O festival, que se celebrará os días 22, 23 e 24 de xullo na Illa de San Simón, festexa neste 2022 vinte anos de difusión das creacións máis estimulantes e vangardistas
A cita terá lugar o luns 25, ás 21.00 horas, e as entradas xa están á venda desde hoxe mesmo a través da plataforma www.enterticket.es
O festival Sinsal SON Estrella Galicia, que conta con todos os abonos e entradas de día esgotadas para este 2022, anuncia novidades de cara á celebración do seu vixésimo aniversario. O evento, promovido por Sinsalaudio, e que se celebrará os días 22, 23 e 24 de xullo na illa de San Simón, amplía a súa programación unha xornada para ofrecer un concerto extra e, por suposto, secreto, nos estaleiros Cardama de Vigo.
O luns 25 de xullo, festivo en Galicia, o recinto industrial situado nos terreos portuarios -e que foi unha das sedes do Sinsal Litoral 2020- acollerá a partir das 21.00 horas a actuación secreta dunha banda europea que non estará en San Simón, nun sorprendente directo no que conflúen diversas tradicións coa electrónica, e que o público unicamente descubrirá ao acceder ao escenario do estaleiro vigués Cardama Shipyard. A dirección de Sinsal recupera así unha das localizacións máis singulares do festival, todo un símbolo na cidade olívica, o que permite por en relación non só o patrimonio cultural co industrial; senón salientar o valor do sector dos estaleiros e do seu persoal traballador para á economía local.
As entradas para esta bóla extra en Vigo do Sinsal SON Estrella Galicia 2022, cuxo directo coincidirá co solpor, saen hoxe mesmo á venda a través da plataforma www.enterticket.es. O prezo dos billetes será de 10 euros agás no caso das e dos menores de 16 anos, en cuxo caso a entrada terá un prezo de 5 euros.
Programación paralela
O festival Sinsal SON Estrella Galicia celebra este 2022 o seu viséximo aniversario. Os días 22, 23 e 24 de xullo programará na illa de San Simón, en na ría de Vigo, tres xornadas de directos con propostas musicais contemporáneas e diversas en canto a estilo e orixe das bandas e artistas. Acompañando a súa programación nos escenarios Buxos e SON Estrella Galicia, o festival celebrará, de forma paralela, unha serie de actividades, das que a dirección xa deu a coñecer tres: microconcertos acústicos e para público reducido na illa de San Antón (‘San Antón Acústico’), rutas arredor da illa en pedal surf para todas as idades e obradoiros creativos familiares.
Os concertos acústicos na illa de San Antón terán lugar ao longo da xornada tanto do sábado 23coma do domingo 24, pero serán directos para un número limitado de asistentes. Serán actuacións moi especiais e singulares, con agrupacións galegas de música clásica que se incorporan deste xeito ao cartel de Sinsal SON Estrella Galicia, pero que unicamente ofrecerán actuacións neste formato. Desde xeito, Sinsal avanza no seu obxectivo de ofrecer unha programación cultural inclusiva no marco dun festival que aposta, desde o seu nacemento, por visualizar artistas emerxentes.
A segunda das propostas que ofrece Sinsal SON Estrella Galicia neste 2022 será gozar, desde a auga, do festival. Ao longo de toda a fin de semana terán lugar diferentes rutas en pedal surf arredor do perímetro da illa para coñecer máis de perto o seu patrimonio natural. Trátase dunha actividade náutica innovadora e 100% sostible, duns 30 minutos de duración aproximadamente, que se realizará en grupos reducidos, dun máximo de 10 persoas. A actividade poderase realizar en familia ou grupos e os billetes xa se poden reservar, anticipadamente, a través da web https://galping.com/reservas/.
Outra das iniciativas que se ofertarán na Illa, de xeito paralelo á programación, será o obradoiro LIMBO de fomento da cultura da reciclaxe. O taller, que estará dirixido ao público familiar -especialmente ao máis novo- terá lugar nas tardes do sábado 23 e do domingo 24 (entre as 15.00 e as 19.00 horas, cunha duración máxima dunha hora). Durante o seu desenvolvemento, as e os participantes construirán e deseñarán de forma autónoma distintas escenografías a través da reutilización de pezas de madeira e outros materiais de refugallo, de forma individual e colectiva. Todos os elementos que se utilizarán, ademais, proceden de carpinterías e negocios locais, que se transformarán de forma manual especificamente para esta proposta.
Nos vindeiros días Sinsalaudio dará a coñecer novas actividades que se poderán realizar tanto na illa de San Simón coma na de San Antón durante a celebración do festival.
Sinsal SON Estrella Galicia
Sinsal SON Estrella Galicia é un dos encontros sonoros máis coidados e singulares do panorama musical estatal. Desde os seus inicios, a promotora viguesa Sinsalaudio impulsou un evento cultural para visualizar as artistas próximas á creación contemporánea da escena galega e estatal, mais tamén con espazo para bandas do ámbito internacional; artistas que, máis adiante, formaron parte de carteis de grandes festivais e de salas de concertos de todo o mundo.
Ao longo destas dúas décadas, Sinsalaudio xerou un ecosistema único no panorama de eventos musicais e, desde 2010, celebra o Sinsal SON Estrella Galicia na illa de San Simón, do que salienta o seu cartel: un programa secreto para as e os asistentes, que confían no criterio de Sinsalaudio para gozar das creacións máis estimulantes e vangardistas. Na súa edición de 2022, na que celebra o seu viséximo aniversario, Sinsal SON Estrella Galicia mantén o seu tradicional cartel secreto. Das bandas participantes este ano, chegadas de diferentes continentes, o 90% actuarán por vez primeira en Galicia.
Hai libros aos que unha debe volver, de vez en cando, porque seguen resoando no transcurso do tempo. Ese é o caso de O único que queda é o amor do estrañado Agustín Fernández Paz, cuxa cita inicial constitúe, xa de entrada, unha declaración de intencións para as románticas e románticos:
“E cando me decato de como imos pasar por este mundo sen deixar rastro despois de levar unhas vidas estúpidas, comprendo con rabia que na vida o único que queda é o amor”.
Orhan Pamuk
A obra está conformada por unha recompilación de historias moi diversas nas que o amor é a principal forza motora. Amores que nacen entre libros, amores que evoca a ausencia, amores non correspondidos, amores narrados por mascotas… Amores, ao fin e ao cabo, que prenden coma chamas nas lectoras e lectores desde o primeiro instante.
Malia ser este un dos grandes temas da literatura universal, coido que o libro, que foi publicado por primeira vez hai tres lustros, rompe coa uniformidade de moitas historias de amor, que perpetúan, aínda hoxe, o traxecto en sentido único dos sentimentos.
De lectura fácil e amena, O único que queda é o amor é un dos grandes imprescindíbeis das nosas letras. Motivo suficiente para mergullarse este verán nas súas páxinas, non si?
OS CONTOS ERÓTICOS DE VICTORIA SIEDLECKI TOMAN O MUSEO DO POBO GALEGO ESTE VENRES
A arxentina protagoniza a penúltima xornada de Atlántica en Santiago con dúas funcións no Museo do Pobo Galego, unha para público infantil e outra para adultos
Tamén está programada unha visita guiada con Manuel Gago pola exposición ‘Santiago de Compostela no tempo’ cos convites esgotados
En Teo, no exterior da casa reitoral de Bamonde, estará María da Pontragha con ‘Donas do lugar’
A arxentina Victoria Siedlecki vai ser a protagonista da penúltima xornada do Festival Atlántica en Santiago con dúas funcións que se van desenvolver no Museo do Pobo galego. Así, o primeiro espectáculo, concibido para público infantil, será ‘Pequeno país’ e comezará ás 18 horas. Un chisco máis tarde, ás 21:30 horas, será a quenda dos maiores que se acheguen ata o museo para escoitar os ‘Relatos eróticos’ de Siedlecki.
A outra actividade prevista na xornada é unha visita guiada pola exposición ‘Santiago de Compostela no tempo’ na compañía do seu comisario, Manuel Gago. A visita, que comezará ás 7 da tarde, ten os seus convites esgotados desde hai un par de semanas e conta coa colaboración de Afundación.
Mentres, no veciño concello de Teo, a galega María da Pontragha levará ‘Donas do lugar’ ata o exterior da casa reitoral de Bamonde, situada fronte á igrexa. Esta actividade é posible grazas á colaboración da Asociación de Veciño de Bamonde.
Mais fóra de Santiago e Teo o Festival Atlántica segue a levar os contos por numerosos puntos da xeografía galega. De feito, o venres, 8 de xullo, as historias tamén chegarán ao Castro de Castrolandín en Cuntis da man de Carolina Rueda (19 h e 21:30 h); á eira de mallar de Beixo, en Dodro, con Brais das Hortas (21 h); ao Pazo das Torres de Goiáns de Boiro con Félix Albo(21:30 h), ao lavadoiro de Artes de Ribeira con Santi Prego e Jorge de Arcos(21:30 h) e, finalmente, ata ao Parque Arqueolóxico Rupestre de Campo Lameiro con Raquel Queizás (22:30 h). Toda a información sobre os artistas e mais os espectáculos pódese consultar na web do festival (festivalatlantica.gal)
O encontro internacional de narración oral poñerá o ramo a súa décima edición o sábado, 9 de xullo, logo de espallar historias polas catro provincias galegas grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e á colaboración dos concellos e entidades que operan como sedes do festival.
Festival Atlántica
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo inicial era indagar nas raíces das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar. Co paso do tempo este obxectivo ampliouse coa incorporación da rede de festivais do atlántico e a interacción do patrimonio inmaterial das historias co patrimonio material e cultural de Galicia. Na actualidade, Atlántica presenta unha identidade propia e singular que o converte nun referente dentro dos encontros de narración oral da Península Ibérica e de América Latina.
O FESTIVAL ATLÁNTICA RETOMA A ACTIVIDADE EN SANTIAGO E TEO CUNHA QUINCENA DE ESPECTÁCULOS
· Victoria Siedlecky, Carme Varela, Anxo Moure, Celso Fernández Sanmartín, Dani Blanco e Félix Albo participan na xornada do xoves en Santiago
· En paralelo, Atlántica continúa programando espectáculos noutros concellos de Galicia
Logo dun breve descanso, o Festival Atlántica afronta a súa segunda metade con novos espectáculos por todo o país. No caso concreto de Santiago e Teo, están previstos un total de 15 funcións que se desenvolverán ata a clausura do encontro o vindeiro sábado, 9 de xullo. Esta intensa programación é posible grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e á colaboración dos concellos de Santiago e Teo e máis as entidades participantes.
A actividade en Santiago comezará esta tarde, mércores 6 de xullo, ás 17:30 horas, co espectáculo ‘Maxia’ de Charo Pita na Aula de Pediatría do Hospital Clínico. A función, destinada exclusivamente para o público infantil do CHUS, conta coa colaboración de Asanog (Asociación de Ayuda a Niños Oncológicos de Galicia).
No tocante ao xoves, 7 de xullo, a primeira función vai ser á sombra do carballo centenario de Conxo e na compañía da arxentina Victoria Siedlecky. O espectáculo programado é ‘Pequeno país’ e está concibido para público familiar e infantil (nenos maiores de 4 anos).
Pola tarde, ás 19 horas, dará comezo o ‘Roteiro das desterradas’ con Carme Varela, autora da premiada obra ‘As desterradas’ que vai ser o fío condutor deste paseo narrado. Os convites para esta actividade así como para a outra edición prevista para o sábado están esgotados desde hai semanas. Esta actividade conta coa colaboración do Sorriso de Daniel, unha asociación que traballa a prol da divulgación e conservación do románico galego.
Un chisco máis tarde, ás 19:30 horas, o Museo do Pobo Galego acollerá a proxección da curtametraxe documental ‘Verbas no ar’ de Paco Paz e Ernesto Muleiro. Logo do visionado está previsto un coloquio no que participarán Muleiro e os contadores Anxo Moure e Celso Fernández Sanmartín, protagonistas do audiovisual.
A xornada picheleira rematará cunha dobre función na Carballeira de Conxo, a partir das 21:30 horas, protagonizada polas ‘Historias de boca a boca’ do galego Dani Blanco e as ‘Yayerías’ do valenciano Félix Albo.
MARATÓN DE CONTOS
Pero Atlántica segue a espallar contos por toda Galicia e mentres todo isto está a acontecer en Santiago, o xoves tamén haberá espectáculo en Ourense con Rilo e Penadique (11:30 h, Praza da República, soportais da Biblioteca Municipal Nós) e mais Boiro con María da Pontragha nun enclave singular: o Centro Arqueolóxico do Barbanza – Castros de Neixón (21:30 h).
Mais cómpre visitar a web do festival para estar informado do resto de funcións porque ata o vindeiro 9 de xullo tamén están programadas actividades en Cuntis, Dodro, Ribeira, Campo Lameiro, Paderne, Mondoñedo, Alfoz, Zas, A Pobra do Caramiñal, Outes, Sanxenxo e Carnota ademais de Santiago e Teo.
Festival Atlántica
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo inicial era indagar nas raíces das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar. Co paso do tempo este obxectivo ampliouse coa incorporación da rede de festivais do atlántico e a interacción do patrimonio inmaterial das historias co patrimonio material e cultural de Galicia. Na actualidade, Atlántica presenta unha identidade propia e singular que o converte nun referente dentro dos encontros de narración oral da Península Ibérica e de América Latina.
Era o segundo día de estancia en Dingle. Pola tarde saíra pola baía nunha ruta turística coa idea de observar a fauna mariña pero, sobre todo, coa ilusión de poder atoparse co golfiño Fungie, que sempre se amosaba cariñoso e amigable cos humanos . Aquela tarde non foi posible, non houbo maneira de avistalo; non era o normal, pero ás veces desaparecía por unhas horas e, precisamente, cadroulle ese día.
O golfiño Fungie aparecera a principios dos anos oitenta na pequena poboación do suroeste de Irlanda, Dingle (O Forte). Desde aquela a súa presenza fixo desta vila do condado de Kerry unha das maiores atraccións turísticas da Illa Esmeralda. Hai cousa de dous anos saíu en todos os medios de comunicación, non só irlandeses, a noticia da desaparición de Fungie; desde entón, e vai para máis de dous anos, non se volveu saber nada máis del.
Logo de regresar do paseo pola baía e de comer unhas ameixas á mariñeira e un bo rodaballo no Anchor Down, un dos mellores restaurantes de marisco e peixe da bisbarra e de facer tempo paseando polo porto e polas rúas da vila, dirixiuse ao pub onde xa estivera a noite anterior presenciando a actuación dun grupo de música tradicional que lle gustara moito.
Segundo entrou no local, xa a viu arrimada á barra e cunha pinta de Guinness na man. Desde ese intre soubo que algo especial ía ocorrer aquela noite, así que se dirixiu cara a onde estaba a muller loira e, poñéndose ao seu carón, pediu unha pinta. Agardou a que a compañeira de bebida rematase a mesma e cando esta se dispuña a saír, dirixiulle a palabra, convidándoa a outra cervexa. Aceptou cun sorriso amplo, e, a partir de entón, pinta tras pinta, estiveron toda a noite falando de Fungie, dos mariñeiros de Muros e das cancións de The Pogues, The Cramberries e de Van Morrisson. Aquela noite a actuación en vivo pasoulle desapercibida.
Cando o pub pechou, acompañou a Darcy (Escura), era o nome da moza, a un dos últimos locais en pechar e alí tomaron a arrancadeira, para logo dirixirse ao porto e facerlle unha visita ao famoso golfiño, que alí se atopa a xeito de escultura . Ao darlle unha caricia notou coma o cetáceo comezaba a moverse e a facer cabriolas; deixara de ser de chumbo para mudar en ser vivo. Foi entón cando Darcy propuxo montar nel e dar unha volta polo océano. Iso fixeron, ou polo menos cre que así foi, para despois de navegar sobre os seu lombo durante case unha hora regresar ao peirao. Logo xa non se lembra de máis nada.
A mañá seguinte espertou na cama do seu hotel, preto xa do mediodía e , ao erguerse, para non ir parar ao chan do mareo que lle deu, tivo de novo que deitarse e estar un par de horas máis ata que se empezou a atopar mellor. Unha vez máis ou menos reposto e despois de pegarse unha boa ducha, ao regresar ao leito viu unha nota enriba da mesa de noite, tomouna nas mans e leu:
Mañá ás dez agárdote no John Benny´s. Deica entón.
Darcy
Ás dez estaba puntual no pub. Media hora despois, a moza loira non aparecía. Totalmente recuperado e xa coa segunda pinta empezada, por fin, ve coma entra e se coloca no outro extremo da barra. Coa xarra na man diríxese cara a ela e saúdaa. Ao ver que non lle prestaba atención, vai e saca a nota do bolso e poñéndollo diante dos ollos dille: “Eu só fago o que me mandaches, Darcy”. Entón ela botando unha gargallada que se escoitou en todo o local, colleu o papel e pedindo un bolígrafo ao camareiro escribiu:
Hoxe non podo acudir. A noite pasada foi moi agradable, pero faltou o mellor. Para outra vez, ten máis coidado coa bebida.
De parte de Darcy
Rematado o escrito entregoulle a nota e de novo botando outra gargallada continuou dicíndolle:
—Eu son a súa irmá xemelga e ordenoume, se é que te vía, que che comentara o que veño de escribir.
E despedíndose del cun aceno, colleu e marchou para o escenario, onde a agardaban os compañeiros de grupo, para iniciar a actuación da noite.
Rematou de tomar a pinta e unha insoportable dor de cabeza foise apoderando del, polo que decidiu que esa noite non era a máis axeitada para seguir de cervexas. Colleu, profundamente abatido, e encamiñouse cara ao hotel