OASIS: As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Tierra de mujeres

Autora: María Sánchez

Editorial: Seix Barral

Ano de publicación: 2019

Para unha urbanita coma min, que naceu nunha gran cidade e pasou a maior parte da súa vida entre edificios e asfalto, ler a María Sánchez tras unha etapa de cambios importantes –cada vez máis próxima á raíz sanguínea e, por tanto, ao telúrico – é absolutamente revelador.

Nos últimos anos, nese proceso de identificación e achegamento á terra, teño lido con enorme entusiasmo a John Berger, autor que ocupa un lugar privilexiado na miña humilde biblioteca. Mais con Tierra de mujeres veño a constatar unha narrativa necesaria, imprescindíbel, que integra, xa desde o título, dous elementos cun vínculo especial: natureza e feminismo. Unha narrativa brillante, que furga no esquecemento para dignificar o rural desde a mirada das invisíbeis. Aquelas que, entre outras cousas, cultivaron a horta, aleitaron á prole e levaron o gando a pacer.

Asistimos, asemade, a unha lectura cálida, que nos arroupa con tenrura desde o principio, coa reprodución de escenas da infancia a cámara lenta. Unha especie de limiar das futuras aprendizaxes vitais. A autora consegue envolvernos nun relato verosímil, que non precisa de moitos ornamentos para sentilo propio e, que malia todo, posúe a capacidade de rexenerar coñecemento de maneira constante sobre un mundo que subestimamos con arrogancia –ou ignorancia- foránea. Quizais, non sería tan desencamiñado, volvermos ao discurso que Miguel Delibes pronunciaba na súa entrada na RAE, con aquela interpelación ao que denominamos progreso.

Mención á parte, merecen as referencias a outras autoras que labraron primeiro estas leiras do pensamento, como son Maria Gabriela Llansol ou Luz Pichel, porque escribir non é máis que ligarmos as mans unhas a outras. Do mesmo xeito, atopamos magníficas ilustracións e citas que abren cada capítulo do libro, enraizándose perfectamente no conxunto da obra, como esta de San Juan 4,38: “Otros se fatigaron y vosotros os aprovecháis de sus fatigas”.

Lede a María Sánchez, lede Tierra de mujeres, porque non sairedes indemnes desta inesperada turrada.

Ciclo Cine Galego: Proxección das películas finalistas dos Premios Mestre Mateo 2021 no Auditorio Municipal de Vilalba

O IESCHA, coa colaboración da Academia Galega do Audiovisual, da Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello de Vilalba, organiza un Ciclo de Cine Galego, coa proxección das películas finalistas nos Premios Mestre Mateo’2021, previsto para varios sábados do mes de maio no Auditorio Municipal de Vilalba.

Adxúntase nota informativa.

Convocatoria do III Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2021

O Concello de Vilalba e Culturalia GZ, convocan o III Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2021, que ten como obxectivo conmemorar o Día do Libro 2021 e asemade fomentar na poboación o achegamento á creación e á lectura literarias.

O prazo para o envío de traballos remata o 23 de abril de 2021.

Descargar BASES e Autorización menores de idade

BASES

1.Participación.

a) Poderán concursar todas as persoas que o desexen, calquera que sexa a súa nacionalidade.

b) Os menores de idade deberán acompañar o microrrelato dunha autorización do pai, nai ou titor/a legal.

2. Sobre os textos/microrrelatos.

a) Os relatos deberán estar escritos en lingua galega, ser orixinais e inéditos feito do que se responsabilizará o/a autor/a do mesmo.

b) O tema dos microrrelatos é libre e deberá conter, polo menos unha vez, a palabra libro no corpo do microrrelato.

c) Cada participante poderá presentar un máximo dun microrrelato.

d) As obras terán como máximo 100 palabras (título incluído).

e) Os textos presentaranse co seguinte formato: docx, Arial, 12 puntos, interliñado 1,15.

3. Normas sobre o envío de textos

  1. Os microrrelatos enviaranse por correo electrónico ao seguinte enderezo do Concello de Vilalba: comunicacion@vilalba.es e recibirán contestación da recepción do email.

b) No correo deberá figurar como asunto: Certame de microrrelatos. Infantil/Xuvenil/Adultos (a categoría que corresponda, as cales se detallan no punto 5), e acompañarase de dous documentos (A e B) en formato .docx.

– Documento A. Nomearase co Título do microrrelato e conterá o texto do microrrelato sen sinatura e baixo un pseudónimo.

– Documento B. Nomearase do seguinte xeito: Título do microrrelato-Pseudónimo, e conterá os datos persoais da persoa concursante: nome e apelidos, enderezo postal, correo electrónico, teléfono e copia dixital do DNI.

c) No caso de que o/a concursante sexa menor de idade, xuntarase a maiores unha autorización asinada polo pai, a nai ou o/a titor/a legal cos seus datos correspondentes na que se indique que autorizan á participación e posterior publicación dos datos persoais dos menores, así como, á difusión dos microrrelatos e fotografías de ditos participantes coa única finalidade de darlle publicidade ó certame. Cada participante menor de idade entregará esta autorización debendo usar o modelo que aparece no ANEXO recollido a continuación das bases destes certame (en pdf editable).

d) Os relatos recibidos sen identificación ou con identificación incompleta quedarán automáticamente eliminados do concurso.

4. Período de presentación

O prazo para a presentación de textos estará aberto dende a data de publicación das presentes bases no Boletín Oficial da provincia de Lugo ata as 23:59 horas do 23 de abril de 2021.

5. Categorías

Establécense tres categorías:

Infantil: ata 11 anos

Xuvenil: de 12 a 17 anos

Adultos/as: a partir dos 18 anos

6. Premios

a) Distribuiranse tres premios por cada unha das categorías

Infantil

– Primeiro premio: diploma, lote de libros e material escolar.

– Segundo premio: diploma  e lote de libros.

– Terceiro premio: diploma e lote de libros.

Xuvenil

– Primeiro premio: diploma, lote de libros e tablet.

– Segundo premio: diploma e lote de libros.

– Terceiro premio: diploma e lote de libros.

Persoas adultas

– Primeiro premio: diploma e 300 euros.

– Segundo premio: diploma e 200 euros.

– Terceiro premio: diploma e 100 euros.

b) Estes premios estarán suxeitos ás retencións fiscais establecidas na lexislación vixente

c) O financiamento dos premios farase con cargo á aplicación orzamentaria 323.48942 

7.Xurado

a) O xurado estará composto por tres membros designados previamente e vencellados ao eido da cultura e da educación e presidido pola Concelleira de Cultura e actuando de secretario/a técnica/o de cultura. Terá facultades plenas para decidir as persoas gañadoras e a súa decisión será inapelable. Poderá declarar deserto algún dos premios se así o considera.

 A composición deste farase pública na páxina web https://www.vilalba.gal/ e na Sede Electrónica do concello.

b) O xurado reserva para si o dereito a non admitir aqueles microrrelatos que atenten contra os dereitos á intimidade, á honra e á propia imaxe de terceiros ou que conteñan, a modo enunciativo pero non limitativo, connotacións racistas, sexistas e/ou discriminatorias, comentarios obscenos, difamatorios ou calquera outros que atenten contra a dignidade e/ou a orde pública.

8. Comunicación do resultado do certame

a) A decisión do xurado darase a coñecer o durante o mes de maio de 2021 a través das páxinas web das entidades convocantes, www.vilalba.org e www.culturaliagz.com, e nas súas redes sociais. Debe advertirse que só se coñecerá a identidade dos participantes unha vez que o xurado teña tomado a súa deliberación final.

b) A organización fará publico a resolución do xurado do certame mediante a  publicación da mesma na sede electrónica e no taboleiro de anuncios do concello de Vilalba.

9. Entrega de premios.

As  persoas premiadas ou representantes das mesmas, serán citadas para asistir a un acto no que se fará entrega dos premios, e no que se dará lectura aos microrrelatos gañadores, sempre e cando sea posible a celebración do mesmo.

10. Publicación

a) A organización do certame publicará os microrrelatos gañadores nas súas páxinas web, www.vilalba.org e www.culturaliagz.com, a partir da semana seguinte á entrega de premios para que poidan ser lidos polas persoas que o desexen. Coa participación neste certame, os/as responsables destes microrrelatos autorizan ó Concello de Vilalba e a Culturalia GZ á difusión dos mesmos é a do nome do seu creador/a na súa páxina web e/ou ou nos medios que consideren oportunos. No caso dos participantes menores de idade, achegarán a devandita autorización do pai, da nai ou do titor/a legal. A organización respectará, en todo caso, os dereitos morais que os/as autores/as posúan sobre as súas obras.

b) Os microrrelatos que non obteñen ningún tipo de premio, destruiranse unha vez rematado o certame.

11. Tratamento de datos persoais

Os datos persoais dos participantes, serán tratados con toda a rigorosidade que esixe a Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais, tratándose todos os seus datos de acordo aos dereitos establecidos no seu Título III e conforme ao mandato establecido na Constitución Española (art.18), relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos e ás restricións concernentes á circulación dos datos persoais achegados polos participantes á organización deste concurso literario.

O Concello de Vilalba comprométese a tratar en todo momento os seus datos de carácter persoal de forma absolutamente confidencial e de acordo coas finalidades previstas nas presentes bases.

12. Observacións

a) A organización do certame ten a capacidade de decidir sobre a interpretación das bases en última instancia ou sobre a súa modificación en caso de erro sendo a súa decisión inapelable.

b) O certame poderá declararse deserto se os microrrelatos participantes non acadan a calidade necesaria, segundo o criterio do xurado.

c) O feito de participar neste certame implica a total aceptación das súas bases.

Festival Atlántica.- Pablo Díaz pecha a celebración do Día da Narración Oral cunha actuación en Vite

Pablo Díaz pecha a celebración do Día Internacional da Narración Oral cunha actuación no CSC de Vite

·       ‘Contando números, cantando cores’ é un espectáculo para o público familiar

·       A función será ás 19 horas no CSC de Vite e para asistir cómpre a inscrición telefónica previa

O artista Pablo Díaz actuará este venres, 26 de marzo, no CSC de Vite ‘José de Saramago’ dentro da programación do Festival Atlántica para festexar o Día Internacional da Narración Oral. O espectáculo, titulado ‘Contando números, cantando cores’, está concibido para público familiar e comezará ás 19 horas. A entrada é gratuíta pero para asistir cómpre inscribirse previamente no teléfono 981 542 490.

Ao longo da súa traxectoria profesional, Pablo Díaz decatouse do importante que é para os cativos tratar e reflexionar sobre a igualdade de oportunidades entre nenos e nenas, maiores e pequenos, equidade, e, sobre todo, respecto ás persoas que desde o principio das nosas vidas debemos valorar. Para lograr este obxectivo, o artista utilizará contos, algúns deles con música, para rematar cun pequeno concerto con cancións que versen sobre esta temática e tamén algúns dos seus temas máis populares.

Pablo Díaz é un prestixioso músico coruñés que debutou no 2009 apadriñado por Santiago Auserón co traballo discográfico Tic tac (ed. Kalandraka). A obra acadou un éxito espectacular en Galicia, a primeira edición do traballo esgotouse en tres meses e vai xa pola quinta edición con máis de 5000 exemplares vendidos. Con este traballo resultou un dos tres finalistas nos premios galegos da música Martín Códax e foi o gañador do galardón “Anisia Miranda á creatividade infantil” no 2011.

En novembro do 2013 publicou o seu segundo traballo, Toc toc (ed. Galaxia), que serviu para reafirmalo na escena musical galega: premio ao mellor traballo de música infantil nos Martín Códax 2014 e unha xira por máis de 50 concellos de Galicia. Un ano máis tarde presentou un novo traballo máis íntimo e dedicado ao público de menor idade, Xente miúda, moita fartura, apostando nesta ocasión pola autoprodución e coa colaboración de Tito Calviño e Carmen Rey.

A finais do 2016 publicou Tic tac toc, ilustrado por Almudena Aparicio. Con este espectáculo fixo unha xira por 50 concellos da nosa comunidade. O último traballo de Pablo Díaz é Coas miñas mans, que saíu ao mercado en xuño do 2018 con moi boa acollida por parte do público familiar. Como contacontos infantil leva feito centos de sesións dedicando unha boa parte da súa obra aos rapaces de entre 0 e 3 anos.

Con este espectáculo clausúrase a programación desenvolvida polo Festival Atlántica para festexar o Día Internacional da Narración Oral e que contou coa colaboración dos festivais Sete Falares de Pontevedra e Falando a Boca Chea da Coruña, e tamén do Concello de Santiago e da Deputación da Coruña.

AVISO: A actividade desenvolverase cumprindo coas medidas sanitarias do protocolo COVID-19 vixente no momento da súa realización.CRÉDITOS Deseño do cartel do 20M: Ekinocio.