Patricia Torrado Queiruga gaña o LI Certame Literario do Concello de Vilalba coa obra NAKBA

Imaxe da autora recollida do seu espazo na AELG. Autoría: Distrito Xermar (2022)

A obra da sonense Patricia Torrado Queiruga, que recibirá 7.000 euros e verá publicada a súa creación, foi a elixida polo xurado integrado por figuras de prestixio cultural e académico

O xurado do LI Certame Literario do Concello de Vilalba vén de facer público o seu ditame, proclamando como gañadora a obra Nakba, presentada baixo o lema “Coma quen lambe a ferida”, e cuxa autoría correspondeu á escritora e poeta Patricia Torrado Queiruga.

O certame, o máis antigo de Galicia e tamén un dos de mellor dotación económica, está recoñecido como unha das grandes citas da creación literaria no país. A gañadora desta edición recibirá un premio de 7.000 euros, ao que se suma a publicación da obra.

O xurado estivo composto por figuras de referencia do ámbito cultural e académico galego: Darío Villanueva, membro da Real Academia Española; Ramón Villares, catedrático de Historia; Xulio Xiz, xornalista; Fidel Fernán, director do Grupo de Radio Principal; Luz Airado, avogada e poeta; e Andrea Fernández Maneiro, poeta e gañadora da edición anterior.

A alcaldesa Marta Rouco destacou “a importancia de manter vivo un certame que forma parte da identidade cultural de Vilalba e que é, ademais, un referente en toda Galicia polo seu prestixio e pola súa aposta decidida pola creación literaria”. Engadiu que “detrás destas cinco décadas de historia hai un compromiso claro co talento, a cultura e a palabra escrita”.

Pola súa parte, a concelleira de Cultura Mónica González puxo en valor a calidade da obra gañadora e da propia convocatoria: “o Certame Literario de Vilalba demostra ano tras ano a súa capacidade de atraer voces potentes e diversas do panorama literario galego. Este premio non só promove a creación, senón que tamén proxecta o nome de Vilalba”. 

A traxectoria da gañadora

Patricia Torrado Queiruga (Porto Son, A Coruña) é licenciada en Filosofía pola USC, museóloga e experta en conservación e restauración do patrimonio pola UAH, ademais de contar con mestrados en Xestión Cultural e en Relacións Públicas e Protocolo pola UPO.

A súa traxectoria literaria está avalada por numerosos recoñecementos, entre os que destacan:

  • Primeiro premio do Certame Manuel Murguía de narracións breves (2020).
  • Primeiro premio do III Certame de poesía Torre de Caldaloba (2020).
  • Primeiro premio no III Certame de Caligramas Constanza de Castro (2023).
  • Primeiro premio no XI Concurso de Poesía Albariza de Artes-Concello de Ribeira (2024).
  • Segundo premio no XXIX Certame Francisco Añón de Poesía (2025).

Ademais foi galardoada en varias ocasións nos Certames de Microrrelatos do Día do Libro de Vilalba, nos que acadou distintos premios entre 2019 e 2022, así como noutras citas literarias de relevancia.

Sen esquecer as súas colaboracións con artigos de opinión en espazos de información variados como La Voz de Galicia ou na súa sección DEMIURXIA en Culturalia GZ.

Imaxe das persoas integrantes do xurado no LI Certame Literario do Concello de Vilalba, acompañadas da alcaldesa Marta Rouco

*A información para realizar esta nova foi recompilada principalmente na web do Concello de Vilalba

Andanzas do Suso de Lameliña O RITUAL DO BARBEADO

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

O RITUAL DO BARBEADO

Buck Mulligan, erguido sobre a torre Martello en Sandycove (Dublín), cunha cunca de barbear, un espello e unha navalla converte o acto cotián do afeitado nunha parodia da eucaristía. “Introibo ad altare Dei”, proclama, asumindo o papel dun sacerdote irreverente.

A non ser que queiramos deixar que a barba medre libremente, todos os homes acabamos por someternos a ese pequeno sacrificio que é o afeitado. Un acto de reafirmación pero tamén de lembranza do paso do tempo, de que todo cambia. A navalla borra as pegadas do día anterior e o espello vainos amosando engurras discretas, novas sombras, olleiras dunha noite sen durmir. Sinais que evidencian que cada mañá somos un pouco distintos.

Confeso que detesto afeitarme. Durante moitos anos permitin que a barba se apoderase do meu rostro, decidín non domesticala e acabou formando parte da miña personalidade. Unha mañá ao tratar de arranxala fóiseme a man e tiven que retirala por completo. Desde aquela non volvín deixala. Moitas veces o teño pensado, pero non soporto esa fase intermedia de tres ou catro días de pelo rebelde, sen identidade, que quere ser fraga pero é unha inmunda sombra. Obviamente, para chegar a ser barba florida hai que pasar esa fase. E non estou disposto.

Agora rasúrome cada dous días por recomendación do barbeiro. “Non é bo para a pel facelo todos os días; chega cada dous”, recomendoume coa sabedoría do seu oficio. Non sei se ten razón ou non pero fíxenlle caso. Cada vez que toca reencontrarme co rostro e borrar o que foi e preparar o que será e a espuma empeza a cubrir o meu rostro de branco, como unha máscara eucarística, lembrome do protagonista do “Ulises” enriba da torre Martello e repito mentalmente coma un mantra profano: “Introibo ad altare Dei”.

Porque, malia non ser do meu agrado, barbearse non só é cuestión de estética, é un ritual, un xeito de recoñecerse, de pasar por este mundo e, ás veces, de reconciliarse.

Intensa actividade cultural de fin de verán na Ulloa

No remate do verán a comarca da Ulloa acollerá distintas actividades culturais. O domingo 24 ás 18,30 presentarase en Monterroso o libro do poeta Marco García Vaquero Ulla, Ulloa, Ulloáns. Máis información en http://ieu.gal/presentacion-en-monterroso-do-libro-de-marcos-garcia-vaquero-ulla-ulloa-ulloans-24-8-2025/

En Palas de Rei terá lugar do 20 de agosto ao 6 de setembro a Mostra Internacional de Teatro Amador.

En Monterroso, do 22 ao 23 de agosto, celebrarase unha nova edición do Festival AGROCUIR DA ULLOA. (Programa en (https://festivalagrocuir.wordpress.com/)

En Albá, Santo Xusto e Coence (Palas de Rei), o 5 e 6 de setembro, o festival SON D´ALDEA. (Inscricións e programa en  https://sondaldea.es/).

E non esquecer que a Fundación Eira da Xoana organiza o 23 de agosto unha Homenaxe ás vítimas da represión, sen Altri  (https://eiradaxoana.gal/).

En cambio este ano non se poderá desfrutar dunha das citas fundamentais do verán da Ulloa, o FESTIULLOA. Agárdase que Quercus Sonora o retome para o ano próximo, salientando todo o que esta asociación de Antas de Ulla fai pola cultura e a conservación do patrimonio natural da Ulloa.

Presentación do libro ULLA, ULLOA, ULLOÁNS, de Marco García Vaquero, no Centro Sociocultural de Monterroso

O domingo 24 de agosto ás 18,30 h presentarase, no salón de actos do Centro sociocultural de Monterroso, o libro ULLA, ULLOA, ULLOÁNS, editado pola Editorial Medulia e que abrangue 17 poemas de poemas do poeta monterrosino residente en Irlanda Marco García Vaquero.
Na presentación intervirán o autor, Xosé Luis Santiso, Jesús Otero Calvo, Esperanza Díaz, Alba García e Francisco Pardo. Contarase coa actuación musical da Escola Infantil de Gaitas de Falcatrueiros.

Máis información en http://ieu.gal/presentacion-en-monterroso-do-libro-de-marcos-garcia-vaquero-ulla-ulloa-ulloans-24-8-2025/

Areta Bolado, elixida Xograresa de Outono do FIOT 2025

O galardón, que pretende salientar a traxectoria de profesionais das artes escénicas galegas co recoñecemento de figuras imprescindibles do sector de xeito anual, entregarase en outubro durante a celebración da 34ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo

O xurado destacou a riqueza e a versatilidade dunha creadora que é actriz, dramaturga e directora, co desexo de visibilizar novas formas de xograres e novas xeracións no FIOT, con figuras como Areta, que abren renovados e estimulantes camiños para as artes escénicas galegas

O xurado remarcou, tamén, a solidez da traxectoria de Areta Bolado, tan querida pola súa linguaxe contemporánea irreverente e estimulante, cunha bagaxe recoñecida dentro e fóra de Galicia, e cun pulso creativo que comparte valores fundamentais para FIOT como a loita polo feminismo e a inclusión

Neste 2025, como unha mostra máis da aposta do FIOT pola raíz e o apoio ao talento local, a Asociación Telón e Aparte encargoulle o deseño do novo trofeo da Xograresa de Outono á artesá carballesa María Barca, impulsora da Olería CRÚA en Carballo, que será tamén a encargada do deseño do Premio do Público

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, outorgará este 2025 o premio Xograresa de Outono a Areta Bolado. Deste xeito, o encontro, unha cita de referencia en Galicia e no estado polo seu traballo a prol da creación de novos públicos e o fortalecemento da escena, mantén viva a chama da posta en valor e o recoñecemento de figuras imprescindibles do sector cultural galego, coa entrega anual dun galardón que quere salientar a traxectoria de profesionais das artes escénicas. 

Nesta ocasión, as xograresas e xograreses do FIOT decidiron premiar á actriz, dramaturga e directora Areta Bolado, unha das fundadoras da compañía A Panadaría. No seu fallo, o xurado destacou á artista, ademais de pola súa relevante e valiosa traxectoria para as artes escénicas galegas, “pola riqueza e a versatilidade dunha creadora que é actriz, dramaturga e directora, co desexo de visibilizar novas formas de xograres e novas xeracións no FIOT, con figuras como Areta, que abren renovados e estimulantes camiños para as artes escénicas galegas”. O xurado remarcou, tamén, “a solidez da traxectoria de Areta Bolado, tan querida pola súa linguaxe contemporánea irreverente e estimulante, cunha bagaxe recoñecida dentro e fóra de Galicia, e cun pulso creativo que comparte valores fundamentais para FIOT como a loita polo feminismo e a inclusión”.

Areta Bolado –cuxos espectáculos xunto á compañía A Panadaría foron tan celebrados nas súas visitas ao Pazo da Cultura de Carballo– recollerá o seu galardón este outono en Carballo, durante a celebración da nova edición do FIOT, collendo o relevo do actor e narrador Avelino González, premiado en 2024. 

SOBRE ARETA BOLADO

Areta Bolado (O Porriño, 1985) é actriz e creadora escénica. Foi unha das fundadoras da compañía A Panadaría, na que artellou un teatro hilarante, transgresor e profundamente político. Dentro desta formación, ademais de coordinar todos os proxectos pedagóxicos, foi cocreadora e actriz de PAN!PAN!PanamericanaElisa e Marcela e As que limpan.

O seu carácter irreverente e lúdico como intérprete enchoupa outros proxectos teatrais e audiovisuais, como Soño dunha noite de verán (Marta Pazos, Voadora), Neorretranca e Posmorriña (Centro Dramático Galego), 9 Fugas (Fon Cortizo), Descarrilados (Fer García Ruiz) ou Xan (Lucía Estévez e Miguel Canalejo). Como creadora, mantén desde hai anos unha vía de exploración entre a música e o teatro xunto con Ailén Kendelman, da que xurde o conxunto internacional Áureas, a conferencia-concerto Barba Inguinal e o máis recente Unha señora orquestra.

Na súa traxectoria recibe numerosos premios autonómicos e estatais como actriz, dramaturga e directora, mais tamén foi recoñecida por diversos colectivos polo seu compromiso feminista e polos dereitos do colectivo LGBTIQ+.

UN NOVO TROFEO PARA A XOGRARESA DE OUTONO DO FIOT 2025

Como unha mostra máis da aposta do FIOT pola raíz e o apoio ao talento local, neste 2025, a Asociación Telón e Aparte encargoulle o deseño do novo trofeo da Xograresa de Outono á artista e artesá carballesa María Barca, impulsora do espazo CRÚA en Carballo. A creadora será tamén a encargada do deseño do Premio do Público do FIOT a partir desta 34ª edición da cita.

María Barca é carballesa de nacemento, pero, sobre todo, de corazón. Fala pouco, mais ten mans creadoras. Ela di que non é fotógrafa, oleira ou ceramista, senón que desfruta de afrontar novos retos coas mans sen etiquetas. Estudou Belas Artes na Universidade de Vigo, tratando de combinar traballos plásticos e fotográficos. Sinte predilección polos proxectos sociais, solidarios e educativos, a produción artesanal, a cerámica e a fotografía documental. Despois de ter pasado por Madrid, Perú, Bilbao ou Berlín, regresou a casa, onde continúa ampliando a súa formación tanto artística como persoal. En agosto de 2022 publicou o seu primeiro libro, Buño de seu, un traballo documental e fotográfico sobre os oleiros e oleiras desta vila, que supuxo o seu achegamento definitivo ao mundo da cerámica. En novembro do 2022 abriu as portas dun espazo que materializa as súas aspiracións creativas: CRÚA, un obradoiro de cerámica en Carballo.

Esta nova colaboración do FIOT con María Barca amosa o desexo do festival de abrirse a novas disciplinas e poñer en valor outras ricas manifestacións artísticas, entre elas, a olería, que ten un peso tan importante na comarca bergantiñá. Con este deseño dos trofeos da Xograresa de Outono e do Premio do Público por parte da artesá carballesa, o FIOT cristaliza unha vez máis a súa aposta pola transversalidade e a converxencia entre as diferentes artes, o feminismo, o apoio ao talento emerxente e o impulso da creación local, poñendo tamén en valor a nosa raíz, o traballo manual e a tradición baixo un prisma contemporáneo.

SOBRE O FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO (FIOT)

Máis de tres décadas creando teatro

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos máis prestixiosos do teatro actual. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e conta coa colaboración do Concello de Carballo. Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e pola súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes de Galicia e referente cultural durante o outono: un mes completo de programación, con preto de 40 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo na capital das artes escénicas da comunidade galega.

Desde hai 34 anos, o FIOT dá a coñecer en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadoras emerxentes. Mais, especialmente, busca atraer novos públicos ao teatro. O festival nace en 1992 como espazo para ofrecer unha programación de teatro de calidade na comarca de Bergantiños e impulsar unha estrutura creativa arredor das artes escénicas na zona. Desde entón, FIOT é o lugar de encontro entre artistas, compañías e programadoras, e aposta por estimular a creación e o traballo en rede tanto a través da oferta de espazos para residencias artísticas como da implicación, do propio festival, na produción e novos espectáculos, fundamentalmente de compañías galegas.

Nas súas pasadas 33 edicións, FIOT contou coa participación das compañías máis relevantes de Galicia e España, ademais do ámbito internacional, outorgando así espazo a numerosas disciplinas, novas linguaxes, xéneros e formatos; ademais de ofrecer estreas absolutas ou no territorio galego. Desde xeito, máis de 350 formacións e artistas presentaron os seus traballos no FIOT, con nomes tan salientables no marco do panorama escénico galego, nacional e internacional coma Blanca Portillo, Pablo Messiez, Rafael Álvarez ‘El Brujo’, Yllana, Ron Lalá, Pont Flotant, Titzina, Kamikaze Producciones, Compañía do Chapitô, Leo Bassi, Grupo Chévere, Timbre 4, Mofa e Befa, Xosé A. Touriñán, Quico Cadaval…

Ao longo da súa traxectoria, diversos recoñecementos acreditaron o intenso traballo do FIOT para achegar as artes escénicas do século XXI á cidadanía e recoñeceron o festival como unha das iniciativas teatrais do noroeste peninsular máis relevantes na actualidade. Entre outras distincións cítanse, ademais da ‘Insignia Cultural’ do ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como mellor proxecto cultural de Galicia en 2022, o Premio da Cultura Galega 2018 no ámbito das artes escénicas outorgado pola Xunta de Galicia ou o Premio Galego do Ano 2018, entre outros. 

MÁIS INFORMACIÓN I www.fiot.gal

20250820-NP-Xograresa-de-Outono-FIOT34