche do concerto, un tema en común. A cita será o xoves 8 de agosto no Liceo de Noia. Xa en horario de tarde, a Rúa do Curro será o punto no que se desenvolva a Foliada de benvida ao Noia Harp Fest, na que participarán arpistas de SonDeSeu
A intérprete, cantante e compositora alemá Nadia Birkenstock, recoñecida pola súa destreza coa arpa celta, será a responsable de abrir ás 19.00h a xornada do venres 9 cun recital na Igrexa Museo Santa María A Nova. Os concertos continuarán pola noite no Teatro Coliseo Noela. No recinto actuará Solomiia Savchuk, moza ucraniana residente en Ferrol e destacada intérprete de Bandura, un instrumento do seu país de corda pulsada que combina elementos da cítara e o laude; e o dúo escocés Rachel Hair & Ron Jappy, que ofrecerá un dos directos máis esperados deste ano. Ambos músicos son recoñecidos intérpretes de ‘clarsach’ (arpa escocesa) e guitarra acústica no seu país e presentarán no Noia Harp Fest o seu lanzamento máis recente, SPARKS, un traballo no que regresan ás súas raíces, nas Highlands, e no que presentan unha mestura ecléctica de jigs, reels e marchas de Escocia, Irlanda e Illa de Man. 

De cara ao sábado 10 de agosto, a francesa Camille Levecque inaugurará o Claustro de San Francisco como sede do Noia Harp Fest. Será un concerto íntimo no que o público do festival poderá coñecer por vez primeira o traballo da intérprete, que ten colaborado con artistas como Mike Oldfield, Hélène Grimaud ou Benoit Fromanger. Xa pola noite, a partir das 21.00 horas, a emblemática Praza do Tapal acollerá unha noite marcada pola experimentación e que contará coa música de Descofar Momi Maiga.

Descofar é un trío bretón que se define como “un híbrido do alento melódico da música bretoa, a potencia do post-rock compacto e a intensidade inmediata da improvisación”. A banda de Brest pasa da disonancia ao lirismo referenciado e dos arpexios brillantes aos riffs ruidosos, polo que o movemento estará garantido. O peche chegará co cantante e intérprete senegalés Momi Maiga, virtuoso da kora e atrevido compositor, que presentará no Noia Harp Fest o seu primeiro disco, NIO. Sobre o escenario, un cuarteto composto por kora, violín, violonchelo, percusión e voz (Maiga canta principalmente en mandinka e wólof) ofrecerá unha viaxe a camiño entre o jazz, o flamenco e a tradición oral de Senegal.


20240617-NHF-Presentacion-2024

Concerto MÚSICA E EVOLUCIÓN, de Pablo Carpintero e Rosa Sánchez, no Auditorio Municipal de Vilalba

O INSTITUTO DE ESTUDOS CHAIREGOS organiza, coa colaboración do Concello de Vilalba, o venres 21 de xuño, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal, o concerto MÚSICA E EVOLUCIÓN” por PABLO CARPINTERO E ROSA SÁNCHEZ.  Presentará o acto Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA.

Entrada de balde. Poderase facer reserva previa en https://entradasvilalba.es

NOTA-INFORMATIVA-Pablo-Carpintero

A Banda Do Poeta canta a Celso Emilio Ferreiro

A Banda Do Poeta (Coímbra, Portugal) liderada polo artista galego Juan Carballo, vén de publicar Não foi tão fugaz, o terceiro single do novo traballo de estudio chamado “Redimensão” e que comezarán a presentar despois do verán na Galiza e Portugal. 

Nesta ocasión elexiron unha adaptación de “Maio 1972, II” do poeta universal Celso Emilio Ferreiro. Son os músicos conimbricenses António Sanches, Francisco Ferreira, João Cardoso, Luís Serrano e Sílvia Bento os que poñen a banda sonora a esta nova interpretación do poeta de Celanova.

A Banda Do Poeta, ademais de crear cancións orixinais, un dos principais obxectivos e dar a coñecer autores portugueses na Galiza e como nesta ocasión, autores galegos en Portugal, xa sexan poetas ou cantores.

Para mais info sobre a Banda do Poeta:

Facebook: https://www.facebook.com/abandadopoeta

Instagram: https://www.instagram.com/abandadopoeta/ 

YouTube:  https://www.youtube.com/channel/UCN-63Tg6FuYIXWgImIuNquw 

Web Juan Carballo: www.juancarballo.es 

Nace ‘resaca emocional’, un colectivo de artistas musicais e visuais atravesado pola diversidade

Bolboretas é o primeiro sinxelo do colectivo, un tema que se pode escoitar desde este venres, 14 de xuño, en todas as plataformas dixitais e que se acompaña dun vídeo dirixido e animado por Peque Varela

Letra-Bolboretas

resaca emocional. Este é nome do novo colectivo creativo galego que hoxe se dá a coñecer co lanzamento do seu primeiro sinxelo, Bolboretas, e que xa se pode escoitar nas principais plataformas dixitais.

resaca emocional (RSK no seu nome curto) é un colectivo conformado por artistas do eido da música e das artes visuais, mais tamén dun amplo equipo técnico, no que a comunidade é a clave deste proxecto, atravesado polas diversidades e no que “todes sumen”. 
resaca emocional é un espazo seguro, no que todes suman. Apostamos pola creatividade e o traballo común desde a diversidade, sen importar a idade, identidade de xénero, orientación sexual ou condicionamentos mentais, sociais ou de saúde”, expresa o colectivo. 
resaca emocional opta por un son pop, naive e sensíbel con picos do baile e desfase techno. As emocións son o eixo do imaxinario do colectivo, tal e como se poderá escoitar no seu primeiro traballo, editado por Tremendo Audiovisual, no que exploran sentimentos coma o amor, a amizade ou a paixón en todas as súas formas.

O primeiro avance deste traballo en común é Bolboretas, o seu sinxelo debut, “unha viaxe pop que equilibra a tensión entre o desexo contido e a catarse, pintando unha imaxe vívida da delicada danza entre a atracción e o medo”. Por medio de sintetizadores e percusións “apertantes”, ademais dunha animación coidada -creada, nesta ocasión, por Peque Varela-, a canción tamén aborda a idea “de que todes somos museos vivos, seleccións formadas por pedazos que tomamos da xente á que queremos, dando forma así ao que somos”, expón resaca emocional.


Bolboretas nas principais plataformas dixitais

Videoclip de Bolboretas

 

20240614-Nace-resaca-emocional

Fillas de Cassandra levará a súa xira ‘Últimas Dionisíacas’ a Marrocos

Sara Faro e María SOA actuarán, da man do Instituto Cervantes e AIE, en Tánxer, Tetuán, Fez, Casablanca e Marrakech do 24 ao 29 de xuño

O dúo tamén forma parte do cartel do Poborina Folk, en Teruel, onde estará o 21 de xuño, mentres que o día 22 participará no VESU Festival de Oviedo

Fillas de Cassandra levará a súa xira Últimas Dionisíacas a Marrocos este mes de xuño. O dúo conformado polas viguesas María SOA e Sara Faro visitará, do 24 ao 29 de xuño, as localidades de Tánxer, Tetuán, Fez, Casablanca e Marrakech da man do Instituto Cervantes, a través do seu programa musical Cervantes en ruta, e da AIE (Sociedad de Artistas Intérpretes o Ejecutantes) por medio da iniciativa AIEEnRuta – Artistas.

Tras estrear o pasado 16 de febreiro en Vigo o seu novo directo, no que Fillas de Cassandra revisa desde unha electrónica máis potente e escura o seu álbum Acrópole, e visitar desde entón numerosos recintos, salas e festivais de todo o territorio peninsular, as creadoras de éxitos como Lisístrata (Varre vasoira) ou Tataravoa visitarán por vez Marrocos. Antes, o venres 21, serán cabeza de cartel no festival Poborina Folk, na provincia de Teruel, e ao día seguinte, o sábado 22, compartirán escenario con figuras como Xoel López ou Carlos Ares no VESU Festival ovetense.

Así, o día de San Xoán (24 de xuño), Sara Faro e María SOA, acompañadas de Marina Vidal e Tania Caamaño -xuntas, as catro, conforman a banda destas Últimas Dionisíacas-, iniciarán a xira en Tánxer, onde actuarán no exterior do Colexio Español Ramón y Cajal. O martes 25 visitarán Tetuán, concretamente o campo de fútbol de La Corniche (Martil) e, dous días despois, trasladaranse a Fez para levar o seu directo até o Colexio Francés Jean de la Fontaine. Xa o día 28, o patio do Instituto Cervantes de Casablanca acollerá a proposta musical galega e, finalmente, o 29 de xuño pecharase a xira en Marrakech, cun concerto na Escola Superior de Artes Visuais.  

Vindeiras datas confirmadas das Últimas Dionisíacas

  • 21 de xuño. Teruel. Poborina Folk.
  • 22 de xuño. Oviedo. VESU Festival.
  • 24 ao 29 de xuño. Marrocos. Varias localidades. 
  • 6 de xullo. Santiago de Compostela. Gozo Fest. 
  • 11 ao 14 de xullo. Ortigueira. Festival de Ortigueira.
  • 25 ao 27 de xullo. Vilanova i la Geltrú. El Tingladu.
  • 2 de agosto. Bueu. SonRías Baixas.
  • 17 de agosto. Pontevedra. Festas da Peregrina. 
  • 23 ao 25 de agosto. Boimorto. Festival de la Luz.
  • 30 de agosto. Pantón. 13 Roeis Fest.
  • 12 ao 14 de setembro. Vilaxoán. Festival Revenidas. 

20240613-NP-Fillas-de-Cassandra-en-Marrocos