WOS Festival x SON Estrella Galicia completa a súa programación musical con novas estreas a nivel estatal e cun fondo compromiso coa diversidade de orixes e de xénero
BFlecha b2b Mwëslee, Carrier, Heinali & Adriana-Yaroslava Saienko, Grand River & Abul Mogard, Ivy Barkakati b2b Breixo Martínez, KAVARI, Klein, KUNTARI, Malandrómeda & Caamaño, Niecy Blues, Purelink, Rainy Miller, Saint Abdullah, Eomac & Rebecca Salvadori, Sara Persico & Mika Oki e ZULI pechan o line up
Coas novas confirmacións, WOS Festival suma outras oito premieres de discos, directos ou concertos audiovisuais en España, ademais de catro novas estreas en territorio galego
WOS Festival X SON Estrella Galicia completa o cartel da súa oitava edición con 15 novas incorporacións, que sumarán novos rexistros e experiencias durante a celebración do evento, que terá lugar do 11 ao 14 de setembro en Santiago de Compostela. Do relato compartido de Carrier á fisicidade de ZULI; do encontro sonoro entre Grand River & Abul Mogard ao xesto radical de Klein, este anuncio confirma a aposta de WOS pola diversidade tanto de orixes coma de xénero, e a súa consolidación como o festival do país máis conectado á electrónica de vangarda e exploración sonora.
Desta quenda, WOS Festival suma oito estreas en España. Santiago de Compostela é a cidade escollida por artistas internacionais de referencia para presentar os seus novos traballos e directos con visuais; é o caso de Carrier (Rhythm Immortal, con visuais de Riyo Nemeth), da escocesa KAVARI (premiere estatal do novo EP este outono), da londinense Klein (co seu último traballo thirteen sense), dos norteamericanos Purelink (co seu segundo LP, Faith), da tríade Saint Abdullah, Eomac & Rebecca Salvadori (coa súa performance audiovisual A Forbidden Distance), e dos concertos audiovisuais de Sara Persico & Mika Oki (Sphaîra), do inglés Rainy Miller (Joseph, What Have You Done?) e do exipcio ZULI (Lambda).
Ademais, será a primeira ocasión que se poida ver en Galicia o novo directo do dúo ucraíno Heinali & Andriana-Yaroslava Saienko, presentando Гільдеґарда, ou o da norteamericana Niecy Blues co seu Exit Simulation. Tamén será a estrea galega da proposta inmersiva In uno spazio immenso, o primeiro proxecto colaborativo entre Grand River & Abul Mogard e que conta co deseño de luces de MFO (Marcel Weber); e do EP LAHAR, dos indonesios KUNTARI.
Finalmente completan o cartel tres propostas galegas sobranceiras do talento de proximidade. Por unha banda, BFlecha b2b Mwëslee, cun dj set deseñado especialmente para WOS polo 15ª aniversario do selo Arkestra. Pola outra, Ivy Barkakati b2b Breixo Martínez, unha confluencia americana e galega nada en Barcelona. Completa a tríade Malandrómeda & Caamaño, proxecto musical que Hevi (Malandrómeda) e Sabela Caamaño (Caamaño & Ameixeiras) darán a coñecer en Santiago.
Estes 15 nomes súmanse aos confirmados con anterioridade pola dirección do festival, como son Abdullah Miniawy, aya & MFO present hexed!, Batu, Beatrice Dillon, Carme López, CCL, Djrum, Lord Spikeheart, Los Thuthanaka, Masayoshi Fujita, Nazar, Objekt, Simo Cell e Tarta Relena.
WOS Festival X SON Estrella Galicia
WOS Festival x SON Estrella Galicia é o festival referente no ámbito da música electrónica e de vangarda a nivel estatal e festexará a súa oitava edición en Santiago de Compostela do 11 ao 14 de setembro. Ao longo de catro xornadas, o evento promovido pola produtora compostelá WORK ON SUNDAY ofrecerá unha programación coidada, multidisciplinar e de notable calidade artística, na que participarán numerosas figuras recoñecidas internacionalmente en máis de dez espazos emblemáticos da cidade, desde teatros e igrexas ata clubes e lugares inesperados. O vindeiro mes de setembro, o WOS reactivará a cidade cunha perspectiva única sobre o son e a cultura contemporánea.
O evento, recoñecido como Mellor Festival Indoor de Europa 2018 nos European Festival Awards, e que nos Iberian Festival Awards obtivo Mellor Promoción Turistica 2018 e Mellor Festival Indoor Nacional 2023, conta co patrocinio principal de SON Estrella Galicia e co apoio institucional da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia -no marco de Concertos do Xacobeo-, Deputación da Coruña e Concello de Santiago de Compostela; ademais de Gadis e Fundación Japón, Madrid.







Novas confirmacións WOS 2025
BFlecha b2b Mwëslee
Carrier presents Rhythm Immortal
Heinali & Andriana-Yaroslava Saienko present Гільдеґарда
Grand River & Abul Mogard present In uno spazio immenso
Ivy Barkakati b2b Breixo Martínez
KAVARI
Klein
KUNTARI
Malandrómeda & Caamaño
Niecy Blues
Purelink
Rainy Miller presents Josehp, What Have You Done?
Saint Abdullah, Eomac & Rebecca Salvadori present A Forbidden Distance
Sara Persico & Mika Oki present Sphaîra
ZULI presents Lambda
Abonos Festival Pass e Weekend Pass á venda en dice.fm e ataquilla.com
20250812-NP-GAL-WOS-Festival-last-wave