Un non sabe moi ben como pronuncialo na procura de que fique, de que permaneza o menos alterado posíbel. Entoación, volume, frecuencia. Soa a miña voz no intento, recitando un poema, repetindo o teu nome… E non atopa as formas adecuadas, as que permitan non perder anacos desa lembranza ou desa forma túa inconmensurábel de mirar as cousas, de achegarte ás flores dunha utopía latexante. De acender o espazo desde o que engala a bolboreta.
O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, a Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Concello de Vilalba, organiza a proxección da longametraxe gañadora dos Mestres Mateo 2026, SIRAT, de Oliver Laxe, dando por rematado deste xeito o CICLO MESTRE MATEO-2026 que durante os pasados meses brindounos a oportunidade de poder disfrutar das películas finalistas (documentais, longametraxes e curtas) dos XXIV PREMIOS MESTRE MATEO.
Esta décima e derradeira proxección terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o sábado 28 de novembro de 2026, ás 20:00 horas.
A velada de Londres,a homenaxe de ButacaZero a Manuel Lourenzo,pecha a súa xira en Foz, Noia e Cee
A montaxe dirixida por Xavier Castiñeira chega á Sala Bahía de Foz (27 de novembro), ao Teatro Coliseo Noela de Noia (5 de decembro) e á Casa da Cultura de Cee (12 de decembro)
Tras a estrea no Teatro Rosalía Castro e o seu paso por Muros, As Pontes e Vigo, onde esgotou as entradas, o espectáculo encara a súa recta final acompañado da exposición didáctica Manuel Lourenzo. A pegada que continúa
A velada de Londres, a produción coa que a plataforma creativa ButacaZero rende tributo ao dramaturgo, actor e docente Manuel Lourenzo (1943-2025), afronta a última tríade de funcións da súa xira. A montaxe, dirixida por Xavier Castiñeira, visitará nas próximas semanas tres escenarios das provincias de Lugo e da Coruña: a Sala Bahía de Foz (venres 27 de novembro), o Teatro Coliseo Noela de Noia (sábado 5 de decembro) e a Casa da Cultura de Cee (sábado 12 de decembro).
Estreada o pasado 4 de setembro no Teatro Rosalía Castro da Coruña, a peza percorreu durante o outono os escenarios de Muros, As Pontes e Vigo, onde o Auditorio Municipal colgou o cartel de entradas esgotadas. Con estas tres últimas datas, a homenaxe ao mestre do teatro galego chega á Mariña -a poucos quilómetros do Valadouro, terra natal de Lourenzo-, á comarca de Noia e á Costa da Morte.
A compañía liderada por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira adéntrase con esta montaxe, por vez primeira, no universo de Lourenzo. Faino cun texto incluído no volume Veladas indecentes, co que o autor se converteu en 1997 no primeiro dramaturgo galego en gañar o Premio Nacional de Literatura Dramática.
A peza garda, ademais, unha relación especial con Castiñeira, quen traballou como axudante de dirección do propio Lourenzo nesta mesma obra en 1999. Daquela, o mestre deulle un consello que o acompañou desde entón: “Abre os ollos e róubame o que poidas”. Case tres décadas despois, Castiñeira retoma aquel texto desde a súa propia mirada e devolve aquel xesto de xenerosidade cunha montaxe rigorosa, luminosa e chea de gratitude.
En A velada de Londres, Lourenzo propón unha orixinal farsa e fantasía arredor do Drácula de Bram Stoker. A trama parte do regreso do procurador Jonathan Harker á súa vida burguesa tras a viaxe aos Cárpatos, obsesionado pola figura do Conde. A súa esposa, Mina, tenta protexelo, pero a chegada dun misterioso doutor -que resulta ser o propio Drácula- desencadea un proceso no que o mundo sobrenatural vai desprazando a ríxida moral vitoriana. Lonxe do terror convencional, a proposta explora a tensión entre a razón e os instintos e entende a “vampirización” como un acto de amor, liberación e aceptación do desexo.
Cunha duración dunha hora, a posta en escena acompaña esa transformación: a estética vitoriana vaise alterando a medida que a natureza e o elemento atávico se apoderan do espazo. O elenco combina a traxectoria de Xurxo Cortázar (Iribarne, Shakespeare en Roma, O Premio) co pulo de Sophia Rodal e Teo Piñeiro, fiel ao compromiso de Lourenzo co talento mozo. Completa o reparto a soprano e violonchelista Esperanza Mara, que interpreta en directo a banda sonora orixinal de Iago Hermo e intervén na acción dramática, o que converte cada función nunha velada teatral, mais tamén musical.
Unha exposición didáctica para manter vivo o legado do mestre
Como en cada parada da xira, o público que acuda ao teatro poderá visitar no vestíbulo a exposición didácticaManuel Lourenzo. A pegada que continúa. A mostra informativa, composta por seis paneis, foi concibida por Xavier Castiñeira coa colaboración de Paco Oti, Inma López Silva, Ana Abad de Larriva, Gloria Rico e os fondos da Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor da Universidade da Coruña.
O percorrido achégase ás múltiples facetas de Lourenzo: autor de máis de 300 pezas teatrais; impulsor de espazos fundamentais para a escena galega como O Facho, a Escola Dramática Galega ou Casahamlet; pedagogo e autor do manual Pensar co corpo; tradutor ao galego de clásicos como Esquilo, Shakespeare, Brecht ou Beckett; e rostro popular grazas a personaxes televisivas como Melgacho (Mareas vivas) ou Terito (Fariña).
“Seis paneis apenas poden suxerir a dimensión dunha vida dedicada ao teatro. Esta exposición didáctica non pretende contalo todo, só abrir unha pequena fiestra a un home que nos ensinou a mirar e entender a escena como vida compartida”, sinala Castiñeira.
As funcións de Foz e Noia forman parte da programación da Rede Galega de Teatros e contan co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), mentres que a de Cee se enmarca no programa Outono das Artes da Deputación da Coruña.
A velada de Londres mergúllanos na súa visión sobre o universo de Drácula, unha das obsesións creativas de Manuel Lorenzo. Nela imaxina unha escena tras o primeiro capítulo da novela de Bram Stocker, cando Jonathan Harker coñece ao Conde en Transilvania. No retorno a Londres xunto á súa muller Mina, Jonathan revive obsesivamente aquela experiencia, e a súa relación esborrállase entre o desexo, o medo e a fascinación.
Ficha artística
Dirección: Xavier Castiñeira.
Reparto: Xurxo Cortázar, Sophia Rodal, Teo Piñeiro, Esperanza Mara (soprano e chelista).
Banda sonora orixinal: Iago Hermo.
Deseño de luz: Violeta Martínez.
Espazo escénico: Beatriz de Vega.
Figurinista: Carlos Pinilla.
Produción e distribución: ButacaZero.
Produción en xira: Rubén Capelán.
Axudante de dirección: Nuria Montero.
Deseño gráfico e prensa: Coma Comunicación Creativa.
ButacaZero
ButacaZero é a plataforma creativa de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira coa que propoñen un teatro que dialoga coa actualidade dende unha mirada crítica e irónica, e no que a tradición teatral se mestura con linguaxes contemporáneas. A compañía, creadora e produtora de propostas como IRIBARNE (con 9 Premios María Casares, entre eles o de mellor espectáculo), O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, Papagena, 32m2, Despois das ondas ou Voaxa e Carmín, sitúase como un referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego.
O público infantil e familiar poderá desfrutar das cancións máis aclamadas de Pakolas, este sábado, día 21 de novembro, ás 17 horas, na Casa-Museo Manuel María. O músico presentará As máis molonas de Pakolas, un concerto onde soarán, con moito humor e moito rock, as mellores cancións da súa discografía.
O concerto vai dirixido para nenas e nenos entre os 3 e os 10 anos. Para asistir é necesario facer reserva (billete 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.