
A 12º edición do Noia Harp Fest comeza mañá, mércores 30, cunha gran foliada de benvida e un concerto exclusivo da galega Alba Barreiro
Ana Crismán, Alba Barreiro e Fernando Raña, Bleuenn Le Friec con Faia e Uxía, Claudia Besné, D’Súpeto, Francesa Romana Di Nicola, Juliette Commeaux, Kevin Le Pennec, Laia Blasco, Noela Cotuna, Quico Comesaña, Rebecca Hill & Charlie Stewart, Yofre Brito Rivera e a Real Filharmonía de Galicia conforman un cartel que contará cunha vintena de estudantes de arpa das escolas galegas
O evento, que decorrerá do 30 de xullo ao 2 de agosto, contará doce actuacións de balde en sete escenarios; ademais dunha xornada especial o 7 de agosto na que estreará Cuatro historias gallegas, gañadora do III Premio Portus Apostoli
A 12ª edición do único festival do noroeste peninsular dedicado integramente á arpa, o Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, comezará este mércores, 30 de xullo. A primeira xornada contará coa actuación da recoñecida intérprete galega Alba Barreiro, quen ofrecerá a partir das 19.00 horas un concerto exclusivo no Noia Harp Fest e, desde as 21.00 horas, terá lugar na Praza do Curro unha gran foliada de benvida aberta á veciñanza, na que se rendirá homenaxe a Emilio Cao.
Noia Harp Fest, que decorrerá do 30 de xullo ao 2 de agosto, e que contará cunha programación especial o 7 coa Gala da entrega do Premio Portus Apostoli, reúne cada tempada diferentes bandas e solistas sobranceiras, tanto galegas coma internacionais, de distintos estilos e orixes. O festival ten unha clara vocación divulgativa: pon en relación as artistas e ao público en varios lugares representativos do patrimonio histórico e cultural de Noia, e dá un espazo relevante ao talento máis novo do país.
O 12º Noia Harp Fest presenta un cartel con cinco xornadas de concertos con arpistas de primeiro nivel chegadas de Galicia, Andalucía, Bretaña, Colombia, Escocia, Italia, País Vasco ou Valencia. O evento contará coa presenza de Ana Crismán -a intérprete de arpa flamenca máis importante a nivel internacional-, Alba Barreiro e Fernando Raña, Bleuenn Le Friec -acompañada por Faia e Uxía-, D’Súpeto, Juliette Commeaux, Kevin Le Pennec -gañador do World Harp Competition 2024-, Laia Blasco, Noela Cotuna, Quico Comesaña, Rebecca Hill & Charlie Stewart e Yofre Brito Rivera; alén das máis de 20 estudantes galegas que participarán, durante a mañá do xoves 31 de xullo, no IV Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia.
Ademais, neste 2025 o Noia Harp Fest suma unha quinta xornada de actuacións. O 7 de agosto celebrarase a Gala de Entrega do III Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, na que se producirá a estrea mundial de Cuatro historias gallegas, a creación de Federico Beilison. A Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección de Sebastian Zinca, e con Claudia Besné e Francesca Romana Di Nicola como solistas, será quen interprete esta creación do compositor e guitarrista arxentino, ademais da peza Folías Celtas, mención de honra do Portus Apostoli, composta polo uruguaio Gabriel Bussi (profesor violinista da Orquesta Sinfónica de Galicia). O programa -cuxas entradas están á venda en www.ataquilla.com– completarase con pezas de Claude Debussy e Maurice Ravel.
Deste xeito, e a partir de mañá, a localidade coruñesa de Noia acollerá trece actuacións (doce concertos e unha gran foliada de benvida) nun total de sete escenarios, como son a mítica Praza do Tapal, o Liceo de Noia, a Praza do Curro, a Igrexa Museo Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela e tanto a Igrexa coma o Claustro de San Francisco. Ofreceranse estreas mundiais, estreas en España e ata haberá espazo para presentar, en exclusiva, novas formacións, como é o caso da galega D’Súpeto.
A 12ª edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia está organizada por Nalgures Producións, baixo a dirección da asociación Noia Harp Fest, e conta co apoio institucional do Concello de Noia, Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia no marco dos Concertos do Xacobeo, e de Acción Cultural Española AC/E, ademais da colaboración da Deputación da Coruña.




Primeira xornada: concerto exclusivo de Alba Barreiro e foliada de benvida
O Noia Harp Fest comezará mañá ás 19.00 horas na Igrexa Museo Santa María A Nova. A recoñecida intérprete Alba Barreiro presentará Frauta e arpa en Galicia, un concerto exclusivo en colaboración co frautista Fernando Raña. Este programa propón unha viaxe sonora a través do repertorio galego e universal para frauta traveseira e arpa, con especial atención á música de compositores galegos, tanto históricos como contemporáneos.
Alba Barreiro é unha arpista galega cunha sólida formación e ampla experiencia tanto na interpretación de repertorio clásico e contemporáneo como na recuperación de música antiga. Formada en Galicia, ampliou os seus estudos en diversos centros europeos, perfeccionando a súa técnica e sensibilidade artística con recoñecidos mestres da arpa clásica e histórica. Participa regularmente en proxectos camerísticos e orquestrais, colaborando con agrupacións galegas e internacionais, mais destaca tamén pola súa labor pedagóxica e pola difusión da arpa na música galega.
Contra o solpor, ás 21.00 horas, dará comezo a Foliada de benvida do Noia Harp Fest, un encontro festivo aberto, popular e colectivo onde o público é convidado non só a escoitar, senón tamén a participar, bailando ao ritmo da música tradicional reinterpretada a través da delicadeza e potencia das arpas da banda con integrantes da Asociación Noia Harp Fest.
Para abrir esta celebración, o mestre arpista Rodrigo Romaní, presidente da Asociación Noia Harp Fest, fará unha pausa do seu retiro como intérprete para ofrecer unha emotiva homenaxe musical a Emilio Cao, pioneiro na recuperación e posta en valor da arpa en Galicia. Romaní interpretará unha suite que recolle algúns dos temas máis significativos do autor, conectando pasado e presente nun acto simbólico que honra ás raíces mentres abre as portas ao futuro da música galega.
PROGRAMACIÓN NOIA HARP FEST 2025
Mércores 30 de xullo
19.00h | Santa María A Nova
Alba Barreiro & Fernando Raña
21.00h | Praza do Curro
Foliada de Benvida coa Banda do festival
Xoves 31 de xullo
13.00h | Liceo de Noia
IV Encontro do Alumnado de Arpa das Escolas de Galicia
21.00h | Teatro Coliseo Noelia
D’Súpeto
Kevin Le Pennec
Venres 1 de agosto
19.00h | Santa María A Nova
Noelia Cotuna (concerto en colaboración con AEDA)
21.00h | Teatro Coliseo Noela
Yofre Brito Rivera
Rebecca Hill & Charlie Stewart
Sábado 2 de agosto
12.30h | Igrexa de San Francisco
El concierto secreto. Con Juliette Commeaux & Laia Blasco (en colaboración con AEDA)
20.00h | Claustro de San Francisco
Bleuenn Le Friec. Con Uxía e Faia
22.00h | Praza do Tapal
Quico Comesaña
Ana Crismán
Xoves 7 de agosto
20.30h | Teatro Coliseo Noela
Gala de entrega do III Premio Portus Apostoli. Coa Real Filharmonía de Galicia.
Sebastian Zinca, director.
Claudia Besné, solista.
Francesca Romana Di Nicola, solista.