É a canción de apertura do disco e reivindica a importancia do corpo e do pracer, do contacto co íntimo e coa natureza
‘E se queres’ pódese escoitar nas principais plataformas dixitais e chega cun videoclip dirixido por Sara Traba
A pezaadapta o arrolo ‘Durme meu filliño’ do arquivo de Alan Lomax e conta con arranxos de Hevi e FAIA
E se queres, o primeiro sinxelo de Alvela, o novo disco de FAIA, xa está dispoñible desde hoxe, martes 18 de marzo, nas principais plataformas dixitais. É a canción de apertura do disco e constitúese como un chamamento, un convite a deixarse levar pola escoita. E se queres reivindica a importancia do corpo e do pracer, do contacto co íntimo e coa natureza e acompáñase dun vídeo dirixido por Sara Traba: unha ollada poética dende a amizade que dialoga sutilmente coa música. A peza é unha adaptación dun arrolo tradicional, Durme meu filliño, do arquivo de Alan Lomax en Soutoxuste, onde se experimenta coa sonoridade da gravación de campo, coa repetición e coa calidez da voz.
E se queres é o primeiro petisco de Alvela, álbum que verá a luz no mes de abril. Nel albíscanse as liñas mestras dos dez temas que integran este traballo, complexo e sutil, que transita paseniño pola experiencia da maternidade, pola memoria do corpo e as violencias que o atravesan, mais tamén sobre a forza que reside no íntimo, no desexo e no pracer.
No esperado novo traballo de FAIA atoparemos arrolos como este E se queres, mais tamén romances e outras cantigas tradicionais revisitadas e acompañadas unicamente por instrumentos de corda e gravacións de campo manipuladas, unha constrición creativa que lle confire a Alvela unha coherencia sónica e unha organicidade singular.
Alvela está producido por Hevi (Malandrómeda, Fluzo) e conta coas colaboracións de Bleuenn Le Friec, Antía Ameixeiras, Antía Muíño, De Vacas ou Suelen Estar Cuartet. O concepto visual foi elaborado xunto con Melania Freire e as acuarelas e as animacións que acompañarán as cancións foron obra da artista plástica Blanca Gracia. A poeta Antía Otero acompañou na conceptualización xeral e no seguimento do proceso do disco.
Sobre FAIA
FAIA Díaz Novo é cantante, creadora e historiadora da arte. Compaxina a súa carreira musical en solitario coa participación en grupos como De Vacas, o Coro Encaixe e o trío Nacho.Faia.Lar. No 2018 publicou o seu primeiro disco en solitario, Ao cabo leirín, unha autoedición en vinilo centrada no cancioneiro tradicional e reinterpretado en clave feminista e contemporánea. Este abril presentará Alvela, o seu segundo traballo.
HUGO XÚNTASE COA BANDA ERRANTES PARA PUBLICAR EN ACÚSTICO QUIXERA SER, CLARIDADEk E PRESIÓN
O rapeiro Hugo Guezeta pásase ao acústico coa publicación de dous dos seus grandes éxitos en solitario e un tema exclusivo neste formato. Quixera ser, e Claridade ven a luz baixo unha nova pel, grazas á colaboración entre o rapeiro e a banda ponteareá Errantes, coa que xa creou unha conexión que transcende estas colaboracións e chega ata os escenarios. A maiores, Hugo deixa como agasallo Presión, un tema inédito do artista que pecha así este EP en acústico, e que polo momento só se poderá gozar nesta versión. Ante unha sinerxía aparentemente complexa entre unha banda e un rapeiro, ambos souberon adaptarse e empastar á perfección para poder destripar estes temas do repertorio de Hugo e darlle unha nova vida. Gravado en directo e cunha proposta moi diferente, este EP representa un achegamento ao que o público pode gozar nun concerto de Hugo Guezeta.
Estas tres versións son a constatación do bo facer ao vivo do rapeiro, que tras encher dúas das primeiras datas de presentación do seu novo disco está inmerso na súa xira de 2025. As próximas datas para poder ver a Hugo Guezeta en directo serán o 21 de marzo en Ourense (sala Auriense), 28 de marzo en Cambados (sala Krazzy Kray) e os festivais A Candeloria e Revenidas. As entradas para os concertos de salas están xa dispoñibles en www.enterticket.es.
Hugo Guezeta é un dos maiores representantes do rap en Galicia. Grazas ao éxito colleitado coas súas cancións, que supuxeron e supoñen o himno dalgunhas xeracións de galegos, o rapeiro figura no imaxinario colectivo como unhas das figuras máis significativas deste xénero. A súa carreira en solitario é o seguinte paso na carreira do artista tras SonDaRúa, grupo do que formaba parte e era unha das cabezas visibles, e que é considerado un dos grandes grupos de rap da historia de Galicia.
As súas marcadas letras cun alto carácter reivindicativo son grandes marcas de identidade a nivel social. Como letrista, Hugo é un dos mellores compositores do panorama actual, sendo clara influencia das novas xeracións de rapeiros que están xurdindo neste auxe da música en galego. Mais non só destaca polas súas letras, a súa capacidade de fluír sobre as bases e a súa capacidade para moverse dende ritmos de hip hop máis clásicos ata melodías de reggae posicionan ao artista como un dos artistas máis completos e versátiles do movemento urbano.
O éxito como rapeiro é intrínseco a Hugo Guezeta, xa que tras acumular grandes concertos, premios e fans baixo o paraugas de SonDaRúa, o seu proxecto en solitario non perdeu forza en ningún momento. O seu último álbum O Noso Tempoacumula centos de milleiros de reproducións en plataformas tras só dous meses publicado, confirmando que a pesar de saír no último mes do 2024, o seu foi un dos discos en galego máis destacados e 1importantes do ano.
Actualmente, e tras o enorme éxito nos concertos de presentación do disco en Mos, A Coruña e Santiago de Compostela, con dous dos tres concertos esgotando entradas, Hugo emprende a súa xira de 2025, onde deixará constancia da súa capacidade e versatilidade como rapeiro, trasladando o seu bo facer no estudo ás salas e festivais. Sen dúbidas, Hugo Guezeta é e será un dos grandes nomes a destacar do panorama urbano neste 2025.
ESTREARÁ ESTE TEMA EN DIRECTO NA SALA CAPITOL DE SANTIAGO O PRÓXIMO 4 DE MAIO
O artista naronés LODE fai público o seu último sinxelo, nomeado como Malo será, nunha clara reivindicación do famoso termo galego e a filosofía de vida que o envolve. Dende que se comezou a xestar a canción o artista tiña claro que buscaba un himno que o representara, e esta expresión tan galega, que representa que aínda que existan problemas no día a día nos seguimos cara adiante que seguro que todo mellorará, era a indicada. Convertida en canción, LODE busca coa súa música a internacionalización de esta expresión e a filosofía tan galega que leva consigo.
Para este sinxelo LODE tiña claro que quería contar con partes musicais que representaran ben a Galicia, e para iso quixo contar cun dos percusionistas tradicionais máis respectados e importantes do territorio, Xosé Lois Romero, peza fundamental de proxectos como Baiuca ou Xosé Lois Romeo & Aliboria. Segundo palabras do propio artista “colaborar con Xosé Lois Romero foi unha marabilla, foi súper divertido. Queriamos deixarlle toda a liberdade posible, e foi sacando trebellos seus que se adaptaban á perfección aos ritmos que queriamos introducir na canción”.
LODE defende que Malo será é dos temas máis potentes do seu proxecto musical, buscando que ritmos contundentes con percusións agresivas e de cadencia rápida estean presentes para favorecer ao baile. Un jersey club á galega que espera ser unha das cartas de presentación máis importantes do seu proxecto.
Presentación do proxecto na sala Capitol
Maloserá, así como o resto de éxitos da carreira de LODE serán protagonistas no seu concerto de presentación do proxecto, que terá lugar o domingo 4 de maio na gran sala de concertos de Galicia, a sala Capitol de Santiago de Compostela. As entradas está xa á venda en www.salacapitol.com, no que será un concerto moi especial para o naronés. A súa ambiciosa proposta, que combina a súa capacidade vocal e melódica co seu talento para o baile, é a carta de presentación do artista, que apostará por presentar un espectáculo nunca antes visto dentro do xénero en Galicia.
MÁIS SOBRE LODE
LODE é o futuro do xénero urbano. Cun estilo versátil e multidisciplinar, o artista galego está abraiando ao seu público pola gran combinación nas súas composicións de sons actuais e bailables cunha gran voz. Tras o seu éxito en redes sociais e o seu paso por programas televisivos como La Voz ou El Hormiguero, o de Narón presenta un ambicioso proxecto no que conflúen o seu talento como cantante coa posta en escena que desprende grazas ás súas capacidades como bailarín. A súa presenza non pasou desapercibida dentro da industria musical, sendo apoiado por grandes figuras do panorama internacional e nacional como Juanes ou Álex Ubago.
Actualmente, o cantante, bailarín e compositor está preparando o seu novo traballo discográfico, que verá a luz este ano baixo o formato de EP e que conta xa cos adiantos de Carita de Ángel, Tres Tragos, TKILA, Recuerdo, Engaño e Malo será. A presentación do mesmo terá lugar o domingo 4 de maio nun dos mellores recintos de concertos de Galicia, a histórica sala Capitol de Santiago de Compostela. Nel deixará patente a súa versatilidade e capacidade vocal, aos que se lles sumará o seu talento coreográfico e posta en escena, nun espectáculo nunca antes visto no xénero urbano en Galicia.
A Sala Capitol transformouse a noite deste pasado mércores nunha auténtica Feira para gozar da estrea do novo disco de De Ninghures.
Sobre o escenario, os 7 multiinstrumentistas estiveron acompañados por Juan de Dios, Anxo Pintos, De Vacas, Ortiga e Fillas de Cassandra. Un dos momentos máis especiais da noite aconteceu ao principio da noite, cando De Ninghures, De Vacas e Anxo Pintos renderon homenaxe a un dos referentes da banda: Berrogüeto.
Mondra ten “caldo quente” e ofrece unha cunca para quen o queira probar
Teño caldo quente é o segundo avance do novo álbum do cantareiro e bailador, un tema evocador e retranqueiro que presenta de cheo a esencia musical do disco, producido integramente a carón de Hevi no Laboratorio Soyuz
Mondra presenta Teño caldo quente, o segundo prato do seu novo álbum, un traballo que verá a luz no mes de maio. “Teño caldo quente, quérelo probar?” pregunta o artista ao inicio desta evocadora e retranqueira peza que o público vai poder degustar nas plataformas dixitais a partir das 00.00 horas deste venres, 14 de marzo.
Teño caldo quente é a segunda creación que Mondra dá a coñecer do que será o seu novo disco. O tema, que presenta unha sonoridade orgánica, fresca e contemporánea, influída por formas e timbres que caracterizan a tradición oral galega, presenta de cheo a esencia musical dun álbum producido integramente a carón de Hevi no Laboratorio Soyuz.
Nesta ocasión, Mondra acompáñase dunha chea de comensais para gozar desta enchenta musical. Lucas de Centi ao vibráfono; María Prado, Paula López e Xiana Naval aos ventos; Andrés Real ao contrabaixo; e Xulia Sánchez e Artur Puga ás percusións sentan á mesa para probaren un caldo que “ule que arrecende” e que, como canta insinuante o bailador, “non lle fai mal a ninguén”.
O lanzamento de Teño caldo quente complétase cunha proposta audiovisual codirixida por Adela Otero e mais o propio artista, quen tamén coproduce o video canda o estudio elmembrillo. Trátase da segunda das pezas visuais que conformarán o relato musical conxunto do novo álbum de Mondra. A súa dirección creativa global lidéraa Zeltia Iglesias, con quen xa traballou en ARDĒN. O videoclip poderase ver tamén este 14 de marzo na súa canle de VEVO.
Mondra
Artista, cantareiro e bailador, Mondra é un dos nomes máis sobranceiros da escena musical do país. Co seu álbum debut, titulado ARDĒN (Altafonte Music Spain, 2023), acada o recoñecemento unánime de público e crítica, xunto a outros galardóns, como o Premio Martín Códax ao Mellor Álbum de Electrónica 2024, ou candidaturas aos XXIII Premios Mestre Mateo polas pezas audiovisuais que acompañan os temas Marimondra e Quererse ben, dirixidos polo propio Mondra.
Na primavera do 2025 Mondra lanzará o seu segundo traballo discográfico, do que xa se coñece o pasodobre Vale máis un canciño e este novo Teño caldo quente.
A partir das 22.00h, Amoebo promete un concerto de alta voltaxe e moito baile para presentar na Coruña os temas do seu segundo traballo discográfico, que viu a luz o pasado 7 de marzo
A banda estará arroupada por una boa selección de artistas emerxentes galegos, que darán renda solta aos sons máis divertidos para non deixar de bailar: da música urbana de hydn ao pop denso, fresco e urxente de Capital Voskov; do funk e a retroelectrónica de French Riviera ao pop urbano e sen tapuxos de Filloas e o enérxico e intenso indie en galego de Mayra, de Leria
As últimas entradas para o concerto están dispoñibles a través de Entradium:
Escándalo no escuro éun dobre álbum con 14 cancións nas que Amoebo explora os ritmos máis urbanos, mesturados co pop dos 2000, dando paso, tamén, aos sons máis rockeiros, a golpe de provocación, escuridade, sexo, paixón, ansia, medo e dor
Amoebo, unha das propostas máis deshinibidas da escena emerxente galega do momento, presentará ao vivo o seu próximo traballo discográfico na Sala Garufa Club da Coruña este venres 14 de marzo. Esta será a posta de largo de Escándalo no escuro, un dobre LP que viu a luz o pasado 7 de marzo. No concerto, Amoebo estará arroupado por una boa selección de artistas emerxentes galegos, que darán renda solta aos sons máis divertidos e bailables.
French Riviera encherá a Garufa cunha divertida viaxe ao anos 80 a golpe de funk e retroelectrónica, para dar paso á fantasía, o fogo e a escuridade da música urbana de hydn e o seu dark pop electrónico con influencias de rnb e outros sons. Pola súa banda, a potencia vocal de Alfonso, de Capital Voskov, chegará para dar boa mostra do seu pop denso, con coidadas texturas do indie e a urxencia do pop. Tampouco faltarán á cita o divertido pop urbano de Filloas e o enérxico e intenso indie en galego de Mayra, de Leria.
Así, o venres 14 de marzo, a partir das 22.00h na Sala Garufa, Amoebo promete un directo de alta voltaxe e moito baile para presentar este ambicioso dobre álbum, con 14 novas cancións que chegarán a golpe de provocación, escuridade, sexo, paixón, ansia, medo ou dor. En Escándalo no escuro, Amoebo explora os ritmos máis urbanos, mesturados co pop dos 2000, dando paso, tamén, aos sons máis rockeiros.
As últimas entradas para o directo están xa dispoñibles a través da plataforma Entradium:
Amoebo estableceuse como unha das propostas máis destacadas da escena musical emerxente galega. Co seu primeiro LP Cada vez mellor, producido por David Fernández, o artista consolidou un son que combina pop-funk e electrónica con influencias urbanas. A súa música, cargada de ironía e desinhibición, aborda temas de amor non romántico, liberdade de expresión e celebración da vida.
O verán de 2024 veu cargado de traballo para Amoebo, quen presentou o seu show en escenarios galegos de referencia como O Son do Camiño, o Atlantic Pride, o Festival de la Luz, o Atardecer no Gaiás ou o Surfing the Lérez. Tamén apareceu en recoñecidos estudios de televisión, como o mítico Luar, da TVG; o primeiro programa drag en galego, Raíña-me, da plataforma dixital A Galega; ou no Especial Fin de Ano da TVG, onde compartiu cun público entregado o seu sinxelo SQ.
Amoebo foi unha das bandas seleccionadas para formar parte da aceleradora musical Son Emerxente de Fundación Paideia. Nela traballou con profesionais da industria galega como Patricia Hermida, Juan de Dios, Xaime Miranda, NONONON Lab ou The Office Comunicación. Esta aprendizaxe sobre o sector axudou a levar o proxecto ao seguinte nivel, para lazar o seu ambicioso novo álbum, Escándalo no escuro, en marzo de 2025.