DILUVIO, de Tanxugueiras, acada o número 1 de vendas en tendas físicas á semana da súa publicación

Sinatura discos Tanxugueiras. Rocio Cibes 01/08/22

O novo disco das pandeireteiras ocupa a cuarta posición na lista global de vendas en tendas físicas e dixitais que ofrecen GFK e Promusicae, só por detrás de Bad Bunny, Rosalía e Beyoncé. 

‘DILUVIO’ é un traballo conceptual no que as cantareiras cuestionan crenzas, pecados ou presuntas culpas para transformalas “en aprendizaxes vitais”. 

Tanxugueiras segue a colleitar fitos para a historia da música galega de creación colectiva. O trío de pandeireteiras vén de lanzar o seu terceiro álbum, ‘DILUVIO’, co que están a percorrer a Península Ibérica na Xira Midas de presentación do mesmo. O disco, publicado o pasado venres 29 de xullo, situouse como o máis vendido en tendas físicas na semana do seu lanzamento, quedando por riba de nomes como Beyoncé ou Harry Styles. O dato, facilitado por GFK e Promusicae (Productores de Música de España), dá conta da boa acollida que recibiu, entre o público, o novo traballo das cantareiras, que este mesmo fin de semana recolleron no festival SonRías Baixas o disco de ouro polo seu sinxelo ‘Terra’ -outorgado en febreiro, aínda que hoxe en día supera os 30 millóns de reproducións na suma das plataformas-. 

No cómputo global de vendas físicas e dixitais, ‘DILUVIO’ ocupa a cuarta posición entre un cento de discos, só por detras dos novos traballos discográficos de Bad Bunny, Rosalía e Beyoncé, e por riba de figuras de tirón internacional como C. Tangana, Sebastian Yatra ou Rauw Alejandro. A lista global pódese consultar na web https://www.elportaldemusica.es/lists . 

   
“Pensar que tres cantareiras e pandeireteiras poden ser número un de vendas nun momento como o actual é incrible. Hoxe, máis que nunca, queremos compartir este recoñecemento con todas esas mulleres que mantiveron viva a nosa tradición. Tanto as anónimas, como as que compartiron o seu no coñecemento nas recollidas ou quen foi de porta en porta, por toda Galicia, recuperando o noso patrimonio. E vai tamén este agradecemento a quen está a tocar por vez primeira unha pandeireta: nenas, sodes o futuro da nosa música. Grazas a todas, este premio é de todas vós!”, sinalan Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro.  

DILUVIO 

Tanxugueiras publica este verán ‘DILUVIO’ o seu terceiro traballo discográfico, un álbum conceptual editado por Calaverita Records e que propón rachar con todo o establecido para sandar, para volver a aprender” O disco, que xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais e La Casa del Disco, conta na súa versión física cunha edición deluxe, cun libreto ilustrado de 24 páxinas no que o grupo explica, motu proprio, o significado deste diluvio. 

  
‘DILUVIO’ é unha viaxe de indagación e autocoñecemento que o trío percorre a través de verbos como ver, escoitar, equivocar, recordar ou apoderar. Un tránsito no que as cantareiras poñen en dúbida e enfrontan numerosas presuntas culpas ou ‘pecados capitais’ instalados na sociedade. E aos sete ‘orixinais’ (avaricia, envexa, ira, luxuria, preguiza, gula, soberbia), elas suman outros tres: patriarcado, hostilidade e homoxeneidade. Crenzas ás que deciden dar a volta e convertelas nunha serie de aprendizaxes transformadoras para a vida: un diluvio de autoaceptación, de diversidade, de amor libre, de apoderamento.  

‘DILUVIO’ é un traballo musicalmente diverso: unha experiencia catártica na que a voz e a cultura tradicional son o fío condutor dunha viaxe evocadora que avanza a ritmo de muiñeira, xota, ou rumba, mesturadas con sonoridades máis urbanas e contemporáneas. Neste sentido, ‘DILUVIO’ confirma a aposta das creadoras, que asinan todos os temas do disco, pola reinterpretación da tradición galega a través da fusión con ritmos urbanos, próximos ao trap, hip hop ou electrónica, para achegar a música de raíz a un público máis novo.   

Tras máis dun ano de lanzamentos cunha clara intencionalidade agochada para as e os ouvintes, o público por fin pode coñecer o verdadeiro significado de cada un dos sinxelos, os pecados e as aprendizaxes que se agochan tras eles. E esa é a clave de ‘DILUVIO’: unha viaxe, un percorrido desde a tormenta até a quietude. No medio delas, un torrente de culpas e ensinanzas vitais nas que se atopan himnos como ‘Midas’, ‘Figa, ‘Desidia’ ou ‘Terra’.  

20220809-NP-Tanxugueiras-numero-1-de-vendas-con-DILUVIO

Tanxugueiras recibe no SonRías Baixas o Sinxelo de Ouro por ‘Terra’

SonRías Baixas 2022. Rocío Cibes. 06/08/22

Tanxugueiras recibe no SonRías Baixas o Sinxelo de Ouro por ‘Terra’ 

Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro recibiron esta noite, de sorpresa, o recoñecemento acadado a finais do mesde febreiro ao sumar máis de 12 millóns de reproducións nas plataformas dixitais polo tema co que conquistaron ao público no seu paso polo Benidorm Fest

Tanxugueiras presentou esta tarde ‘Diluvio’, o seu novo disco, na 19ª edición do festival SonRías Baixas. No marco da súa actuación, logo de interpretar temas como ‘Arica’, Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro recibiron por sorpresa, ante o público do Morrazo, o recoñecemento do Sinxelo de Ouro polo seu tema ‘Terra’, outorgado por GFK e Promusicae ao superar, xa a finais do pasado mes de febreiro, máis de 30.000 copias vendidas, o que se traduce, aproximadamente, en máis de 12 millóns e medio de reproducións en plataformas dixitais.   
 
‘Terra’, publicado o 21 de decembro de 2021, é o sinxelo co que Tanxugueiras participou no certame Benidorm Fest, resultando a proposta máis votada polo público. O sinxelo, un canto á diversidade e ao recoñecemento da música de raíz galega, supuxo un auténtico fito para a música tradicional do país no momento do seu lanzamento, acadando máis de 500.000 escoitas tan só nas primeiras 24 horas desde a súa publicación. Delas 350.00 foron en Youtube, plataforma na que se posicionou, co seu lyric video oficial,como número 1 en tendencias xerais e número 3 nas de vídeos musicais. 

Dous meses despois do seu lanzamento, a finais do mes de febreiro e após o seu paso polo Benidorm Fest, certame no que resultou a proposta máis votada polo público, ’Terra’ superou os 12 millóns de reproducións nas plataformas. A día de hoxe, o sinxelo suma máis de 30 millóns. Co gallo da recente publicación de ‘DILUVIO’ e a súa primeira presentación oficial nun festival desde que saíu á venda o pasado 29 de xullo, a discográfica Calaverita Records e a súa axencia de management, PlayPlan Cultural, quixeron sorprender esta noite as cantareiras “na súa casa”, como sinalou Jordi Lauren, codirector do festival. 

20220806-NP-Tanxugueiras-SINXELO-OURO

Noia Harp Fest propón unha singular viaxe sonora por Paraguai e a Bretaña francesa a través da arpa na súa terceira xornada

Clotilde Trouillaud, que regresa á vila de Noia logo do seu exitoso concerto en solitario no 2018, e o dúo conformado por Hermanos Corbalán, habituais en citas como o Festival de Edimburgo, son dous dos pratos fortes desta edición do festival

A Igrexa de Santa María A Nova tamén acollerá un concerto de dúas grandes figuras da música antiga no país: a cantante Paula Ceremyzynsk e o arpista Manuel Vilas


Noia Harp Fest, o único festival especializado en arpa do noroeste peninsular, propón para este venres 5 unha singular viaxe sonora, que partirá da Praza do Tapal, para percorrer dous territorios cunha ampla tradición arpística: Paraguai e a Bretaña francesa. 

Noia acollerá mañá pola noite dúas das citas máis agardadas desta edición do festival. Por unha banda, o regreso de Clotilde Trouillaud, unha das arpistas mais prestixiosas da súa xeración e que está a revolucionar o xeito de entender a música para arpa na Bretaña. Logo do seu exitoso concerto en solitario no Noia Harp Fest no 2018, Trouillaud continúa o seu camiño musical, cheo de paisaxes diversas e coloristas, e regresa este ano coa súa formación Lune Bleue Trio, acompañada por Erwan Bérenguer (guitarra) e Jean-Marie Stephant (batería).

Pola outra, unha cita coa música americana a través dunha sorprendente formación, inédita na escola de arpa paraguaia: o dúo de arpas formado polos irmáns Sixto e Juanjo Corbalán. Os dous teñen cadansúa carreira en solitario ou en diferentes formacións, mais como dúo están presentes habitualmente na programación do mellor certame de Europa, o Festival de Edimburgo, así coma en festivais de medio mundo. Mañá pola noite conquistarán ao público noiés coa súa excepcional linguaxe e a sutileza do tratamento das melodías da tradición arpística coas que debuxan imaxes cheas de forza e contrastes sonoros, soportados nun virtuosismo difícil de imaxinar para os que non o escoitan en directo. Antes, pola mañá, impartirán a segunda das clases maxistrais programadas polo Noia Harp Fest na Igrexa de Santa María A Nova.

Precisamente no museo terá lugar a terceira das citas musicais desta xornada. Será un concoerto con dúas grandes figuras da música antiga xuntas: a cantante polaca Paulina Ceremuzynsk, quen reside desde o ano 2004 en Galicia e investigou a reconstrución musical das cantigas de amigo, e o arpista compostelán Manuel Vilas, recoñecido polo seu traballo coa arpa ibérica, aínda que realiza un gran labor en investigación sobre a arpa jesuítica chiquitana -Bolivia- así como na arpa dobre do s.XIV que circulaba baixo a coroa de Aragón.

NOIA HARP FEST

IX Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) celébrase do 3 ao 7 de agosto. O evento, dirixido por Rodrigo Romaní, é unha proposta ecléctica, cunha ampla diversidade estilística, cuxo fío condutor é a interpretación musical a través da arpa. Savourna Stevenson, Steve Kettley, Hermanos Corbalán, Kora Jazz Trío, Clotilde Trouillaud, Paula Ceremuzynksa, Manuel Vilas, Beatriz Martínez, Rafa Fernández Trio, Anna Amigó, Trío Clepsidra ou Bleuenn le Friec forman parte do seu cartel, que a veciñanza pode gozar de xeito gratuíto tanto a ceo aberto -Xardíns da Central do Tambre, Praza do Tapal- coma no interior de recintos culturais da vila -Igrexa de Santa María A Nova, Teatro Coliseo Noela, Liceo de Noia-.

Noia Harp Fest conta co patrocinio do Concello de Noia, coa colaboración da Xunta de Galicia a través do Xacobeo 21-22 e da iniciativa concertosdoxacobeo.gal, ademais do soporte de Acción Cultural Española a través do programa PICE. O festival conta tamén coa colaboración de Cabaniñas do Bosque, da distribuidora dixital de música Altafonte e co apoio tanto do Liceo de Noia coma da Asociación Terra de Outes.



AXENDA NOIA HARP FEST – VENRES 5 DE AGOSTO
11.30 horas, Igrexa Santa María A Nova | Clase maxistral con Juanjo e Sixto Corbalán ‘A arpa paraguaia’
20.00 horas, Igrexa Santa María A Nova | Concerto de Paulina Ceremuzynska & Manuel Vilas
22.00 horas, Praza do Tapal | Concertos de Lune Bleue Trio e Hermanos Corbalán

20220804-NHF-Axenda-venres-5

O SonRías Baixas acolle este venres a última actuación do verán en Galicia de Kase.O antes da súa retirada dos escenarios 

SonRías Baixas acolle este venres a última actuación do verán en Galicia de Kase.O antes da súa retirada dos escenarios

Rayden, Ciudad Jara, Buhos, Bala, Emlan e García Mc & Nación Quilombo completan o cartel da segunda xornada do festival

A península do Morrazo acollerá este venres un dos momentos máis especiais da 19ª edición do festival Sonrías Baixas. O mítico rapeiro Kase.O, considerado un dos mellores MCs do rap en castelán, ofrecerá en Bueu o seu último concerto en Galicia deste verán antes da súa retirada dos escenarios, anunciada esta primavera. 

Kase.O, quen xa visitou no 2021 o recinto Multiusos da Estacada -nun concerto vibrante no que esgotou todas as entradas dispoñibles-, regresa este verán para celebrar unha despedida ao ritmo dun dos proxectos musicais ao vivo máis aclamados do rap hispano dos últimos anos: ‘JazzMagnetism’, unha proposta na que o MC explora a fusión entre xéneros fondamente marcados pola capacidade de improvisación e a calidade artística: o jazz e o hip hop. 

Alén desta despedida, o SonRías propón para esta segunda xornada un cartel marcado polo seu habitual  espírito festivo, cheo de potencia e enerxía. O festival acollerá a actuación de Rayden no marco da xira do seu 20º aniverario sobre os escenarios. O rapeiro e artista multidisciplinar presentará en Bueu o seu último álbum, ‘Homónimo’, que inclúe éxitos como ‘El mejor de tus errores’ ou ‘La mujer cactus y el hombre globo’.

Catro bandas darán a coñecer este venres no SonRías os seus traballos discográficos máis recentes. No caso de Ciudad Jara, o novo proxecto musical de Pablo Sánchez (La Raíz), volve a Bueu neste 2022 para presentar ‘Cinema’ nun potente espectáculo. Enérxico é tamén o cualificativo que define o directo de Bala, o dúo conformado por Anxela Baltar e Violeta Fernández. Logo dun pequeno parón, o grupo -unha das bandas de referencia do stoner e metal alternativo na actualidade- xira por escenarios de todo o país para dar a coñecer o seu terceiro traballo, ‘Maleza’, publicado o ano pasado. A noite tamén contará co rapeiro García Mc, quen convidará ao público do festival a percorrer unha estimulante travesía sonora polas dez illas do seu ‘Arquipélago Quilombo’, un show ecléctico e fiado con maestría no que se citan estilos como o reggae, o latin ou o hip hop. Coma el, o músico e produtor Arnau Moreno, Emlan, dará a coñecer o seu disco ‘Nuestro plan’, cun novo e sorprendente espectáculo de rock e pop, na que será a súa primeira actuación en territorio galego. 

O cartel deste venres completarase coa actuación de Buhos, o grupo festivo de referencia en Cataluña na actualidade. Cun espectáculo ateigado de rock e mestizaxe musical, a banda ofrecerá no SonRías a súa única actuación deste verán en Galicia, na que avanzará os temas que darán vida ao seu novo e esperado próximo disco.


AXENDA SONRÍAS BAIXAS – VENRES 5

19.00 horas | Apertura de portas

20.00 horas, Escenario Xacobeo 21-22 | Bala
21.00 horas, Escenario Turismo Rías Baixas | García Mc & Nación Quilombo
22.00 horas, Escenario Xacobeo 21-22 | Kase.O JazzMagnetism
23.30 horas, Escenario Turismo Rías Baixas | Ciudad Jara
00.40 horas, Escenario Xacobeo 21-22 | Rayden
02.00 horas, Escenario Turismo Rías Baixas | Emlan
02.50 horas, Escenario Xacobeo 21-22 | Buhos

20220804-NP-Axenda-SonRias-venres-5

Evaristo Calvo elixido Xograr de Outono do FIOT este 2022

O galardón, que pretende salientar a traxectoria de profesionais das artes escénicas galegas co recoñecemento de figuras imprescindibles do sector de xeito anual, entregarase durante a celebración da nova edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo en outubro

O xurado destacou que “Calvo é un histrión de carácter e selo propio que, coa súa enerxía actoral peculiar, a súa agudeza creativa e o seu dilatado oficio, soubo dar vida ás máis inesquecíbeis e orixinais criaturas escénicas, sendo un dos cómicos de referencia no teatro galego”

Por outra banda, a 6ª edición do certame de Micro-Escenas Metro Cadrado xa ten pezas finalistas: as creadoras e creadores Compañía Anxela Blanco, Dani Blanco, Cacharela Teatro, Sr. Lili, Colectivo #ChamizoBelloVila e Mónica Paradela Cuñarro foron seleccionados para presentar as súas creacións experimentais na nova edición do FIOT este outubro

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, outorgará este 2022 o premio Xograr de Outono a Evaristo Calvo. Deste xeito, o encontro, unha cita de referencia en Galicia e no Estado polo seu traballo a prol da creación de novos públicos e o o fortalecemento da escena, mantén viva a chama da posta en valor e o recoñecemento de figuras imprescindibles do sector cultural galego, coa entrega anual dun galardón que quere salientar a traxectoria de profesionais das artes escénicas. 

Nesta ocasión, as xograresas e xograreses do FIOT decidiron premiar ao cómico Evaristo Calvo. No seu fallo, o xurado destacou que “Calvo é un histrión de carácter e selo propio que, coa súa enerxía actoral peculiar, a súa agudeza creativa e o seu dilatado oficio, soubo dar vida ás máis inesquecíbeis e orixinais criaturas escénicas, sendo a día de hoxe un dos cómicos de referencia no teatro galego”. O artista recollerá este outono en Carballo, durante a celebración da nova edición do FIOT, o testigo da actriz Casilda García Alfaro, galardoada en 2021.

FINALISTAS DO CERTAME DE MICRO-ESCENAS METRO CADRADO

Por outra banda, a sexta edición do certame de Micro-Escenas Metro Cadrado do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo xa ten pezas finalistas. Compañía Anxela Blanco, Dani Blanco, Cacharela Teatro, Musicarte Rey Saavedra, Colectivo #ChamizoBelloVila e Mónica Paradela Cuñarro presentarán as súas últimas creacións experimentais na nova edición do FIOT prevista para este outono, nunha das liñas de programación máis queridas polo público local, quen valorará, como é habitual, tanto a mellor interpretación coma o mellor espectáculo.

O Certame de Micro-escenas Metro Cadrado é un concurso para proxectos escénicos de pequeno formato concibidos para poñer en escena en espazos non teatrais. Ten por obxecto apoiar a creación escénica de novos formatos e a compañías e creadoras e creadores emerxentes, así como captar novos públicos e implicar aos espectadores e á cidadanía nas artes escénicas.

Metro Cadrado ofrece ao público da comarca unha nova experiencia escénica, diferente ás habituais nos recintos: sen barreiras, sen artificios e desde a proximidade. Con esta intención, o FIOT convida ás compañías ou artistas emerxentes a crear ou deseñar un espectáculo (de teatro físico, música, clown, performance, danza, manipulación de obxectos…) de entre 10 e 20 minutos, que se poida poñer en escena, especificamente, nun espazo non teatral. 

Nesta sexta edición do certame recibíronse un total de 36 propostas, tanto de creadores individuais como de equipos formados por profesionais de diferentes disciplinas: performance, teatro, danza, circo, etc. A maior parte de propostas proceden de novos creadores, pero tamén houbo profesionais consolidados nas artes escénicas con afán de experimentar. Entre todas elas, o xurado do Metro Cadrado, conformado por figuras do sector cultural, seleccionou media ducia de espectáculos finalistas:

·       Xeografía dos corpos, presentada por Compañía Anxela Blanco.

·       Viaxar é un pracer, presentada por Dani Blanco.

·       Actriz, chora, presentada por Cacharela Teatro.

·       Cinecleta, cinema doméstico a pedais, presentada por Sr. Lili.

·       Menú do día, presentada por Colectivo #ChamizoBelloVila.

·       Homeless, presentada por Mónica Paradela Cuñarro.

As pezas seleccionadas polo xurado, unha vez representadas na vindeira edición do FIOT, recibirán unha compensación económica de 450€. Ademais, todas as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán aos seguintes premios: Premio do Público de 150 € e Premio á Mellor Interpretación de 150 €.

As pezas que se poderán ver durante o mes de outubro na nova edición do FIOT. Tal e como é habitual no Metro Cadrado, cada espectáculo contará con catro funcións para facilitar a súa visualización por parte do público. Dúas serán en horario de mañá e outras dúas en horario de tarde. Tanto na web do FIOT coma no programa de man do festival poderanse consultar, con antelación, as horas e lugares das representacións.

20220803-FIOT-Xograr-e-Metro-Cadrado

As arpistas Beatriz Martínez, Carmen Bernal e Reyes Gómez, protagonistas da segunda xornada do Noia Harp Fest 

As arpistas Beatriz Martínez, Carmen Bernal e Reyes Gómez, protagonistas da segunda xornada do Noia Harp Fest


Beatriz Martínez, a instrumentista galega máis relevante no eido da arpa céltica, presenta o seu primeiro álbum en solitario nos xardíns da Central do Tambre

O Teatro Coliseo Noela celebra desde as 22.00 horas un concerto especial da man da Asociación Española de Arpistas (AEDA) no que participará o Trío Clepsidra


O talento feminino é o protagonista da segunda xornada do Noia Harp Fest, que se celebra desde este mércores e até o domingo 7. As arpistas Beatriz Martínez, Reyes Gómez e Carmen Bernal actúan mañá, xoves 4 de agosto, no marco do único festival especializado do instrumento que se celebra no noroeste da Península Ibérica. 

A actividade comezará ás 11.30 horas no Liceo de Noia coa primeira das clases maxistrais que ofrece este ano o festival, nomeada ‘Contando historias’ e que impartirá a intérprete Reyes Gómez, arpista do Trío Clepsidra. O programa continuará en horario de tarde (19.30 horas), nos xardíns da Central do Tambre, coa presentación de ‘Tal como as nubes’o primeiro álbum en solitario de Beatriz Martínez, a figura máis relevante de Galicia no eido da arpa céltica. Este traballo aporta unha concepción moi novidosa no tratamento da música de tradición oral para esta arpa coa que se misturan, cunha sensibilidade especial e un estilo absolutamente propio, temas de composición orixinal. Formada na Etrad de Vigo, compoñente da orquestra SonDeSeu e do grupo Ghaveta, a arpistas ten unha sólida carreira como intérprete. No concerto estará acompañada ao buzuki e á guitarra acústica por Diego Langarica

Xa pola noite, contra ás 22.00 horas, no Teatro Coliseo Noela celebrarase o Concerto Especial AEDA, en colaboración coa Asociación Española de Arpistas (AEDA), no que participarán Carmen Bernal (gañadora do I Certame AEDA para novos intérpretes) e o Trío Clepsidra. Este último explora o atractivo e orixinal repertorio existente para arpa, viola e frauta travesera nas súas múltiples posibilidades. Os seus integrantes, nados en Salamanca e formados nos principais centros europeos, realizan unha intensa actividade profesional baseada en frecuentes colaboracións con orquestras nacionais; concertos de música de cámara xunto a ensembles especializados en repertorio clásico, antigo e contemporáneo; e a docencia en diferentes conservatorios e cursos de perfeccionamento.


AXENDA NOIA HARP FEST – XOVES 4 DE AGOSTO
11.30 horas, Liceo de Noia | Clase maxistral con Reyes Gómez: ‘Contando historias’
19.30 horas, Xardíns da Central do Tambre | Concerto de Beatriz Martínez & Diego Langarica
22.00 horas, Teatro Coliseo Noela | Concerto especial AEDA: Carmen Bernal e Trío Clepsidra