Este sábado 25 de xaneiro, a partir das 17 horas, no salón de actos do Centro Cultural José Domínguez Guizán tivo lugar a entrega de premios dos distintos certames que se convocaron na XLVIII Edición do Nadal en Begonte (Poesía, Arte e Periodismo para adultos e de Debuxo para nenos).
Nun local case repleto de público, e ante a presenza de autoridades coma a Responsable de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia en Lugo, María José Gómez ou o alcalde de Begonte, José Ulla Rocha, e representantes do Belén begontino e persoas integrantes dos xurados de cada modalidade, as persoas premiadas foron recibindo os seus galardóns, segundo os ía nomeando o incansable mestre de cerimonias, Xulio Xiz.
Así, a artista Adolfina Mesa recolleu o premio ao resultar gañadora do XXX Certame Galego de Arte José Domínguez Guizán contra a Violencia Sexual, coa súa obra Amor Mortal. Tamén o poeta Xosé Otero Canto estivo presente para recibir o galardón como gañador do XLIV Certame Nacional de Poesía Sobre o Nadal coa obra Xesús e a Crónica de Beria. Pola súa banda, no XLIV Certame Xornalístico Begonte e o Nadal, Pepe Pol recolleu o primeiro premio polo artigo Carta a los Reyes Magos y su respuesta, publicado en Galicia Digital, mentres que Beatriz Valcárcel recibiu o segundo premio polo artigo La historia real de un belén viviente, tamén publicado en Galicia Digital. E non podemos esquecer as nenas e os nenos que acudiron recoller cadanseus galardóns coma premiados no XLIV Certame de Debuxo Infantil sobre O Nadal.
O acto, ademais de servir como clausura das actividades na presente edición do Belén de Begonte, que vai camiño do médio século, tamén nos amosou a actuación do cuarteto de saxofón da Agrupación das Escolas Municipais de Música de Begonte, Rábade e Outeiro de Rei, xestionadas pola Asociación Músico Crisanto.
Véxase a continuación unha galería fotográfica que recolle distintos momentos da citada entrega de premios.
O Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia organizan o acto de entrega do III Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade á escritora gañadora, ANTÍA YÁÑEZ, que terá lugar o sábado, día 1 de febreiro de 2020, ás 20:30 horas, no AUDITORIO MUNICIPAL DE VILALBA. O referido acto, presentado por CARMEN HERMIDA, contará coa intervención de MARISA BARREIRO, presidenta do Iescha, ELBA VELEIRO, alcaldesa de Vilalba; FRAN ALONSO, director de Edicións Xerais de Galicia; MANUEL BRAGADO, membro do Xurado, e ANTÍA YÁÑEZ, gañadora do premio. Durante o acto irán producíndose distintas actuacións relacionadas coa música, coa poesía, cos textos teatrais, coa imaxe… Para elo, contamos coa participación de: BANDA MATO VIZOSO EMILIA MARTÍNEZ FUENTES ALFONSO MASEDA GRUPO DA BIBLIOTECA “AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ” do IES BASANTA SILVA. BUXOS VERDES Colabora no acto a Asociación de Xordos de Vilalba.
A poesía de Eduardo Pondal chega este sábado, ás 20 hrs, á Casa-Museo Manuel María a través do concerto de Pondalianaque interpretará unha representación da poesía do escritor de Ponteceso, con temáticas vivas e actuais como o amor, a paisaxe, a emigración, o compromiso cívico, a reivindicación lingüística…
A música de Xoán Padín (guitarra e voz), Lidia Piñeiro (pandeiro e voz), Cabe García (guitarra) e Fernando Couce (percusión) profundará no valor do escritor, cunha ampla variedade de estilos e ritmos, que demostra que a poesía dos nosos clásicos está perfectamente inserida na modernidade musical. Entre os poemas que soarán encóntranse “O combate de Dumbría”, “Afiade esas fouces”, “Eu son galeguiña” ou “Carballos de Carballido”.
Pondaliana éun proxecto que se iniciou no ano 2017, centenario da morte de Eduardo Pondal. Daquela, a Sociedade Cultural Medúlio, de Ferrol, tomou como compromiso articular un espectáculo musical, baseado en poemas do grande poeta galego, para evidenciar o valor, a vixencia e a adecuación para a música do variado xénero e estilo da súa poesía.
O traballo editado nun libro-disco, en 2019, pola Asociación Sócio-Pedagóxica Galega e A Mesa e ilustrado por Leandro Lamas, foi resultado da colaboración de máis de unha ducia de músicos coordenados polo profesor Francisco Rodríguez Sánchez e a Sociedade Cultural Medúlio.
Este xoves día 23, ás 20:15h. na Libraría Biblos de Lugo, terá lugar a presentación do libro Rexurdimento: a palabra e a idea, de Anxo Angueira. Tamén participará en dita presentación, acompañando ao autor do libro, o escritor Xabier Cordal.
Este xoves, día 16 de xaneiro, ás 20:15h celebrarase a a presentación do libro Poemas a Valente na Libraría Biblos de Lugo. Participarán en dita presentación Saturnino Valladares e Claudio Rodríguez Fer.
Este sábado, día 18, ás 6 da tarde, a Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, retoma a súa programación cultural após o período de Nadal. E faino co espectáculo cómico “Saaabor”, que protagonizan Fran Rei e Félix Rodríguez, so a dirección de Avelino González e producida por Culturactiva SCG.
Saaabor!, é unha proposta cómica que mestura música, maxia, humor, moito ritmo e participación do público, co mundo da gastronomía de fondo. Os seus protagonistas convértense durante máis de unha hora en dous recoñecidos chefs que oferecen un gorentoso, equilibrado e, sobre todo, afinado menú do día: un comida moi musical para todo o público que asista.
Esta proposta de comedia e teatro de rúa vai dirixida para público familiar (de 5 anos en diante) e o prezo do billete é de 2 euros. Reservas en contacto@casamuseomanuelmaria.gal.