Noia Harp Fest aposta pola creación propia coa estrea de dúas producións exclusivas

Beatriz Martínez e Acacia Ojea fusionarán a arpa tradicional coa electrónica en directo o xoves 30 de xullo

 O venres 31 será a quenda da Banda do NHF, que xuntará dez arpas no escenario para reinterpretar os temas de Su Garrido Pombo con arranxos de Rodrigo Romaní

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) consolídase na súa 13ª edición como moito máis que un escaparate de concertos: é tamén un espazo onde a música se crea e se experimenta dende cero. Así, alén da aposta pola ampliación do repertorio para arpa e orquestra do seu Premio Portus Apostoli, o festival producirá proxectos propios e inéditos que sitúan a Noia no mapa da innovación artística en Galicia. 

O Teatro Coliseo Noela será o escenario destas dúas propostas exclusivas, que só se poderán ver ao vivo durante o evento, e que unen a arpa coa electrónica e as novas linguaxes musicais. Estas producións reflicten o espírito co que naceu o propio Noia Harp Fest hai 13 anos: un festival liderado por mulleres arpistas de primeiro nivel e que, alén de respectar a tradición, non ten medo de explorar o futuro do instrumento. 

A primeira destas apostas chegará o xoves 30 de xullo (21.00 horas) da man da arpista Beatriz Martínez e da artista sonora Acacia Ojea. Ambas presentarán un espectáculo que naceu directamente da colaboración entre os dous mundos creativos. O punto de partida son composicións orixinais para arpa con raíces na música tradicional. Sobre esa base, a viguesa Acacia Ojea manipulará o son en tempo real a través de procesos electrónicos. Non se trata dun fondo musical nin dun simple acompañamento: será un diálogo aberto á improvisación onde o instrumento se transformará por completo.

Banda do Noia Harp Fest © Jerry Elefarte

Ao día seguinte, o venres 31 de xullo ás 21.00 horas, o mesmo recinto acollerá un dos momentos máis agardados do festival: o concerto da Banda do Noia Harp Fest -que ten a particularidade de que se forma de xeito específico para cada edición, reunindo a profesionais, estudantes e afeccionados da arpa- coa cantautora Su Garrido Pombo, unha das compositoras máis persoais do panorama galego. 

Este ano, o reto da formación -que pasa de actuar na rúa do Curro ou no Liceo de Noia ao Teatro Coliseo Noela- será darlle unha nova dimensión á música da creadora. O público escoitará os seus temas máis coñecidos cunha sonoridade nunca antes escoitada: arroupados por dez arpas en directo. Os arranxos levan a sinatura de Rodrigo Romaní, quen deseñou unha proposta onde conviven as texturas acústicas do grupo de arpas coa electrónica e a forza poética das letras de Su Garrido Pombo.

Ambos os dous concertos, igual ca os anunciados até o de agora, serán de acceso libre ata completar a capacidade dos espazos. 

Rodrigo Romaní © Jerry Elefarte

Noia Harp Fest

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, coñecido como Noia Harp Fest, é unha iniciativa promovida por Nalgures Producións e cuxa dirección artística recae na Asociación Cultural Noia Harp Fest. O evento, que se celebrará do 29 de xullo ao 1 de agosto, conta co apoio do Concello de Noia e da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia e do proxecto Concertos do Xacobeo. Tamén colaboran a Sociedade Cultura Recreativa Liceo de Noia, a Asociación Española de Arpistas (AEDA), a Deputación Provincial da Coruña e Acción Cultural Española. 

O anuncio das incorporacións de Beatriz Martínez, Acacia Ojea, Su Garrido Pombo e a Banda do NHF amplía o cartel dunha edición que este ano presenta unha programación liderada polas arpistas internacionais Maeve Gilchrist, Siobhán Armstrong e Sona Jobarteh, e na que tamén participarán Manuel Vilas, Entrebescant e Neleta Ortiz.


Avance de programación do XIII Noia Harp Fest

30.07, Teatro Coliseo Noela | Maeve Gilchrist

30.07, Teatro Coliseo Noela | Beatriz Martínez e Acacia Ojea

31.07, Igrexa de Santa María A Nova | Siobhán Armstrong

31.07, Teatro Coliseo Noela | Banda do NHF con Su Garrido Pombo

01.08, Igrexa de San Francisco | Manuel Vilas e Entrebescant

01.08, Claustro de San Francisco | Neleta Ortiz

01.08, Praza do Tapal | Sona Jobarteh 

O IESCHA organiza a XI Ruta Cultural polas terras de OSEIRA e TRASALBA

O IESCHA organiza a XI Ruta Cultural, percorrendo as terras ourensáns de Otero Pedrayo: OSEIRA e TRASALBA, prevista para o domingo 21 de xuño de 2026 e para a que contaremos co acompañamento de Felipe Senén, arqueólogo e escritor.

Saída: 9:30, arredores da casa da Cultura

Prezo: 40€ Soci@s. // 45€ Non soci@s

Inscricións ata o mercares 17 de xuño.

NOTA-INFORMATIVA-XI-RUTA-CULTURAL-O-CARBALLINO

ABRIL gaña o Premio Martín Códax da Música 2026 na categoría de Música Folk

O dúo galego consolídase como unha das propostas emerxentes máis destacadas do folk contemporáneo tras a publicación do seu álbum debut Medrar

ABRIL, o dúo formado por Claudia Abril e Marina Carpente, vén de ser recoñecido co Premio Martín Códax da Música 2026 na categoría de Música Folk, un dos galardóns máis relevantes do panorama musical galego.

Este recoñecemento supón un importante impulso para unha proposta artística que aposta pola reinterpretación contemporánea da música tradicional galega, combinando instrumentos de raíz como a pandeireta, o pandeiro ou o violín folk con novas sonoridades e unha sensibilidade actual.

O premio chega nun momento especialmente significativo para ABRIL, tras a publicación e presentación en directo de Medrar, o seu primeiro traballo discográfico. Un álbum composto por nove pezas que dialogan entre tradición e modernidade a partir de melodías recollidas en distintos puntos de Galicia e territorios limítrofes, transformadas nun universo sonoro propio grazas á incorporación de letras orixinais e á colaboración de músicos como Juan Arca (Lontras), Joana Gumí, Sunil López ou Hugo Franco.

▶ Escoita ‘Medrar’, o álbum debut de ABRIL

Producido por Zalo Rodríguez e mesturado por Hevi (Laboratorio Soyuz), Medrar constrúe unha atmosfera hipnótica na que a electrónica convive organicamente coa tradición oral galega. O proxecto complétase cunha potente identidade visual desenvolvida por Marte Martinka e Miguel Méndez (Fotomatong), coa escenografía de Laura Iturralde e José Faro “Coti” e o deseño gráfico de Sara Castro.

Desde a súa presentación en directo, ABRIL está a consolidarse como unha das formacións con maior proxección dentro da nova escena folk galega, grazas a unha proposta íntima, contemporánea e profundamente conectada coa tradición.

Xira de verán 2026

Tras o Premio Martín Códax, ABRIL afronta unha intensa xira de verán que levará o seu directo por Galicia e Escocia nas próximas semanas. As datas confirmadas ata o momento son:

  • 6 de xuño: Polas Bravas (Chantada)
  • 20 de xuño: House of Toads (Glasgow, Escocia)
  • 21 de xuño: The Rockfield Centre (Oban, Escocia)
  • 22 de xuño: Partick Burgh Halls (Glasgow, Escocia)
  • Do 24 ao 28 de xuño: NAFCO (Aberdeen, Escocia)
  • Do 2 ao 6 de xullo: Encordass Fiddle Fest (Illa de San Simón, Redondela)
  • 17 de xullo: Concerto por anunciar (Valdeorras)
  • 31 de xullo: Concerto por anunciar (Narón)
  • 5 de agosto: Concerto por anunciar (Oleiros)
  • 15 de agosto: O Hío (Cangas)
  • 22 de agosto: Festival Rocha Folk (Tui)

Este proxecto contou cun apoio para o seu desenvolvemento a través das Residencias Creativas Mariñán de música, da Deputación da Coruña.

Ducia e Pico, o novo ciclo de concertos de Luneda Producións

Nace “Ducia e Pico”, o novo ciclo impulsado por Luneda Producións quelevará vinte propostas musicais a oito salas galegas

A axencia compostelá Luneda Producións presenta Ducia e Pico, un novo ciclode concertos que, ao longo dunha ducia e pico de noites repartidas entre xuñode 2026 e maio de 2027, acollerá unha vintena de artistas. O proxecto estáapoiado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a través da súaconvocatoria para proxectos de programación musical en salas privadas.

A programación céntrase maioritariamente en proxectos emerxentes,favorecendo a renovación do tecido musical e incorporando unha presenzadestacada de propostas lideradas por mulleres. Ao mesmo tempo, Ducia e Piconace tamén cunha vontade clara de colaboración sectorial, xa que integraartistas procedentes das diferentes pequenas axencias de management dopaís, reforzando sinerxías e un modelo de ecosistema musical diverso eafastado dos circuítos máis mainstream.

O cartel está integrado por dezaoito propostas galegas: Anxo Araújo, Balteira,BÖJ, Bouba, Brassica Rapa, Brúa, Cantometrics, Carmela, Comando Curuxás,DJMIL, Leticia Rey, Lontras, Maricarme, Tangomango, Tres Pesos, Unto Vello eXiro. E por dúas propostas de fóra de Galiza: El Nido, banda referente do folkcastellano actual, e L’arannà, coa súa reinterpretación contemporánea eelectrónica da música tradicional de Baleares.

O ciclo desenvólvese en oito salas de pequeno formato repartidas en setelocalidades galegas, apostando pola descentralización da oferta cultural e polaconexión directa entre artistas e público: Casa das Crechas e Riquela Club(Santiago de Compostela), Sala Rebullón (Mos), Krazzy Kray (Cambados), LaRoom (Ferrol), Arca da Noe (Vilar de Santos), Pub Gatos (Melide) e Guión Club(Pontedeume).

Primeira cita: 7 de xuño na Sala Rebullón

A primeira noite destas ducia e pico terá lugar o vindeiro domingo 7 de xuñona Sala Rebullón (Mos), cunha dobre sesión protagonizada por Balteira eComando Curuxás.

Balteira e Comando Curuxás son dúas das propostas máis interesantes damúsica de raíz galega, pensadas para o directo e, sobre todo, para o baile. Dousproxectos que parten da tradición oral e o repertorio popular, actualizando eselegado con novas dinámicas e arranxos contemporáneos, pero mantendo o carácter colectivo, festivo e ligado ao territorio da música tradicional. Oresultado son concertos conectados co público desde o primeiro momento,pensados para activar espazos de encontro arredor da música e da nosa tradición.

O concerto comezará ás 19:00h e as entradas están á venda en entradium.com

Con esta primeira cita, Ducia e Pico inicia un percorrido que levará a súaprogramación por diferentes puntos do país, consolidando a aposta polaproximidade, pola diversidade e por unha creación musical con identidadepropia que xa é marca da casa de Luneda.

Escoita a Balteira: https://www.youtube.com/watch?v=xId26Rk01-Q

Escoita a Comando Curuxás: https://www.youtube.com/watch?v=65bQcTZ_pic

Convocada a III edición do Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2025-2026

A Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, promove por terceiro ano consecutivo este certame pioneiro no sector da autoedición, cuxo premio constará dunha dotación económica de 1.250 € e un trofeo personalizado a man por Julia Abalde, gañadora da pasada edición do premio

O prazo para a preinscrición en liña estenderase do 1 ao 12 de xuño de 2026, que poderá realizarse a través da web da Asociación Autobán

Poderán participar todas as autoras, autores e colectivos que autoeditaron un cómic ou fanzine gráfico en lingua galega ou desde Galicia entre o 15 de maio de 2025 e o 31 de maio de 2026, cun máximo de 3 obras por participante

As bases completas do III Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 25-26 poden consultarse na seguinte ligazón: https://www.autoban.gal/premio26   

A persoa gañadora do premio, seleccionada por un xurado especializado, darase a coñecer a partir de mediados de xullo, mentres que o acto de entrega terá lugar no mes de agosto, no marco da edición de verán de 2026 do Festival de autoedición e BD Autobán

A Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, convoca o III Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 25-26, un certame pioneiro no sector da autoedición, cuxo premio constará dunha dotación económica de 1.250 € e un trofeo personalizado a man pola autora Julia Abalde (gañadora da segunda edición do certame). O III Premio Autobán 25-26 contempla, tamén, un accésit cunha dotación económica de 350 €. O prazo para a preinscrición en liña estenderase do 1 ao 12 de xuño, ata as 23.59 horas, e poderá realizarse a través de https://www.autoban.gal/premio26.

Poderán participar todas as autoras, autores e colectivos que autoeditaron un cómic ou fanzine gráfico en lingua galega ou desde Galicia entre o 15 de maio de 2025 e o 31 de maio de 2026, cun máximo de 3 obras por participante, sempre que o/a autor/a ou a maioría dos/as compoñentes do colectivo sexan de orixe galega ou estean fincados/as en Galicia. O tema, a técnica, o formato e o deseño do fanzine serán libres.

O proxecto gañador do premio, seleccionada por un xurado especializado, darase a coñecer a partir de mediados de xullo e máis tarde, xa no mes de agosto, celebrarase a cerimonia de entrega do premio durante a edición de verán 2026 do Festival Autobán. O gañador da edición anterior deste Premio Autobán quedaría excluído da posibilidade de optar de novo ao galardón nun prazo de cinco anos, pero si que podería presentarse a este certame para ser considerado de cara á participar na exposición de fanzines e na fanzinoteca das Bibliotecas da Coruña. As bases completas do III Premio Autobán poden consultarse na web da Asociación Autobán: https://www.autoban.gal/premio26.

UNHA PANORÁMICA SOBRE AS DÚAS PRIMEIRAS EDICIÓNS DO PREMIO AUTOBÁN

Na súa primeira edición, celebrada en 2024, Luis Yang alzouse co galardón do I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego grazas á súa obra Sunny 16. O xurado especializado do certame estivo integrado polos profesionais María Gil, historiadora da arte e investigadora; Brais Rodríguez, ilustrador e profesor; e Toño Vilaverde, libreiro especializado, que decidiron outorgarlle, tamén, un accésit con diploma a Gemma Pérez, pola súa obra Mi nick era #humeda.

Este I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2023-2024 recibiu un total de 57 proxectos, con 54 publicacións válidas. Na rolda final de clasificados foron tamén seleccionados os fanzines Macheta 7, da Asociación Artístico-Cultural Huhú e Asociación Teixo; Así somos, de Raquel Montero; e sólo una vez más, de Aisha Rey. O público puido ver e ler todas as obras presentadas a concurso na Expofanzines que acolleu o festival Viñetas desde o Atlántico no Palexco da Coruña do 12 de agosto ao 30 de setembro de 2024.

Na súa segunda edición, celebrada en 2025, Julia Abalde alzouse co galardón do II Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego grazas á súa obra La ilusión. O xurado especializado do certame estivo integrado polos profesionais Bea Lema, Luis Yang e Sira González, que decidiron outorgarlle, tamén, un accésit con diploma cunha dotación de 350 €, a Brais Rodríguez, pola súa obra Enxoval

Este II Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2024-2025 recibiu un total de 50 proxectos. Na rolda final de clasificados foron tamén seleccionados os fanzines Tales from the Whispering Realm, de Anabel Colazo; Foresta, de Eloy Hermida; e La balada del Príncipe Zarzaparrilla, de Paz Rodríguez. O público puido ver e ler todas as obras presentadas a concurso na Expofanzines que acolleu o festival Viñetas desde o Atlántico no Palexco da Coruña do 11 de agosto ao 21 de setembro de 2025.

SOBRE AUTOBÁN

Autobán é o festival coruñés de cómic autoeditado. No ano 2023, a iniciativa constitúese como asociación cultural. O seu obxectivo é a promoción da banda deseñada e a ilustración, a autoedición e a autoxestión, así como tecer unha rede de apoio para as persoas que se dedican a estas disciplinas. No seu labor inclúese a creación de eventos e actividades para a xestión de espazos nos que todos os e as amantes da autoedición sexan protagonistas.

A asociación organiza cada mes de agosto o Festival Autobán coincidindo co encontro internacional Viñetas desde o Atlántico. Trátase dun mercado de autoedición que ofrece a autores e autoras, colectivos, proxectos de autoedición e microeditoriais de toda a Península a oportunidade de amosar e vender o seu material. O encontro propón, tamén, combates de debuxantes, presentacións de proxectos, obradoiros, exposicións, música e gastronomía durante a súa celebración. 

Por outra banda, a asociación promove, tamén, iniciativas como o Autobom, que se presenta como a edición de primavera do Autobán, coa vontade de ser un encontro entre a xente que se dedica e goza coa autoedición gráfica e a BD alternativa, con charlas, faladoiros, obradoiros e actividades diversas en torno ao mundo dos fanzines. De forma mensual, Autobán organiza, asimesmo, un Club de Debuxo con diferentes temáticas en espazos afines do sector.

En agosto de 2024, o festival de autoedición e BD Autobán celebrou o seu 10º aniversario. O ilustrador José Domingo foi o autor do cartel dese 10º Autobán, nun homenaxe a eses 10 anos de traxectoria do evento, xa que tamén foi el quen deseñou o cartel da primeira edición de Autobán celebrada en 2014. Neste 2026, Autobán regresará á Coruña no mes de agosto para celebrar a 12ª edición do evento. 

Entre os fitos do Autobán nesta década de historia cabe destacar que moitas das novas promesas que gañaron o seu Combate de Debuxantes acabaron por converterse en historietistas e artistas de renome, como Xulia Vicente, Cynthia Alfonso, Xulia Pisón, Paula Freire, Teresa Ferreiro, Jorge Parras, Paz Rodríguez ou Aisha Rey. 

As sedes máis populares do Autobán ao longo dos anos foron a añorada Nave 1839 e a actual Praza de San Andrés, pero o festival tense movido por toda A Coruña: celebrou edicións no espazo The Room, nos bares Old School, La Maleta, Ledicia, Meliora, Bar 13 ou Monty, na Sala Filomatic, na librería A Tobeira de Oza ou no local social A Revolteira, e tivo unha exposición antolóxica no Café de Macondo. En 2024 sumouse, tamén, o Círculo de Artesáns. 

Nos faladoiros do Autobán teñen participado ducias de personalidades do sector, coma os debuxantes Emma Ríos, Natasha Bustos, Alberto Vázquez, Bea Lema, Roberta Vázquez, Manel Cráneo, Santy Gutiérrez, Alberto Guitián, Leandro Barea, Pepa Prieto Puy, Miguel Porto, Inés Cararejos ou Brais Rodríguez, os críticos Octavio Beares, Manuel Barreiro e Edu Maroño, os blogueiros Esteban Yáñez e Ghanito, a bibliotecaria Sira González ou os libreiros Toño Vilaverde e Simón Blanco. Tratáronse temas como a censura e a liberdade de expresión, a visibilidade feminista e LGTBIQ+ no mundo da banda deseñada, os diferentes eventos de autoedición galegos, o funcionamento dos colectivos autorais, o traballo dos humoristas gráficos, o paso á industria do videoxogo, o panorama fanzineiro a nivel estatal ou a historia da autoedición en Galicia.

2025.06.01.-NP-III-Premio-Autoban-25-26