A Casa-Museo Manuel María organiza para este domingo unha Camiñada por Terras de Aguiar

Esta fin de semana, co inicio do outono, comeza a actividade cultural da Casa-Museo Manuel María e faino cunha Camiñada por Terras de Aguiar, no concello de Outeiro de Rei, o domingo 28 de setembro. Será unha andaina de dificultade baixa, ao redor de sete quilómetros e medio, coa que contará coa axuda do noso divulgador cultural Orlando Viveiro.

As persoas participantes quedarán ás 9.30, na Casa-Museo, para dirixirse en automóbeis particulares ao antigo Mesón O Ferreiro en Vilela (na estrada que vai cara a Castro de Ribeiras de Lea). Aqueles que queiran poden ir directamente para este lugar de saída. O inicio da andaina será as 9.45. A súa duración é de aproximadamente de tres horas e media.

A actividade é gratuíta mais é necesario anotarse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.

O cinema galego consolídase no London Spanish Film Festival coas estreas en Reino Unido de ‘+Cuñados’ e ‘Antes de Nós’

A terceira edición da sección ‘Letters from Galicia’ acollerá os días 23 e 24 de setembro unha programación que combina comedia, cinema autoral e curtametraxes alén de actividades presenciais

●       O director Luis Avilés presentará a estrea no Reino Unido de +Cuñados o 23 de setembro

●       O día 24 tamén está previsto un coloquio in situ con Xoan Fórneas, protagonista de Antes de Nós, que será moderado pola viguesa Adriana Páramo, cineasta e representante do GFF

O audiovisual galego ocupa por terceiro ano consecutivo unha sección específica no 21st London Spanish Film Festival (LSFF) que permitirá a proxección na capital británica dos filmes +CuñadosAntes de Nós e unha escolma de curtametraxes de novísima factura. Os días 23 e 24 de setembro concentrarán a actividade da sección Letters from Galicia que incluirá tamén varios eventos presenciais. Esta sección está organizada polo Galician Film Forum (GFF) e finánciase en virtude da colaboración establecida entre o ICAA e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia. Conta, ademais, co apoio da adega Méndez-Rojo e Abanca.

O LSFF, que celebra 21 anos de vida, é dun dos festivais de cinema español máis importantes do Reino Unido e alberga desde hai tempo seccións diferenciadas doutras comunidades, algunhas delas tan veteranas como a catalá e a vasca con 17 e 16 anos de vida, respectivamente. O espazo galego, con tres edicións, estase a consolidar como un escaparate internacional do cinema máis recente do país e este ano aposta por unha programación diversa que arrancará coa estrea no Reino Unido da comedia +Cuñados o 23 de setembro, ás 18:15 horas no Ciné Lumière. Logo da proxección comezará un coloquio co director, Luis Avilés, que será moderado por Adriana Páramo, cineasta e representante do Galician Film Forum

Tamén ese día e no mesmo lugar, pero ás 20:30 horas, será a quenda de Short Letters from Galicia, unha sesión de curtametraxes galegas que estará integrada polos títulos Resonancias (Diana Gonçalves, 2025), Abellón (Fon Cortizo, 2024), Eu vou comigo (Chelo Loureiro, 2024) e Curmán (Alejandro Jato, 2025). Un chisco antes desta sesión, ás 20:00 horas, haberá un brinde cortesía da adega Méndez-Rojo.

O mércores 24, ás 20:15 horas, no Riverside Studios será a estrea británica do filme Antes de Nós dirixido por Ángeles Huerta. Ao rematar está previsto un encontro co actor Xoan Fórneas que tamén será moderado por Adriana Páramo.

O GFF: unha década a prol do cinema galego

Detrás de Letters from Galicia atópase o Galician Film Forum (GFF), un colectivo que este ano celebra o seu décimo aniversario. O GFF naceu no 2015 no seo dun grupo de galegos emigrados a Londres co obxectivo de crear un espazo para a difusión do cinema galego na capital británica. En palabras de Adriana Páramo, “este aniversario é unha proba da madurez do proxecto e supón unha ocasión perfecta para seguir fortalecendo a presenza do cinema galego no Reino Unido”. E salienta o feito de que “Letters from Galicia opera como unha fiestra do talento diverso e das novas xeracións de creadoras e creadores que proxectan a nosa cultura e a nosa identidade ao mundo”.

3rd LETTERS FROM GALICIA | PROGRAMACIÓN

Martes 23 de setembro | 18:15 h | Ciné Lumière I +Cuñados

Coloquio co director Luis Avilés moderado por Adriana Páramo (GFF)

Entradas: https://londonspanishfilmfestival.com/cunados/

Martes 23 de setembro | 20:30 h | Ciné Lumière II | Short letters from Galicia

Proxección das curtametraxes: ResonanciasAbellónEu vou comigo e Curmán

Brinde previo ás 20.00 h cortesía da adega Méndez-Rojo

Entradas: https://londonspanishfilmfestival.com/short-letters-from-galicia/

Mércores 24 setembro | 20:15 h | Riverside Studios Antes de Nós

Encontro co actor protagonista Xoan Fórneas moderado por Adriana Páramo (GFF)

Entradas: https://londonspanishfilmfestival.com/antes-de-nos/

Web do LSFF: http://www.londonspanishfilmfestival.com/

Galician Film Forum

En 2015 un colectivo de galegos residentes en Londres puxo en marcha o Galician Film Forum (GFF), coa intención de promover e visibilizar o cinema galego na capital do Reino Unido. A súa actividade articúlase en tres eixes: como plataforma de exhibición, como observatorio da nova diáspora creativa audiovisual no Reino Unido e como espazo de reflexión sobre o cinema e a cultura galega en termos universais.

20250918-NP-Seccion-galega-no-21-London-Spanish-Film-Festival

A Regueifa levanta o pano da 34ª edición do FIOT este mércores, 24 de setembro, no Pazo da Cultura

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo quenta motores cunha primeira tarde de actividades abertas ao público, con entrada de balde, no Pazo da Cultura, coa proxección, ás 17.30 horas, do avance do documental ‘Ao son da regueifa’, de Undodez, e a celebración da mesa redonda, ás 18.00 horas, ‘A arte do canto improvisado’, da man do Consello da Cultura galega

Do 25 de setembro ao 31 de outubro, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo achegará a Galicia una coidada selección de espectáculos á altura dos teatros e festivais máis representativos de España e Europa, con pezas que triunfan no Teatro Español, a Compañía Nacional de Teatro Clásico, o Centro Dramático Nacional, os Teatros del Canal, Fetén, o Festival Temporada Alta de Girona, Almagro ou o Festival de Otoño

Durante cinco semanas, o FIOT de Carballo encherá ás salas, as rúas e os espazos non convencionais da vila bergantiñá con propostas de artistas e compañías como Andrea Jiménez, Jan Lauwers, Juan Diego Botto, Sergio Peris-Mencheta, María Galiana, Alex O’Dogherty, Lucas Escobedo, Pont Flotant, Gabriel Chamé Buendía, Galeatro, Pistacatro, Needcompany, Gonzalo Cunill, Paula Carballeira, Ainé, Quico Cadaval, Evaristo Calvo ou El Patio Teatro

“Raíz viva, memoria colectiva” é o leitmotiv dunha edición que busca poñer en valor a orixe e a tradición como símbolos de identidade propia e faros da nosa contemporaneidade e que contará con propostas abertas a todos os públicos, formatos e sensibilidades, procedentes de 3 países e 9 comunidadesautónomas, ademais dunha vintena de actividades de mediación

AXENDA FIOT34 MÉRCORES 24 DE SETEMBRO

Este mércores, 24 de setembro, ás 17.30 horas, proxectarase o avance do documental ‘Ao son da regueifa’, de Undodez, que retrata o renacer desta arte de improvisación oral tan nosa para descubrir as voces que a manteñen viva na actualidade.

E, xa contra ás 18.00 horas, abrimos un espazo para a conversa da man do Consello da Cultura Galega, cunha mesa redonda titulada ‘A arte do canto improvisado’, que pon o foco na regueifa, un rico elemento do noso patrimonio cultural inmaterial. 

Os regueifeiros e especialistas neste xénero artístico Alejo Amoedo, Domingo Blanco, Lupe Blanco e Manuel Maseda participarán nesta sesión de análise e divulgación desta expresión cultural que consiste nunha disputa dialéctica a través do canto oral improvisado en verso, e que se caracteriza polo uso creativo do humor, da música e da crítica social. Bergantiños é rico nestas manifestacións, que en Carballo aínda se manteñen vivas a través de diversos proxectos que a poñen en valor.

Deste xeito, a regueifa protagoniza a tarde de apertura do FIOT34 este mércores 24 de setembro, como aperitivo da ambiciosa e inédita proposta escénica ‘Territorio Regueifa’, de Ainé Producións e coproducida polo FIOT e o CDG, espectáculo encargado de inaugurar o programa de sala do festival a vindeira semana, os días 3 e 4 de outubro, no Pazo da Cultura.

Tamén este mércores, ás 20.00h, no marco do FIOT, poderás asistir á inauguración das exposicións ‘Zoom FIOT’ e ‘Xesto’, de Noelia Paz, coa música en vivo da banda carballesa Quercus Blues.

Actividades de balde, abertas a todos os públicos. 

Raíz viva, memoria colectiva.

Carballo é raíz, Carballo é teatro. 

Ven gozar do FIOT!

Máis información en www.fiot.gal.

A3-documental-e-xornada

CCG_ac_2025_programa-mesa-redonda-regueifa

Proxección da longametraxe XUSTIZ UNIVERSAL no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Área de Cultura-Vicepresiencia da Deputacion de Lugo,  Academia Galega do Audiovisual e o Concello de Vilalba, organiza a proxección da longametraxe XUSTIZA ARTIFICIAL, dirixida por SIMÓN CASAL, continuando así co CICLO MESTRE MATEO-2025 que durante os próximos meses brindaranos a oportunidade de poder disfrutar das películas finalistas (documentais, longametraxes e curtas) dos XXIII PREMIOS MESTRE MATEO.

Esta QUINTA proxección terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o xoves 25 de setembro de 2025, ás 20:00 horas.

NOTA-INFORMATIVA-XUSTIZA-ARTIFICIAL