Desde a Asociación Castiñeiro Milenariolevaron a cabo da presentación do IX Ciclo de Teatro. Nesta nova edición contarase con dúas representacións do Circuíto de Teatro afeccionado da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A primeira representación correrá a cargo de Curuxan e a súa obra “Comedia en seis actos”.
A Asociación Cultural Curuxan, de artes escénicas e audiovisuais, con 10 anos cumpridos, pendula entre o teatro de improvisación, a formación audiovisual e a realización de curtametraxes, sendo habituais as súas intervencións no Clavicémbalo de Lugo, en colexios, en centros sociais, no Arde Lucus…
A obra titulada “Comedia en seis actos” e trata de como a vida se divide en actos, ¿como sería unha comedia? ¿pode unha comedia ser tráxica? ou ¿pode a traxedia converterse en comedia? A través de seis actos, nun evento participativo, o público é quen modifica a trama da historia.
Terá lugar o 27 de setembro no local da Asociación Veciñal do Castro a partir das 19:30 e está dirixida a a maiores de 14 anos.
A segunda xornada estará a cargp da compañía Hipócrita Tetaro e a obra “Casting”.
Hipócrita Teatro naceu en Lugo en novembro do ano 2004. Dende a súa creación leva estreadas máis dunha vintena de obras de mediano e gran formato, a maioría de autoría propia, participando ademais en varios espectáculos de rúa, performances, contacontos, radioteatro… nalgúns casos en colaboración con outras entidades con fins culturais ou sociais. Varias das súas obras, entre elas “Casting” recibiron premios á mellor montaxe e á mellor interpretación en varias mostras de teatro amador.
“Casting” é una comedia aceda está protagonizada por figurinos de revista, estereotipos femininos creados pola industria cinematográfica de Hollywood no século pasado, que conseguiron instalarse no inconsciente colectivo de varias xeracións como prototipos de muller. Mirna Lois, unha diva dos anos 50, Norma Lee, actriz de cine erótico, e Úrsula Cimarrón, unha inxenua moza aspirante a actriz, coinciden nun casting. Todas compiten por un único papel. Atrapadas nos seus corpiños estereotipo, chegarán ó límite do ridículo por cumprir coas expectativas do seu rol. Por cal delas se decantará finalmente o despiadado produtor?
Terá lugar o 8 de novembro da casa da Cultura de Begonte a partir das sete da tarde e está dirixida a público adulto.
Esta fin de semana, co inicio do outono, comeza a actividade cultural da Casa-Museo Manuel María e faino cunha Camiñada por Terras de Aguiar, no concello de Outeiro de Rei, o domingo 28 de setembro. Será unha andaina de dificultade baixa, ao redor de sete quilómetros e medio, coa que contará coa axuda do noso divulgador cultural Orlando Viveiro.
As persoas participantes quedarán ás 9.30, na Casa-Museo, para dirixirse en automóbeis particulares ao antigo Mesón O Ferreiro en Vilela (na estrada que vai cara a Castro de Ribeiras de Lea). Aqueles que queiran poden ir directamente para este lugar de saída. O inicio da andaina será as 9.45. A súa duración é de aproximadamente de tres horas e media.
A terceira edición da sección ‘Letters from Galicia’ acollerá os días 23 e 24 de setembro unha programación que combina comedia, cinema autoral e curtametraxes alén de actividades presenciais
● O director Luis Avilés presentará a estrea no Reino Unido de +Cuñados o 23 de setembro
● O día 24 tamén está previsto un coloquio in situ con Xoan Fórneas, protagonista de Antes de Nós, que será moderado pola viguesa Adriana Páramo, cineasta e representante do GFF
O audiovisual galego ocupa por terceiro ano consecutivo unha sección específica no 21st London Spanish Film Festival (LSFF) que permitirá a proxección na capital británica dos filmes +Cuñados, Antes de Nós e unha escolma de curtametraxes de novísima factura. Os días 23 e 24 de setembro concentrarán a actividade da sección Letters from Galicia que incluirá tamén varios eventos presenciais. Esta sección está organizada polo Galician Film Forum (GFF) e finánciase en virtude da colaboración establecida entre o ICAA e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia. Conta, ademais, co apoio da adega Méndez-Rojo e Abanca.
O LSFF, que celebra 21 anos de vida, é dun dos festivais de cinema español máis importantes do Reino Unido e alberga desde hai tempo seccións diferenciadas doutras comunidades, algunhas delas tan veteranas como a catalá e a vasca con 17 e 16 anos de vida, respectivamente. O espazo galego, con tres edicións, estase a consolidar como un escaparate internacional do cinema máis recente do país e este ano aposta por unha programación diversa que arrancará coa estrea no Reino Unido da comedia +Cuñados o 23 de setembro, ás 18:15 horas no Ciné Lumière. Logo da proxección comezará un coloquio co director, Luis Avilés, que será moderado por Adriana Páramo, cineasta e representante do Galician Film Forum
Tamén ese día e no mesmo lugar, pero ás 20:30 horas, será a quenda de Short Letters from Galicia, unha sesión de curtametraxes galegas que estará integrada polos títulos Resonancias (Diana Gonçalves, 2025), Abellón (Fon Cortizo, 2024), Eu vou comigo (Chelo Loureiro, 2024) e Curmán (Alejandro Jato, 2025). Un chisco antes desta sesión, ás 20:00 horas, haberá un brinde cortesía da adega Méndez-Rojo.
O mércores 24, ás 20:15 horas, no Riverside Studios será a estrea británica do filme Antes de Nós dirixido por Ángeles Huerta. Ao rematar está previsto un encontro co actor Xoan Fórneas que tamén será moderado por Adriana Páramo.
O GFF: unha década a prol do cinema galego
Detrás de Letters from Galicia atópase o Galician Film Forum (GFF), un colectivo que este ano celebra o seu décimo aniversario. O GFF naceu no 2015 no seo dun grupo de galegos emigrados a Londres co obxectivo de crear un espazo para a difusión do cinema galego na capital británica. En palabras de Adriana Páramo, “este aniversario é unha proba da madurez do proxecto e supón unha ocasión perfecta para seguir fortalecendo a presenza do cinema galego no Reino Unido”. E salienta o feito de que “Letters from Galicia opera como unha fiestra do talento diverso e das novas xeracións de creadoras e creadores que proxectan a nosa cultura e a nosa identidade ao mundo”.
3rd LETTERS FROM GALICIA | PROGRAMACIÓN
Martes 23 de setembro | 18:15 h | Ciné Lumière I +Cuñados
Coloquio co director Luis Avilés moderado por Adriana Páramo (GFF)
En 2015 un colectivo de galegos residentes en Londres puxo en marcha o Galician Film Forum (GFF), coa intención de promover e visibilizar o cinema galego na capital do Reino Unido. A súa actividade articúlase en tres eixes: como plataforma de exhibición, como observatorio da nova diáspora creativa audiovisual no Reino Unido e como espazo de reflexión sobre o cinema e a cultura galega en termos universais.
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo quenta motores cunha primeira tarde de actividades abertas ao público, con entrada de balde, no Pazo da Cultura, coa proxección, ás 17.30 horas, do avance do documental ‘Ao son da regueifa’, de Undodez, e a celebración da mesa redonda, ás 18.00 horas, ‘A arte do canto improvisado’, da man do Consello da Cultura galega
Do 25 de setembro ao 31 de outubro, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo achegará a Galicia una coidada selección de espectáculos á altura dos teatros e festivais máis representativos de España e Europa, con pezas que triunfan no Teatro Español, a Compañía Nacional de Teatro Clásico, o Centro Dramático Nacional, os Teatros del Canal, Fetén, o Festival Temporada Alta de Girona, Almagro ou o Festival de Otoño
Durante cinco semanas, o FIOT de Carballo encherá ás salas, as rúas e os espazos non convencionais da vila bergantiñá con propostas de artistas e compañías como Andrea Jiménez, Jan Lauwers, Juan Diego Botto, Sergio Peris-Mencheta, María Galiana, Alex O’Dogherty, Lucas Escobedo, Pont Flotant, Gabriel Chamé Buendía, Galeatro, Pistacatro, Needcompany, Gonzalo Cunill, Paula Carballeira, Ainé, Quico Cadaval, Evaristo Calvo ou El Patio Teatro
“Raíz viva, memoria colectiva” é o leitmotiv dunha edición que busca poñer en valor a orixe e a tradición como símbolos de identidade propia e faros da nosa contemporaneidade e que contará con propostas abertas a todos os públicos, formatos e sensibilidades, procedentes de 3 países e 9 comunidadesautónomas, ademais dunha vintena de actividades de mediación
AXENDA FIOT34 MÉRCORES 24 DE SETEMBRO
Este mércores, 24 de setembro, ás 17.30 horas, proxectarase o avance do documental ‘Ao son da regueifa’, de Undodez, que retrata o renacer desta arte de improvisación oral tan nosa para descubrir as voces que a manteñen viva na actualidade.
E, xa contra ás 18.00 horas, abrimos un espazo para a conversa da man do Consello da Cultura Galega, cunha mesa redonda titulada ‘A arte do canto improvisado’, que pon o foco na regueifa, un rico elemento do noso patrimonio cultural inmaterial.
Os regueifeiros e especialistas neste xénero artístico Alejo Amoedo, Domingo Blanco, Lupe Blanco e Manuel Maseda participarán nesta sesión de análise e divulgación desta expresión cultural que consiste nunha disputa dialéctica a través do canto oral improvisado en verso, e que se caracteriza polo uso creativo do humor, da música e da crítica social. Bergantiños é rico nestas manifestacións, que en Carballo aínda se manteñen vivas a través de diversos proxectos que a poñen en valor.
Deste xeito, a regueifa protagoniza a tarde de apertura do FIOT34 este mércores 24 de setembro, como aperitivo da ambiciosa e inédita proposta escénica ‘Territorio Regueifa’, de Ainé Producións e coproducida polo FIOT e o CDG, espectáculo encargado de inaugurar o programa de sala do festival a vindeira semana, os días 3 e 4 de outubro, no Pazo da Cultura.
Tamén este mércores, ás 20.00h, no marco do FIOT, poderás asistir á inauguración das exposicións ‘Zoom FIOT’ e ‘Xesto’, de Noelia Paz, coa música en vivo da banda carballesa Quercus Blues.
Actividades de balde, abertas a todos os públicos.
O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Área de Cultura-Vicepresiencia da Deputacion de Lugo, Academia Galega do Audiovisual e o Concello de Vilalba, organiza a proxección da longametraxe XUSTIZA ARTIFICIAL, dirixida por SIMÓN CASAL, continuando así co CICLO MESTRE MATEO-2025 que durante os próximos meses brindaranos a oportunidade de poder disfrutar das películas finalistas (documentais, longametraxes e curtas) dos XXIII PREMIOS MESTRE MATEO.
Esta QUINTA proxección terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o xoves 25 de setembro de 2025, ás 20:00 horas.
NÉBOA inaugura a súa tempada expositiva con Vicente Blanco (Cee, 1974).
Xoves 18 de setembro ás 19.30h na RúaLamas de Prado, 31, Lugo.
O vindeiro 18 de setembro ás 19:30h, a galería NÉBOA abre a súa tempada coa exposición ENTRE AS SOMBRAS VOLTAREI ACOMPAÑADO, segunda mostra individual de Vicente Blanco (Cee, 1974) na galería.
Esta exposición enmárcase dentro da programación de #ABERTO2025, evento organizado por CONTEMPORÁNEA (Asociación de Galerías de Arte Contemporáneo de Galicia), no que as galerías asociadas participan de maneira conxunta inaugurando a nova tempada expositiva.
Na nova serie de traballos de Vicente Blanco, o debuxo convértese no eixo central, reivindicado tanto polos seus valores plásticos coma pola súa condición de medio accesible e democrático. A exposición reúne debuxos, pinturas e relevos en cerámica, nos que o artista explora cuestións ligadas á identidade, o desexo e a violencia, así como as tensións entre afectividade e agresividade.
Pedro de Llano (autor do texto) sinala que nesta ocasión “o que predomina son as relacións físicas, psicolóxicas e simbólicas entre personaxes, a través de xestos, miradas e accións, nas que as mans xogan un papel protagonista”. O resultado é un universo visual ambiguo e evocador, onde o humor e a ironía medran como recursos para habitar as sombras ás que alude o título.
Entre as sombras voltarei acompañado
Na obra de Vicente Blanco –camiño da súa terceira década—hai dous temas recorrentes: a construción da identidade a través da representación e a interpretación da paisaxe. A miúdo aparecen interrelacionados, como sucedía na súa anterior exposición na galería NÉBOA: Os coleccionistas de formas (2024). Naquel conxunto, Blanco reaccionaba á destrución e transformación do medio natural e cultural na Galicia rural, onde reside. Nese mundo en ruínas, presa do extractivismo e vítima dunha sensibilidade anestesiada, característica da actual fase neoliberal, o artista preguntábase; “como construír a identidade desde as marxes? Como narrar desde un contexto invisibilizado, que tamén invisibiliza o desexo e a existencia?”.
O problema da construción da identidade na obra de Blanco está presente desde os seus inicios. En 2003, Juan Vicente Aliaga escribiu un texto, á mantenta da súa exposición individual no CGAC, titulado “Historia dunha ameaza. Sobre as identidades, o desexo e a violencia na obra de Vicente Blanco”, no que expuña as dificultades e presións que soportan as persoas que configuran a súa identidade fóra dos códigos heteronormativos: “Na obra de Vicente Blanco […] aniñan conatos e expresións varias da homo-socialidad, e nela o desexo e a ameaza da súa supresión e materialización van perigosamente da man”*.
Resulta oportuno lembrar estas palabras de Aliaga porque a nova serie de traballos de Vicente Blanco relega, parcialmente, a paisaxe, para centrarse, de novo, nesta cuestión do subxectivo, o íntimo, en relación co espazo social e político. O que predomina nestes debuxos son as relacións físicas, psicolóxicas e simbólicas entre os personaxes; os xestos, miradas e accións –nos que as mans desempeñan un papel protagonista, como sucedía na exposición de 2024—que constrúen as pulsións afectivas, pero tamén violentas ou agresivas, que observamos entre eles. Por iso é polo que a paisaxe (o fondo, o contexto) faise máis abstracto, doméstico e urbano, tamén decorativo, para realzar este tipo de dinámicas sutís e evocadoras entre figuras masculinas.
É interesante reparar en como estas mesmas cuestións –e outras afíns—aparecían xa en series fotográficas como O que se espera de nós (2003), onde un grupo de catro adolescentes levaban a cabo un misterioso ritual cunha lanterna no medio dun campo á noitiña. Tamén naquelas obras Vicente Blanco trataba de descubrir a realidade a través de xestos sutís, leves; mediante técnicas de extrañamiento e distanciamento narrativo, propias do cinema e o teatro, como a elipsis, a performatividade e a fragmentación, que resultan análogas da abstracción e apertura semántica que lle facilita, agora, o debuxo. Ata o título que o artista escolleu para esta exposición –Entre as sombras voltarei acompañado—parece, en certa medida, un eco daquela serie de fotografías.
O debuxo sempre foi importante na obra de Blanco, pero nestas últimas series a súa reivindicación parece asociada non só aos seus valores plásticos intrínsecos, senón tamén ao carácter accesible e democrático deste medio.
Coma se a súa condición de arte “menor”, fronte a outras, supostamente, “maiores”, como a pintura ou a escultura, fose algo coherente e solidario coas historias periféricas, forzosamente marxinadas, que pretende evocar. Desde o punto de vista dos valores plásticos, Blanco é capaz de espremer ao máximo a técnica –moi similar á da anterior serie: lapis de cores, acuarela e gesso pigmentado sobre lenzo e papel— ata o punto de que, máis que converterse nun virtuoso do debuxo, Blanco crea un novo medio, a partir da investigación e a experimentación. Doutra banda, hai unha vontade nestes traballos de aproximarse a xéneros “menores”, como a caricatura, para representar a “lóxica da guerra e da violencia”, en relación coa identidade, seguindo a tradición dun autor como George Grosz, por exemplo, que tamén viviu e traballou nun tempo histórico pre-bélico.
Fixémonos, por exemplo, na actitude altiva dun esvelto cabaleiro que sinala con desdén a unha figura abatida, coa cabeza baixa e apenas bosquexada, case un borrón; ou no grupo composto por dous mozos espidos acompañados –aínda que talvez habería que dicir, acosados—por un home maduro e sinistro; no raparigo deitado sobre unha hamaca que parece debuxar unhas nádegas na area, mentres outro o contempla; ou no personaxe cuxa cabeza parece flotar, dando voltas, separada do corpo e metamorfoseándose, mentres se saca a camiseta; ou no forzudo de noz prominente posando ante un espello suxeito por unhas mans delicadas, ao tempo que outra figura observa dende o alto… Son todos debuxos que unhas veces pasaron ao formato do lenzo mentres que outras conservan a fraxilidade e latencia do papel, como sucede nunha escena ambigua protagonizada por un raparigo fornido e un señor calvo de nariz longo e ríxido. O humor e a ironía son dous recursos que permiten a Blanco mediar ou manter a tensión entre o afectuoso e o seu contrario; entre o amor e o odio que inevitablemente habitan as sombras ás que se refire o título.
Xunto aos debuxos e pinturas, a exposición inclúe unha nova serie de relevos en cerámica con rostros e mans conectadas por cordas. Estas pezas activan o espazo da galería e poñen en diálogo todas as obras entre sí. As cordas fan referencia ás liñas do debuxo, pero tamén á capacidade de amarrar, inmobilizar e dominar. A ductilidade do barro configura caras similares ás dos debuxos, sintéticas, resoltas cuns poucos trazos que se replican, como as que atopamos na ilustración ou a caricatura.
Di Vicente Blanco que no debuxo nada se oculta; nin os erros ou accidentes do proceso, nin os significados múltiples que cada obra pode suscitar. Por iso, a transparencia do medio é enganosa; a visión íntegra das sucesivas etapas compositivas, lonxe de aclarar o sentido da imaxe entúrbaa, faina indescifrable. É xustamente neste punto indeterminado e ambiguo cando o artista retírase e déixanos a soas cos seus personaxes, tentando pescudar se as escenas que contemplamos son disputas, confrontacións, encontros afectivos ou ambas as cousas á vez.
Pedro de Llano Neira
Autor do texto
*Juan Vicente Aliaga, “Historia dunha ameaza. Sobre as identidades, o desexo e a violencia na obra de Vicente Blanco”, cat. exp., Vicente Blanco. O que se espera de nós, CGAC, Santiago de Compostela, 2003, p. 61.
Vicente Blanco (Cee, 1974) é Licenciado en Belas Artes na especialidade de Escultura pola Universidade de Vigo (1997) e Doutor en Belas Artes pola Universidade de Granada (2012). Blanco expuxo en prestixiosos museos de arte contemporánea como o MNCA Reina Sofía (Madrid), CGAC (Compostela), MARCO (Vigo) e o MUSAC (León). Entre os seus últimos proxectos individuais destaca a mostra Entre as sombras voltarei acompañado na Galería NÉBOA (Lugo), Os coleccionistas de formas na Galería NÉBOA (Lugo), Los cuerpos inesperados na Galería silvestre (Madrid), O bruto delicado no Espacio Sirvent (Vigo), Contrato para paisaje na Galerie van der Mieden (Amberes) e Otra vez algo nuevo na Galería Elba Benítez (Madrid). E de forma colectiva: ¿Adónde irá el pájaro que no vuele? ¿Adónde iré yo que no te lleve?, La Casa Encendida (Madrid), Fío do Norte en NORMAL (A Coruña), Norte Silvestre e Agreste na Galeria Municipal do Porto (Oporto), Derrotas: formas de pensar en NORMAL (A Coruña), Persistencia e Animación na Sociedade Nacional de Belas Artes (Lisboa), etc.
Vicente Blanco foi distinguido coa bolsa da Fundación Pollock-Krasner (2023) e a súa obra está presente en destacadas coleccións como Carré d’Art en Nimes, a Fundación María José Jove, o Centro Galego de Arte Contemporánea e o Museo de Arte Contemporáneo de Castilla y León, entre outros. Dende o 2013 reside en Coeses, unha pequena parroquia do Concello de Lugo. Imparte clases na área de Didáctica da Expresión Plástica da USC na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo e ademáis, xunto con Salvador Cidrás e Estela Freile, é un dos fundadores do grupo de innovación educativa Escola Imaxinada, un colectivo formado por diferentes profesionais do ámbito das artes, a arquitectura, a filosofía e a Educación Infantil e Primaria.