
- O cinema documental articula esta reflexión íntima sobre o proceso de (re)construción dun fogar
- Ao rematar a proxección, que será este venres 14 de novembro ás 18:15 horas no Salón Teatro, haberá un coloquio coa directora
- Os convites para a actividade, de balde, pódense retirar na web de compostelacultura.gal
A cineasta viguesa Adriana Páramo presenta no festival Cineuropa de Compostela, este venres 14 de novembro, Grelei raíces no teu lar, unha longametraxe documental que reflexiona sobre os conceptos de identidade, maternidade e fogar. O público asistente poderá manter un coloquio coa realizadora ao rematar a proxección, prevista ás 18:15 horas no Salón Teatro. A actividade, que forma parte da sección Panorama Audiovisual Galego do veterano encontro, conta con entrada gratuíta previa reserva na web de compostelacultura.gal.
A orixe de Grelei raíces no teu lar está directamente ligada a unha experiencia persoal de perda e reencontro de Adriana Páramo. A morte inesperada da súa tía, figura central na súa vida, levouna a deixar Londres, onde residira durante once anos, e regresar á súa cidade natal, Vigo, para estar preto da súa familia.
Instalada na casa da tía, Páramo iniciou un proceso de reflexión no que a cámara se transformou nunha ferramenta de acompañamento e expresión. Nese espazo íntimo, a directora gravou o seu dó, o seu día a día e o proceso de reconstrución emocional que culminou na decisión de emprender a maternidade en solitario.
O documental bebe de referentes como No home movie de Chantal Akerman, Les glaneurs et la glaneuse de Agnès Varda e Joyce at 34 de Joyce Chopra, filmes nos que a ollada persoal e o doméstico adquiren unha dimensión política e colectiva. Con esa inspiración, Páramo constrúe un diario visual no que o fogar, a identidade e o papel das mulleres da súa contorna se entrelazan nun relato honesto e próximo.
Grelei raíces no teu lar forma parte da tese doutoral que Adriana Páramo está a desenvolver na Royal Holloway University de Londres, onde investiga a representación do parto no cinema. Desde o seu lanzamento, o documental foi exhibido na Mostra do Audiovisual e Cinema de Marín e mais no Festival Internacional de Cine de Pasto (FICPA) de Nariño, Colombia.

Adriana Páramo (Vigo, 1985) é directora e investigadora audiovisual. No seu traballo explora a identidade, a maternidade e a representación. A súa curta Anatomía dunha serea (2022) destacou en festivais pola súa mirada de xénero, e Illa Pedra (2010) foi a primeira curta de ficción en galego con audiodescrición para persoas invidentes. Tamén creou videopoemas baseados na obra de Lara Dopazo, como ovella (2017). Alén diso, é cofundadora do Galician Film Forum, organización que programa cinema galego no Reino Unido, e conta con máis de dez anos de experiencia en produción audiovisual.


Grelei raíces no teu lar
- Venres 14 de novembro | 18:15 h
- Salón Teatro (Rúa Nova 21, Santiago de Compostela)
- De balde previa reserva na web: https://www.compostelacultura.gal/espectaculos/evento/grelei-ra%C3%ADces-no-teu-lar
- Tráiler: https://www.youtube.com/watch?v=kNm1dKRPaIg
Web de Adriana Páramo | https://paramoimaxinario.com
DOSSIER INFORMATIVO
Dossier-Grelei-raices-no-teu-lar 20251112-Presentacion-Grelei-raices-no-teu-lar-en-Cineuropa