Andanzas do Suso de Lameliña DÍA DE MATANZA

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

DÍA DE MATANZA

Era un día de festa grande, tamén de tristeza fonda. Un día dos que tardaban en chegar e que pola noite durmías mal, desexando ver amencer.

Erguíaste ben cediño para recibir aquela mañá fría, moi fría. A terra estaba dura, ás veces branca de neve, e senón adornada con carambos nas pucharcas da aira e pendurados dos tellados como bonequiñas de cristal. Asomado á xanela observabas coma saía o fume pola cheminea da corte. Era o sinal do inicio da longa mañá que che agardaba. Xa estaba aceso o lume para quentar o caldeiro da auga, que logo ía servir para pelar os porcos.

Pronto chegaría o teu tío de Frontoi, cos coitelos envoltos en papel de xornal debaixo do brazo. Aquilo dábache algo de medo, e ao mesmo tempo moita tristeza, porque eran as armas asasinas que lles quitarían a vida aos amigos, cos que ata o día anterior estiveras xogando. Para ti eran coma mascotas, subíaste ao seu lombo, brincabas con eles, facías que os toureabas… , seres cos que compartías a inocencia, esquecendo o destino que lles esperaba.

Mais tamén había ledicia. O día da matanza era unha das festas máis grandes do ano. Os outros tíos pechaban por unhas horas o taller de carpintería para vir axudar e, o mellor de todo, a comida especial en familia, onde as filloas de sangue (sangue dos porcos do ano anterior, ou xa dunha matanza deste ano feita por algún veciño), era un dos pratos estrela. Como che gustaban aquelas larpeiradas, doces e salgadas que sabían a xenuíno inverno e a tradición!

O primeiro que facía o tio de Frontoi era subir ao piso e tomar un café, co fin de escorrentar a friaxe e prepararse para o seu labor. Estábase achegando a temida hora. Non perdía tempo, facía boa falta a mañá. Tomaba rápido o café e se acaso algunha galleta, e baixaba para a cuadra, onde xa o agardaban. Ao pouco, comezaban a soar os berros, que tanto te impresionaban. Tapabas os oídos, notabas como o corpo se encollía e como o corazón empezaba latexar con forza. Sentías moito pesar pola morte dos que foran teus compañeiros de xogos; aquel intre era como unha dolorosa ferida.

Mais, rematado o sacrificio, xa te esquecías e baixabas correndo, para ver o que restaba de matanza. Pelalos, sacarlles as vísceras, colgalos ata o día seguinte que había que partilos…

O que restaba de día era todo ledicia, sabedor de que calquera domingo de feira, chegarían á casa, novos porquiños cos que poder brincar, como se nada.

Ao día seguinte volvía o tío para cortalos e salgalos. Pero xa non era igual. Era case un día normal, sen a maxia, sen o estremecemento ritual do día do sacrificio.

DEMIURXIA “Outra vez” Patricia Torrado Queiruga

Autoría da imaxe: Mohammed Dawoud

DEMIURXIA

Patricia Torrado Queiruga

OUTRA VEZ

Unha e outra vez: o eterno retorno do que falaba Nietzsche, volver a cometer un a un os mesmos erros dun pasado non tan afastado; con teimosía, con grandes doses dun odio exacerbado, sen empatía e, sobre todo, sen dor dos outros.

Dicía o tamén filósofo Inmanuel Kant: algo así como que o ser humano sairá da súa “minoría de idade” cando se atreva a pensar por si mesmo usando a súa propia razón e deixe de obedecer a outros coa cegueira de quen vive máis tranquilo se llo dan feito.

Non hai moito, a arqueóloga Marga Sánchez Romero facía fincapé nunha entrevista en que o que nos fai verdadeiramente humanos son os coidados. E pregúntome: cando, como especie, deixamos de coidarnos? En que intre nos volvemos insensibles ás inxustizas? Como alguén que sabe que outras persoas sofren non é capaz de sentir ese mesmo sufrimento ou, cando menos, unha certa compaixón?

Dame en pensar que perdemos incluso a animalidade –na casa dos meus avós unha vaca aleitara os años da ovella con todo o mimo, cando perderon a nai e lográronse.

Setembro foi para min un mes difícil, mais foi un mes de aprendizaxe.

Teño unha amiga gazatí, Reem -semella que, se falamos de cifras, esquecemos que cada persoa ten un nome, que é unha entidade chea de vida, coas súas esperanzas, preocupacións, soños e realidades-; acaba de sufrir un novo desprazamento forzoso e estamos en contacto por un proxecto que nos une; ela é ilustradora. Até hai dous anos era profesora de debuxo e é nai dun neno de oito anos, Youssef, e dunha nena, Salma, de dez. A guerra deu ao traste con todo e falamos, a poder ser, cada día para sermos válvula de escape desta loucura. Unha tarde díxome: “Dame razóns para seguir debuxando, para poder esquecer que están caendo bombas a metros dos meus fillos”. E sentín o mesmo arreguizo que sinto agora mentres o escribo.

O domingo 7 faleceu a miña avoa e esquecín escribirlle. Falamos de aí a dous días e preguntoume que pasara. Conteille que a avoa fora coma unha nai para min, que era o último vencello cun lugar, cun sentimento, con certos aromas, con eses bicos e eses brazos que son refuxio. E sabedes que me dixo? “Doulle grazas a Alá porque che deixase velala, chorala e enterrala en paz”. Pódovos asegurar que me quebrou por dentro. Ela, que leva vivido todo isto: a inanición, a incomprensión por un conflito atroz e irracional; quen busca sacar forzas para inventar xogos para os seus nunha tenda cativa e plástica a onde non chega a luz ou a auga, a onde non chegan os alimentos, que teñen que desprazarse e facer longas colas para cargar os seus teléfonos e poder conectarse a internet.

E nós, ollando dende fóra, impasibles, inoportunos, impotentes. Eu, magoada dúas veces: pola perda e polo pésame sentido de quen non me coñece de hai tanto e, aínda así, empatiza coa dor de outra persoa.

Pero, como dicía, foi mes de aprendizaxes. O pasado venres, quedei cuns amigos para tomar o café na casa dunha delas, e díxenme: vou ir mercar un doce para acompañar o café posto que non me deu tempo a facelo. Teño que maldicir a hora. Que necesidade tiña?! Cheguei á pastelería en cuestión e a muller que me atendía, uns anos maior ca min, comezou a queixarse de ser autónoma, porque hai que pagar moito a Facenda, á Seguridade Social,… Tiven que interrompela e preguntarlle se a ela, cando a atendían no centro de saúde, lle pedían ver o número de conta ou se, cando lle facían unha proba, tiña que pedir un crédito para poder facela. A cousa non quedou aí porque os cruasáns seguían no forno e os moi puñeteiros non querían cocer, que ían cocer,… E a conversa seguiu marabillosamente falando de Amancio, “porque é tan boísimo que doou unhas máquinas para a diagnose do cancro, que menos mal que o temos a el”. Tiven que volver parala, porque se ese “santo” tributara neste país como debe e non evadira millóns de euros en impostos mediante o uso de filiais en Suiza, Irlanda ou Países Baixos, con eses cartos probablemente se puidese mellorar o estudo, tratamento e diagnose do cancro e doutra manchea de enfermidades. Os cruasáns,… seguían no forno. Mághoa! Porque a cousa seguiu e eu son das que “é aceptable que todo o mundo teña dereito a opinar, máis non toda opinión é aceptable”. E non vai e me defende o xenocidio palestino? Pois si, cun par, dime: “Que solten aos reféns! Verás como todo remata”. E quedei estupefacta. Porque non me falaba como unha doente psíquica; facíao coma unha persoa sen alma, sen capacidade de pórse na pel dos demais, sen poder ou querer afrontar que estamos fallando como sociedade. E cando lle dixen que non podía compararme a perda de 1.000 israelís coa de 65.000 palestinos, que a barbarie das cifras falaba soa, apostillou: “As cifras tamén hai que tomalas de quen veñen, de seguro que non son tantos e son todos terroristas”.

Quen me mandaría a min ir por cruasáns para que me fervese o sangue a primeira hora da mañá? Mais esta é unha realidade cruenta e diaria. O que si sei é a onde non vou volver entrar nin mercar ren. De seguro que haberá un Amancio que lle rescate o negocio cando as cousas lle veñan tortas e tamén sei, e sabemos, que se volvesen os tempos que algúns nostálxicos e nostálxicas ansían, estas persoas serían as primeiras en empuñar o fusil contra nós.

Por certo, o novo Papa vén de aseverar que usamos moito a palabra “xenocidio”, pero a Santa Sede non pode pronunciarse a este respecto sobre o conflito, pois igual non o é. De seguro que o anterior pontífice, que falaba de xustiza para o pobo palestino e que se interesaba diariamente polo que acontecía en Gaza, debe estar a retorcerse baixo a sepultura.

Ogallá teñades quen vos coide, a quen coidar, xente empática e loitadora, que pense por si mesma e que sexa moi consciente de que hai erros que non poden volver a cometerse.

Andanzas do Suso de Lameliña LILI MARLEEN

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

LILI MARLEEN

Déitome un bocado coa intención de meditar e o primeiro que se me vén á cabeza é Fassbinder. E, por extensión, a morte. Trinta e sete anos tiña cando deixou este mundo ou decidiu liscar, que vén sendo o mesmo. Véxoo tal cal, con bigote e barba de poucos días, aspecto deprimente, chupa de coiro, pantalóns vaqueiros, botas altas e cigarro na man.Túmbase a meu carón e pregúntame que fago alí, cando tiña que estar no exame.

De súpeto, atópome nunha enorme aula, sentado nun pupitre rodeado de centos de persoas. Sobre a mesa, folios e un bolígrafo. Ollo ao meu arredor e vexo que todos escriben dun xeito compulsivo, sen erguer a vista do papel. Mais a min fáltanme as preguntas. Como vou contestar entón?

Comezo a poñerme nervioso. Decido pedirlle ao compañeiro que está á miña esquerda as preguntas. É un amigo que leva morto desde hai máis dunha década. Ao ver que o miro, impídeme ver o que escribe, dándome as costas. Opto pola compañeira da dereita, unha vella amiga que hai máis de vinte anos que non vexo. A reacción, a mesma. Entón escoito unha voz potente, chegada de moi lonxe. O examinador.

—Señor Trashorras atenda ao seu, se non quere rematar xa.

—Señor, é que non teño as preguntas. Poderíamas facilitar?

—Como que lle dea as preguntas? Vostede ten que coñecelas como todo o mundo. É a súa obriga. Faltaría máis que llas facilitara eu. Continúe coa proba.

Así estou durante dúas horas, ata que mandan recoller. Entrego o traballo, por suposto, en branco.

—Pero que é isto? Como se atreve a presentar a proba así? —di en voz alta, amosando aos presentes o folio en branco—. Miren o que acaba de entregar este señor, que di chamarse Trashorras, un folio sen nada escrito. Unha afronta que non pode quedar así.

—Vergoña, vergoña, vergoña, vergoña… —exclaman todos ao unísono.

—Retírese a aquel cuarto —di, sinalando unha pequena porta—, e en menos de cinco minutos quéroo aquí, mudado en Lili Marleen, actuando para nós.

Así fixen. En dous minutos estaba de volta: flor no cabelo, longos pendentes e vestido elegantemente de azul, cantando a canción, tal como a Lili do filme de Rainer Werner Fassbinder.

—Vergoña, vergoña, vergoña, vergoña…—repite toda a concorrencia ao unísono.

Desesperado, xa sen saber que facer e, a piques de sacar a pistola do bolso e pegarme un tiro diante de todos, véxome de novo tumbado na cama, Fassbinder segue ao meu carón, quen erguéndose tenta darme un beixo na boca.

Entón, unha voz coñecida espértame:

—Vergoña, vergoña che debera dar, toda a tarde deitado. Ala!

Érguete facer a cea, que xa é hora. Dormes máis ca un leirón e despois de noite non hai quen te aguante.

Andanzas do Suso de Lameliña O ÚLTIMO COWBOY DE CASTROVERDE

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

O ÚLTIMO COWBOY DE CASTROVERDE

Non vou negar a miña afección polas novelas de vaqueiros na época de estudante de bacharelato na cidade das murallas. Máis ca un simple entretemento — motivo polo que as lía— foron o caldo de cultivo da miña posterior lectura, que non sei se definir como compulsiva ou convulsiva.

Antes de interesarme polos pistoleiros, pola dura vida na fronteira de Texas ou polos buscadores de ouro de Dakota do Sur, as miñas lecturas estiveran marcadas por Verne, Stevenson ou Enyd Blyton. Mais ao chegar a Lugo estes autores deron paso a Estefanía, e Kane, entre outros. As noveliñas do oeste eran as máis accesibles para o meu peto e tamén para os dos meus colegas de lectura, cos que, naturalmente, intercambiaba as xa lidas. Así evitabamos ter que ir ao kiosko habitual cambialas por unha ou dúas pesetas e, no seu canto, podíamos destinar ese diñeiro aforrado para mercar algún Celta curto, que vendían soltos e, con algo de sorte, incluso algún Ducados.

As rapazas, pola súa banda, seguían un ritual semellante coas novelas gráficas da escritora de Viavelez, Corín Tellado; historias de amor e celos que circulaban con igual intensidade entre as manas das lectoras. Moitas veces me ten tentado o demo mercar algunha, pero dábame vergoña. Que dirían os meus amigos? Naquela época no que o xénero marcaba tanto a
nosa vida, era de ousados, un mozo ler unha novela de Tellado ou viceversa, unha moza ler a Estefanía. Acababas sendo sinalado como marica ou marimacho.

A lectura deste tipo de literatura, se así lle podemos chamar, duraría un par de anos, sempre alternada coas lecturas obrigatorias ou aconselladas por parte da profesora de Literatura. Lecturas que te engachan como pode suceder coa droga ou o alcohol e que algúns non foron quen de superar ata que Deus ou o demo —vai ti saber—os veu veu chamar.Tal era o caso de Venancio, un veciño meu. Un caso, podería afirmar, malia non ser psiquiatra, clínico. Cando eu estaba na idade da puberdade el xa era maior, polo menos pasaba do corenta, desde o meu punto de vista de púbere, un ancián.

Venancio sempre ía provisto, como mínimo de dúas novelas asomando nos petos da súa chaqueta ou gabán. Un pouco a imitación do gran escritor de Lugo, Ánxel Fole, que a cotiá levaba a metade do diario “El Progreso”, fóra do peto. Un amigo meu de Oviedo, gran admirador do poeta e cuentista Fole, sempre que falabamos del, lembrábame esa comunión entre o diario de Lugo e o escritor, que por outra parte era articulista do mesmo.

Venancio, amigo da familia, tenme convidado moitas veces á sua casa para presumir de biblioteca. Unha biblioteca única e exclusivamente formada por este tipo de novelas, coa excepción de “El Quijote” e “Los Miserables”. Estefanía, Keith Luger, Silver Kane…, ateigaban os andeis daquel peculiar santuario de letras, arca do saber ou xardín de libros. Calquera desas definicións nos podería valer para describir aquel cuarto con cheiro a humidade, tinta e madeira vella.

Co paso dos anos as historias foron calando tanto na súa alma que comezou a falar e a actuar como un personaxe máis dos seus amados autores.
Tan pronto era un forasteiro acabado de chegar a un saloon de Dodge City: —Esta vila está chea de tramposos e buscavidas —berraba ao entrar no café de Vicente e pedir un whisky, que viña a ser unha cervexa San Miguel rebaixada con gaseosa “El Castillo”; gaseosa elaborada na vila, mesturando auga cunha especie de pós na fábrica de Emilio Pol. —A vida é dura na fronteira, amiga —soltaba cando, sentado nunha cadeira tomaba un viño mentres no televisor botaban “El Virginiano”, un ama de casa entraba na tenda de Hortensio mercar garavanzos ou bacallau e se queixaba do prezo. E así, para cada situación sempre tiña algo que dicir.

Aínda se segue a falar hoxe na vila daquela mañá de domingo de feira cando un labrego rifaba cun tratante por un trato de gando e apareceu el co seu elegante gabán. —Aquí só hai unha maneira de resolver isto, un duelo. Eu podo ser unha testemuña, a outra, coida que D. Manuel, o cura, pode ser a persoa máis axeitada. De paso aproveita para suministrar o derradeiro mandamento ao que teña a mala fortuna de caer con honor. Os feirantes miráronse, mirárono, e botáronse a rir. Pero el non ría. Levou a man ao bolso do gabán e sacou… “Leyes de plomo” de Marcial Lafuente Estefanía. —Aquí está a lei do Oeste. A ver se vos instruídes algo. Así saberedes como se resolve unha disputa entre homes de honra.

Venancio, que por certo nunca deu un pau á auga, seguiu no seu mundo de cabalos, pistoleiros e foraxidos. Nunca pisou Kansas nin Texas, pero no seu corazón ata a súa morte, ocorrida pouco antes de rematar o século pasado, seguiu a ser o último cowboy de Castroverde.

Andanzas do Suso de Lameliña O RITUAL DO BARBEADO

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

O RITUAL DO BARBEADO

Buck Mulligan, erguido sobre a torre Martello en Sandycove (Dublín), cunha cunca de barbear, un espello e unha navalla converte o acto cotián do afeitado nunha parodia da eucaristía. “Introibo ad altare Dei”, proclama, asumindo o papel dun sacerdote irreverente.

A non ser que queiramos deixar que a barba medre libremente, todos os homes acabamos por someternos a ese pequeno sacrificio que é o afeitado. Un acto de reafirmación pero tamén de lembranza do paso do tempo, de que todo cambia. A navalla borra as pegadas do día anterior e o espello vainos amosando engurras discretas, novas sombras, olleiras dunha noite sen durmir. Sinais que evidencian que cada mañá somos un pouco distintos.

Confeso que detesto afeitarme. Durante moitos anos permitin que a barba se apoderase do meu rostro, decidín non domesticala e acabou formando parte da miña personalidade. Unha mañá ao tratar de arranxala fóiseme a man e tiven que retirala por completo. Desde aquela non volvín deixala. Moitas veces o teño pensado, pero non soporto esa fase intermedia de tres ou catro días de pelo rebelde, sen identidade, que quere ser fraga pero é unha inmunda sombra. Obviamente, para chegar a ser barba florida hai que pasar esa fase. E non estou disposto.

Agora rasúrome cada dous días por recomendación do barbeiro. “Non é bo para a pel facelo todos os días; chega cada dous”, recomendoume coa sabedoría do seu oficio. Non sei se ten razón ou non pero fíxenlle caso. Cada vez que toca reencontrarme co rostro e borrar o que foi e preparar o que será e a espuma empeza a cubrir o meu rostro de branco, como unha máscara eucarística, lembrome do protagonista do “Ulises” enriba da torre Martello e repito mentalmente coma un mantra profano: “Introibo ad altare Dei”.

Porque, malia non ser do meu agrado, barbearse non só é cuestión de estética, é un ritual, un xeito de recoñecerse, de pasar por este mundo e, ás veces, de reconciliarse.

Andanzas do Suso de Lameliña HOXE ESPERTEI OPTIMISTA

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

HOXE ESPERTEI OPTIMISTA

Espertei. Nada novo, pois é o que levo facendo desde o día en que a miña nai me pariu. Pero hoxe, espertei optimista. Non se me pasou pola cabeza pegarme un tiro ( entre outras cousas porque non teño armas), tirarme da ponte Pepe Blanco, colgarme nun cabanón calquera de Piugos… Non, non pasou nada diso pola miña cabeza, porque como dixen, espertei optimista, mesmo estiven a piques de acender a radio e escoitar as novas por ver se desde que me deitei, ocorrera unha milagre, e o mundo deixara de ser unha merda. Pero non, non fixen tal cousa, non fora que me deprimira, precisamente hoxe, que espertei optimista.

Pensei facer algo mellor, entregarme de novo aos brazos de Morfeo, pero o cabrón non quixo saber nada e literalmente mandoume á merda, como se xa non tivese abonda coa deste puto mundo. Lembreime entón de Juan Carlos Onetti. E porque non ficar na cama sen erguerme ata que a Parca veña a preguntar por min? Non estaría mal, pasar o resto da vida durmindo e lendo contos do Decamerón ou As mil e unha noites. O problema é que, claro, non teño criados para poder facer tal cousa, polo que tiven que desbotar tan magnifica idea. Mágoa! Pero, coma veño de dicir, hoxe espertei optimista polo que determino, e niso ando, poñer un CD de Bob Marley a todo volume, para comezar con bo pé o día. Resoan as paredes do piso que non vexas, os veciños deben estar encantados, ata de agora, toquemos madeira, ninguén baixou a chamarme a atención. Tamén é verdade que teño uns veciños que non os merezo. Creo que algún día xa vos falei deles, do máis variado que vos podades imaxinar a cal máis pintoresco, por dicir algo. Calquera día vos conto algo máis, porque historia, dígovos que hai.

Pero hoxe como me espertei optimista, vou seguir con Marley. Pode que me quede durmido, porque a min a música así alta aletárgame, ou poida que un veciño calquera me tire a porta embaixo. Tanto me ten porque hoxe espertei optimista e xa o mundo non me parece unha puta merda.

Bo día a todas e todos. Ala a vivir, sempre con optimismo, que son dous días.

P.D: Ah, por certo , para que ninguén se asuste por se aluga un piso neste edificio.( hai uns cantos de alugueiro, aquí a xente vai e vén) o de Marley, non o teño a todo volume, aínda que gañas me entran.