WORK ON SUNDAY presenta Amplificando a memoria, un proxecto singular para preservar e reactivar o patrimonio sonoro galego
- A promotora compostelá, organizadora do WOS Festival, combina memoria tecnolóxica, creación artística e participación cidadá a partir da recuperación do altofalante Organsound, deseñado polos irmáns Portela Seijo no 1972
- Unha instalación sonora e diversas accións divulgativas forman parte desta iniciativa de creación e investigación, financiada pola Deputación da Coruña e polo Concello de Santiago, e que tamén conta co apoio da Universidade de Santiago de Compostela e d’Afundación
- Amplificando a memoria, unha proposta multidisciplinar aberta a todos os públicos, poderase visitar do 11 ao 14 de setembro na Sede Afundación de Santiago de Compostela
A produtora compostelá WORK ON SUNDAY presentará no mes de setembro o seu novo proxecto de investigación e creación sonora, titulado Amplificando a memoria. A iniciativa, que combina memoria tecnolóxica, creación artística, reflexión social e participación cidadá, poderase coñecer do 11 ao 14 de setembro na Sede Afundación, en paralelo á celebración da oitava edición do WOS Festival x SON Estrella Galicia.
Amplificando a memoria agroma para poñer en valor un obxecto tecnolóxico singular e prácticamente esquecido: o Organsound, o alfofalante galego deseñado en 1972 polos irmáns composteláns Portela Seijo, e que toma como referencia a potencia e a riqueza sonora dos órganos de tubos. O proxecto de WORK ON SUNDAY propón dar voz, presenza e actualidade do patrimonio sonoro galego desde unha perspectiva accesible, crítica e interxeracional. Así, alén da recuperación técnica destes altofalantes, a iniciativa “quere facer audibles as historias, os sons e as emocións que nos conectan como sociedade e situar ás novas xeracións no centro da preservación e actualización do noso acervo cultural”, segundo explica a directora do proxecto, Acacia Ojea.
“Amplificar non só alude ao dispositivo técnico, ao altofalante, senón tamén á acción simbólica de ampliar a nosa capacidade de escoitar, lembrar, sentir e comprender, e de poder transmitir este patrimonio á xente nova, activando a escoita consciente, con tempo, como ferramenta de coñecemento, reflexión e encontro”, sinala Ojea.
A iniciativa, que combina dun xeito integral arte, tecnoloxía, educación e reflexión social, culmina nunha instalación sonora -elaborada polo artista galego multidisciplinar Xoán-Xil López- aberta ao público, nun panel de pensamento -que permitirá contextualizar o papel do Organsound no ámbito do patrimonio sonoro e da innovación acústica- e nunha tríade de sesións de escoita colectivas que estarán comisariadas por selectores locais e internacionais.
“Vivimos nun tempo de hiperestimulación constante, no que a escoita atenta -emocional, crítica, compartida- está cada vez menos presente. Recuperar o Organsound, un aparello dos anos 70 que simboliza unha forma de escoitar máis conectada co corpo, co espazo e co momento, deunos pé a reflexionar sobre qué pasaría se o puxésemos de novo en funcionamento, mais non só como obxecto, senón como dispositivo de activación da memoria, da emoción e da reflexión colectiva”, apunta Acacia Ojea.
O resultado da intersección entre a investigación histórica e tecnolóxica, a creación artística contemporánea, do interese por preservar o patrimonio sonoro galego e de tender pontes entre xeracións é Amplificando a memoria, iniciativa que o público poderá descubrir a partir do xoves 11 de setembro en Santiago de Compostela, e que conta co apoio da Deputación da Coruña a través da Área de Cultura -no marco da convocatoria ‘Fondo de apoio a proxectos singulares de mellora social’-, do Concello de Santiago a través da Concellería de Mocidade, da Universidade de Santiago de Compostela e d’Afundación.

AMPLIFICANDO A MEMORIA
11 – 14.09 Sede Afundación
Santiago de Compostela
Máis información proximamente en www.workonsunday.es/amplificandoamemoria/