• As actuacións das cabezas de cartel do Noia Harp Fest terán lugar a partir das 22.00 horas na Praza do Tapal e a entrada será libre ata completar capacidade
  • A bretoa Bleuenn Le Friec ofrecerá un concerto ideado expresamente para o festivala partir das 20.00h no Claustro de San Francisco no que se acompañará de dúas voces sobranceiras da escena galega: Uxía e Fai
  • A arpista Juliette Commeaux e a frautista Laia Blasco presentarán por primeira vez  en Galicia El concierto secreto, unha cita que terá lugar mañá pola mañá, a partir das 12.30 horas, na Igrexa de San Francisco
  • O festival retomará a súa programación o 7 de agosto coa celebración da Gala de Entrega do III Premio Portus Apostoli, que pechará esta 12ª edición

O Noia Harp Fest prepárase para festexar a súa xornada máis intensa. Catro concertos gratuítos con figuras sobranceiras tanto da arpa coma da escena galega serán protagonistas mañá, sábado 2, dunha programación que pecharán por todo o alto, na Praza do Tapal e a partir das 22.00 horas, as dúas cabezas de cartel desta edición do festival: a andaluza Ana Crismán, a arpista de flamenco máis relevante a nivel internacional, e o galego Quico Comesaña, intérprete imprescindible á hora de entender o panorama musical do país. A xornada completarase con outros dous directos moi especiais que terán lugar na Igrexa e no Claustro de San Francisco, tanto en horario de mañá (El concierto secreto, con Juliette Commeaux e Laia Blasco) coma de tarde (Bleueen Le Friec acompañada por Uxía e Faia). 

A cuarta xornada do Noia Harp Fest dará comezo ás 12.30 horas coa presentación en Galicia do ensemble El concierto secreto, unha proposta fiada por Juliette Commeaux (arpa) e Laia Blasco (voz e frauta). O dúo explora a música antiga desde unha perspectiva íntima e innovadora: busca recrear pezas virtuosísticas da antigüidade (especialmente do Renacemento e Barroco) con redución para voz e para arpa, inspirándose na execución dalgunhas das cortes italianas que interpretaban estas músicas na intimidade ou para un grupo selecto de intelectuais. Este “concerto secreto”, programado no festival da man da Asociación Española de Arpistas (AEDA), chega a Noia logo de visitar numerosos ciclos e escenarios como o Museo Nacional de Arte Romano de Mérida, o Auditorio de León ou mesmo o Museo Marqués de Dos Aguas de Valencia, entre outros. 

Pola tarde, contra ás 20.00 horas, a bretoa afincada en Galicia Bleuenn Le Friec, que navega entre a tradición e a vangarda, ofrecerá un concerto no que estará acompañada por dúas das voces máis sobranceiras do país: as de Faia e Uxía. “Síntome moi afortunada de poder reunir a Uxía e Faia arredor da arpa para un concerto ideado especialmente para o festival. Dalgún xeito, este proxecto sintetiza o meu percorrido tanto musical como persoal en Galicia, onde o descubrimento e a aprendizaxe da lingua galega foron elementos chaves para desenvolver un sentido de pertenza a esta terra adoptiva”, expón a arpista. 

A bretoa destaca pola súa versatilidade e capacidade para fusionar tradicións musicais con linguaxes contemporáneas. Cunha sólida formación clásica, explorou diversos xéneros, desde a música celta até o jazz, destacando pola súa sensibilidade e innovación no uso do seu instrumento. Nesta ocasión, entretecendo a voz e as cordas da arpa, “faremos vibrar textos da tradición e da literatura galega. Seguindo a longa historia da arpa como instrumento cómplice da voz cantada e falada, construiremos dous universos sonoros contrastados nos que voz e arpa dialogan e se acompañan”, sinala Bleuenn Le Friec. 

Dúas horas despois, ás 22.00 horas, o escenario da Praza do Tapal acollerá os concertos de dúas das figuras máis destacadas deste NHF: Ana Crismán e Quico Comesaña. O multiinstrumentista galego e referente do folk contemporáneo será o responsable de abrir a gran noite do festival. Tras ser parte de proxectos como Armeguín, Fía na Roca, Uxía ou Berrogüeto, Comesaña regresa aos escenarios para presentar o seu primeiro álbum en solitario, Mãeunha obra conceptual centrada na defensa e respecto pola natureza, con catro suítes instrumentais que abordan temas como o mundo vexetal, a auga, o reino animal e a terra. 

Pechará a noite Ana Crismán, quen regresa ao festival (logo da súa estrea en 2021) xa consolidada como a figura que é: a primeira artista no mundo que interpreta e compón flamenco cunha arpa. Inspirada por un músico de rúa que escoitou en Irlanda, Crismán decidiu construír o seu propio instrumento e desenvolver técnicas flamencas para a arpa, nun proceso autodidacta e innovador. O seu traballo culminou na creación dun repertorio que abarca diversos paus do flamenco, e este verán no Noia Harp Fest presentará Arpaorao primeiro álbum de arpa flamenca na historia. 

A 12ª edición do Noia Harp Fest rematará o 7 de agosto, coa Gala de Entrega do III Premio Portus Apostoli a Federico Beilison pola súa obra Cuatro historias gallegas, que a Real Filharmonía estreará no Teatro Coliseo Noela baixo a batuta de Sebastian Zinca e coa participación, como solistas, de Claudia Besné e Francesca Romana Di Nicola. As entradas para o concerto que porá o ramo ao festival xa están á venda en www.ataquilla.com




NOIA HARP FEST

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) é o único festival dedicado ao instrumento en todo o noroeste peninsular. A interpretación musical a través da arpa é o eixe que vertebra unha programación que, cada verán, reúne diferentes bandas e solistas sobranceiras, tanto galegas coma internacionais, de distintos estilos e orixes

O Noia Harp Fest, que decorre do 30 de xullo ao 2 de agosto -e que contará cunha Gala de Entrega do Premio Portus Apostoli o vindeiro xove 7 de agosto-, presenta un cartel con cinco xornadas de concertos con arpistas de Galicia, Andalucía, Bretaña, Colombia, Escocia, Italia, País Vasco ou Valencia. Ana Crismán, Alba Barreiro e Fernando Raña, Bleuenn Le Friec, D’Súpeto, Juliette Commeaux, Kevin Le Pennec, Laia Blasco, Noela Cotuna, Quico Comesaña, Rebecca Hill & Charlie Stewart e Yofre Brito actúan nun evento que acolle, ademais, o IV Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia. 

Este 2025, Noia acolle trece actuacións (doce concertos e unha gran foliada de benvida) nun total de sete escenarios, como son a mítica Praza do Tapal, o Liceo de Noia, a Praza do Curro, a Igrexa Museo Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela e tanto a Igrexa coma o Claustro de San Francisco. 

A 12ª edición do festival está organizada por Nalgures Producións, baixo a dirección da asociación Noia Harp Fest, e conta co apoio institucional do Concello de Noia, Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia no marco dos Concertos do Xacobeo, e de Acción Cultural Española AC/E; ademais da colaboración da Deputación da Coruña. 

AXENDA NOIA HARP FEST | SÁBADO 2 DE AGOSTO 2025 

12.30h | Igrexa de San Francisco
El concierto secreto. Con Juliette Commeaux & Laia Blasco (en colaboración con AEDA)

20.00h | Claustro de San Francisco
Bleuenn Le Friec. Con Uxía e Faia

22.00h | Praza do TapalQuico Comesaña
Ana Crismán

20250801-Axenda-NHF-sabado-2