
Claudia Abril (voz e percusións) e Marina Carpente (violín e voz) presentan o seu debut discográfico na Sala Rebullón (Mos) a partir das 21:00 horas
A Sala Rebullón acolle este venres 8 o concerto de presentación de ABRIL, o dúo folk galego formado por Claudia Abril e Marina Carpente, que chega aos escenarios con Medrar, o seu primeiro álbum de estudio.
ABRIL é unha proposta de folk contemporáneo na que instrumentos como a pandeireta, o pandeiro ou o violín folk dan lugar a un coidadísimo repertorio que contribúe a poñer en valor a música tradicional galega sen deixar de lado a modernidade. O dúo adapta melodías tradicionais galegas con sonoridades actuais, con intimidade, personalidade e frescura.

As nove pezas de Medrar beben de fontes orais e arquivos fundamentais da tradición, dende melodías de Caroi (Cotobade) e Toutón (Mondariz), ata sonoridades de Balouta (Ancares leoneses), o legado de Florencio dos Vilares na Fonsagrada ou o canto de ‘Teresa dos Cucos’ en Malpica. Esta materia prima transfórmase en mans de ABRIL en novos himnos grazas á suma de letras orixinais e á colaboración de músicos como Juan Arca (Lontras), Joana Gumí, Sunil López ou Hugo Franco.
O álbum, producido por Zalo Rodríguez e mesturado por Hevi (Laboratorio Soyuz), logra un equilibrio hipnótico onde a pandeireta e o violín conviven organicamente coa electrónica. A narrativa visual foi creada por Marte Martinka e Miguel Méndez (Fotomatong), coa escenografía de Laura Iturralde e José Faro ‘Coti’ e o deseño gráfico de Sara Castro.
PRESENTACIÓN MEDRAR
Data: Venres 8 de maio
Hora: 21:00 horas
Lugar: Sala Rebullón (Av. do Rebullón, 23, 36416, Pontevedra)
Acto: Presentación en directo de Medrar, o álbum debut de ABRIL.
Para asistir a cubrir o evento é Imprescindible solicitar acreditación antes das 14.00 horas do venres 8 de abril.
Este proxecto contou cun apoio para o seu desenvolvemento a través das Residencias Creativas Mariñán de música, da Deputación da Coruña.