por martinho | Jul 27, 2020 | Autores/as, Creación, Novas, Xeral
O 3 de agosto abrirase ao publico, na Casa de Cultura de Outes, a exposición anual a beneficio de A CREBA, Asociación para a saude mental.
Como cada ano, máis de 20 artistas profesionais presentan obras orixinais en distintas disciplinas, para colaborar coa asociación A CREBA: Óscar Aldonza, Maica Alonso, Carlos Barcón, Tino Canicoba, Corín Cervera, Luis de las Cuevas, Rosa Guisán, Pedro Gª Losada, Lomarti, Miguel Anxo Macía, Adolfina Mesa, Novais, Adrián Pandolfo, Baldo Ramos, Manolo Rivera, Peña Romay, Antón Sobral, Enrique Tenreiro, Veiras Manteiga, Xesús Méndez, Laureano Vidal, Xoán Vila.
O 40 por cen das ventas ira destinada a esta asociación.
Dita exposición será coordinada e comisariada por Cristina Carballedo Penelas, Coordinadora de exposicións e proxectos culturais.
por martinho | Jul 27, 2020 | Autores/as, Novas, Xeral
Despois destes meses de parón debido á pandemia, o domingo 2 de agosto , o IEU retomará as excursións botánicas do proxecto Flora da Ulloa.
Dentro da temática de flora rara e ameazada, e coorganizado con Quercus Sonora, a visita levará ata a Carballeira de Lebesende, en perigo por un proxecto de enerxía eólica que pretende cruzar dita carballeira cun vial de acceso para un único muíño, para o cal existen alternativas a priori menos agresivas.
En Anexo van alegacións feitas polo Instituto de Estudos Ulloáns ao respecto, baseadas no traballo realizado por Quercus Sonora.
O obxectivo será coñecer máis detalles da flora desta carballeira e arredores, tanto para seguir recopilando información da flora ulloana como para ter máis coñecemento no que basear as alegacións que se poidan facer ao respecto do proxecto eólico nun futuro.
As prazas será limitadas en torno a 10 persoas e será preciso levar mascara de protección para evitar potencial propagación do coronavirus. A volta está prevista para o medio día, en torno ás 14h.
Se non hai novidades coa pandemia e coa meteoroloxía, seguirán outras excursións cada dúas semanas até, cando menos, mediados do mes de outubro.
por martinho | Jul 22, 2020 | Creación, Novas, Xeral
Tendo en conta a decisión que vén de tomar o Concello de Vilalba relativa á suspensión das actividades culturais que tiña programadas para a vindeira fin de semana (cine na rúa, xogos populares…), o Instituto de Estudos Chairegos, en coherencia coa referida decisión, SUSPENDE a proxección da película MARÍA SOLINHA que tiña programada para o vindeiro martes, 28 de xullo, ás 22:30, na Praza da Constitución.
A nova data fixada para proxectar o film e na que tamén poderemos contar coa presenza do seu director, Ignacio Vilar, será o 8 de setembro de 2020.
En todo caso, manteranse informadas as persoas interesadas de calquera outra novidade.
por martinho | Jul 21, 2020 | Creación, Novas, Xeral
A Rede Galega no Reino Unido celebra unha romaría en liña desde Londres para festexar o Día da Matria
- No evento participarán, entre outros, Ugía Pedreira, Bieito Romero, Xabier Díaz, Carlos Núñez, Belém Tajes, a familia Seivane, Touriñán, Zeltia e Dequenvessendo
- A retransmisión será este sábado, 25 de xullo, a partir das 19 horas, na páxina de Facebook de REGA-UK
A asociación Rede Galega en UK (REGA-UK), con sede en Londres, vai celebrar este sábado, 25 de xullo, unha ‘Romaría online’ para celebrar o Día da Matria. Por mor da pandemia do coronavirus, a organización substitúe este ano a súa tradicional romaría en Hyde Park por un evento en liña no que participarán artistas de distintos puntos xeográficos. A partir das 7 da tarde, hora galega, a páxina de Facebook de REGA-UK (www.facebook.com/REGAUK/live) será un punto de encontro para a cultura galega que se artella na terra e fóra dela, tecendo redes entre artistas de Galicia, Londres e Arxentina.
Durante a romaría vanse alternar actuacións musicais con intervencións de actores e poetas e mais con saúdos de numerosos artistas. Polo de agora xa está confirmada a participación de músicos como Bieito Romero, Carlos Núñez, Belém Tajes, Xabier Díaz, a familia Seivane, Zeltia, os irmáns Carlos e Fran Barcia, Dequenvessendo, David Carril e Son da Illa. O programa completarase coas colaboracións dos actores Touriñán e Diego Freire e do poeta Enrique Gavilanes.
Ademais, durante o evento vanse presentar en exclusiva dous novos temas musicais. Por unha banda, o último single de Ugía Pedreira, que, acompañada de Pier El Gabacho, vai musicar un poema de Enrique Gavilanes. Por outra banda, será tamén a presentación oficial do novo tema do gaiteiro Alberto López, membro do grupo Sete Netos de Bos Aires.
LIGAZÓN ROMARÍA ONLINE: https://www.facebook.com/REGAUK/live/
MÁIS INFORMACIÓN: Web | Facebook | Twitter | YouTube
Enlace á información do evento.
por martinho | Jul 15, 2020 | Autores/as, Creación, Novas, Xeral
O IESCHA e a Vicepresidencia-Área de Cultura, Patrimonio Histórico
Artístico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo, en colaboración co Concello de Vilalba, e coa loxística da produtora do film, VÍA LÁCTEA, organizan para o vindeiro martes, 28 de xullo, ás 22:30, na Praza da Constitución de Vilalba, a proxección da película MARÍA SOLINHA, de Ignacio Vilar.
Adxúntase nota informativa.
por martinho | Jul 3, 2020 | Creación, Literaria, Novas, Xeral
O Concello de Cospeito e a Asociación Recreativa e Cultural San Martiño de Pino, en colaboración con Culturalia GZ, convocan o III CERTAME DE POESÍA TORRE DE CALDALOBA.
As tres entidades convocadoras alédanse de poñer en marcha esta terceira edición dun certame poético que comeza a expandir as súas pólas dentro da árbore literaria galega.
Agardan que, a pesar da pandemia causada pola Covid-19, a participación siga mantendo os niveis cuantitativos e, sobre todo, cualitativos das dúas edicións precedentes. Do mesmo xeito que, tendo en conta o proceso de recesión económica que vai provocar a crise sanitaria do coronavirus, desexan apostar pola reivindicación da cultura, neste caso da literatura, na súa vertente de creación poética; e que non sexa, como sempre acontece, un dos sectores damnificados por culpa do proceso de excepcionalidade que se está a vivir en todo o mundo.
Acceso ás BASES
Enlace de PARTICIPACIÓN