No mesmo trazo conviven un esquío morto no alcatrán e un barco de papel que procura a esperanza.
Mira ben. Un can ladra inferno. Un lobo ouvea desgraza. Escoita.
Ti termas da cegueira, sostela, elíxela. Eu digo franxa. De que serve. De nada.
No mesmo trazo no que se estende a escuridade dunha creba irreparable, eu ergo a chanta.
Xa sei. Ti dis xeopolítica e cres ter razón, eu proclamo torpemente vida. Cinguida, presa a un fío feble.
Madía leva, eu non sei. Váiseme a pinza, a pinza coa que ti sostés o xenocidio e a túa mirada inhumana. Que lle pode supor á túa piscina o sangue afastado dun neno asasinado.
No mesmo trazo ti, que estendes a sombra da morte. E eu, que pronuncio, aínda, inutilmente, Palestina.
Soños deciduos habitan o momento. Anícase alguén que así fenece. Porque se ergue sendo outro. Outro que segue tendo na boca semente incomprendida. Outro con feridas abertas aceptadas. Outro sabedor de que posúe un corazón incapaz de diluír a tormenta. Que coñece a estrondosa indiferenza que provoca. Que se adapta á súa propia inadaptación. Outro que xa non agarda, que coñece a quietude da armela.
O salto, imprescindible. Para vencer os muros que ergue o medo. Para fuxir da mediocridade que supura deste odio vixente.
O salto, inevitable. Para brincar entre a inconsciencia, o desvarío, a barbarie naturalizada.
O salto, necesario. Para respirar entre a violencia que nos cospen, para esquivar os trapos que nos impoñen.
Agardamos onde houbo fiestra. Cuestionamos para a medra, sentimos para que resista o alento que nos queda. Amamos para que teña sentido o latexo entre a tormenta. Saltamos, saltamos sempre, aínda, na procura da beleza.
Na corte xa medra algún toxo. Caeron xa, podres, os estantes da lacena. Nunha parede despintada sostense un marco sen fotografía. Fóra dos gonzos, unha porta descomponse no po dunha ausencia indescifrable. Unha culler oxidada remexe a lembranza.
Morreron e xa ninguén considerou a volta. Insiste a ruína na súa fala. Anícome de novo a carón dela para desposuíla de min. Para que non me conquiste coa trampona luz que se coa pola fiestra da cociña.
O pozo segue tendo auga. Achégame, fai o favor. Achégame un caldeiro, unha roldana e a corda imperecedoira da túa mirada.
Atópome tamén porque non me buscas. Porque non me consideras. Atópome porque me cancelas. E cancelándome regas a herba agonizante. Existo pola rebeldía que me cabalga. Existo porque me borras. Existo polo esterco que detestas.
Porque levo na boca o toxo do que renegas. Porque intentas afogarme e fracasas.
Quixérao pronunciar pero árdeme na boca. E cando o verbalizo xa só é cinza.
O que ocorre xa é un todo en dilución, unha secuencia de procesos anuladores.
Quizais sentir sexa só iso. Lanzar un barco de papel ao baleiro. Deixar caer no alcatrán unha semente inútil. Percibirse a un mesmo como a pluma do paxaro que se solta do animal e pousa na cuberta dun barco abandonado. Unha pluma que aínda canta o que aprendeu do paxaro.