Andrés Rodís, S/T, 2026. Óleo sobre tela | Oil on canvas. 200 x 300 cm

NÉBOA participa en ARCOlisboa | Opening Lisboa | Stand OP2


A galería NÉBOA (Lugo) participará en ARCOlisboa, a feira internacional de arte contemporánea de referencia en Portugal, que terá lugar do 28 ao 31 de maio de 2026 na Cordoaria Nacional, en Lisboa. 

NÉBOA foi seleccionada para formar parte da sección comisariada Opening Lisboadedicada a galerías e prácticas emerxentes, onde presentará un proxecto cos artistas Andrea Davila Rubio e Andrés Rodís. Comisariada por Sofía Lanusse, Diogo Pinto, e Sofia Montanha como asistente curatorial, propón un espazo orientado á experimentación e á investigación, favorecendo o diálogo entre novos linguaxes e contextos contemporáneos. O programa reúne unha coidada selección de galerías internacionais, xerando un marco de intercambio entre escenas emerxentes e prácticas diversas.

Para ARCOlisboa, NÉBOA presenta un diálogo entre Andrea Davila Rubio e Andrés Rodís, dous artistas emerxentes que exploran a superficie como espazo de tensión, memoria e transformación. A través da escultura e da pintura, ambos traballan coa materia como algo poroso e inestable, onde se fan visibles estruturas de control, experiencia e tempo.

Andrea Davila Rubio aborda o corpo como un territorio atravesado por sistemas de coidado, disciplina e defensa. A súa obra recente parte da idea do clean look, entendida como un ideal estético asociado á uniformidade e á eliminación da imperfección. En ARCOlisboa presenta Clean Look, unha peza en vidro e aluminio derivada de moldes de máscaras faciais cosméticas, na que o rostro aparece suspendido entre protección e vulnerabilidade, refinamento e alienación.

A obra de Andrés Rodís desenvólvese a través de procesos de tradución, desprazamento e medida. As súas pinturas parten da observación de arquitecturas vernáculas e xeometrías presentes en espazos cotiáns, que transforma en composicións baseadas na repetición e na modulación. Triángulos, rombos e grellas constrúen sistemas espaciais en movemento, nos que óleo, esmalte, cera e restos de estudo funcionan como rexistros dun proceso aberto e acumulativo.

Mentres Davila Rubio cuestiona os réximes de visibilidade aplicados ao corpo, Rodís incorpora á pintura as condicións espaciais e materiais que a rodean. Ambas prácticas propoñen unha reflexión sobre o que pode conter unha superficie e sobre como a forma acumula memoria, experiencia e duración.

Andrea Davila Rubio (Boiro, 1995) é artista e investigadora. Doutora en Creación e Investigación en Arte Contemporánea pola Universidade de Vigo, completou unha estadía predoutoral no Boston College grazas a unha bolsa Fulbright-Xunta de Galicia. Actualmente cursa o Máster en Belas Artes no Institute Art Gender Nature (IAGN) da HGK-FHNW de Basilea, coa bolsa da Fundación María José Jove.

O seu traballo escultórico explora as relacións entre corpo, materia e contorna desde unha perspectiva crítica, abordando cuestións vinculadas ao coidado, a transformación e a convivencia entre o humano e o non humano.

Entre as súas exposicións recentes destacan A sweaty dispersal into the fog na Galería NÉBOA (Lugo, 2025), A Friend of a Friend of a Friend en der TANK (Basilea, 2025) e Corpo, afectos, territorio no Centro de Arte Contemporáneo de Huarte (Pamplona, 2023). Realizou residencias en Matadero Madrid, Residency Unlimited (Nova York) e Atelier Mondial (Basilea), e recibiu diversos premios e bolsas de investigación e creación. As súas obras forman parte das coleccións da Deputación de Ourense e da Deputación de Pontevedra.

Preview

Andrés Rodís (Santiago de Compostela, 2000) desenvolve a súa práctica entre Galicia, Valencia e o País Vasco. O seu traballo céntrase na investigación da linguaxe, a superficie pictórica e a construción da imaxe desde unha perspectiva conceptual e procesual.

É graduado en Belas Artes pola Universitat Politècnica de València (2022) e máster en Investigación e Creación en Arte pola Universidade do País Vasco (2024). Actualmente realiza o seu doutoramento na Universidade de Vigo. Foi residente en Piramidón Centre d’Art Contemporani (Barcelona, 2025) e nas Residencias Artísticas Celestino Cuevas (2025), ademais de seleccionado en programas como SAVIA (Artnueve, 2026).

Nos últimos anos recibiu recoñecementos como o Premio Auditorio de Galicia para Artistas Noveis (2025), o Premio ao Mellor Artista Emerxente de SWAB (2025) e o Premio Gaztea do Concello de Leioa (2024). Participou en numerosas exposicións individuais e colectivas en espazos como Galería NÉBOA (Lugo), Galería Lumbreras (Bilbao), Sala ABANCA (Santiago de Compostela) ou o Museo da Universidade de Alacante. A súa obra forma parte de coleccións como a Colección Norte do Goberno de Cantabria, KELLS Art Collection ou a Colección de Arte MANGO.

Máis información: https://www.ifema.es/arco/lisboa/galerias