Unha nova edición das Residencias Paraíso 2025, impulsadas polo Colectivo RPM, bota a andar en Lugo con dous novos proxectos en proceso: por unha banda, a creadora Suevia Rojo traballará na súa iniciativa Incorpórea, mentres que o tándem formado polos artistas Rocío Bello e Javier Hernando afondarán no proceso de traballo de Ensayo

Unha vez finalizadas a súas residencias, as artistas ofrecerán ambas mostras abertas dos seus traballos en proceso, que terán lugar o domingo, 10 de agosto, contra ás 20.00h, no mesmo Vello Cárcere de Lugo, con entrada libre ata completa a capacidade do espazo

Paralelamente, Suevia Rojo e Rocío Bello & Javier Hernando participarán, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2025’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro na Illa de San Simón 

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Corcubión, MIT (Concello de Ribadavia) e Fundación Cidade da Cultura de Galicia

A creadora Suevia Rojo e o tándem artístico formado por Rocío Bello & Javier Hernando iniciaron esta mañá no Vello Cárcere de Lugo a súa andaina na novena edición das Residencias Paraíso. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM.

Así, o Vello Cárcere da cidade amurallada acolle, desde hoxe luns, 28 de xullo, e até o domingo, 10 de agosto, a sexta e a séptima destas residencias artísticas de 2025, en torno ás propostas Incorpórea, de Suevia Rojo, e Ensayo, de Rocío Bello & Javier Hernando.

Unha vez finalizadas as súas residencias artísticas, Suevia Rojo e Rocío Bello & Javier Hernando ofrecerán ambas mostras abertas do seus traballos en proceso, que terán lugar no mesmo Vello Cárcere de Lugo, o domingo, 10 de agosto, contra ás 20.00 horas, con entrada de balde ata completar a capacidade do espazo. Paralelamente, as creadoras participarán, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2025’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro na Illa de San Simón

SOBRE OS PROXECTOS

Incorpórea pretende retratar a entrada nun corpo que existe non pola súa imaxe, senón por aquilo que é esencialmente interno. É un chamamento a recoñecerse por dentro, de autoinvestigación e autocuestionamento sobre o que fai definirse a un mesmo. Trátase de mirar esencialmente cara dentro, onde as diferentes capas que compoñen a conciencia sobre un mesmo se revelan como mapas vivos de experiencias, desexos e contradicións constantes, sendo a intersección entre o que sentimos e o que pensamos ser. 

O corpo deixa de ser só un espazo que contén información e convértese nun lugar de procura. Convértese nun xesto de vulnerabilidade e poder: vulnerabilidade para afrontar os propios abismos; poder para resignificalos. Unha investigación que invita a transformar eses procesos internos en linguaxe corporal, a darlles luz incluso cando intentan ser agochados. Sobre facer visible o que non pode ser visto salvo por un mesmo. Un xesto que transcende un simple corpo, que busca capturar aquilo que se define como Incorpórea. De recoñecer aquilo que pulsa no silencio, que insiste en existir mesmo cando non é nomeado. 

Ensayo é un proxecto de investigación artística a partir dalgúns xestos humildes que pasaron desapercibidos para a historia e que promoven pequenas formas de resistencia baseadas na infracción, a poesía e a recuperación dos tecidos comunitarios. O proxecto trata de inventar xenealoxías e empurrar outras posibilidades para un tempo por vir. “Queremos utilizar o teatro como campo de probas para poñer en marcha prácticas e pensamentos que nos axuden a fundar outra maneira de relacionarnos co noso pasado e imaxinar algún futuro. Poden as artes vivas poñer en marcha propostas que nos axuden a conquistar o bo vivir? Creemos que, dalgún xeito, si”.

SOBRE AS ARTISTAS

Suevia Rojo é unha bailarina e performer freelance, nacida en Santiago de Compostela en 2002. Mudouse a Oporto aos catorce anos para dar continuidade aos seus estudos en danza. Entre 2020 e 2022 estudou en Performact, un programa intensivo de dous anos onde tivo a oportunidade de traballar con varios artistas internacionais e onde comezou a desenvolver a súa propia identidade na danza e na performance.

Entre os seus traballos máis recentes tanto como creadora e/ou intérprete atópanse A Água vai e vem e dança também, en colaboración con Frederica Campos no ámbito de Contrapartituras – Bolsa de creación do Quarteto Contratempus; a presentación do solo Longa Exposición, no Festival Singularidades / Açores, con apoio da DGArtes; a súa participación como bailarina na peza HIDE TO SEEK, de Júlio Cerdeira, no marco de Palcos Instáveis – Teatro Municipal do Porto; a presentación do solo de danza Pensar a Contratempo, no marco do apoio bianual do festival ABANEA – Galicia; e a súa participación como intérprete na peza O que se Esconde no Silêncio, en RÉPTIL, en coprodución co Teatro Constantino Nery e o CineTeatro de Gouveia e co apoio da DGArtes.

A súa investigación artística explora como o corpo pode ser abordado como un espazo de memoria, creando un diálogo interno entre estados físicos e emocionais. A través do movemento, investiga a conexión entre conciencia e instinto, transformando a vulnerabilidade en forza e a experiencia interna en forma física. Actualmente reside en Oporto, onde desenvolve o seu traballo como freelance, en colaboración con outros artistas e compañías como bailarina e performer.

Rocío Bello y Javier Hernando levan facendo cousas xuntos máis de dez anos, tamén con outros artistas. Javier Hernando fundou xunto a Miguel Rojo a compañía Los Bárbaros. Los Bárbaros desenvolveron proxectos como Las explicaciones (Centro de Cultura Contemporánea Conde Duque), Obra infinita (Centro Dramático Nacional) ou Obra imposible (Centro de Cultura Contemporánea Conde Duque), nos que participou Rocío Bello como actriz, dramaturga e deseñadora de vestiario. Rocío Bello colaborou nas últimas pezas da artista Cris Blanco e a súa obra Mi película italiana estreouse no Teatro Español de Madrid baixo a dirección de Salva Bolta. Javier Hernando publicou libros de poesía como Una clase de escritura (La Uña Rota, 2025).

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO

Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado por Colectivo RPM co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.

A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto. Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.

Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.

Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo ou Sergio Marey, entre moitas outras.

Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, Concello de Corcubión, a MIT (Concello de Ribadavia) e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.

SOBRE O COLECTIVO RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.

Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.

MÁIS INFORMACIÓN

https://www.colectivorpm.gal/

2025.07.28.-NP-Residencias-Paraiso-LUGO