Este sábado, día 28 de novembro, ás 19 h, na Casa-Museo Manuel María, A Pedreira en concerto. Nova proposta escénica da artista Ugia Pedreira. Guitarra en mao pasará por múltiples misturas sonoras, desde unha dama vintage do blues da galeguidade á cantautora de numen folk americano, ou latinoamericano, unha rapera trad ou unha sofisticada pandereteira galega con reminiscencias africanas.
A Pedreira é o proxecto en solitario de Ugia (despois de 12 discos con diversas formacións como Nordestinas, Marful, Chouteira…) e que contará este sábado coa colaboración do músico bretón Pierre-Yves Rougier.
Aforo limitado. Billete: 5 euros. Imprescindíbel facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsaap 698177621
Debido a situación sanitaria motivada pola COVID na que se atopa nestes momentos o Concello de Vilalba, desde o IESCHA comunicámosvos que queda ADIADO, sine díe, o segundo día das Xornadas Museísticas previsto para o sábado 21 de novembro.
Esta edición, debido ás restricións sanitarias provocadas pola Covid-19, terá un formato virtual, retransmitíndose en directo pola canle de Youtube da AELG, nesta ligazón.
– 16:45 Mesa redonda As literaturas para teatro e danza fronte ás crises.
Presentación e moderación: Afonso Becerra.
Interveñen: Branca Novoneyra e AveLina Pérez.
– 17:50 Mesa redonda A cultura é un ben necesario en tempos de crise?
Presentación e moderación: Cilha Lourenço Módia.
Interveñen: Mercedes Queixas e Mercedes Rosón.
– 19:15 Aula maxistral a cargo de Mickael de Oliveira. Dramaturgo e Director artístico do END, Festival Encontros de Novas Dramaturgias de Portugal. Presentación a cargo de Afonso Becerra.
III Festival Pezas dun teatro do porvir, Galiza + Portugal. Procesos abertos de escrita dramática.
Convocatoria aberta a 7 proxectos de escrita dramática ou dramaturxia, para teatro, danza, circo ou outras modalidades escénicas, individuais ou colectivos, de dramaturgas/os que estean a escribir algunha peza nova ou que teñan unha peza recente e queiran abrila ao público, achegando un fragmento ou unha mostra desta. 4 proxectos de Galiza e 3 proxectos de Portugal.
Este festival consta dunha exposición ou mostra dun fragmento da peza ou da peza enteira, no caso de ser breve, dentro dunha duración máxima de 15 minutos. Xusto despois, haberá un tempo complementario para un breve debate ou conversa ao seu respecto, dentro dunha duración máxima 15 minutos.
Neste 2020, o formato será virtual, polo que se publicarán previamente uns vídeos de cada proposta das/os dramaturgas/os ou equipas de dramaturxia na canle de Youtube da AELG. O propio día 21, nas franxas horarias que sinalamos a continuación, retransmitirase cada vídeo e haberá unha conversa por videoconferencia duns 15 minutos cos/as autores/as, onde se lle trasladarán os comentarios máis relevantes publicados previamente na canle. Deste xeito, búscase coñecer a reacción do público, nun diálogo que, quizais, poida servir para enriquecer, por parte da/o dramaturga/o ou equipa de dramaturxia, o acabamento desas pezas en proceso. Neste sentido, animávosvos a que comentedes as vosas opinións na propia canle de Youtube, de cara a facilitar e contribuír a que o seu proceso de creación poida abrirse ás vosas ideas, pensamentos e perspectivas.
Estas son as pezas escollidas, e os horarios en que terá lugar o visionado dos vídeos enviados previamente e a conversa posterior, sempre o día 21 de novembro na canle de Youtube da AELG:
– De 09:55 a 10:00 h. Breve presentación do Festival de Pezas 2020.
– De 10:00 a 10:30 h. Mudras familiares. Borja Fernández.
– De 10:30 a 11:00 h. Mulleres que bailan na néboa. Ana Abad de Larriva.
– De 11:00 a 11:30 h. Museo-viveiro. Helena Salgueiro.
– De 11:30 a 12:00 h. Vendo Opel Corsa. Pornós Teatro: Alba Pérez, Carlota Mosquera, Lucas Simón, Lydia Prada, Noelia González, Uxía Algarra e Yago Durán.
– De 12:00 a 12:30 h. Anti-Benjamin. Ricardo Cabaça.
– De 12:30 a 13:00 h. Declaração de Amor. Isabel Milhanas Machado.
– De 13:00 a 13:30 h. DIY. Projeto Casa: Cátia Faísco.
No ciclo de charlas de divulgación, no marco da conmemoración do Día do patrimonio, chega a quenda do patrimonio inmaterial.
Cando hai unha vaga de incendios, cando se producen diferentes agresións no territorio, nunca aparece na lista de “caídos” unha cifra que reflicta o número de lendas , toponimia, mitos, crenzas ou rituais perdidos.
Sempre falamos de pedras, árbores, vivendas, pero a perda da memoria do territorio é tan terrible como a perda dos bens patrimoniais materiais.
Recoñecida pola Unesco, a cultura inmaterial forma parte da identidade das nacións e debe ter garantías de protección por parte dos organismos pertinentes. Con todo, a defensa e preservación das tradicións non é unha constante nas accións dos distintos organismos vinculados ao patrimonio. En tempos de globalización é fundamental, identificar, documentar e protexer unha cultura que é patrimonio vivinte. A súa preservación permite manter a diversidade cultural e a creatividade.
Por iso nesta segunda conferencia o destacado antropólogo, investigador, escritor e profesor Rafael Quintía, falará sobre
“O valor do patrimonio inmaterial e a súa relación co patrimonio material e natural”.
Será o xoves 19 de novembro ás 20.00 no facebook da Rede do Patrimonio e na canle de youtube da ACP Roxin Roxal. Moderará a palestra, Emi Cagiao Sánchez da Asociación Entroido de Samede.